Lecturas de TDAH


Lecturas sobre o Trastorno por Déficit de Atención con Hiperactividade

O meu perfil
lecturasdetdah@gmail.com
 Categorías
 DESTACADOS
 RECOMENDADOS
 Buscador
 Buscar Blogs Galegos
 Arquivo
 ANTERIORES

TDAH e alimentación: Os colorantes alimentarios
A posibilidade de relación entre a alimentación e a hiperactividade vén sendo un dos temas máis debatidos nos últimos corenta anos no eido do TDAH. Quizais existe unha razón de sentido común que nos pode levar a relacionar ambos conceptos: Nestes anos, nos que semella ter aumentado a incidencia do TDAH producíronse importantes cambios na alimentación infantil. Que hai de certo e de mito nesta relación? Neste post tentaremos dar algunhas pistas sobre o tema, e centrarémonos nun aspecto, os colorantes alimentarios, sobre os que máis se ten escrito e debatido.

Causan os colorantes TDAH?

É posible que as persoas que sigan este blog teñan en mente algo que temos comentado e que resulta nalgunha maneira contraditorio cunha afirmación deste tipo: o TDAH semella ter unha orixe esencialmente xenética, estimándose en máis do 75% o compoñente herdado do trastorno. Desta maneira, a maioría dos casos de TDAH non poderían estar causados pola dieta.

Por riba, as explicacións dos investigadores sobre factores non herdados que incrementan o risco de TDAH, parecen dirixirse a causas prenatais ou perinatais que poidan ocasionar un dano cerebral: desde o consumo de tabaco ou alcohol (do que temos falado aquí), o baixo peso ao nacer (do que falamos aquí), problemas durante o parto ou outras causas.

Sen embargo, a proposta de Benjamin Feingold, que en 1975 publicou un artigo titulado: ?A hiperactividade e as discapacidades da aprendizaxe vencelladas aos colorantes e sabores artificiais? sinalaba que os aditivos artificiais, así como os salicilatos eran os causantes da hiperactividade infantil, e ?segundo a súa opinión? no so iso, senón que tamén os relacionaba coa dislexia, o autismo, o asma, as otites, as migrañas, os problemas de pel,?

Ademais, ao contrario que as outras causas ambientais, que parecían danar o cerebro de maneira permanente, o efecto causado polos aditivos alimentarios non semellaba producir danos permanentes, co cal, abandonando a súa inxesta, a hiperactividade debería desaparecer.

A hipótese de Feingold adquiriu un notable respaldo popular e pronto se extendeu polos EE.UU. un movemento asociativo para promover a chamada dieta Feingold, que consistía na eliminación da dieta infantil dos elementos supostamente nocivos.

Numerosos estudos se desenvolveron desde entón para comprobar a natureza desta relación e a eficacia de tal dieta para as persoas con TDAH. Hai que sinalar que entre estes existen traballos de moi distinta calidade: Con frecuencia, os pais e outros observadores informaban de melloras espectaculares en casos nos que os estudios eran ?non controlados?, mais cando se levaban a cabo empregando deseños nos que se poida evitar a subxectividade e o efecto placebo, os resultados eran moi distintos. Nun resumo levado a cabo no ano 1980 por Keith Conners no que analizaba os estudios que empregaran un deseño de dobre cego (no que nin os participantes nin os investigadores coñecen que dieta está seguindo cada un: a dieta experimental ou unha dieta placebo) sinalaba que o efecto das dietas era en realidade pequeno e inconsistente.

Anos máis tarde, en 2004, David Schab e Nhi-Ha Trinh levaron a cabo unha metaanálise dos estudos controlados existentes ata ese momento. Hai que explicar que unha metaanálise é un complexo proceso que permite comparar e combinar os resultados de diferentes estudos obtendo unha taxa global estimada de todos eles.

Schab e Trinh analizaron un total de 15 estudos e obtiveron un efecto d=0,28. Para entender o significado desta cifra hai que sinalar que a diferenza habitual entre os síntomas das persoas con TDAH co resto da poboación é de d=2,0; polo que segundo isto o efecto da dieta sen colorantes melloraría os síntomas nunha décima parte. Polo tanto, a mellora apreciable sería en todo caso moi feble.

Ademais disto, a taxa global d=0,28 garda no seu interior unha pequena trampa: é o resultado de combinar o efecto observado polos pais (d=0,44), que si é significativo co observado polo profesorado (d=0,08) e os profesionais (0,11), que non son significativos. Isto suxire que parte do efecto atopado é produto das expectativas dos pais, ou ben que estes e o profesorado/profesionais estaban a valorar cousas diferentes.

Así mesmo, outro aspecto de interese é que este efecto da supresión dos aditivos so parece apreciarse nun pequeno número de nenos e nenas, podendo ser que estes se caractericen por presentar un conxunto de síntomas como reaccións atópicas, irritabilidade, dificultades no sono, ademais de síntomas hiperactivos-impulsivos.

Tomados en conxunto, estes datos suxiren que o efecto dos aditivos alimentarios non parece ser un elemento causal do TDAH e que a súa eliminación non representará unha mellora apreciable dos síntomas.

Un aspecto común dos estudos revisados por Schab e Trinh é que neles os participantes eran nenos e nenas con diagnóstico TDAH; mais recentemente téñense levado a cabo outros nos que se indagou sobre o efecto dos aditivos sobre a poboación infantil en xeral.

Investigadores da Universidade de Southampton dirixiron dous estudos nos que comprobaron o efecto de varios colorantes e dun conservante (o benzoato sódico) sobre a atención e a impulsividade/hiperactividade.

O primeiro dos mesmos levouse a cabo con nenos e nenas de tres anos de idade, na Illa de Wight e 277 nenos e nenas completaron o estudo. Neste caso, seguiuse un deseño de tipo cruzado no cal, os participantes durante varias semanas seguiron dietas nas que inxerían de maneira diaria unha bebida que contiña unha mestura de colorantes e benzoato, ou ben placebo. Os resultados sinalan que non houbo cambios significativos nas probas empregadas sobre o grao de impulsividade, actividade ou inatención. Sen embargo si se observou un cambio nas valoracións dos pais e nais, que apreciaron un incremento da conduta hiperactiva durante o período no que se tomaba a bebida activa. Sen embargo, os pais e nais tampouco apreciaron un aumento da impulsividade nin da inatención.

Outros aspectos que querían controlar os investigadores neste estudo eran:

-Se a inxesta de aditivos podía afectar de maneira distinta a nenos e nenas segundo o grao de hiperactividade/impulsividade previa.

-Se, como suxerían estudos previos, os aditivos poderían afectar en maior medida a aqueles que tivesen problemas de pel, alerxias,?

Para isto fixéronselles valoracións destes aspectos antes do inicio do estudo e , durante a análise dos datos, tivéronse en conta estas variables, resultando que ningún deles afectaba aos resultados.

En 2007, o equipo da Universidade de Southampton levou a cabo un novo estudo no que tentou replicar os resultados obtidos na Illa de Wight, neste caso con poboación infantil do propio Southampton e engadindo, ademais dos nenos e nenas de 3 anos, outro grupo de 8/9 anos. Un total de 267 completaron este novo estudo no que se empregou un deseño cruzado no que os participantes probaban dúas mesturas diferentes de colorantes e benzoato e unha terceira mestura placebo.

Os resultados atopados sinalan que unha das mesturas incrementou as puntuacións relacionadas coa hiperactividade en ambos grupos (3 e 8/9 anos) mentres que a outra mestura so produciu tal efecto no grupo de 8/9 anos.

Neste estudo, o tamaño do efecto negativo dos aditivos estimouse en d=0,19, polo que pode considerarse, de novo, moi feble.

Aínda que se teñen feito varias críticas do Estudo Southamton referidas a aspectos como o emprego dunha puntuación global, que combinaba as valoracións de pais, mestres e probas feitas polo equipo investigador, co que se enmascaraban as posibles diferenzas entre todas estas fontes de información; o estudo recibiu un grande interese e foi analizado en profundidade pola Axencia Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA), que sinalou:

-Que o Estudo Southamton proporciona unha información fiable sobre un pequeno efecto (aínda que estatisticamente significativo) dos compoñentes empregados sobre a conduta infantil.

-Que non se pode atribuír causalidade a asociación atopada nin poden atribuírse a ningún compoñente en concreto.

-Que os datos do estudo, debido á debilidade do efecto atopado, á falta de consistencia e a ausencia de significación clínica, non poden ser tomados como base para alterar a Dose Diaria Aceptable dos compostos empregados no estudo.
Aínda así, de maneira preventiva, a EFSA recomendou, no seu regulamento 1333/2008, que nos alimentos que conteñan algún dos colorantes empregados no estudio se inclúa a seguinte advertencia: ?pode ter efectos negativos sobre a actividade e a atención dos nenos?

Finalmente, que conclusións poderiamos sinalar sobre o estado actual dos coñecementos sobre a relación entre colorantes artificiais e TDAH? Persoalmente eu sinalaría as seguintes:

-Os datos dispoñibles non respaldan que estes elementos da dieta sexan a causa (ou unha das causas) do TDAH.

-Hai elementos para considerar que estes aditivos na dieta infantil poidan incrementar o nivel de actividade dos nenos e nenas, mais o efecto esperable é feble e parece afectar, se é o caso, ao nivel de mobilidade mais non aos aspectos máis preocupantes do TDAH, como son a inatención e a impulsividade.

-Os aditivos estudados soen estar presentes nalgúns refrescos e semellantes, polo que unha medida de sentido común para calquera pai ou nai (non so para os pais dos nenos con TDAH) é evitar o consumo habitual deste tipo de compostos. Non obstante, como teñen sinalado os autores do estudo Southamton, isto tampouco debe levar a actitudes radicais, como por exemplo impedir que un neno consuma nunha festa de cumpreanos o seu refresco favorito.

-Aínda que haberá pais e nais que conten marabillas sobre o efecto de complicadas dietas que alguén lles recomendou sobre a sintomatoloxía do seu fillo ou filla?, sexa prudente: o máis normal é que con calquera dieta o efecto esperable sexa, ou moi pequeno, ou nulo.

-Sempre me ten chamado a atención o sinxelo que sería para os pediatras facer recomendacións na dieta para os seus pequenos pacientes con TDAH. Véñeno facendo en moitos casos: Recomendan, por exemplo, que os bebés non tomen espinacas antes dos 12 meses polo seu contido en nitritos e a posibilidade comprobada de que estes produzan trastornos no metabolismo do ferro; ou nun caso moito máis severo: teñen identificado enfermidades que, aínda sendo hereditarias, deben tratarse con medidas dietéticas estritas. No caso ben coñecido da Fenilcetonuria, sábese ben da necesidade de que os afectados leven unha dieta ausente de fenilalanina, polos danos irreversibles que esta provoca? Por qué entón deberían negarse a recoñecer os beneficios dunha dieta no caso do TDAH se esta fose eficaz?

Seguramente a todas as persoas que, desde unha perspectiva ou outra, temos relación co TDAH, nos encantaría que existise unha dieta milagre, pero a realidade sinala que a mesma non existe polo momento.

Os artigos comentados son:

Bateman, B., Warner, J.O., Hutchinson, E., Dean, T., Rowlandson, P., Gant, C., Grundy, J., Fitzgerald, C. e Stevenson, J. (2004). The effects of a double blind, placebo controlled, artificial food colourings and benzoate preservative challenge on hyperactivity in a general population sample of preschool children. Archives of Disease in Childhood, 89, 506-511.

Feingold, B.F.(1975). Hyperkinesis and learning disabilities linked to artificial food flavors and colours. American Journal of Nursery, 75, 797-803.

McCann, D., Barrett, A., Cooper, A., Crumpler, D., Dalen, L., Grimshaw, K., Kitchin, E., Lok, K., Porteous, L., Prince, E., Sonuga-Barke, E., Warner, J.O. e Stevenson, J. (2007). Food additives and hyperactive behaviour in 3-year-old and 8/9-year-old children in the community: a randomised, double-blinded, placebo-controlled trial. The Lancet, 370, 1560-1567.

Schab, D.W. e Trinh, N.T. (2004). Do artificial food colours promote hyperactivity in children with hyperactive syndromes? A meta-analysis of double-blind placebo-controlled trials. Developmental and Behavioral Pediatrics, 25, 423-434.

O regulamento 1333/2008 podes consultalo aquí.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-08-2010 14:55
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 ¡Chapeau! Se antes tiña os meus argumentos contra os colorantes alimentarios, agora teño un menos. Serán inútiles e cómplices #blgtk08#pasivos de sutiles formas de fraude, pero no tema que nos ocupa parecen ser máis vítimas propiciatorias que culpables de nada.
Comentario por Pedro Lameiro (25-08-2010 21:54)
Anímate! Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
hit counter

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0