Lecturas de TDAH


Lecturas sobre o Trastorno por Déficit de Atención con Hiperactividade

O meu perfil
lecturasdetdah@gmail.com
 Categorías
 DESTACADOS
 RECOMENDADOS
 Buscador
 Buscar Blogs Galegos
 Arquivo
 ANTERIORES

TDAH e Dislexia: Que teñen en común?
Xunto co TDAH, o Trastorno da Lectura, tamén denominado Dislexia Evolutiva, é un dos trastornos do neurodesenvolvemento que supoñen unha afectación na marcha académica de quen os presentan e que se dan con maior frecuencia, afectando cada un deles a arredor do 5% dos nenos e nenas.

Un aspecto de especial importancia é que ambos se dan nas mesmas persoas cunha maior frecuencia da esperable polo azar, é dicir son o que se denomina trastornos comórbidos. Desta maneira, entre os nenos e nenas con TDAH, entre un 25 e un 40%, presentan tamén dislexia.

Esta alta comorbilidade pode parecer nun principio sorprendente dado o seu carácter heterotípico, xa que vencella dúas condicións de diferente natureza: mentres o TDAH é un trastorno do comportamento perturbador, a dislexia é un trastorno da aprendizaxe.

Sen embargo, doadamente podemos apreciar que, non obstante, presentan tamén algunhas chamativas similitudes: por exemplo, ambos afectan a un maior número de nenos que de nenas, teñen un forte carácter hereditario e, así mesmo, ambas condicións fan ?a quen presenta unha delas? máis propenso a presentar outros problemas (p.ex. outros trastornos da aprendizaxe, outros trastornos psicolóxicos,?).

Os grupos de investigación que veñen traballando desde hai décadas en atopar unha explicación para este grao de comorbilidade teñen formulado varias hipóteses sobre a posible orixe: a do apareamento selectivo, a da fenocopia, a do suptipo cognitivo específico e a do déficit común. Verémolas a continuación brevemente.

A hipótese do apareamento selectivo (cross-assortment) sostén que as persoas con TDAH teñen maior tendencia a emparellarse con persoas con dislexia (e viceversa), polo que a súa descendencia compartirá ambas herdanzas. Nun estudio familiar levado a cabo por Stephen Faraone e o seu equipo en 1993 atoparon respaldo inicial á mesma, aínda que posteriores estudios non conseguiron replicar esta orixe da comorbilidade.

Pola súa banda, a hipótese da fenocopia propón que a presenza dun dos trastornos pode levar á manifestación fenotípica (condutual) do outro en ausencia de influencias etiolóxicas do trastorno comórbido. É dicir, un neno con dislexia pode presentar inatención ou hiperactividade na aula debido ás consecuencias provocadas pola súa dificultade para ler, sen ter as dificultades neurocognitivas asociadas ao TDAH. De maneira conversa, os nenos e nenas con TDAH, tipicamente presentan mal rendemento lector pola súa inatención polo que, co tempo, acumulan un atraso no seu rendemento lector que lembra á lectura dificultosa dos disléxicos.

Foi Bruce Pennington e os seus colaboradores quen en 1993 empregaron cunha pequena mostra o método de dobre disociación: Isto consite en utilizar un deseño con catro grupos (TDAH, dislexia, TDAH+dislexia e Control). Avaliaron o seu desempeño en tarefas tipicamente asociadas ás dificultades neurocognitivas do TDAH (funcións executivas) e a dislexia (consciencia fonolóxica), atopando o patrón esperable de dificultades en cada grupo cun so trastorno. Mais no grupo comórbido os resultados indicaban dificultades na consciencia fonolóxica e non no funcionamento executivo, o que respaldaba a hipótese de que o TDAH no grupo comórbido era unha manifestación da hipótese da fenocopia. Sen embargo, estudios posteriores con mostras de maior tamaño, atoparon que a presenza comórbida de TDAH e dislexia leva aparelladas dificultades tanto no funcionamento executivo como na consciencia fonolóxica, polo que Pennington abandonou esta hipótese.

Pola súa banda a hipótese do subtipo cognitivo propón que o tándem TDAH+dislexia é realmente un trastorno diferenciado dos seus constituíntes, debido -polo menos en parte- a factores etiolóxicos diferenciados dos do TDAH o a dislexia por si sos. Desta maneira as dificultades neurocognitivas do grupo TDAH+dislexia serán diferentes á suma das dificultades de TDAH e dislexia.

Julia Rucklidge e Rosemary Tannock (2002), nun estudio con adolescentes no que empregaron grupos con TDAH, dislexia e TDAH+dislexia, atoparon que o grupo comórbido tiña maiores dificultades nas probas de nomeado rápido de cores (RAN-RAS) que os restantes grupos, o que favorece a hipótese da existencia dun subgrupo diferenciado. Sen embargo outros estudios (como os levados a cabo por Pennington e por Erik Willcutt) veñen atopando que os grupos con TDAH+dislexia presentan unha combinación aditiva das dificultades de ambas condicións.

Finalmente, outros estudios téñense dirixido a procurar a posibilidade de que existan influencias etiolóxicas comúns que incrementen a susceptibilidade ao TDAH e a dislexia, baixo a hipótese de que ambos tipos de trastornos responden a un modelo de déficits múltiples máis que a un único déficit.

Os elementos solapados entre TDAH e a dislexia danse en diferentes niveis: xenético, neuroanatómico e cognitivo. Así, Willcutt, Pennington e os seus colaboradores (2005), levaron a cabo un estudio no que compararon grupos de xemelos nos que polo menos un deles tivese TDAH, dislexia, ou ambas, atopando que os tres grupos compartían dificultades semellantes na súa velocidade de procesamento. Sendo este un resultado respaldado por posteriores estudios nos que se atopou este mesmo patrón: Ter TDAH, dislexia ou ambas, asóciase con frecuencia a maior lentitude no procesamento mental.

De maneira paralela, aínda que o patrón de disfuncións neuroanatómicas tende a ser específico para cada trastorno, atopándose o que poderiamos denominar circuítos neuronais específicos implicados na dislexia, e estes son diferentes das áreas cerebrais implicadas no TDAH; existe un tipo de afectación común referida ás áreas prefrontais habitualmente relacionadas coa memoria de traballo, ao tempo que tamén soe ser común a afectación cerebelar

Finalmente, os estudios xenéticos con xemelos levados a cabo con nenos e nenas con TDAH e dislexia, teñen atopado que ambos trastornos teñen un carácter polixénico, é dicir, que non existe un xen da dislexia ou un xen do TDAH senón que en ambas condicións varios xenes parecen estar ?sumando puntos? para que finalmente se presente o trastorno.

Neste conxunto xenético tense atopado unha porción de ?herdabilidade bivariada? para ambas condicións, significando que algunhas das influencias xenéticas do TDAH serían as mesmas que as da dislexia e viceversa.

Tamén se ten atopado que esta comunalidade xenética entre a dislexia e o TDAH está máis relacionada coa sintomatoloxía de tipo inatento que coa de tipo impulsivo/hiperactivo, e que o solapamento xenético entre ambos trastornos se produce mesmo nos casos nos que a persoa investigada non presente a expresión de ambos trastornos de maneira comórbida, senón só un deles.

Tomando como base estes resultados, téñense levado a cabo pesquisas das rexións cromosómicas eventualmente comúns mediante estudos xenéticos de ligamento, atopando áreas cromosómicas que parecen predispoñer simultaneamente a ambos trastornos: Por exemplo, a area identificada para a dislexia no cromosoma 6p21.3 tamén incrementa a susceptibilidade ao TDAH e algunhas rexións dos cromosomas 16p and 17q poden conter xenes que incrementen o risco para ambos trastornos.

Finalmente, nun estudo que se vén de publicar no pasado mes de xuño, levado a cabo por investigadores do King?s College de Londres, no que examinaron as dificultades atencionais e de lectura de máis de 1300 xemelos, examinouse a hipótese de que as dificultades compartidas entre TDAH e dislexia fosen en realidade relacionadas co grao de desenvolvemento cognitivo xeral (a intelixencia), atopándose que: (1) as relacións entre ambos tipos de dificultades danse, non so entre aqueles que teñen algún dos trastornos en cuestión, senón en toda a poboación; (2) que, en efecto, as dificultades lectoras están máis ligadas á inatención que á impulsividade, e (3) que a variabilidade xenética compartida entre TDAH e dislexia ten moi pouco que ver cos xenes que contribúen á capacidade cognitiva xeral.

Os artigos comentados son:

Paloyelis, Y. Rijsdijk, F., Wood, A.C., Asherson, P. e Kuntsi, J. (2010). The Genetic Association Between ADHD Symptoms and Reading Difficulties: The Role of Inattentiveness and IQ. Journal of Abnormal Child Psychology, publicado online, 17 xuño de 2010.

Pennington, B. F., Groisser, D. e Welsh, M. C. (1993). Contrasting cognitive deficits in Attention Deficit Hyperactivity Disorder versus Reading Disability. Developmental Psychology, 29, 511-523.

Rucklidge, J.J. e Tannock, R. (2002). Neuropsychological profiles of adolescents with ADHD: Effects of reading difficulties and gender. Journal of Child Psychology and Psychiatry, 43, 988?1003.

Willcutt, E.G., Pennington, B.F., Olson, R.K., Chhabildas, N. e Hulslander J. (2005). Neuropsychological analyses of comorbidity between RD and ADHD: In search of the common deficit. Developmental Neuropsychology, 27, 35?78.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-08-2010 18:47
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Anímate! Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
hit counter

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0