Nas investigacións sobre TDAH é habitual indagar sobre aquelas tarefas nas que os afectados polo trastorno teñen maiores dificultades. Así, por exemplo, a impulsividade habitualmente se relaciona co exceso de erros de comisión na execución das tarefas, é dicir, responder cando non había que facelo. Do mesmo xeito, a inatención soe relacionarse coa abundancia de erros de omisión, ou o que é o mesmo, non responder cando era preciso facelo.
Sen embargo, nos últimos anos, diferentes estudos veñen atopando que un dos resultados máis robustos é a alta variabilidade nas latencias de respostas, isto é, desde que aparece un estímulo, ata que a persoa responde ocorre un tempo, e nas persoas con TDAH ese tempo é moito máis variable que nas persoas sen TDAH. É dicir, nunhas ocasións a resposta é rápida e noutras, moito máis lenta. En diferentes estudos tense atopado que canto máis variables son os tempos de resposta dunha persoa, maior é o número e intensidade dos seus síntomas de inatención e impulsividade/hiperactividade.
Esa variabilidade non se dá só en tarefas no laboratorio, no que as latencias de respostas se miden en milisegundos, tamén é observable na vida diaria en diferentes intervalos temporais: É frecuente, por exemplo, que o profesorado que ten algún caso de TDAH na súa aula comente que fai un exercicio rapidamente e que no seguinte tarda un tempo moito maior aínda que a dificultade de ambos exercicios sexa semellante. Do mesmo xeito tamén escoitaremos que o alumnado con TDAH ten grande variabilidade no seu comportamento e rendemento ao longo do día: a unha hora está moi ben e á seguinte todo o contrario? E do mesmo xeito é común comprobar que esta variabilidade tamén se dá no día a día: hai días bos e días malos.
Un estudo recente vén engadir nova evidencia da importancia da variabilidade temporal no TDAH, e faime especialmente feliz referirme a el porque ?por unha vez- falamos de investigadores que traballan en Galicia, aínda que o estudo fose desenvolvido en Nova York.
Lorena Gómez Guerrero, que na actualidade exerce na Unidade de Saúde Mental Infantil do CHUAC, é a autora (xunto cun equipo de colegas españois e estadounidenses) deste estudo que leva por título: Response time variability is related to parent ratings of inattention, hyperactivity, and executive function (A variabilidade no tempo de resposta está relacionada coas valoracións parentais de inatención, hiperactividade e funcións executivas).
No mesmo, un total de 98 nenos e nenas neoiorquinos (na súa maioría de orixe latina) de entre 8 e 12 anos, foron avaliados con probas neuropsicolóxicas ao tempo que os seus pais informaron, mediante cuestionarios, do seu grao de problemas atencionais, de impulsividade e hiperactividade, así como das súas dificultades diarias no funcionamento executivo.
Os resultados atopados indicaron, en liña co atopado en estudos anteriores, que canto maior era a variabilidade nos tempos de resposta máis síntomas de TDAH presentaban os participantes. Por tanto, este novo estudo afonda máis na evidencia de que a alta variabilidade é un indicador característico do TDAH que posiblemente teña relación co funcionamento anómalo de circuítos cerebrais como a rede neuronal por defecto da que temos falado neste outro post.
O artigo comentado é: Gómez-Guerrero, L., Domínguez Martín, C., Mairena, M.A., Di Martino, A., Wang, J., Mendelsohn, A.L., Dreyer, B.P., Isquith, P.K., Gioia, G., Petkova, E. e Castellanos, F.X. (2010). Response Time Variability Is Related to Parent Ratings of Inattention, Hyperactivity, and Executive Function. Journal of Attention Disorders, DOI: 10.1177/1087054709356379. Publicado online 4 de agosto de 2010.
|