Lecturas de TDAH


Lecturas sobre o Trastorno por Déficit de Atención con Hiperactividade

O meu perfil
lecturasdetdah@gmail.com
 Categorías
 DESTACADOS
 RECOMENDADOS
 Buscador
 Buscar Blogs Galegos
 Arquivo
 ANTERIORES

Os endofenotipos do TDAH
Nanda NJ Rommelse (University Nijmegen)Un dos primeiros conceptos sobre xenética que os nenos e nenas aprenden na escola é a distinción entre xenotipo e fenotipo, sendo o primeiro o conxunto de instrucións xenéticas (que hoxe sabemos que están rexistradas no noso xenoma) e o segundo a manifestación observable de esa herdanza en cada individuo.

Como outros trastornos do desenvolvemento, o TDAH ten unha orixe moi ligada á herdanza xenética que explicaría máis do 75% da varianza dos seus síntomas. Ademais disto, os resultados das investigacións xenéticas sinalan que o TDAH semella ter un carácter polixénico: Diferentes xenes interveñen achegando susceptibilidade a que o trastorno se manifeste. Nestas condicións, as relacións entre o xenotipo e o fenotipo observable na conduta, son complicadas de establecer e estudar.

Hai xa máis de 35 anos que na investigación da compoñente xenética de trastornos mentais se estableceu un concepto que pode axudar nesa pesquisa: os endofenotipos.

Estes sitúanse nun nivel intermedio entre o xenotipo e o fenotipo condutual e permiten tanto o descubrimento de novos xenes asociados á susceptibilidade de presentar un trastorno, como ?en sentido contrario? coñecer mellor o modo de actuación dos xenes de risco na manifestación condutual do trastorno.

Os endofenotipos poden ser definidos, xa que logo, como rasgos herdables que se relacionan coa posibilidade de desenvolver o trastorno. Poden establecerse nos diferentes niveis patofisiolóxicos do mesmo e, desta maneira, poden ter natureza neuroanatómica (p.exemplo, menor volume dunha rexión cerebral), neuroquímica (p.ex. desequilibrio dun neurotransmisor determinado), ou neuropsicolóxica (p.ex. funcionamento anómalo dunha función cognitiva).

Os endofenotipos non poden ser directamente observados (como o é a conduta), mais si medidos dunha maneira máis obxectiva e independente que esta, da mesma maneira que o nivel alto de colesterol é preditor de enfermidades cardiovasculares . Así mesmo, cada un deles está afectado por un menor número de xenes implicados, polo que permiten unha maior potencia na análise .
Outra característica destacable dos endofenotipos é que teñen un carácter familiar, estando presentes non so nos membros afectados polo trastorno, senón tamén nalgunha medida, nos membros non afectados. Desta xeito, ese rasgo estará presente en maior medida nos familiares directos dos afectados que no resto da poboación en xeral.

Nos últimos dez anos véñense levando a cabo investigacións para descubrir os endofenotipos implicados no TDAH. En 2002, F. Xavier Castellanos e Rosemary Tannock propuxeron varios endofenotipos candidatos de tipo cognitivo baseados nos datos dispoñibles na investigación sobre o funcionamento cognitivo das persoas con TDAH:

1. A memoria de traballo: Como xa temos comentado noutros posts, está moi relacionada coa sintomatoloxía de inatención, conferindo ese aspecto, despistado e confuso das persoas con TDAH (especialmente as que presentan o subtipo predominante inatento).

2. O procesamento temporal: Unha das característica máis comunmente atopadas en diversos paradigmas de investigación, e tanto con nenos como con adultos, é a alta variabilidade nos tempos de resposta nas tarefas (unhas veces máis rápido, outras moitos máis lento), que se relaciona coa dificultade que as persoas con TDAH teñen para estimar o tempo (tanto en intervalos breves, como tipicamente ocorre cando teñen que planificar o tempo necesario para rematar unha tarefa).

2. A aversión á demora. Tamén temos dedicado algúns posts a describir a os problemas das persoas con TDAH para agardar por unha recompensa que se demora no tempo, o que se relaciona cun funcionamento alterado dos circuítos da motivación, o que daría un suporte neuropsicolóxico á impulsividade típica do TDAH.

Diversas investigacións téñense dirixido a comprobar a validez destes candidatos, para o cal, o proceso consiste en atopar que as medidas neuropsicolóxicas empregadas están alteradas nas persoas con TDAH, mais tamén nos seus familiares directos. Por exemplo, nun estudio desenvolvido por investigadores de dúas universidades de Colorado (Boulder e Denver) na que participaron parellas de irmáns mellizos nos que un presentaba TDAH e o outro non (así como parellas nas que ningún tiña TDAH ), atoparon que os afectados amosaron alta variabilidade nos tempos de resposta e dificultades na memoria de traballo, e que o seu despeño tiña unha importante correlación coa dos seus irmáns, o que respalda a proposta de Castellanos e Tannock . (Estes resultados foron ademais replicados noutros estudios, entre os que destacan os dirixidos pola investigadora holandesa Nanda Rommelse, que aparece na foto)

Sen embargo, nas tarefas levadas a cabo para valorar a aversión á demora e o procesamento de recompensas, de maneira sorprendente, todos os participantes tiveron unha actuación semellante, polo que estes datos irían contra a proposta da aversión á demora como endofenotipo.

Así mesmo, noutras tarefas neuropsicolóxicas empregadas para valorar o grao de control inhibitorio e a velocidade de procesamento, atoparon que nas mesmas estas tamén se producía o patrón familiar característico nos afectados e nos seus irmáns, polo que tamén poden ser endofenotipos útiles nas investigacións de xenética molecular sobre o TDAH.

Numerosos problemas aínda existen para o establecemento fiable destes endofenotipos, polo que se fai necesaria a realización de máis investigacións na que participen mostras de maior tamaño, que empreguen tarefas estandarizadas (para poder comparar mellor os resultados de diferentes laboratorios) e que teñan un carácter lonxitudinal debido á variabilidade que ten coa idade, tanto o fenotipo condutual do TDAH, como ?seguramente ? os endofenotipos.

Os artigos comentados son:

Bidwell, L.C., Willcutt, E.G., DeFries, J.C. e Pennington, B.F. (2007). Testing for Neuropsychological Endophenotypes in Siblings Discordant for Attention-Deficit/Hyperactivity Disorder. Biological Psychiatry, 62, 991?998.

Castellanos, F. X. e Tannock, R. (2002). Neuroscience of attention-deficit/hyperactivity disorder: The search for endophenotypes. Nature Reviews Neuroscience, 3, 617-628.

Rommelse, N.N.J. (2008). Endophenotypes in the genetic research of ADHD over the last decade. Have they lived up to their expectations? Expert Review of Neurotherapeutics, 8, 1425-1429.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-08-2010 02:00
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Anímate! Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
hit counter

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0