Lecturas de TDAH


Lecturas sobre o Trastorno por Déficit de Atención con Hiperactividade

O meu perfil
lecturasdetdah@gmail.com
 Categorías
 DESTACADOS
 RECOMENDADOS
 Buscador
 Buscar Blogs Galegos
 Arquivo
 ANTERIORES

TDAH e funcionamento da Rede Neuronal por Defecto
Rede neuronal por defectoExiste a crenza popular de que a certas persoas nunca lles descansa a súa mente. Quizais as que teñen TDAH se encontran entre elas. Sen embargo é sabido desde hai tempo que o cerebro, o de todo o mundo, está sempre en actividade, mesmo cando nos propoñemos ?non pensar en nada?.

En 2001, o neurólogo Marcus Raichle publicou un artigo no que resumía os resultados das súas investigación sobre a actividade do cerebro en estado de repouso: En efecto, concluía, existe unha actividade característica do cerebro durante os momentos nos que non ?pensamos en nada? e ademais esta actividade producíase nunha rede cerebral integrada por varias rexións (o córtex prefrontal medial, o córtex cingulado posterior, o lóbulo parietal inferior e rexións temporais mediais). Raichle denominou a este conxunto de circuítos ?rede neuronal por defecto? (RND) xa que funciona nos momentos que as persoas non teñen unha tarefa determinada. Así mesmo, de maneira curiosa, constatouse que a RND deixaba de funcionar cando a persoa tiña unha tarefa determinada á que atender ou pensar.

Durante estes últimos dez anos os neurocientíficos veñen prestando grande atención á RND, relacionando o seu funcionamento coa actividade de ensoñación (o que popularmente se denomina ?soñar desperto?) ou divagación mental, así como con aspectos como a creatividade. Así mesmo, tamén se ten investigado o funcionamento alterado da RND en trastornos como a Enfermidade de Alzheimer, a esquizofrenia, o autismo ou a depresión.

En 2007, dous dos autores máis influentes no campo do TDAH, Edmund Sonuga-Barke e F. Xavier Castellanos e propuxeron a hipótese de que as persoas con TDAH teñan disfuncións na RND. A lóxica que soporta esta hipótese consiste en que as frecuentes distraccións que experimentan as persoas con TDAH durante a realización de tarefas, nas cales é habitual que se dediquen a ?soñar despertos? se deban á interferencia da actividade da RND. Desta maneira, por dicilo dunha maneira facilmente comprensible, as persoas con TDAH terían unha ?máquina de divagar? demasiado activa e difícil de controlar, pois non se desactivaría cando a persoa o precisa.

Desde entón varios estudos veñen poñendo a proba a hipótese da RND no TDAH, empregando técnicas de Resonancia Magnética Funcional (RMf):

-En 2009, Catherine Fassbender e os seus colaboradores publicaron un estudo con nenos no que, en efecto, atoparon que a distractibilidade observada durante unha tarefa de memoria estaba relacionada coa dificultade para suprimir a actividade da RND, apreciándose que os participantes que tiñan TDAH tiñan maiores dificultades para suprimila que os que non tiña o trastorno.

- Tamén un equipo de investigación da Universidade de Nottingham publicou recentemente resultados nos que se apreciaba un funcionamento anómalo da RND nos rapaces con TDAH: De maneira interesante, estes investigadores atoparon que os participantes con TDAH tiñan dificultades para suprimir a RND cando o contido motivacional da tarefa era baixo, sen embargo, en tarefas moi motivadoras, o funcionamento da RND era semellante nos nenos con e sen TDAH (un elemento máis que explica por qué as persoas con TDAH poden atender sen dificultade a cousas que lles interesan moito).

-Así mesmo, neste traballo tamén se atopou outro efecto de interese sobre a RND: cando os participantes estaban baixo o efecto de medicación con metilfenidato tiñan menores dificultades para suprimir a actividade da RND cando era necesario.

-Outro estudo recente sobre o funcionamento da RND empregou unha técnica de resonancia magnética funcional de conectividade en estado de repouso. No mesmo observouse cómo o funcionamento do córtex prefrontal medial era anómalo en estado de repouso e tiña unha conectividade atípica coas outras rexións da rede nos participantes con TDAH. Este resultado, deste xeito, replica (confirma) o atopado por Castellanos e ous seus colaboradores nun estudo piloto no que empregaron a mesma técnica.

-Segundo conclúe Castellanos, o funcionamento atípico da RND está, deste xeito, relacionado coa distractibilidade típica das persoas con TDAH, así como co seu carácter ?pasmón?, pero tamén coa súa alta variabilidade intrapersoal: é dicir co feito de que nuns momentos fagan unha cousa ben e, ao minuto, os seu rendemento, de repente, sexa unha calamidade.

Os artigos comentados son:

Castellanos, F.X., Kelly, C. e Milham, P. (2009). The Restless Brain: Attention-Deficit Hyperactivity Disorder, Resting-State Functional Connectivity, and Intrasubject Variability. Canadian Journal of Psychiatry, 54, 665?672.

Fair, D.A., Posner, J., Nagel, B.J., Bathula, D., Costa Dias, T.G., Mills, K.L., Blythe, M.S., Giwa, A., Schmitt, C.F. e Nigg, J.T. (2010). Atypical default network connectivity in youth with attention-deficit/hyperactivity disorder. Biological Psychiatry, 68, 1084?1091.

Fassbender, C., Zhang, H., Buzy, W.M., Cortes, C.R., Mizuiri, D., Beckett, L. e Schweitzer, J.B. (2009). A lack of default network suppression is linked to increased distractibility in ADHD. Brain Research, 1273, 114-128.

Liddle, E. B., Hollis, C., Batty, M. J., Groom, M. J., Totman, J. J., Liotti, M., Scerif, G. and Liddle, P. F. , (2011). Task-related default mode network modulation and inhibitory control in ADHD: effects of motivation and methylphenidate. Journal of Child Psychology and Psychiatry, , 52, 761-771

Sonuga-Barke, E.J.S. e Castellanos, F.X. (2007). Spontaneous attentional fluctuations in impaired states and pathological conditions: A neurobiological hypothesis. Neuroscience & Biobehavioral Reviews, 31, 977-986.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-01-2011 13:45
# Ligazón permanente a este artigo
Mentes Inquietas
Non resulta infrecuente que algunhas das persoas que mellor comprenden, investigan e tratan o TDAH sexan, elas mesmas, tamén persoas con TDAH. Un caso deste tipo é o de Ana Beatriz Barbosa Silva, psiquiatra brasileira, autora dun libro sobre TDAH, "Mentes Inquietas", que se converteu nun auténtico best-seller no seu país con más de 200. 000 exemplares vendidos.

Nunha entrevista recente describía cómo ela descubrira a súa condición de persoa con TDAH: ?Eu xa estaba no 3º ano da facultade de medicina. Tiña 19 anos. Fun a un seminario en Chicago sobre depresión. Conseguín errar en todo: cheguei un día e a unha hora atrasada para a primeira clase. Como non aparecín, a miña inscrición foi cancelada. A administrativa da facultade viu o meu desespero e díxome que eu podería matricularme noutro curso, que se iniciase naquel día. O profesor era John Ratey, un experto sobre déficit de atención. Comezou a detallar o trastorno e pensei que estivese falando sobre min. Chegou a ser incómodo. Cando a clase acabou, fun detrás del conversar sobre o meu comportamento desde a infancia. No día seguinte fixen unha avaliación que revelou que eu tiña TDAH en grao grave?.

Mentes Inquietas é un libro escrito cunha linguaxe moi accesible ao público en xeral no que, entremedias dunha descrición moi viva do trastorno, figuran exemplos de pacientes seus e as súas vivencias. A continuación figura a tradución dun fragmento dedicado ao TDAH feminino.

Todo dia era sempre a mesma cousa. Apenas comezaba a súa clase, a profesora de primaria se vía ás voltas coas reaccións en cadea provocadas na clase por Flavinho. Aquel neno endiañado e, aínda así, adorável, apelidado polos compañeiro como ?o Pestinha? (1), non tanto por ter o mesmo cabelo liso e acobreado do protagonista do filme homónimo, senón, máis polo ter o mesmo comportamento. O seus movementos eran mais rápidos do que o ollar da profesora podía acompañar. Popularmente falando, el deixaba un ?ventiño? por onde pasaba, alén de causarlle enorme ansiedade, xa que precisaba localizalo na aula, pois sentado quieto no seu pupitre certamente non estaría. Iso sen falar do balbordo xeneralizado, dos ?crashs? e ?aaiiis? que facían que o seu corazón se sobresaltase. Si, ela xa tiña oído falar de nenos así na facultade. El só podía ser hiperactivo! Precisaba falar coa psicopedagoga da escola, pois el debía ter o chamado Trastorno por Déficit de Atención.

Totalmente preocupada en poñer fin à guerriña de boliñas de papel iniciada por Flavinho, a xove profesora estaba allea por completo à nena sentada na fila da parede, alá polo medio da aula, ollando pensativa pola xanela e que parecía non se dar conta do divertido barullo que campeaba entre os seus compañeiros. Todos os días eran así e aparentemente non había por que se preocupar con aquela tranquila neniña, que case nin se movía na súa cadeira. Mais o que a profesora non sabía era que por debaixo do antigo pupitre escolar de madeira escura, un par de peíños balanceábase inquedo, á mesma velocidade dos pensamentos da súa dona, á que... ?...encantaríalle estar cabalgando sobre aquela nube que parece un camelo do deserto. Ou sería un dro... un dromedario... Ah, non sei! Un ten dúas cherepas e o outro ten unha soa. O daquela nube só ten unha, e debe ser ben branda, tipo algodón... e eu vería todo pequeniño desde aló enriba...?. Entón os seus ollos captaron algo dourado movéndose por riba do muro da escola, alá embaixo. ?Carai! Nunca vira un gato tan gordo! E amarelo! E lindo! Parece o Pikachu! Como naquel episodio no que saltaba o valado...?

A rapaciña soñadora tiña os movementos do corpo un tanto contidos, mais a súa mente saltaba rapidamente dun devaneo a outro, aínda máis veloz que as perniñas incansables do seu compañeiro ?Pestinha?. O seu nome só era lembrado na hora de pasar lista. Absorta na súa fértil imaxinación, estaba allea ao ditado que a xove profesora estaba comezando a pasar. Por causa diso, sería mais tarde duramente reprendida na casa e, moi nova aínda para relativizar as cousas, aceptaría todos os adxectivos cos que seus pais a definían: preguizosa, relaxada, ?aparvada??

Invisible para a súa profesora, que, preocupada demais con Flavinho, só a notaba momentaneamente, cando se decataba da súa desatención ás tarefas da aula, ela atravesaría os anos sufrindo coa súa distractibilidade crónica, aínda que creativa, perdendo auto-estima, a medida que gañaba altura e peso. E hormonas. O seu compañeiro Flavinho, diagnosticado precozmente, non precisou pasar pola mesma carga de sufrimento.

(1) ?Daniel O Pestinha? é o nome que ten en Brasil o personaxe ?Daniel el Travieso?
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-01-2011 10:45
# Ligazón permanente a este artigo
Publicación da Guía de Práctica Clínica sobre TDAH
GuíaSalud, é un organismo do Sistema Nacional de Salud (SNS) no que participan as 17 Comunidades Autónomas, creado no ano 2002 como instrumento para mellorar a calidade da atención sanitaria no SNS.

Unha das súas liñas de traballo é o programa de elaboración de Guías de Práctica Clínica (GPC) baseadas na mellor evidencia científica dispoñible, cunha metodoloxía homoxénea e contrastada, para proporcionar aos profesionais un instrumento actualizado para favorecer que as decisións clínicas sexan adecuadas, eficientes e seguras.

Desde hai algún tempo víñase elaborando a GPC sobre o Trastorno por Déficit de Atención con Hiperactividade (TDAH) en nenos e adolescentes, que finalmente vén de aparecer publicada. Trátase dun documento de 250 páxinas, que foi elaborado por un equipo do Hospital Sant Joan de Déu (Barcelona) e posteriormente revisado por un panel de expertos españois, contando así mesmo co aval da Federación Española de Asociaciones de Ayuda al Défi cit de Atención e Hiperactividad (FEAADAH) así como de sociedades científicas como a Asociación Española de Pediatría (AEP), Asociación Española de Psiquiatría del Niño y del Adolescente (AEPNYA), Societat Catalana de Psiquiatria Infanto-Juvenil (SCPIJ) e Sociedad Española de Neurología Pediátrica (SENEP).

O texto ofrece información detallada sobre aspectos como diagnóstico, instrumentos de avaliación, tratamentos dispoñibles (psicolóxico, psicopedagóxico, farmacolóxico) e estratexias diagnósticas e terapéuticas.

Polo de agora non está aínda dispoñible no sitio web de guiasalud.es, mais podes acceder á versión completa (pdf) a través desta ligazón.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-01-2011 17:42
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
hit counter

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0