Lecturas de TDAH


Lecturas sobre o Trastorno por Déficit de Atención con Hiperactividade

O meu perfil
lecturasdetdah@gmail.com
 Categorías
 DESTACADOS
 RECOMENDADOS
 Buscador
 Buscar Blogs Galegos
 Arquivo
 ANTERIORES

TDAH e Motivación. Evidencias mediante neuroimaxe
Os modelos recentes para explicar o TDAH suxiren que é posible a existencia de dúas vías diferentes nas que desde un punto de vista do neurodesenvolvemento existiría unha disfunción. Por unha banda, unha vía de tipo executivo que implicaría dificultades para a regulación do pensamento e da acción, caracterizada por dificultades no control inhibitorio (a capacidade para frear ou evitar levar a cabo unha acción cando pode non ser apropiada) así como a memoria de traballo (a capacidade para manter activada a información respecto a plans, accións, consecuencias,?).

Por outra banda, tense proposto outra vía que ?máis que co control cognitivo- ten que ver co control motivacional da conduta, que vencella síntomas condutuais, persistencia na tarefa e os mecanismos polos que se procesan as recompensas e incentivos.

Este modelo, chamado comunmente de ?dobre vía?, foi proposto inicialmente por Edmund Sonuga-Barke en 2003 e está a acadar progresivamente un maior respaldo nos últimos anos de diversos grupos de investigación.

As últimas evidencias sinalan que o aspecto motivacional do TDAH ten relación cunha alteración no chamado circuíto da recompensa, que está constituído por unha serie de estruturas cerebrais que regulan a conduta en relación cos efectos beneficiosos que da mesma se deriven (o reforzo positivo).

A principal vía do sistema de recompensa é a mesolímbica , que conecta a área tegmental ventral co núcleo accumbens (unha parte ventral do estriado), no que se libera a dopamina, que actúa como neurotransmisor neste circuíto (podes ver o circuíto na ilustración).

No pasado outono, Nora Volkow e o seu equipo no National Institute on Drug Abuse (NIDA) (Instituto Nacional sobre o Abuso de Drogas) publicaron un estudio no que someteran a dous grupos de persoas adultas (con e sen TDAH) a un escáner de emisión de positróns (PET). No mesmo, mediante a inxección dunha substancia que actúa como marcador, pode rexistrarse en vivo unha imaxe de cómo a dopamina funciona neste circuíto.

Os resultados atopados indican que as persoas con TDAH participantes no estudio tiñan menos actividade dopaminérxica no circuíto, en concreto no nucleo accubens, que as persoas que actuaban como controis.

Ademais, atoparon que existían unha correlación entre os síntomas de inatención e a actividade da dopamina: canta menos actividade, maior inatención tiñan as persoas.

O estudio de Volkow vén engadirse a outros anteriores que tamén atoparan que as recompensas se procesan menos intensamente nas persoas con TDAH, como o publicado nas mesmas datas por Michael Plichta e os seus colegas das universidades de Ulm e Würzburg (Alemania).

Neste caso, a técnica de neuroimaxe empregada foi a Resonancia Magnética Funcional (RMf), mediante a cal os investigadores observaban a actividade cerebral ante dous tipos de recompensas: inmediatas e demoradas.

Ademais, de atopar resultados semellantes que os do estudio de Volkow, con respecto ao núcleo accumbens, atoparon outro resultado interesante: Os participantes con TDAH amosaban maior activación na parte dorsal do núcleo caudado e noutra estrutura cerebral chamada amígdala. A actividade no núcleo caudado tense asociado coa experiencia aversiva de perder recompensas ou coa ?desesperación?. De maneira curiosa, as persoas que amosaban maior grao de activación nesta área eran as que presentaban signos máis severos de TDAH e, en concreto, de aversión á demora.

Os resultados atopados neste estudio replican (respaldan) outros anteriores como o de Anouk Scheres e os seus colaboradores en 2007, ou os do grupo de investigación da Universidade Autónoma de Barcelona, que atopou -mediante Resonancia Magnética Estructural- anomalías no caudado nun grupo de nenos e nenas.

Os artigos comentados son:

Plichta, M.M., Vasic, N., Wolf, R.C., et al. (2009). Neural hyporesponsiveness and hyperresponsiveness during immediate and delayed reward processing in adult attention-deficit/hyperactivity disorder. Biological Psychiatry, 65, 7 ?14.

Scheres, A., Milham, M.P., Knutson, B., Castellanos, F.X. (2007). Ventral striatal hyporesponsiveness during reward anticipation in attention-deficit/hyperactivity disorder. Biological Psychiatry, 61, 720 ?724.

Tremols, V., Bielsa, A., Soliva, J.C. et al. (2008). Differential abnormalities of the head and body of the caudate nucleus in attention deficit-hyperactivity disorder. Psychiatry Research: Neuroimaging, 163, 270?278.

Volkow, N.D., Wang, G.J., Kollins, S.H. et al. (2009). Evaluating Dopamine Reward Pathway in ADHD: Clinical Implications. Journal of the American Medical Association, 302, 1084?1091.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-06-2010 03:50
# Ligazón permanente a este artigo
Conclusións do III Congreso sobre TDAH en Granada
No pasado mes de abril celebrouse en Granada o III Congreso da FEAADAH (Federación Española de Asociaciones de Ayuda al Deficit de Atención e Hiperactividad).

Á fin do mesmo, os expertos alí reunidos elaboraron unhas conclusións sobre o estado actual e as principais necesidades que as persoas afectadas por TDAH presentan.

É un documento breve e moi interesante que reproducimos a continuación:



Evidencia científica
Os expertos reunidos no Congreso consideran necesario trasladar aos afectados e as súas familias, ás administracións públicas e a sociedade en xeral a evidencia científica da existencia do Trastorno por déficit de atención con ou sen hiperactividade ?TDAH. Por iso débese insistir no rexeitamento expreso e contundente a calquera tipo especulación sobre o carácter ?inventado? do TDAH.

Polo contrario, a evidencia científica, contrastada na comunidade científica internacional en multitude de estudos sometidos ao correspondente escrutinio e control metodolóxico e publicados nas revistas de referencia, sinala que o TDAH é un trastorno crónico de orixe neurolóxica. É a patoloxía psiquiátrica máis estudada na infancia e o segundo trastorno con máis prevalencia nesta idade (entre o 5% e o 7% dos menores). O TDAH, como consecuencia do seu carácter crónico persiste nunha alta porcentaxe de afectados na idade adulta (entre o 50% e o 60% dos que o padeceron na infancia e a adolescencia), estando a súa prevalencia entre a poboación adulta entre o 3% e o 4%. Así mesmo debe sinalarse a alta presenza doutros trastornos comórbidos ou asociados, tanto na idade adulta como na infancia e a adolescencia.

Así mesmo considérase necesario seguir avanzando na descrición das manifestacións dos síntomas nucleares do trastorno, adaptado á realidade persoal e sociolaboral das persoas adultas.

Diagnóstico e Tratamento multimodal
Non existe, segundo os estudos presentados, nin sobrediagnóstico nin sobremedicación en relación co TDAH en España, sen prexuízo da existencia, como ocorre en todo tipo de patoloxías, de diagnósticos inadecuados. Con todo, debe chamarse a atención sobre a existencia, conforme aos indicadores de prevalencia, dunha porcentaxe aínda moi relevante de poboación infantil e adulta non diagnosticada e, polo tanto, privada de recibir o correspondente tratamento cos riscos desta situación. O TDAH ten un diagnóstico clínico plenamente validado e debe realizarse por un profesional médico coa formación adecuada. O tratamento do TDAH ten carácter multimodal, combinando a intervención farmacolóxica, psicolóxica e o apoio pedagóxico. Tamén se demostrou, nos estudos presentados, a eficacia deste tratamento nos adultos afectados, coas adaptacións correspondentes á súa situación. No caso dos fármacos evidénciase a eficacia dos mesmos fármacos que se utilizan nos menores, aínda que coas adaptacións obvias derivadas das diferenzas de peso entre menores e adultos.

Acceso ao tratamento
O alto prezo dos fármacos, o tratamento psicoterapéutico e o psicopedagóxico, indicados no tratamento do TDAH, está tendo como consecuencia que moitas persoas diagnosticadas non poidan acceder ao tratamento. A situación é especialmente grave no momento económico actual que está provocando que as familias máis desfavorecidas e necesitadas estean suspendendo e non poidan acceder ao seu tratamento, nin tan sequera ao farmacolóxico. É imprescindible que as Administracións Públicas dean unha resposta urxente a esta situación. Especificamente e para a súa inmediata adopción, dado o seu carácter normativo, solicítase, con base no carácter crónico do TDAH e por estrito sentido de xustiza, a inclusión dos fármacos indicados no tratamento do TDAH no grupo de aportación reducida dos beneficiarios. Así mesmo, ponse de manifesto a necesidade de dotar de maiores medios económicos e humanos ás Unidades de Tratamento Psicoterapéutico e Psicopedagóxico deste trastorno.

Riscos en adolescencia e adultos
Ponse de manifesto a evidencia de que unha ausencia de diagnóstico e tratamento adecuados na infancia, sitúa ás persoas afectadas ante consecuencias graves na adolescencia e idade adulta, talles como fracaso e abandono escolar e desenvolvemento doutros trastornos como o abuso de sustancias e trastornos de conduta que poden levar, nos casos máis graves, á comisión de infraccións penais. Para previr a aparición destas consecuencias tan graves persoal e socialmente requírese que o diagnóstico se realice no momento o máis cedo posible e que se garanta o dereito ao tratamento adecuado.

Protocolos de actuación coordinada
Queda patente dunha forma tallante a necesidade dunha actuación coordinada das Administracións implicadas no tratamento e a prevención da aparición das consecuencias que este trastorno pode levar aparelladas: Sanidade, Educación, Políticas Sociais e Xustiza.

Para a eficacia desta coordinación, a experiencia demostra que o instrumento máis adecuado é o establecemento de protocolos que garantan esta coordinación e actuación conxunta.

Igualdade de trato educativo
A realidade educativa de España pon de manifesto que hai diferenzas de trato aos escolares afectados polo TDAH dentro do sistema educativo, dependendo da Comunidade Autónoma na que estean escolarizados. Por iso este Congreso pon de relevo a necesidade de que as Administracións Educativas garantan o dereito á igualdade de todos os escolares españois afectados polo TDAH, mediante o recoñecemento expreso na Lexislación Básica Estatal das súas necesidades específicas de apoio educativo, sen prexuízo de que cada Comunidade Autónoma garanta normativamente, para os escolares do seu ámbito, esta consideración.

A responsabilidade das familias
Unha adecuada intervención sobre o TDAH require dunha intensa implicación familiar. Para que iso sexa posible é imprescindible que as familias accedan á información e formación suficiente sobre o Trastorno e o seu manexo, así como apoio económico e social que garanta o tratamento e o acceso aos recursos educativos pertinentes.

Importancia e necesidade do movemento asociativo
O Congreso resalta a importancia das plataformas asociativas como canles para canalizar as distintas necesidades que seguen existindo nas familias de afectados polo TDAH, talles como a necesidade de formación, concienciación e avances para un mellor futuro no contorno familiar e social.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-06-2010 12:52
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
hit counter

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0