Aquí vos deixo as imaxes dunha xornada moi especial na que novamente volvemos experimentar a emoción e o pracer da lectura compartida. Padriños e madriñas fixeron de excelentes contacontos e os afillados corresponderon prestando moita atención e agasallandoos, ao finalizar o relato, cunha piruleta que levaron como sorpresa. Ao rematar a actividade, alumnado e profesorado regresamos ás nosas aulas cunha agradable sensación e co desexo de que esta iniciativa sexa a semente que faga agromar en todos nós un permanente interés polos libros e a lectura.
Xa remata o mes dos libros e con el unha morea de actividades que a nosa biblioteca ven organizando para poñer de relevancia a importancia dos libros e da lectura. Como fin de festa mañá levaremos a cabo unha das nosas actividades estrela: "Madriñas e padriños lectores", na que vai intervir todo o alumnado do centro. Hoxe, as madriñas e padriños, despois dunha semana de preparativos e de nervios, acudiron ás aulas dos afillad@s para proceder ás presentacións e aos sorteos. Establecéronse os grupos e, moi serios e entregados, desenvolveron á perfección o papel que lle correspondía a cadaquén, acordando a cita para o día seguinte (se queredes ver as fotos premede AQUÍ). Agora só queda agardar ata mañá para gozar xuntos duns emotivos momentos de lectura compartida.
Un libro que fala de libros é unha boa elección para estas datas nas que festexamos os libros e a lectura. E para que a celebración fose completa, o día 22 de abril, o alumnado de 2º de EP disfrutou da compaña de Susana Lamela, unha visita que agardaban impacientes dende que acabaran de ler o seu libro. Por fin podían coñecer á autora de "Soños de andel", a historia que os tivera engaiolad@s durante moitos días.
Foi un encontro moi entretido e agradable. Susana falou de libros, contounos contos e contestou moitas preguntas sobre Ani, sobre a bibliotecaria con cara de pingüín, sobre Lemoito, sobre o oficio de escritor...
Ao rematar, asinou os nosos exemplares, mirou os nosos "diarios de lecturas" e fíxonos un fermosísimo agasallo, en lembranza do primeiro encontro dixital de "Soños de andel", unha experiencia fantástica para todos nós. ¡Moitísimas grazas, Susana!Non te esqueceremos nin a ti nin a Ani. Se queres podes ver moitas máis fotos AQUÍ
Cantar, ou "rapear", é un bo xeito de celebrar o Día do Libro. Iso deberon pensar os nenos e nenas do Ceip Barrié de la Maza- Santa Comba (A Coruña) que, coa axuda de JHARECK (Iago Rey), fixeron un rap coa intención de homenaxear aos libros. Fíxate ben na letra, verás como fala de preciosos motivos para achegarnos á lectura. Libros, música e poesía, unha mestura perfecta.
Para que les? é o título dunha iniciativa do Clube de Lectura da ONG Implicadas no Desenvolvemento. Esta proposta foi recollida por un gran número de bibliotecas escolares galegas que contribuiron coas súas achegas á montaxe dunha exposición para o Día mundial do Libro e dos Dereitos de Autor, na que moitas persoas pertencentes a diferentes eidos da cultura, persoas anónimas, mestres/as e alumnos/as explican as razóns para ler e o que a lectura proporciona ás súas vidas. Todo este traballo foi coordinado por Loly Lago do Ies de Fene e Charo Sánchez Gabriel do Ies Sánchez Cantón de Pontevedra. Olga Rodríguez, do Ceip Milladoiro de Malpica, coordinou o traballo de recompilación de textos e fotos de persoas famosas con profesións moi diferentes que nos contan que Eles tamén len. Aquí vos deixo as súas razóns:
Os nosos parabéns a todas as persoas que fixeron realidade unha fermosa idea.
E TI, POR QUE LES?? Gustaríame saber cales son os teus motivos para ler e que libro ou libros recomendarías. Participa ti tamén nesta iniciativa deixando as túas razóns nun comentario.
¿Que tipo de lectura prefires? ¿Gústanche os contos, a poesía, os cómics...? Podes dicirmo nun comentario. Xa sabedes que a min encántame que me contedes as cousas que ledes e o que pasa nos libros que vos gustan.
Xa sabemos que as letras fan palabras que son capaces de levarnos a lugares insospeitados da nosa imaxinación pero, ¿sabías que tamén dibuxan fantásticas paisaxes?
Para ver e disfrutar nestes días de libros e letras: Grazas, Montse.
Xa temos a proba de que os nenos e nenas do noso centro son uns auténticos poetas. Dende que Mik lles propuxo facer rimas e poesías non pararon e fixeron uns traballos ben bonitos. Se queres ver os de 1º de Primaria, xa están publicados no blog de escritores e escritoras Ti tamén contas(tendes unha ligazón no panel lateral). Premede na imaxe de abaixo e poderedes disfrutar das súas creacións. Como seguro que vos gustarán moito podedes dicirllo nun comentario. E estade atentos porque axiña estarán na rede o resto das poesías, que se irán publicando nos próximos días.
Durante os días 15 e 16 de abril celebráronse en Santiago de Compostela os Encontros do PLAMBE ao que acudimos todos/as os coordinadores das bibliotecas escolares incluidos no presente curso neste programa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
Os encontros teñen como finalidade avanzar na formación específica deste colectivo nos aspectos máis variados da biblioteca escolar, e constitúen unha oportunidade para a reflexión e o intercambio de experiencias.
Os nosos parabéns a Cristina Novoa e Pilar Sampedro pola impecable organización e o excelente programa, que atendía aspectos relevantes sobre lectura, bibliotecas, tratamento da información, presenza dos soportes audiovisuais e electrónicos, a imprescindible integración da cultura impresa e a cultura dixital..., coa presenza de persoeiros de recoñecido prestixio neste ámbito.
Regresamos convencidos da importancia do labor que se está a realizar nas bibliotecas escolares e coa sensación de que aínda queda un longo traxecto por percorrer, que será máis doado ao camiñar a carón deste colectivo de profesionais ilusionados e entusiastas.
Actualización: tendes unha completísima reportaxe das Xornadas no blog O Segrel do Penedo, onde ademáis da exhaustiva crónica atoparedes fotografías dos momentos máis importantes.
¡¡Non leades!!, dicíanos hoxe Fina Casalderrey, ¡¡non comades chocolate!!, ¡¡non comades xeados!!, ¡¡non teñades amigos nin amigas!!... Pero nós diciamos que sí, que queremos comer xeados e chocolate, ter amigos e ler, porque nos gusta gozar coas cousas boas da vida... E foi un pracer escoitar hoxe, na biblioteca, á nosa admirada Fina. Chegou un pouquichiño tarde, pero ben pagou a pena agardar polos seus fermosos contos envoltos na súa garimosa voz. Canto nos emocionou escoitala ao relatarnos a historia de "Eu son eu"! Preguntámoslle sobre Manuel, o avoíño que buscaba unha familia, e por Chamizo, un gato que nos engaiolou. Ao finalizar a charla asinou os nosos libros, que imos gardar con cariño para lembrar este fantástico encontro.
¡¡GRAZAS, FINA!!
Se queredes saber máis cousas de Fina Casalderrey, a súa vida, os seus libros, os premios que recibiu..., visita a súa páxina web