No noso cole estivo funcionando o curso pasado unha actividade dirixida aos adultos que acompañan ao noso alumnado ao centro e que demos en chamar "Lendo espero", onde os pais/nais/avós teñen acceso á prensa diaria, revistas de diferentes temáticas..., mentres agardan a saída dos nenos e nenas.
Este curso queremos seguir propoñendo actividades que favorezan a lectura no ámbito familiar, polo que estamos poñendo en marcha un punto de intercambio de libros entre familias. Esta iniciativa pretende que toda a comunidade escolar teña acceso a lecturas propias de cada segmento de idade. A nosa biblioteca, polo de agora, non dispón de fondos para adultos polo que tentamos suplir esta carencia co deseño desta proposta como un servizo máis. Trátase dun sistema de autopréstamo e autoxestión onde os fondos literarios son achegados polas propias familias. Agardamos que esta idea sexa ben acollida e que teña unha resposta masiva, como ven ocurrindo ata o de agora.
Tamén podes acceder AQUÍ aos libros que están dispoñibles para o préstamo (polo de agora non está completo o listado) e que se irá actualizando segundo vaian aumentando os fondos. No panel lateral disporedes dunha ligazón para facilitar a consulta.
E agora só queda agardar a que chegue o 9 de outubro, no que a biblioteca comezará a súa andaina neste curso no que de seguro haberá sorpresas e novidades.
Acabamos de recibir a reportaxe dos nosos intrépidos exploradores, que xa levan un tempo percorrendo as selvas na compaña dalgúns "amigos especiais". Dende aquí os nosos parabéns a estes arroutad@s aventureir@s. Esta é a súa crónica:
Os nenos e nenas de Educación Infantil de 5 anos levamos todo o ano adentrándonos selva da man de Mowgli, Baloo e Bagheera. A última aventura foi atopar un tesouro. E non foi nada doado?, nada, nada, nada. Tivemos que pasar 5 probas: facer pompas de xabrón, encadear palabras, imitar expresións faciais, atopar cousas coa letra ?m? e levar papeis pegados a unha palliña. Con cada proba superada podiamos buscar unha das cinco pezas do puzzle e unha vez completadas e organizadas correctamente todas as partes aínda tiñamos que atopar unha caixa chea de sorpresas: os vermes das Moradas Frías. E puidemos comelos, pero ¡¡sen usar as mans!!. Toda unha aventura!
Que sorte!! Mik tíñanos preparada unha sorpresa!! O pasado luns recibimos unha carta de Mik na que nos convocaba a todos para o día seguinte no salón de actos. O alumnado debía acudir cotraballo que realizara para o Día mundial do libro en colaboración coa familia. E alí nos presentamos puntuais, impacientes por saber que argallara o noso ratiño. Cando chegamos, o profe Carlos leunos un precioso conto por encargo de Mik, UNHA MANCHEA DE BICOS, que nos encantou e que nos fixo pensar. Despois o alumnado foi subindo ao escenario para mostrar e explicar os traballos cos que participaran no certame "Cartel e lema", para recibir, a continuación, o agasallo deMik. Foi un acto sinxelo pero moi bonito no que puidemos apreciar como os nosos nenos e nenas son cada vez máis e mellores lectores e lectoras.
Este vídeo foi creado para motivar aos alumnos e alumnas máis pequenos cara ao pracer da lectura e os seus beneficios para o desenvolvemento da imaxinación, do pensamento lóxico e da linguaxe.
O noso centro é un dos participantes na campaña CONTARTE, do concello de Vigo en colaboración con OQO EDITORA. Trátase dunha iniciativa didáctica de animación á lectura mediante obradoiros deseñados para achegar os cativos á literatura, á interculturalidade e á creación artística.
Estas actividades, están completadas con lotes bibliográficos que teñen como destino as bibliotecas dos centros participantes.
Hoxe estivo con nós Raquel, unha estupenda animadora que nos contou o conto O día en que a mamá se lle puxo cara de teteira. Despois os nenos e nenas de 1º, 2º e 3º convertíronse en pintores surrealistas, ao estilo de Magritte, e transformaron unha teteira nos obxectos máis variopintos: bananas, xeados, pipas, machadas... E por último, emulando o famoso cadro de Magritte amosaron as súas creacións comezando pola frase: "Isto non é unha teteira". Foron uns momentos fantásticos mergullad@s no mundo dos soños. GRAZAS, RAQUEL!!!
Aquí tés algunhas fotos:
Podes ver AQUÍ o obradoiro Retrarte cos nenos e nenas de 4º, 5º e 6º
Metid@s na voráxine que supoñen os últimos días de curso, facemos unha pausa para agradecer ás familias a boa acollida que dispensaron en xeral ás MOCHILAS VIAXEIRAS. Xa de volta todas elas e á espera de emprender o vindeiro curso unha nova aventura a través dos tesouros que transportan, rescatamos, con non pouca curiosidade, os "cadernos viaxeiros" onde as familias lectoras depositaron as súas impresións. E non podemos máis que manifestar a nosa satisfacción polos resultados desta experiencia, á vista dos comentarios positivos que nos fan os participantes nesta actividade. E para mostra aquí vos deixo algunhas das anotacións: