Xa remata o mes dos libros e con el unha morea de actividades que a nosa biblioteca ven organizando para poñer de relevancia a importancia dos libros e da lectura. Como fin de festa mañá levaremos a cabo unha das nosas actividades estrela: "Madriñas e padriños lectores", na que vai intervir todo o alumnado do centro. Hoxe, as madriñas e padriños, despois dunha semana de preparativos e de nervios, acudiron ás aulas dos afillad@s para proceder ás presentacións e aos sorteos. Establecéronse os grupos e, moi serios e entregados, desenvolveron á perfección o papel que lle correspondía a cadaquén, acordando a cita para o día seguinte (se queredes ver as fotos premede AQUÍ). Agora só queda agardar ata mañá para gozar xuntos duns emotivos momentos de lectura compartida.
¿Que tipo de lectura prefires? ¿Gústanche os contos, a poesía, os cómics...? Podes dicirmo nun comentario. Xa sabedes que a min encántame que me contedes as cousas que ledes e o que pasa nos libros que vos gustan.
O próximo venres, día 9, recibiremos a visita da escritora Chus Pereiro, autora da obra de teatro Restaurante Farruco. O alumnado de 4º de EP compartirá con ela a experiencia do seu achegamento como lectores a este xénero, co que contactaran ata o de agora unicamente como espectadores.
Cunha trama divertida, uns diálogos rimados e uns pintorescos personaxes vivimos un día moi especial no restaurante do camareiro Farruco.
Xa levamos disfrutado moito coa lectura desta peza teatral e agora agardamos con impaciencia descubrir os segredos da siñá Manuela, Farruco e os extraños manxares deste restaurante peculiar. Xan López Domínguezfoi o encargado de dar vida aos personaxes coas súas estupendas ilustracións.
Chus Pereiro escribiu ademáis ¡Mamasiña, que medo!, outra obra teatral.
Por fin, o venres pola mañá, tivemos as esperadas noticias deMIK. Chegou o carteiro cunha morea de cartas para todos os nenos e nenas do cole. E, novamente, o noso ratiño fainos unha petición. ¿Queres ler a súa carta? Pois preme no sobre:
¿Que che parece? ¿A que é unha idea estupenda? Pois veña, a escribir fermosas poesías, que ben sei eu que sodes todos uns auténticos poetas e poetisas.
O alumnado de 2º de EP do noso centro está lendo con entusiasmo "Soños de andel", da escritora galega Susana Lamela. Como factor motivador e para complementar esa experiencia lectora, pensei que sería moi positivo que puidesen expresar as impresións e sentimentos que lles producía a lectura a medida que ían adentrándose na historia. Pensei tamén que ninguén mellor que a propia escritora podería mediar entre estes lectores e o libro que estaban lendo, polo que consultei coa autora a posibilidade de manter correspondencia dixital con ela mentres durase a actividade. A miña proposta foi aceptada, o que agradezo enormemente, e inmediatamente estableceuse o contacto a través do seu blog Andel de soños. A experiencia está resultando moi enriquecedora, os nenos e nenas esfórzanse por explicar todo o que lles provoca a historia de Ani, consensúan o que lle van escribir a Susana, falan sobre o que ela lles di... e ademais empregan internet e as novas tecnoloxías dun xeito ao que están pouco acostumados.
A través de Susana Lamela, tiveron a ocasión de contactar con María Lires, a ilustradora, da que son rendidos admiradores, xa que as súas fermosas ilustracións tenos encandilados.
Vaia dende aquí o meu agradecemento ás dúas por proporcionarnos a oportunidade de vivir unha experiencia tan fantástica. Susana e María, ¡moitas grazas! Se queredes acceder á nosa correspondencia dixital premede AQUÍ
Grazas a Darabuc descubrín este fantástico vídeo no que José Antonio López Parreño(Rodorín), conta a historia de A ratiña fachendosa con campaíñas e outros obxectos de madeira con música. Pablo Mestre ilustrou o álbum editado por Kalandraka en 2002 con fotografías dos mesmos obxectos usados na narración.
Para empezar a formación de usuarios en Educación Infantil nada mellor que cantar e bailar. Para as primeiras visitas á biblioteca dos máis peques do cole:
¿GUSTOUVOS? POIS MAÑÁ IMOS LER, CONTAR, CANTAR E BAILAR NA BIBLIOTECA!
(Preme na imaxe se queres XOGAR e AQUÍ para facer divertidas actividades)
Como ven ocorrendo nos últimos cursos, estase levando a cabo a actividade que denominamos "Hora de ler" e que consiste en manter 25 minutos de lectura silenciosa simultaneamente en todo o centro. Algúns materiais foron aportados polos propios nenos e nenas e outros proceden da biblioteca. Ao voltar ás aulas, despois do recreo, comeza a sesión de lectura silenciosa na que cadaquén le aquilo que máis lle apetece, xa que se trata de convertir a lectura nunha actividade pracenteira, que nos proporciona goce e satisfacción. Esta é unha proposta incluida no proxecto lector de centro e conta cunha valoración moi positiva de todo o profesorado e do alumnado.
(Preme no altavoz que está na parte superior das fotos. Se pasas o cursor enriba das fotos poderás detelas e ver de que grupo se trata)
O venres, día 16, partiu a segunda quenda de mochilas para percorrer os fogares dos nenos e nenas de 1º, 2º e 6º de Primaria. A semana pasada xa saíran as de 3º, 4º e 5º cursos. Este xa é o terceiro ano que levamos a cabo esta actividade coa que se pretende achegar a lectura ao ámbito familiar dunha maneira lúdica e atractiva. As mochilas portan materiais en diferentes soportes coa idea de experimentar e disfrutar doutros "xeitos de ler". Tamén inclúen un "caderno viaxeiro" onde as familias anotan as súas impresións sobre a actividade e os materiais. Polo de agora, a resposta é moi boa e esta proposta ten unha espléndida acollida.