 In Memoriam
Jesús Docampo naceu en Vilanova de Lourenzá, vila de destacadas personalidades da arte e da cultura como Julia Minguillón, Francisco Fernández del Riego, etc. Nesta vila veciña de Mondoñedo se criou e formou Suso de Bernabel.
Casado con Luz Pardo Espín na aldea de Santa María de Vilamor-Mondoñedo, onde viviu ata a súa desaparación recente. Tivo dous fillos desa unión, José Luis Docampo e Andrés Docampo, ó cal lle pedimos o debido permiso para reeditar esta colección e tamén nos achegou os datos desta sinxeliña semblanza.
Jesús Docampo era coñecido popularmente en toda a bisbarra por ?Bernabel?, ou ?Xesús de Bernabel?. Todas as parroquias da bisbarra de Mondoñedo coñecérono como un home falangueiro, amigo da bouba, das troulas e do parrafeo. Rexo, corpachón, semellaba un vinculeiro de boa casa, con medas de dous anos, priguizoso, moi lugués, galego cen por cen. Sempre ocurrente e satírico nos seus versos, nas súas regueifas de humor e infinidade de contos. Gustaba infindo da farra, da conversa, sin présas. Autodidacta, chegou a exercer de cesteiro de recoñecida sona. Labrego e maquetista artesanal de aparellos da labranza, cabozos, carros do país, etc. Nas derradeiras décadas adicouse a esa deliciosísima vida, xa case descoñecida, que é ir de vagariño, sen présa, sen a que non hai bardo posíbel. Foi unha figura verdadeiramente popular sempre disposto a esmorga. Deixou lenda. Tiña a humildade defensiva característica dos labregos da nosa terra, un humorismo socarrón e unha ?retranca? peculiarmente galega. Unha inspiración evidente e instinto satírico, como xa dixemos.
Moita da súa obra poética está desperdigada por todo o concello e bisbarras limítrofes. No ano 1999 pon ao noso dispor Bernabel, os orixinais manuscritos de unha boa parte da súa obra, para recollela nunha maqueta e editala, que endexamais, en vida se fixo. Ahora quédanos o traballo de recuperar e recoller a que está por ahí nas mans duns e outros. Sería desexábel, o cal propoñemos dende eiquí, editala toda xunta e facela coincidir con unha merescida homaxe das corporaciós galegas pola súa valiosa aportación ás letras galegas.
A xubilación cólleo en bon estado de saude e moitos anos nunca faltou á cita de moitos eventos e as reunións atractivas semanais polas bisbarras e tabernas de Masma, Vilanova ou Mondoñedo.
Nos anos seguintes o seu corpo, noutrora rexo e fornido, ve perder a saúde paseniñamente, non exentos eles de dor e sufrimento.
A morte vaille saír ao encontro. O funeral e o enterro tiveron lugar na parroquia de Vilamor-Mondoñedo co templo ateigado dunha grande multitude de xente que acudíu a despedilo na sepultura onde desde entón repousan os seus restos mortais.
A vida intensa do querido amigo, admirado vate e veciño, deixou entre todos nós unha pegada humana e unha senda de tradicción, de variedade de literatura popular para honra das nosas letras.
|