Catro taxistas e un barbeiro de Lugo aproveitan os tempos mortos entre carreira e carreira para aprender música tradicional coa idea de formar un grupo
A máis confortable das paradas de Lugo, se lla xulga coma local de ensaio para tocar a gaita, é a da Porta de Santiago, onde ten o seu negocio, en paralelo coa ringleira de taxis, Manolo o barbeiro. Non é cousa nin medio estraña nos perruqueiros que trasquilan cabezas de señor de toda a vida, cranios de cabaleiro de corte convencional, teñan afeccións melómanas e enchan de acordes o seu local nos intres que non hai perillas nin patillas que rasurar. Ata fai non moito, en Vigo estaba Liño, o barbeiro de García Barbón que daba clases de violín entre navallas francesas e botellas de loción Flöid cando botaba o peche. Nos seus mellores anos, mesmo chegou a formar unha rondalla.
En Lugo, Manolo non insina, senón que aprende, e está ao mesmo nivel que tres dos catro taxistas que estes días ensaian con el a Danza de Ribadavia. A parede espellada da barbería élles francamente útil para corrixir posturas e ir gañando a prestancia que debe lucir, por definición, un gaiteiro. Pero cando chega un cliente á Porta de Santiago, ben sexa para rapar a caluga ou para pagar unha carreira ata O Ceao, automaticamente os foles desínflanse e cada cal volve á actividade que lle dá para comer.
Entón, os taxistas, José, Alberto, José Manuel, que aínda regresou hai pouco de Barcelona, e Eusebio, gardan a gaita no maleteiro e se desperdigan pola cidade. Logo, grazas á radio, ou simplemente grazas a que Lugo é pequena e é fácil toparse cos compañeiros dando unha volta, os condutores profesionais xúntanse de novo para tocar unha peza noutra parada, moitas veces a de Santo Domingo, a máis céntrica da cidade, onde non ha lugar para o medo escénico porque sempre xorden espectadores. "Eu xa sei que se me poño a esperar clientes nunha parada tocando a frauta ou o punteiro, porque a gaita é moi aparatosa para estar sentado ao volante, en pouco tempo vexo polo retrovisor e teño detrás a un par de compañeiros que tamén a tocan", conta Eusebio Méndez, "porque é moita a afección que temos e moito o tempo morto que aproveitar".
Eusebio, de 52 anos, 20 deles como taxista, quítase mérito pero é, de todos eles, o que máis sabe. En realidade, o amor pola cornamusa latexa nel desde que "de pequerrecho" criouse en Santo Xusto (Pas de Rei), de onde era un dos máis soados tocadores galegos, o máis famoso da Ulloa, Ramiro Villamor. Despois, Eusebio emigrou a Barcelona e Sabadell, traballou como tornero, nunha fábrica de ferramentas, e alí, como tiña as tardes libres, empezou a súa aprendizaxe da man do courelán Xosé Lois Foxo, hoxe director da Real Banda de Gaitas de Ourense, que tamén vivía na capital catalá.
comprou unha gaita, "moi boa, feita por Brañas, de granadillo", a única que tivo na súa vida e que estas últimas semanas viaxou ao taller de Seivane para un recoñecemento, porque "logo de dúas décadas andaba desaxustada". En Sabadell, converteuse en membro activo do Centro Galego Nós, e co tempo aprendeu o suficiente como para iniciar na afección aos fillos dos emigrados, que cos anos formaron grupos como Keipa. "Gústame ensinar, se un día tes tempo, coa frauta douche unhas técnicas e aprendes a tocar unha peza ao momento", promete Eusebio a quen neste preciso momento escóitalle. "Agora, varios dos rapaces aos que ensinei en Sabadell danlle moito mellor ca min, pero ás veces aínda me din que tocan grazas a min".
Despois, con 32 anos, fíxose cunha licenza de taxi, e nunha cidade como Barcelona, de horas de atascos, ritmo frenético, carreiras inmensas e horarios intempestivos, deixou secar a palleta. Eusebio abandonou a gaita e non volveu abrazala ata que cambiou a licenza para Lugo.
Fai uns meses, os seus compañeiros de aquí, oíndoo tocar nas comidas que ás veces organiza o gremio, decidiron que era máis proveitoso pasar o intre na parada aprendendo música que lendo a prensa ou xogando ao tute coa competencia. Foron José, Alberto e José Manuel os que o animaron a envorcarse de novo, de cheo, na súa gran paixón, e máis ou menos desde outubro fan por verse nas paradas para practicar. Das partituras encárgase Eusebio, que leva "unha biblioteca de música tradicional na guantera" e ten por libro de cabeceira Os Segredos dá Gaita de Foxo. Os demais levan o instrumento en cuestión, ou polo menos unha frauta, no coche, e todos (os catro taxistas e o barbeiro) apuntáronse a clases de solfexo en Cantigas e Frores, esa asociación cultural, toda unha institución en Lugo, onde lles imparte a teoría Bruno Villamor, neto do gaiteiro de Santo Xusto.
"É que se queremos ter algunha posibilidade no mundo da música, é necesario que saibamos solfexo", xustifican os taxistas. "Agora, tamén, empezamos a facer os nosos primeiros pasos co tambor, porque se ao final fundamos un grupo, a percusión fai falta". Claro que o tambor non é moi práctico para o taxi. En todo caso, con esta rasca, haberá que recollerse na barbería de Manolo.
The Homens e Proxecto Mourente fan balance tras dous meses ?Detrás da canción?
"Moi contentos?. Esa é a resposta común de Xocas ?o batería de The Homens? e de Carlos Valcárcel ?líder do Projecto Mourente? cando son cuestionados por como se atopan tras dous meses compartindo a experiencia de Detrás da canción, que os ten embarcados nunha viaxe que os levará por máis de 50 localidades de toda a xeografía galega.
Detrás da canción é unha actividade destinada, sobre o papel, a nenos de doce anos en diante co obxectivo de mostrarlles que son capaces de compoñer e gravar as súas propias cancións cun mínimo de calidade e, ademais, que o galego é unha lingua tan capaz como calquera outra para levar a cabo esa actividade, pois está organizada por Política Lingüística.
Todo iso sobre o papel, porque na realidade, nos obradoiros que conduce Carlos Valcárcel ?participa xente de todas as idades, xa tiven xente entre os 3 e os 70 anos?. Pese ás diferencias de idade que se dan en ocasións, ?todo o mundo é moi curioso e ten ganas de aprender?, segundo indica o líder do Projecto Mourente, unha opinión compartida por Xocas, que fai énfase en que a acollida da xente ?está a ser moi boa?.
COA INTERACTIVIDADE POR BANDEIRA
?Interactuamos moitísimo cos rapaces?, sinala o batería dos Homens. ?Pese a que a nosa actuación é en formato concerto, despois de actuar quedamos a falar con eles e logo soben a ver como está montado todo, incluso escoitamos as súas peticións de cancións, como a dunha nena de doce anos da Cañiza que nos pediu que tocásemos a de Púdrete, porque era a súa favorita?, engade Xocas entre risas.
Pola súa banda, Valcárcel destaca o traballo que realizan con ?materiais accesibles para todos, como as famosas tabletas, que teñen aplicacións que simulan instrumentos musicais?.
A pesar da dureza do calendario, que require longas viaxes a vilas moitas veces moi afastadas, Xocas gusta de ver o lado positivo da situación. ?Nós tocando ao vivo é como o pasamos ben, e é unha gozada ter a posibilidade de facelo visitando tantas vilas nas que nunca estiveramos con anterioridade a Detrás da canción?. Carlos Valcárcel destaca tamén a oportunidade que supón ?aprender de xente como The Homens ou de Tomás Axeitos, o técnico de son?.
Non obstante, tamén hai aspectos máis duros, ?como as viaxes de volta en coche?, como apunta o responsable do Projecto Mourente, pero, como ben di o integrante dos Homens, ?máis duro é levantarse todos os días e non ter traballo?.
Que pasará cando isto acabe? Ninguén o sabe aínda, pero ?estaría moi ben que durase, e con máis tempo, porque dúas horas por evento son moi poucas?, conclúe Valcárcel.
14/01/2011 Pontevedra 18:00 no Teatro Principal de Pontevedra? Fac. CC. Socias e da Comunicación?
15/01/2011 Lalín 18:00 Auditorio Municipal
16/01/2011 Fisterra 18:00 Edificio do Concello
21/01/2011 Tui 18:00 Área Panorámica
22/01/2011 Padrón 18:00 Centro Social
23/01/2011 Marín 18:00 Biblioteca
04/02/2011 Santiago de Compostela 18:00 Facultade de Ciencias da Información
05/02/2011 Ribeira 18:00 Confraría de Pescadores
06/02/2011 Negreira 18:00 Casa da Cultura
11/02/2011 Vilagarcía de Arousa 18:00 Obradoiro Municipal de Emprego
12/02/2011 Boiro 18:00 Centro Sociocultural
13/02/2011 Muros 18:00
25/02/2011 Vigo 18:00
A organización do serán de Prado da Canda do 2011 esta a piques de rematar. O local onde se celebrará o serán xa esta acondicionado, a falta dalgúns detalles de ultima hora pódese dicir que o local esta preparado para acoller ao publico que decida visitar a nosa aldea o vindeiro 15 de Xaneiro.
Aquí podemos ver un vídeo do serán celebrado no 2010. Este vídeo foi realizado por uns amigos da Asociación de Veciños, que acoden ao noso serán dende a primeira edición.
"Ayes de mi Pais" o primeiro cancioneiro musical galego, preséntase no Pazo de Tor.
Lugar: Pazo de Tor (Monforte)
Data: sábado 8 de xaneiro
Hora: 20.30 h
Acto: presentación cos autores da edición crítica, José Luis do Pico Orjais e Isabel Rei, + recital de guitarra sobre teams do cancioneiro.
O Pazo de Tor, nas inmediacións de Monforte, acollerá a presentación do primeiro Cancioneiro musical galego, coetánea de pezas populares até agora inédito na súa versión completa. Precisamente nos ambientes da fidalguía pacega foi onde se desenvolveron as sensibilidades e se reinterpretaban estes temas nas soirées ou veladas musicais a mediados do século XIX, moi á moda europea nesta altura. Por esta razón haberá un pequeno concerto de guitarra no acto de presentación.
Marcial Valladares e a súa familia, mantiñan esta costume no seu pazo de Vilancosta (A Estrada) e froito das recolleitas de campo sobre o folkore galego e a súa relación con outros intelectuais e músicos da época, conseguiu formar unha colección de cantigas e melodías moi ricas que nunca se publicaron na súa integridade e que agora ven a luz nunha exhaustiva edición do historiador José Luis do Pico Orjais e a da intérprete e investigadora Isabel Rei. Unha publicación moi completa cunha ampla contextualización histórica e material gráfico así como as partituras orixinais e unha transcrición moderna das mesmas.
Comeza o ano 2011 cunha Noite de Tasca Especial adicada aos tradicionais Cantos de Reis ca presenza de varios grupos convidados: o Grupo de Música Tradicional de Ordes, as Pandereteiras das Encrobas de Cerceda, as Pandereteiras "Xentiña" de Trazo, o grupo "Os Reiceiros" da Pontecarreira (Frades) e o coro "Arumes da Fraga" de Cecebre (Cambre)... e todos aqueles que se queiran apuntar.
A cita é no Bar BEMARO (ao lado do concello de Tordoia) a partir das 21:30h.
Continúa o Concurso de Aturuxos ca 4ª eliminatoria,con agasallos para os clasificados, anotádevos!
Colaboran con nós: O Concello de Tordoia e a Asociación O Buxo.
O Grupo de Gaitas OS VIQUEIRAS vos desexan unhas Boas Festas e un Feliz Ano 2011!
Furancho en Matamá onde tomarlle algo, tanto sólido como líquido. Lugar de encontro de toda a xente que lle gusta e aprecia a nosa música tradicional e non tan tradicional, con actuacións e música en vivo.
De venres a domingo dende o 7 de xaneiro ata o 6 de marzo. Achégate e non esquezas o teu instrumento...
O programa "Alalá" lembrará esta noite as tradicións e costumes musicais que viven os galegos nestas datas de Nadal, desde o día e Noiteboa ata pasada a festa de Reis, pois o ciclo musical ía pasando polos aguinaldos, o Nadal, as xaneiras, os manueles e, por suposto, polos cantos de Reis, que en lugares como Gudiña ou Avión duraban varios días. Hoxe o equipo do programa xunta esforzos para recuperar algunhas destas tradicións de Nadal e para pedirlle a algún Rei Mago que nestes tempos de crise, amais de traballo para todos, nos traia tamén un paquetiño de muiñeiras, valses e maneos para darlles alegría ao corpo e ao espírito.
Desde que o equipo de Alalá comezou a súa andaina anos atrás descubriu que algunhas destas tradicións desapareceron, outras seguen vivas e tamén hai algunha que está empezando a recuperarse. Aínda así, vén observando que no sur da provincia de Pontevedra, na zona de Tui, xa non quedan aqueles ranchos de Reis familiares que percorrían ducias de quilómetros cantando e bailando para gañar uns cartos; pero segue habendo lugares como Ríofrío ou Guláns onde as danzas de arcos, fitas e castañolas se seguen a celebrar. Pola contra, noutros lugares de Galicia este tipo de música case desapareceu, caso do Piornedo.
Nova edición de ?Música baixo as estrelas?, con Xabier Díaz, Guadi Galego e Guillerme Fernández, no Planetario da Casa das Ciencias
Mércores 5 e venres 7 de xaneiro
Planetario da Casa das Ciencias
Dous pases: ás 20:00 e ás 20:45 h. cada día
Entradas: 5 euros (á venda nas oficinas do IMCE na praza de Ourense, abertas en horario de 9:30 a 13:30 e de 16:30 a 19:30 horas, así como no teléfono 902-504500).
O Planetario da Casa das Ciencias acolle unha nova edición dos concertos "Música baixo as estrelas", onde os artistas Xabier Díaz, Guadi Galego e Guillerme Fernández interpretarán pezas musicais acompañadas de imaxes dixitais proxectadas na cúpula do Planetario. Nos mismos días dos concertos, se non se completase aforo (79 prazas) poderán comprarse tamén na recepción da Casa das Ciencias.
Prezo: 5 euros
Entradas á venda dende o 27 de decembro:
-Na praza de Ourense de 09,30 - 13,30 e de 16,30 - 19,30 hrs
-Por teléfono: 902 504500
Os días dos concertos venderanse entradas na propia Casa das Ciencias, se non se completou aforo.
O día 6 de xaneiro ás 7 da tarde, terá lugar nas Cortellas (Padróns-Ponteareas) a representación dos cantos e danzas tradicionais de Reis.
Un ano máis queremos convidarvos a todos a que compartades con nós esta tradición.
Como sempre, despois dos cantos e danzas de Reis, terá lugar un Serán no que poderedes participar todos aqueles que o desexedes.
Achegádevos ás Cortellas para formar parte desta tradición que segue en pé un ano máis.
Comunicádello a todas aquelas persoas que poidan estar interesadas.
Un saúdo.
Cela é a derradeira parroquia de Bueu e unha das poucas do Morraso onde aínda se sae a cantar polo Nadal. Agora só os días de Noiteboa e Nadal; antigamente saíase tamén por Reis.
Como vedes cántase en catro pernadas dunhas catro ou cinco persoas cada unha. O cantar consta de entrada, romance ("A Belén camina") e petición de aghinaldo. Acompaña coa ghaita o Sr. José Entensa
VISITA DOS REIS MAGOS E CANTOS DE REIS EN RAMIRÁS.
As SS.MM. os Reis Magos de Oriente chegaran a Ramirás o vindeiro día 5 convidados pola Asociación Rebulir e o Concello de Ramirás. A comitiva irá integrada por paxes e diferentes servintes dos Reis, así como gaiteiros, músicos e cantadores que lles darán a benvida. O programa que seguirán será o que a continuación se describe:
15.30 h - Saída da comitiva da Praza de San Andrés (Vilavidal)
16:00 h - Visita ao Centro Xeríatrico residencial de O Mosteiro.
17:00 h - Animación Infantil no Centro Sociocultural de O Picouto.
17.30 h - Recepción Oficial no Centro Sociocultural de O Picouto. Aquí serán recibidos por diferentes autoridades, xunto co grupo de música de tradicional Rebulir. A continuación adicaránlle unhas palabras aos máis cativos e escoitarán as súas peticións para esa noite.
18:30 h - Recuperación dos Cantos de Reis por diferentes pobos do Concello.
20:30 h - Despedida das SS.MM.
Un ano máis e visto o éxito do pasado ano, ao chegar a noitiña desta xornada tentaremos recuperar os Cantos de Reis, que xa parecian esquecidos neste Concello Ourensán. Así iremos casa por casa entoando pezas típicas desta época do ano, pedindo aguinaldo, que en moitas ocasións é de caracter económico e noutras é o convite a un viño e un pedazo de rosca.
Para máis información poden chamar ao 639 908 005 ou ben no enderezo electrónico rebulir@hotmail.com.
Como agasallo do Apalpador temos un novo recurso en internet, a versión electrónica do libro de Pablo Carpintero "Os Instrumentos musicais na tradición galega"
Textos, fotografías, videos,... un grande traballo
Cando chegou ás nosas mans a enciclopédica obra ?Os instrumentos musicais na tradición galega? soubemos que estabamos ante un verdadeiro fito na investigacións e difusión da cultura sonora do país. O traballo que encerra é un completísimo estudo, serio, fondo, rigoroso, sistemático, nos tempos de hoxe e doutrora, na vida e na arte, de máis de 150 instrumentos musicais e útiles sonoros empregados en Galicia; onte de forma popular e que hoxe aínda manteñen, en distinta medida, a súa presenza.
Nesta ópera magna Pablo Carpintero Arías, etnomusicólogo, sintetizou en textos e estudos os dezaseis anos de investigación que hai por tras; Xoán Ramón Marín achegou deseños de liñas limpas e claras que facilitan a comprensión dos instrumentos, e o proxecto Ronsel de colaboración entre a Consellería de Cultura, a Axencia Galega de desenvolvemento e as Universidades Galegas, facilitou o soporte material. Por último, a Difusora de letras, artes e ideas, realizou un magnífico traballo gráfico de fotografía, deseño e concreción plástica en forma de grande libro. A opinión pública galega así o recoñeceu a través do galardón Losada Diéguez ao mellor ensaio publicado no 2009.
Porén, desde o Arquivo Sonoro de Galicia, desde o Consello da Cultura Galega, pensamos que a unha obra que se achegase aos instrumentos musicais da tradición, a un proxecto de posta en valor do patrimonio cultural inmaterial, éralle moi conveniente e preciso nestes tempos de avanzada tecnoloxía global, unha versión que permitise tanto a difusión instantánea en todo o mundo, como o engadido dun utilísimo complemento de imaxes e sons correspondentes á música realizada con cada instrumento.
Grazas á xenerosidade e comprensión de autores e patrocinadores foi posible realizar este traballo de reelaboración do libro. Sen dúbida, Pablo Carpintero engadindo estes sons e imaxes, estas músicas que podemos oír e esas formas de tocar os instrumentos que vemos tamén da súa man, gravadas nos estudos da Radio Galega por Pablo Barreiro como técnico de son e por Alba Vázquez Carpentier como técnico de imaxe, dá un novo paso no peche dunha obra maxistral, que é desde xa, o canon dos estudos sobre os instrumentos musicais de Galicia.
Afonso Vázquez Monxardín
Secretario do Arquivo Sonoro de Galicia
O web no que te achas contén información de distinta índole sobre os instrumentos musicais tradicionais galegos. Nela poderás achar unha descrición detallada de cada instrumento musical, os seus nomes tradicionais, a súa historia e tamén información sobre quen, cando, como e onde se tocaba, entre outras cousas. Tamén poderás ver fotografías e deseños dos instrumentos, realizados por Ramón Marín, así como un vídeo onde poderás ver como se toca e como soa cada instrumento musical.
Neste web tes varias seccións deseñadas para que o acceso á información che sexa máis doado:
?Índice de instrumentos:
-Os idiófonos
-Os membranófonos
-Os aerófonos
-Conxuntos instrumentais
?Recursos
?A introdución orixinal do libro
?A clasificación técnica de Hornbostel e Sachs,
?A clasificación galega dos instrumentos musicais,
?A bibliografía que se empregou para escribir o traballo.
Programa de Camín de Cantares pre dedicar un capítulo a José, un vecín da Legúa na zona de Os Coutos de Ibias.
José e gaiteiro pero tamén sabe muitas cántigas vellas de aquela terra. Ten un repertorio interesantísimo de gaita, escuitado os gaiteiros dos concellos de Ibias, Navia de Suarna ou A Fonsagrada e tamén unha interesante técnica tocando propia tamén de esta zona.
Cantóunos romances e tocóunos jotas, muiñeiras, rumbas e outros agarrados. José e un gran paisano además de ser un gran gaiteiro.
A reelaboración do programa vai ser feita polo grupo "A rabil", este grupo de zanfonas formóulo Merce Santos na "Escuela de música tradicional La Quintana" de Xixón
AGADIC e Músicos ao vivo editan un manual de boas prácticas para contratar músicos
Como contratar músicos, emitir facturas, pagar cotas de seguridade social ou as obrigas fiscais á hora de repartir o caché son algunhas das cuestións que se tratan no Manual de boas prácticas que acaban de publicar a Axencia Galega das Industrias Culturais en colaboración coa asociación galega de Músicos ao Vivo. O texto, dispoñible en pdf pretende contribuír á dignificación deste traballo e resolver dúbidas básicas no sector, así como fomentar o cooperativismo entre os intérpretes.
Durante a vida de cada un, o longo de ese camiño que percorremos, atopamos faros, iconos, persoas que admiramos e respectamos e tomamos de exemplo e guía polo moito que significaron para nos.
Na miña "atrevida" incursión no mundo da gaita e a música tradicional tiven a gran sorte de tropezar con algúns deses "faros" que se volcaron conmigo, que me guiaron e me levaron polo camiño, as veces agradable, as veces tortuoso pero sempre gratificante da nosa música.
Aquel ano 1979, cando o mestre do colexio do Hio, actual CEIP, D. Luis Pérez ensinoume a sentir a música e a sacar notas daquela flauta, dinme conta que gran parte do meu percorrido pola vida estaría cheo de notas musicais. Chegou Anxo Gago "Lito", e coa primeira gaita nas mans, conseguiu sacar de min muiñeiras, pasodobres, xotas?.
Fora da protección das paredes do centro escolar, con 15 anos e xa como compoñente do grupo de gaitas "Buxos Verdes", José Gutiérrez, "José da Chamiseira" puliume e consolidoume coma "gaiteiro", ensinándome pezas do repertorio dos "Airiños do Mar" e o máis importante, a ser coidadoso coa afinación e os instrumentos. Con Nazario Gonzales "Moxenas" ou Iván Costa, traballei outros estilos e participei con formacións descoñecidas ata entón por min.
Pero, entre todos estes grandes "faros", un alumeou con máis forza: Manolo Fernandez "Lucho", icono e guía, coma persoa e coma gaiteiro, persoeiro que sabe e ama este instrumento e de quen aprendín o significado completo de ser un "gaiteiro".
Lucho di que un gaiteiro non é aquel que move máis veces por minuto os dedos, nin o máis virtuoso, nin o que toca máis pezas, nin o que ten a gaita máis cara, nin o traxe máis bonito, nin moito menos o que leva a gaita ó lombo. Ensinoume respecto. Respecto polos que consideramos mestres e referencias, pero tamén polos que están ao noso carón, polos que tocan pezas sinxelas, polos que vemos "pouco afinados", polos que creemos "fora de ritmo", porque todos eles teñen algo que ensinarnos, algo que nos falta aínda coma gaiteiros.
Di que de todos temos algo que aprender, e sempre respectar, porque entre todos conseguimos que a nosa gaita non desapareza, que non se desvirtue o seu deseño polas "importacións" de outros países, que o seu "son" puro nos identifique coma galegos e nos axuda a transmitir e perpetuar esta fermosa e sonora parte da nosa cultura, da nosa esencia coma pobo. Lucho foi o que me amosou o significado da humildade dentro de este mundo.
Moito teño que agradecer, eses consellos non só me axudaron no mundo da gaita se non tamén na travesía da vida. "Maestro": grazas por todo, por estar atento a min, a miña familia, por levar no corazón a Vilariño e súas xentes e por suposto por amar e ensinarme a amar a nosa música, a nosa gaita. Estas notas, por vostede e por nos, seguirán soando entre a brétema do mar e a profundidade do bosque por sempre.
Berrogüeto afronta os seus quince anos de historia co propósito de facerse un oco no mercado americano - "Soñamos con xubilarnos nesta banda"
Ao final todos terminamos atopándonos coa nosa particular madalena de Proust. Moitos dos sete integrantes de Berrogüetto percibiron ese inconfundible aroma do tempo pretérito hai algo máis de dúas semanas, durante o tradicional concerto de Nadal da Universidade de Vigo, cando nove cantareiras de Cantigas e Agarimos irromperon, riseiras e esplendorosas cos seus traxes de encaixe, sobre as táboas do vello teatro García Barbón. Imposible que aquela estampa non se lles mesturase na memoria coa doutra noite mítica, nese mesmo lugar pero quince anos atrás, cando presentaban os temas que conformaban o seu álbum inaugural, Navicularia. Entón tamén houbo cantareiras, sons da terra, unha platea entregada e unha interpretación de O mandil que terminou co público en pé.
"Foi bonito lembralo, sobre todo porque naquel concerto iniciático houbo, poderiamos dicir, moita química", recapacita cunha cervexa na man e algo máis que retranca Quim Farinha, o violinista da banda. As miradas diríxense entón ao acordeonista do grupo, Santiago Cribeiro, que captou a indirecta e dúbida entre facerse o enfadadizo ou, simplemente, arroibar. En efecto, unha daquelas airosas raparigas con pandereita que participou no concerto de 1996 é hoxe a súa compañeira e nai de dúas churumbeles; os únicos vástagos, de momento, da familia Berrogüetto. Por pouco tempo: Quico Comesaña (buzuki e arpa céltica) quixo porse ao día e espera xemelgos para a primavera.
Unha noite de canas e un posterior almorzo cos integrantes do septeto dan para unhas cantas batallitas, pero este sete cordiais emisarios da música tradicional galega pugnan por eludir a sempre tentadora nostalxia. Xorden historias de tempos precarios, de birlos en locais recónditos por apenas 100.000 pesetas, de furgonetas nas que era imposible non acabar coas posaderas derrengadas.
Pero as conversacións conxúganse mellor en tempo futuro. "2010 foi un bo ano, en termos creativos e de supervivencia, e iso axuda a mirar cara a adiante", resume Cribeiro. E o percusionista Isaac Palacín, sempre expresivo, apontoa: "Berrogüetto é un proxecto o bastante ilusionante como para que soñemos con xubilarnos no seo desta banda. Apreciámonos, coñecémonos, vímonos moitas mañás coas legañas nos ollos, toleramos as peculiaridades de cada cal. E fundar un novo grupo desde cero resulta esgotador. Xa o comprobamos cando se disolveu Matto Congrio e eu non estou disposto a revivir esa experiencia".
Matto Congrio? Uf, vaia que se choveu. Algúns o consideran o grupo seminal na eclosión que a música tradicional galega experimentou durante a década do noventa. Alí coincidiron moitos dos actuais berrogüettos con outro personaxe moi ilustre, Carlos Núñez. "Aquela foi unha banda dun só disco, seguramente sobrevalorada polos cronistas musicais", mencionou nalgunha ocasión o gaiteiro vigués. Pero, a final de contas, foi o viveiro do que xurdiron o noso solista máis internacional e o grupo que máis eloxios suscitou durante este tres últimos lustros.
Porque Berrogüetto cumpre neste 2011, precisamente, o seu primeiros quince anos de historia. E a criatura parece gozar de espléndida saúde. A tempada preséntase ilusionante porque será testemuña da publicación dun DVD co concerto que o grupo ofreceu o 13 de novembro no Auditorio de Galicia compostelán. Oito cámaras de TVG rexistraron cada detalle da velada, así que a edición intúese prometedora. Pero, sobre todo, o ano novo suporá o primeiro gran asalto ao mercado americano, con xiras xa confirmadas por México e Canadá e a posibilidade de que á folla de ruta tamén se incorpore Brasil.
"A expansión alén do Atlántico supón agora o noso reto natural", reflexiona o sempre locuaz e polifacético Anxo Pintos -zanfona, gaitas, saxos, violíns- nun extremo do seu sofá. "As posibilidades de crecer no resto da península son as que son: limitadas. Tantos anos despois, seguen existindo suspicacias e unha certa hostilidade entre unha parte do público. Cando actuamos en Madrid, os propios xornalistas dannos a entender que un grupo con cancións en galego é sospeitoso de nacionalismo. Poida que de nacionalismo radical con aspiracións separatistas..."
O seu medio sorriso é irónico, pero tamén un chisco amargo. O certo é que a recente quinta entrega discográfica da banda, Kosmogonías, despachou case 4.500 exemplares -unha cifra moi honrosa nestes tempos de vendas desmoronadas-, pero só un 20% delas son de máis alá do pano de grelos. "De aí a nosa ilusión por abrir o abano e expandirnos. E, ademais, de propiciar colaboracións con artistas afíns". O concerto do 15 de decembro no agora teatro Novacaixagalicia foi un bo exemplo nesa dirección. Berrogüetto compartiu case media hora de concerto coa cantante zaragozana Carmen París, que se atreveu co galego en tres pezas. "Foi unha experiencia preciosa", repetía a jotera. Entre uns e outros, a conxura é firme: ao longo de todo este 2011, ese berro do pobo que dá nome ao grupo ha de resultar ben audible desde calquera confín. Salvando mares, océanos, apertas financeiras e todo canto se interpoña.
Corta feira 5 (Mércores)
? Música baixo as Estrelas (Guillermo Fernández, Guadi Galego e Xabier Díaz)
no planetario da Coruña
? Foliada de Reis no Furancho da Balsa (Matamá-Vigo) a partires da 01:00
Quinta feira 6 (Xoves)
? Danza de Reis en Riofrio (Mondariz) ás 12:30
? Danza de Reis en Santa María (Salceda de Caselas)
? Pablo Díaz ás 18:00 en Bueu (Pontevedra)
? Foliada de Reis na rúa Principe (Vigo) ás 18:00
? Cantos e danzas tradicionais de Reis nas Cortellas (Padróns-Ponteareas) ás 19:00
? Serán nas Cortellas (Padróns-Ponteareas)
Sexta feira 7 (Venres)
? Danza de Reis en Guláns (Ponteareas) ás 12:30
? Música baixo as Estrelas (Guillermo Fernández, Guadi Galego e Xabier Díaz)
no planetario da Coruña
? Folk Focus no Esmorga (Ourense) ás 21:30
? Pesdelán no FNAC da Coruña
? Noite de Tasca no bar Bemaro da Pontepedra (Tordoia-A Coruña)
Sábado 8
? Leite de nai no Esmorga (Ourense)
? III Seran de Silvoso (Pontecaldelas) no adro da festa
Domingo 9 ? Mamá Cabra no Salón Teatro de Santiago de Compostela ADIADO
? Festival Implícate: Leilía, Som do Galpóm, Woyza no Teatro Principal de Compostela ás 20:30