Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Dance galego
Normalizar a lingua en todos os ámbitos

DJSON1C, disc jockey
Prepara un novo single para marzo, de novo en galego.

A festa non vai parar/ Contigo quero xogar/ Esta noite voarei/ co son dance do meu DJ. É a canción de moda esta semana, que podería espallarse polas discotecas de todo o país. Iso sería un país normalizado, un país normal. Polo de agora pódese escoitar na rede (en descarga gratuíta no portal moguda.com) e na Discoteca Tattoo da Estrada. Alí é DJ residente DJSON1C, o autor do primeiro éxito dance en galego, que puxo na voz da catalana Isis. En febreiro escoitaremos a versión en inglés de A festa non vai parar, e en marzo un novo single, de novo en galego.

Comezaches a facer sesións de dance moi novo, con 16 anos. Como che deu por aí?
Sempre me gustou o dance, sobre todo despois de escoitar a artistas como Gigi D'Agostino ou Gabry Ponte. Daquela comecei a gravar cousas na casa e a envialas a radios. E xa con 18 anos empecei a pinchar en salas: na Apolo de Santiago, na Albatros da Coruña, na Alta Tensión de Ordes, ou na Bambina da Coruña.

E agora na Estrada...
Si, en Tattoo todos os sábados. E na radio, en Cuac FM os xoves e Loca FM os venres.

É doado publicar dance no Estado Español?
Non, está moi mal a cousa dende hai uns anos. Por exemplo eu tiven que sacar o meu primeiro single, Fall in Love, en Italia. E en Italia xa entrou en catro recompilatorios, pero non en España. E o segundo single colgámolo na rede para descarga gratuíta.

A festa non vai parar está sendo un éxito. Por que te decidiches a facer unha canción en galego?
Foi cousa sobre todo dos meus produtores, Mak&Sak. Eles levan a miña discográfica, Moguda.com, un portal catalán de música. Fan todo en catalán e están arrasando alí, e preguntáronme por que non facía unha canción en galego, que seguro que ía gustar. E tiñan razón.

Na Estrada gústalle á xente?
Si, está gustando moito. A xente vólvese tola cando a poño.

Vas seguir gravando en galego?
En marzo sacarei un novo single, tamén en galego. Antes farei a versión en inglés de A festa non vai parar, para distribuíla en todo o mundo.

E quen é Isis? É galega?
É a miña cantante e vaino ser en todas as cancións. Non é galega, é catalana e contactei con ela a través da discográfica.

Cales son para ti as tres mellores discotecas de Galiza?
A mellor é Queen, en Porriño, pola música. A segunda, tería que dicir a LP45 (Ordes) ou a Hermo de Muimenta; LP45 leva uns anos de capa caída, pero segue tendo máis variedade de música e de estilos. E terceira, teño que quedarme coa Tattoo da Estrada. E non porque pinche eu alí, senón porque a música en xeral é boa, á xente gústalle o dance e pódense poñer dúas ou tres horas de dance cada noite.



www.vieiros.com
Comentarios (1) - Categoría: Novas - Publicado o 17-01-2008 08:43
# Ligazón permanente a este artigo
Jazz galego
A escena do jazz galego afianza a súa presenza

No 2006 e o 2007 recolléronse excelentes colleitas no jazz galego, con máis dunha trintena de gravacións en total. Este recentemente estreado 2008 comeza con forza e xa hai un bo puñado de proxectos esperando presentación.

Para estes primeiros días do ano ultímase a publicación da nova entrega do pianista santiagués Abe Rábade. Trátase do esperado GHU! Project vol.2., que levará por título Open Door s, gravado a finais do pasado verán no Porto en formación de septeto . O intérprete compostelán abrirá tamén outra fronte no seu achegamento á música tradicional, como xa sucedeu con Nordestin@s, cun novo traballo no que pon música aos poemas de Rosalía e nesta ocasión usará as voces de Guadi Galego e Anxo Angueira .

Outra presentación esperada é o terceiro proxecto do trío compostelán Sumrrá, unha gravación en directo rexistrada o pasado mes de xullo en varias sesións en sálgaa Nasa. Pola súa banda, Xacobe Martínez, contrabajista de Sumrrá, tamén está implicado no proxecto en cuarteto Pin. Cirera. Legido. Martíne z. Das novidades discográficas do jazz galego para este mes de xaneiro destaca tamén o segundo traballo da cantante Terela Gradín, Pascala, que nesta ocasión asina co excelente pianista e habitual colaborador Manolo Gutiérrez, nun álbum que inclúe composicións orixinais e recreacións de temas de Radiohead e Wayne Shorter. O guitarrista Pepe Evanxelista publica Teima, o seu primeiro proxecto discográfic ou, xunto ao contrabajista Kin García, o batería Miguel Cabana, e o saxo Roberto Somoza, intérprete que xa está metido no estudo para gravar o seu terceiro disco como líder.

www.lavozdegalicia.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 17-01-2008 08:42
# Ligazón permanente a este artigo
Colección "Pel e madeira"
O IGAEM e a casa editora Dos Acordes veñen de poñer en marcha unha nova colección de partituras que, baixo o título ?Pel e madeira?, recollerá o repertorio básico para gaita e percusión galegas.

Baixo a dirección artistica do gaiteiro Suso Vaamonde e do percusionista Xosé Lois Romero, que levan traballando dende hai anos nesta iniciativa; e a dirección editorial de Javier Jurado, o proxecto está concibido inicialmente como a publicación periódica de cadernos de partituras de música tradicional e popular galega, arranxada para formato de cuarteto tradicional (dúas gaitas, tambor e bombo) e cunha clara finalidade didáctica.

Preténdese, deste xeito, crear un fondo documental que compile o repertorio máis común entre os gaiteiros, e, sobre todo, producir material gráfico que incentive o desenvolvemento técnico e estético da percusión tradicional galega. Con este obxectivo, a selección de partituras abrangue todos os niveis de dificultade, dende o de iniciación ata o de perfeccionamento.

Pero o novo desta proposta está no dobre CD que acompaña a edición das partituras. Neles, o oínte poderá substituír calquera dos catro instrumentos que soan na gravación (executados polos propios autores) pola súa propia interpretación en vivo, usando para iso o selector de balance L-R que posúe calquera equipo de audio. Isto permitiralle practicar individualmente o seu propio instrumento formando parte dun ?cuarteto virtual? (na xerga anglosaxona, play-a-long). As principais vantaxes deste sistema son o desenvolvemento da percepción auditiva e da capacidade de imitación do oínte, alicerces fundamentais da cultura tradicional, e a súa correspondente representación na escrita.

A produción da colección, que sairá á luz en primavera de 2008, conta coa colaboración da Radio Galega, xa que nos seus estudos gravaranse os masters que a compoñen. A periodicidade prevista é dun volume anual, cunha tiraxe de 400 exemplares. Cada copia irá presentada nunha carpeta que incluirá o libreto xeral de música impresa máis catro caderniños coas partes (gaita primeira, gaita segunda, tambor e bombo), así como os dous CD de audio (gaitas e percusión).

www.gaiteirosgalegos.com
Comentarios (1) - Categoría: Novas - Publicado o 16-01-2008 00:59
# Ligazón permanente a este artigo
Malmequer destacado en Blogoteca.com
A BLOGOTECA SUPERA OS 1000 BLOGS
Feitos por galegos e en galego.


Despois de ano e medio de traballo, o sistema galego e en galego de creación de blogs, BLOGOTECA.COM, xa son máis de 1000 os blogs subscritos, e máis de 10.000 as fotografías subidas a disposición dos visitantes.

Unha media de 65 blogs se crean ao mes dentro deste sistema, e un 95% deles son feitos por galegos e en galego.

A Blogoteca foi o primeiro sistema de xestión de blogs de Galicia, e nestes momentos xa é toda unha referencia grazas a todos e todas as usuarias que están usando e confiando no noso sistema, isto leva a que a día de hoxe xa sexan 10.000 as visitas e 47.000 as páxinas visitadas cada día, o que fixo que no último mes sexan 396.345 as visitas reais á web e 1.162.455 as páxinas vistas.

Os blogs son de todo tipo, desde quen os aproveita para emitir os seus pensamentos máis íntimos ata o que colga as fotos dos seus viaxes, ou dos pinchos que vai tomando polos diferentes bares, ata asociacións culturais e políticas que aproveitan estes blogs para darse a coñecer de xeito gratuíto, ou personaxes como Sechu Sende, Vicente Montoto, Benedicto de Voces Ceives, etc.

Temos que destacar sobre todos estes blogs, www.blogoteca.com/malmequer, que con 746 artigos é o máis activo da nosa rede.

www.blogoteca.com
Comentarios (2) - Categoría: Novas - Publicado o 16-01-2008 00:53
# Ligazón permanente a este artigo
Curso de afinación de gaita en Callobre
Os dias 19 e 20 de Xaneiro (Sábado e Domingo) imos realizar un curso de afinación de gaita tradicional galega no Centro Cultural de Callobre (A Estrada).

O Programa é o seguinte:
-Afiado e preparación da navalla
-Elección da palleta
-Empalletado e afinación da palleta no punteiro
-O pallón (fabricación e afinación)

O ponente será D. Juan Casalderrey Rodríguez, gaiteiro, palleteiro e mestre de fabricación de palletas.

O prezo por alumno será de 45 Euros, e inclúe: Unha navalla, un xogo de lixas, uns apuntes e a comida do sábado, dado que o curso ese dia (sábado) será de mañan e de tarde.

Para mais información e inscripción pódese chamar aos tels. 630 875 924
e 616 992 904
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 16-01-2008 00:53
# Ligazón permanente a este artigo
Primeiro disco de Cantatí
MiracomoVeño, cunha borracheira de cancións doutro tempo que son de tódolos tempos, cando se cantaba nas casas, nos traballos e por suposto, nas festas.

Cantatí, somos 4+4 rapac@S que mesturando cancións tradicionais, recollidas das mellores uvas, cunha miguiña de composicións propias e un arrecendo nas voces con sinxelos arranxos musicais, tentamos devolver esas cancións sacadas dos mellores acios convertidos nuns caldos para uso e goce do persoal. Vimos cheos de tinto de alegría e branco de ilusión para berrar con forza máis dunha canción.

Este álbum é o produto de catro anos de traballo, "dende que decidimos xuntármonos catro rapaces e catro rapazas que estabamos en varias asociacións da cidade relacionadas coa música tradicional, como son Cántigas e Frores, Reviravolta, María Castaña e A Volta do Agro".

Da xeira de recollida que foron facendo por diversos lugares de Galicia, Portugal e Sanabria (Zamora), tiraron un repertorio no que fixeron unha escolla de 16 pezas "nas que quixemos dar unha visión variada do canto tradicional, introducindo cantos de sega, de entroido, de mazar o liño, de fiadeiro, de taberna e romances".

A maiores dos temas que colleron da tradición, hai outros que lles foron fornecidos por outros afeccionados ou por outros colectivos. De feito, Cantatí mantivo intercambios con Os Birimbaos de Ourense e máis co Grupo de Música Popular, da Universidade de Minho (Braga) e do músico lugués Juan Parga.
Hai tres temas que figuran no disco e que son composicións de integrantes do grupo; trátase dunha jota de Manuel Vázquez, un vals de Xabier Iglesias e unha melodía de muiñeira que foi composta por Antón Méndez cunha letra popular.

www.cantati.es
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 16-01-2008 00:51
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevista a Cantatí
O Cantatí chámase así porque comezaron denominándose Canta ti que a min me dá a risa.

Antón Méndez, un dos seus integrantes dende que fundaron o colectivo no 2004, comenta que se puxeron ese nome ?porque somos moi dados a bromear nos ensaios cambiando as letras?. Esas chanzas acontecen nada máis que nos ensaios porque Cantatí caracterízase por ser radicalmente fieis á música tradicional. Unha mostra é o seu disco Cantigas de antonte, que se entregou El Progreso, dentro da campaña Nadal para todos, que promoven este diario en colaboración con Cáritas Diocesana.

?¿Que se pode atopar no disco Cantigas de antonte?
?Pois incluímos panxoliñas tradicionais, O nacemento e Reis en Nullán. Son cancións da Nadal recollidos nos Ancares leoneses, no caso de O nacemento; e en Nullán, nas Nogais, no caso de Rei en Nullán. Ambos os temas abren e pechan o disco. A maiores, aparecen catro temas do noso repertorio, que son Antroido, Linho Mourisco, Nodaiga, Vals Voda, De Courel a Nogais e Cuba.

?A instrumentación que se escoita en Cantigas de antonte é moi sobria, ¿vaise manter ese espírito nas súas actuacións en directo?
?O espírito vaise manter porque queremos ser fieis á música tradicional, sen instrumentos que lle son alleos, como poden ser as baterías ou as guitarras eléctricas. Entendemos que é unha evolución, pero non nos gusta porque lle dá un carácter artificial aos temas. Nós preferimos cinguirmonos ao tradicional mantendo as melodías e o xeito de cantar, e engadimos arranxos instrumentais e polifonía, algo que non era moi frecuente.

?¿Os seus informantes nas recollidas que fixeron para os temas do disco usaron instrumentos ou cantan a capela?
?A maioría non usa nada, aínda que hai quen se acompaña cunha pandeira ou un pandeiro. Nós tratamos de facer a música tradicional tal e como sería se estivese viva. Aquí non acontece como en Andalucía, onde a música popular acabou convertida en música oficial, sobreviviu e evoluiu.

?¿Cales son as razóns para que morrese a música tradicional galega?
?Nas vilas e aldeas foi desaparecendo porque os mozos foron marchando e os rapaces son os que tiñan gañas de diversión e mantiñan esas pezas. Logo están a chegada da radio e as bandas modernas.

?No seu repertorio recollen pezas de recoller o liño ou de seitura, actividades que non facían soamente os novos.
?Si, eran cantos que acompañaban o traballo e o facía máis levadeiro. O liño desapareceu e a maquinaria acabou cos cantos noutras tarefas. As muiñeiras e as jotas se perden porque xa non hai polavilas nin fiadeiros. Tratamos de rescatalos da memoria e darlles vida outra vez.

?¿Fan a recollida individualmente ou van como Cantatí, en grupo? ¿É sistemática?
?A recollida faina cada quen co colectivo ao que pertence. A recollida é profesional e sistemática. Hai que ir pola zona, localizar os informantes, gañar a súa confianza para que che canten as pezas. O que fixemos nós é recoller moito e logo ir eliminando o que non é interesante.

?¿Cal foi o criterio de escolla?
?Escollemos o que é tradicional. ¡Hai sitios aos que chegas e che cantan Soy minero!

?¿Houbo algún xénero que se lles resistise?
?As cancións de xogos infantís. Aínda se conserva algo, pero é difícil atopar algo. Na Montaña aínda se recollía algo nos anos 80.

?A recollida faise entre as persoas de maior idade. ¿Esta será a derradeira xeración para facer recollida?
?Cada vez se fai menos recollida, do que se trata agora é de traballar no que se recolleu. O Museo do Pobo Galego ten un proxecto polo que promove que se cedan cintas para traballar nelas.

?¿Nese labor de campo, percibiu pecualiaridades da provincia de Lugo?
?Hai peculiaridades por zonas, aínda que si é certo é que Lugo é moi de gaita e moi pouco de pandeireta. Na Montaña, por exemplo, collen a pandeira coa esquerda e petan nela coa dereita; no resto do país, collena coa dereita e petan na esquerda. Esa zona é tamén onde se recollen os cantos máis ancestrais, onde hai máis alalás. Son máis primitivos nas estruturas e se canta máis de vagar. No resto de Galicia hai máis muiñeiras e xotas.

?¿En que campos se moven os que fan agora recollida?
?Eu traballo coa vestimenta. Ando investigando na Limia, en Ourense, e algo na Pastoriza. O meu é un traballo de investigación sobre a iconografía do traxe en Ourense e tamén ando con Cántigas e Flores. A roupa que se atopa agora xa ten influencia burguesa da moda da época, polo que perde esas características da vestimenta que nos diferenzaba os galegos do resto.

?¿Hai algunha particularidade apreciable nas vestimentas da provincia de Lugo?
?A roupa é semellante, o que cambia basicamente é a nomenclatura. Na provincia de Lugo hai, por exemplo, mandís de mostra, que se poñían na cabeza para ir á misa. Levan unha banda vermella no fondo do mandil que é moi difícil de facer.

?Cantatí anda presentando estes días o seu álbum de debut, Mira como veño, ¿Como van ser esas actuacións en directo?

?Interpretaremos os temas do álbum acompañados por dous lucenses que nos axudaron moito e que son Bruno Villamor e Cristina Vila. Pepe Bahamonde tamén colaborou connosco, pero non vai poder estar. Bahamonde toca a gaita nunha peza e a gaita noutro.

www.galiciae.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 16-01-2008 00:51
# Ligazón permanente a este artigo
Serán na Sala Nasa (Santiago D.C.)
Serán na Sala Nasa de Compostela
Mércores 16 de xaneiro a partires das 22:00


Comezamos este 2008 a ritmo de muiñeras e xotas, ano no que os Seráns pechan a súa quinta tempada continuada en cartel. A cita é o mércores 16 ás 22,00h., onde poderás pasar un serán de ruada practicando os bailes tradicionais co acompañamento musical de catro agrupacións: Ultreia, Retrouso, Xasonfai e Arreixeira.
Comentarios (0) - Categoría: Seráns e Foliadas - Publicado o 15-01-2008 09:55
# Ligazón permanente a este artigo
Alalá en Vigo
Hoxe, martes, día 15/01/2008

Esta semana o programa Alalá, que acaba de recibir un Premio Galicia de Comunicación, vai tomar unhas cuncas e escoitar unhas pezas nunha taberna tradicional de Vigo. Un lugar máxico onde os espectadores coñecerán varios prismas da época do crecemento desta cidade nos anos 50. O Vigo industrial. O Vigo musical. O Vigo tradicional e o Vigo suburbano. Todo nunha taberna que ten tenda, viño de barril e música, a Taberna do Lorenzo.

A Taberna do Lorenzo é unha tasca tradicional onde aínda se conserva parte daquel pasado cantarín e musical que tiñan as grandes cidades de Galicia. Onde cando remataban as xornadas nos estaleiros, nas conserveiras, ou nas fábricas, se un quería oír unha peciña ía ás tabernas: algunhas tan míticas coma o Pozo Negro, onde se xuntaban músicos e gaiteiros como Moxenas ou Ricardo Portela e nas que un cantaba ata que se decataba que ao día seguinte había que traballar. Así pois, o Alalá desta noite coñecerá o ambiente máis popular e tradicional de Vigo, a tan só 5 minutos do centro, na Taberna do Lorenzo. Ademais o programa compartirá mesa cos integrantes do grupo Os Infortunados, que cantarán pezas tradicionais da zona de Vigo. A gran maioría dos compoñentes do grupo son xubilados ou prexubilados do sector naval, o que é unha proba da pegada que tivo e ten a industria naval en Vigo e arredores.
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 15-01-2008 09:18
# Ligazón permanente a este artigo
Domingo fareleiro
Choiva e fariña no 'domingo fareleiro' de Xinzo, pistoletazo de saída do Entroido

A choiva sumouse á fariña na celebración do domingo fareleiro de Xinzo de Limia, pistoletazo de saída do Entroido. A festa, unha batalla campal cunha mestura de fariña e salvados (farelos) tomou como cada ano a praza maior e as rúas da vila.

Veciños e visitantes de todas as idades reuníronse na praza maior ás 16:00 horas para recoller unha tonelada de farelos en bolsas, aínda que o seu lanzamento atrasouse case dúas horas debido á choiva. A pesar de que o tempo non axudaba, unha ducia de mozos paseáronse pola praza con carros de supermercado cargados de sacos de farelos, que lanzaron ao aire contra outros participantes, refuxiados baixo soportais e balcóns, esperando que se disipasen as nubes.

Ao redor das 17:30 deixou de chover e a praza maior foise enchendo de nenos e maiores armados de impermeables e lentes de mergullo para evitar os farelos. O lanzamento estivo acompañado por unha charanga e unha carroza de bonecos inchados de aire.

Cambios co paso do tempo
O presidente do colectivo cultural Homo ludens, impulsor do Centro de Estudos do Entroido de Galicia, Xesús Losada Laxe, explicou que o Entroido de Xinzo, do mesmo xeito que outros tradicionais que aínda se manteñen na provincia, está a sufrir unha transformación no seu sentido e nos seus elementos fundamentais.

"Este cambio non é malo pero hai que telo presente para polo menos conservar a memoria de como era antes", indicou Losada Laxe. Nese sentido, sinalou que o domingo fareleiro é agora unha batalla campal pero antes supuña un encontro 'lúdico' entre homes e mulleres xa que os mozos aproveitaban non un día, senón unha semana, para "dar farelos" á muller que lles gustaba.

"O tempo de Entroido empeza realmente o 1 de xaneiro -engadiu- o que significa que desde ese momento calquera acto irreverente e contrario á rutina está autorizado, e constitúe ademais dunha escusa para criticar a orde establecida, un achegamento entre homes e mulleres de xeito algo máis impúdico do habitual".

O domingo fareleiro, segundo Losada, pasou de ser un rito e un xogo sexual a unha batalla campal, e o mesmo ocorre cos demais eventos do Entroido de Xinzo de Limia, o máis longo de Galicia, que se prolongará ata o 10 de febreiro, co domingo de Piñata.

Perda de espontaneidade
O tradicional personaxe e traxe da Pantalla de Xinzo tamén sufriu cambios co paso do tempo, como a desaparición dalgúns elementos como o vergallo. Este elemento, do que algúns veciños conservan exemplos, era un pau de salgueiro retorto ou o pene dun boi disecado que se utilizaba para tocar a saia das mulleres.

"Na festa pasouse de actos individuais contra a orde establecida, iniciados con espontaneidade en calquera momento do día, a eventos programados e masivos, pero é importante non perder a memoria de como era e aínda é posible conservala porque o cambio produciuse nos últimos 30 anos", dixo.

A festa en Xinzo seguirá o 20 de xaneiro co domingo oleiro, que constituía un xogo entre veciños que se lanzaban as olas de barro vellas gardadas nas súas casas para esta ocasión e agora é un espectáculo, segundo Losada. Posteriormente, celebrarase o domingo corredoiro, o domingo de Entroido -3 de febreiro- seguido do martes de Entroido, mércores de Cinza e domingo de Piñata, o próximo 10 de febreiro.

www.galiciae.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 15-01-2008 09:14
# Ligazón permanente a este artigo
Cadernos da Gaita número 13
A editorial "Dos Acordes" ven de presentar o Caderno 13: ?Tocatas Varias? de Iván Costa, incluido na colección "Cadernos de Gaita".

Pouco podemos decir dun dos máis importantes autores contemporáneos para gaita, intérprete destacado e docente excepcional. Estas "Tocatas varias" presentan a integral, polo de agora, do xenial músico de Moaña. Aínda que algunhas das obras xa teñen sido publicadas por outras editoriais, para esta ocasión Iván ten feito os arranxos pertinentes. Presentadas por categorías (alboradas, muiñeiras, xotas, rumbas, mazurcas, polcas...), e consideradas para unha ou dúas gaitas, as partituras van acompañadas de explicacións sobre as súas características e interpretación.

Con este texto, que fai o número 13 da serie de Cadernos de Gaita, Dos Acordes confirma o seu compromiso coa gaita e coa música galega, e continúa a súa traxectoria ascendente tras tan só dous anos de existencia como editorial.

O caderno ten un formato A-4, consta de 84 páxinas e cuberta a toda cor. O precio é de 14 ?.

Podedes mercalo cun desconto de oferta de lanzamento e atopar mais información na web www.dosacordes.com
Comentarios (0) - Categoría: Publicacións - Publicado o 15-01-2008 08:49
# Ligazón permanente a este artigo
Número 3 de Retranca
O número 3 de Retranca chegará a semana que ven aos quioscos.

Un número adicado á Ministra dos buracos de Barcelona Dora, a tuneladora... que nos fixo unha visita aos galegos esta semana pasada para deixarnos moi claro que a Lei de Memoria Histórica non serve para nada... xa que seguimos sen verlle nin unha pluma ao AVE!!... UN NÚMERO VELOZ PARA LER AMODIÑO, E SEN INFLACIÓN NO SEU PREZO!!!

CORREDE AO VOSO QUIOSCO MÁIS CERCANO A ENCARGAR A RETRANCA!!!

www.revistaretranca.blogspot.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 15-01-2008 08:49
# Ligazón permanente a este artigo
De xira con Loretta Martin
Loretta Martin comeza a súa xira galega.

Os tres integrantes de Loretta Martin montan na furgoneta para lograr un fito único en Galicia: Dende xaneiro até maio tocarán todas as semanas, sen faltar nen unha soa, por diferentes lugares da nosa xeografía no seu "Paraiso Tour", no que debullarán os temas que incluirán no seu segundo album.

www.lorettamartin.net



Xaneiro
11 xaneiro Clavicembalo Lugo,
18 xaneiro Sala Ogmios Cariño, Coruña
26 xaneiro Salón Parroquial Ponteareas

Febreiro
2 febreiro La Iguana Vigo,
8 febreiro Bar Liceum do Porriño
15 febreiro Pub Leblón Ponte Caldelas, Pontevedra
23 febreiro Ardora Porto do Son, Coruña
28 febreiro Casa das Crechas Santiago de Compostela,

Marzo
7 marzo Pub Gatos Melide, Coruña
14 marzo Café Cultural Auriense Ourense,
23 marzo La Reserva Carballo, Coruña
29 marzo Run Rum Ferrol,

Abril
5 abril Breogán Vigo,
11 abril Sala Baranda O Barco de Valdeorras, Ourense
18 abril Badulake Ordes, Coruña
26 abril Mardi Gras Coruña,

Maio
2 maio Zona Zero Caldas de Reis, Pontevedra
9 maio Maia (Portugal)
10 maio Penafiel (Portugal)
16-17 maio Concertos Sorpresa
23 maio Fardela Vilalba, Lugo
31 maio A.C. DeZine San Sadurniño, Coruña
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 15-01-2008 08:48
# Ligazón permanente a este artigo
De xira con The Homens
Inmersos en plena xira de presentación do seu disco (Tres, en Falcatruada), The Homens conversaron con A Nosa Terra Tv de proxectos, inquedanzas, inspiracións e, sobre todo, música.



Datas da xira

Martiño, Roi e Xocas actuaron este venres pola noite no pub Gatos de Melide, nunha xira que acumula citas até o 25 de abril e que os levará en vindeiras datas por unha minixira portuguesa (Maia e a FNAC de Porto, nos días 25, 26 e 27 de xaneiro) e por Ourense. O 1 de febreiro actúan no Barco de Valdeorras e o 16 no pub Auriense da propia cidade ourensana.

Defensores dun eclecticismo sonoro con posos até de hardcore melódico, The Homens enarbolan a bandeira do rock en galego. "O que importa son as cancións e non chorar", definen.

www.anosaterra.org


XANEIRO 08
Día 4, A Coruña. Sala Mardi Gras
Día 11, Melide. Pub Gatos
Día 25. Maia (Porto). Tertúlia Castelense + Sizo (PT)
Día 26. Penafiel (PT). Bar do Lago
Día 26 ou 27. Porto. FNAC

FEBREIRO 08
Día 1, O Barco. Sala Baranda
Día 2, Gentalha do Pichel, Compostela
Día 16, Ourense. Café Cultural Auriense
Día 23, Lugo. Sala Clavicembalo

MARZO 08
Día 15, Ponteareas. Pub Salón Parroquial
Día 29, Pontecaldelas. PubLeblon

ABRIL 08
Día 5, Vigo. Breogaín + Loretta Martin
Día 25, Porriño. Bar Liceum
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 15-01-2008 08:48
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevista a Xabier Díaz
Xabier Díaz será a nova voz de Berrogüetto no quinto álbum do grupo, un proxecto audiovisual que se publicará dentro duns meses.

Nestes momentos Berrogüetto atópase inmerso na preparación do seu novo álbum, o quinto na traxectoria da formación, "un proxecto moi complicado, no referido á produción", que incorporará gravacións con orquestras, e contidos audiovisuais, cos que se creará, ademais, un DVD. O álbum podería estar listo antes do verán, pero o máis probábel é que se publique en outono. O proxecto, que segundo Berrogüetto "sae do camiño habitual do grupo", levará a voz de Xabier Díaz, pois aínda que están gravadas boa parte das pistas instrumentais, aínda non se rexistrou a voz. Por certo, que Guadi Galego será aínda parte integrante do grupo neste álbum, aínda que só sexa a través da súa gaita.

Dende Berrogüetto comentan que durante algún tempo baralláranse varias posibilidades para este disco: que cantase Guadi, que cantase Xabier ou mesmo que o fixesen os dous, "pero Guadi estaba cansa e non podíamos obrigala a subir a un proxecto que vai ser aínda moi laborioso".

Para Berrogüetto, Xabier Díaz "é o mellor ao que o grupo podía aspirar despois de Guadi", e consideran que o cambio non só será bo, senón que pode ser un revulsivo para a banda, unha especie de reto, adaptarse uns aos outros de novo e explorar novos camiños. A eleccións de Xabier Díaz, alén da súa calidade e talento, non foi casual. Xabier xa colaborara na gravación de Hepta e en varios concertos do grupo, que de feito xa o consideraban "parte da familia"

A noticia foi unha gran sorpresa, pero supoño que é un proceso que vén de algún tempo atrás, non si?
Si, non lembro a data exacta en que me comentaron a posibilidade, creo que foi hai un mes e medio. Chamoume Guillermo, co que xa tiña máis relación, e comentoume a situación. Marchei a Arxentina a facer algúns bolos, tomei uns días para pensalo, e á volta renímonos todos para comentar como poderiamos crear o proxecto.

Falaches con Guadi, supoño
Si, claro, sobre todo por unha cuestión persoal, porque temos unha amizade de moitos anos. E ela alegrouse moitísimo de que fose ser eu o seu substituto. Ela ten que seguir na música, porque sería unha enorme perda para a música do país que o deixase. Está moi preparada e triunfa en todo o que fai e sei que vai ter moita sorte en calquera dos seus proxectos.

E ti, continuarás cos teus proxectos?
Terei que axeitar a velocidade dos proxectos e reorientar algún. Agora mesmo estou traballando na gravación do terceiro álbum con Guillermo, que temos moi avanzado e esperamos publicalo antes do verán. Outra cousa é o novo espectáculo de Nova Galega de Danza para este ano. Xa falei coa dirección da compañía e plantexeilles a posibilidade de compartir a titularidade con outra persoa.

Parece que a relación entre grupos e artistas galegos é moi estreita: discos conxuntos, espectáculos como Cantos na Maré, mobilidade dos músicos... Está vivindo a música galega un bo momento?
Creo que está vivindo un momento fantástico. Hai uns anos pareceu que había un repunte, unha meirande popularización, pero penso que xusto agora os grupos teñen máis solvencia, máis calidade, máis percorrido. Ademais, o repuntes de hai uns anos só se deu no folk. O bo é que agora o auxe da música galega dáse tamén no hiphop, no rock, no power pop... A música galega non é só o folk, sería como dicir que a literatura galega só é a poesía.

Sempre dá a impresión de que un cambio de voz nun grupo, sobre todo cando se muda unha voz feminina nunha voz masculina. O cambio drástico é tal?
Ten que haber un cambio, iso é evidente. e aí está o excitante desta historia. Guadi e eu, e calquera artista non sño temos voces diferentes, senón que temos formas distintas de entender a música. O grupo cambiará, obviamente, pero os cambios son emocionantes por iso mesmo.

Berrogüetto toma unha voz masculina cando no folk galego predominan as voces femininas. A contracorrente?
Ben, Berrogüetto foi pioneiro en romper moitas inercias e agora volve facelo. Polo que me comentan, a eles tamén lles apetecía cambiar ese rexistro nalgún momento, e agora xurdiu a oportunidade. Ademais, comezan a saír boas voces masculinas en Galiza, xa non é tan raro.

www.vieiros.com

Berrogüetto e Xabier Díaz
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 14-01-2008 09:34
# Ligazón permanente a este artigo
PELOGATO 24

Disco de cantigas e xogos para nenos

Empeñada na defensa e difusión da tradición musical galega, a Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG) publica de novo un traballo discográfico, ?Pelogato 24?, no que as protagonistas son as cantigas e os xogos para os pequenos da casa. Os responsables da direción musical e da produción artística do proxecto foron, de novo, Magoia Bodega e Paulo Nogueira. Eles mesmos presentan para GH esta nova aventura musical dirixida aos que son a semente de futuro deste país: aos seus nen@s

A primeira aventura discográfica impulsada pola AGG foi ?O Quiquiriquí?, un ano despois da súa publicación ¿que valoración facedes dos seus resultados?
Moi positiva. Os sectores aos que ía dirixido o traballo (nenos e nenas, mundo do ensino, familias, etc.) recibiron o traballo con entusiasmo e nos consta que o están a empregar.

A idea do ?Pelogato 24? ¿como naceu?
Pola nosa profesión de mestres somos sabedores da necesidade que existe nos centros de ensino de materiais didácticos que versen sobre a música e cultura tradicional dun xeito atractivo e actualizado para os rapaces. A partires desta premisa xorde a idea dun traballo que aglutine dúas das lerias máis significativas para os cativos: as cantigas e os xogos.

Para escoller as pezas musicais e os xogos incluídos neste traballo ¿cal foi o voso criterio?
Primeiro que fosen xogos e cantigas tradicionais entroncando así cun dos obxectivos principais da AGG que é o de difundir a cultura musical e popular galega. Pero, fundamentalmente, o criterio marcárono os rapaces. A seleción de cantigas que aparecen no Pelo Gato 24 están presentes nas nosas aulas de música desde hai un tempo. Simplemente foi cuestión de escoller aquelas que máis gustaron durante todos estes anos. Tamén se tivo en conta que houbera variedade rítmica, melódica, temática e de adaptación ás diferentes idades da Educación Infantil e Primaria.

Na gravación do ?Pelogato 24? participaron moitos dos mellores músicos galegos; pero o que, probablemente, máis chama a atención é o retorno a un estudo de Fuxan os Ventos. ¿Custou moito convencelos?
Desde o primeiro momento amosaron unha moi boa disposición a formar parte do Pelo Gato 24. Foron referentes na nosa infancia e adolescencia e o feito de poder contar con eles debe ser motivo de ledicia para todos e todas nós, porque son memoria viva deste país. É interesante que os rapaces e rapazas de hoxe en día coñezan a un dos grupos máis emblemáticos da música galega.

Faládenos un pouco do resto de participantes no disco.
O certo é que todos os participantes son dunha gran calidade artística. Estamos tremendamente agradecidos con todos eles pola súa implicación e bo facer. Polo estudio pasaron as voces de Sonia Lebedynski, Xabier Díaz, Mercedes Arribe, Leilía, Xurxo Souto, Sra. Carmen, Fuxan os Ventos e Migallas. Entre os músicos, ademais da nosa achega, contamos coa colaboración de artistas da talla de Pancho Álvarez, Begoña Riobó, Xosé Liz, César Longa, Segundo Grandío e a Charanga ?Vai de Baile?.

O ambiente durante as gravacións ¿que tal foi?
Foron máis de trinta as persoas que pasaron polo estudio e iso supón que cada día de gravación sexa distinto. Pero podemos dicir que todos os días tiveron en común o clima divertido e ameno. Un traballo como este non podería ser doutra maneira.

As pezas a interpretar por cada músico ¿de que xeito se decidiron?
Cada músico ten unha personalidade e cada peza tamén. Fundamentalmente intentouse facer casar o estilo e personalidade de cada músico coa selección de repertorio.

Ademais do disco no que se recollen os temas musicais, o ?Pelogato 24? inclúe tamén un DVD. ¿Que atoparemos nel?
O DVD inclúe tres apartados: un docufilm explicativo de xogos populares galegos, producido por Pablo Carpintero, Edith Cotilla e Gustavo Couto; varios vídeo-clips das cantigas de Pelo Gato 24; e un "Como se fixo" que alterna momentos da gravación con entrevistas aos participantes.

Ademais, ofrecedes os dous soportes dixitais nun formato atractivo e con extensa documentación escrita ¿non?
Desde a AGG pretendiamos continuar a liña marcada polo Quiquiriquí. Ademais de contidos expresamente infantís, inclúese un libro con información e documentación para pais e mestres.

Ata conseguir velo todo publicado ¿canto tempo investistes neste traballo?
Un traballo destas características necesita de esforzo e dedicación por parte de moita xente. En marzo comezamos a traballar na selección de melodías, textos, arranxos musicais, etc. A gravación transcorreu nos meses de outubro e novembro no estudio Casa de Tolos.

Para levar adiante un proxecto tan ambicioso ¿con que axudas contou a Asociación de Gaiteiros Galegos?
A Asociación valora positivamente que existan, hoxe en día, institucións sensibles e comprometidas coa divulgación e difusión da cultura tradicional galega. Nesta ocasión a Consellería de Cultura e a Universidade de Vigo foron os dous organismos oficiais que implicaron esforzos para que Pelo Gato 24 vira a luz.

Os xogos para nenos nos que se basea o ?Pelogato 24? ¿corren o risco de desaparecer?
É evidente que se non hai persoas que os practiquen o feito de ter constancia escrita e detallada sobre eles non é suficiente. Un dos obxectivos que se pretende neste traballo é tentar que convivan os xogos tradicionais cos actuais. Ambos os dous son perfectamente compatibles e complementarios. Parac conseguilo é fundamental facelo desde un formato atractivo para os rapaces.

Para a defensa e posta en valor do noso Patrimonio Cultural como pobo, a publicación deste tipo de traballos ¿que valor considerades que ten?
Para nós moito, se temos en conta que estamos falando da posta en valor do patrimonio cultural galego entre os nenos e nenas, é dicir, entre as novas xeracións de galegos e galegas. Se queremos contribuír á normalización cultural deste país e necesario crear materiais que difundan a cultura tradicional, se eses materiais están enfocados ao mundo do ensino a repercusión do traballo debe ser maior.

Primeiro foi un disco centrado no Nadal, agora nos xogos, ¿que outros proxectos discográficos vos gustaría levar adiante?
Ideas hai moitas? e tempo pouco. Traballos como Pelo Gato 24 requiren dun tempo de maduración e fermentación. Deámoslle pois a maduración e fermentación necesaria a vindeiros traballos.

www.elcorreogallego.es
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 14-01-2008 09:33
# Ligazón permanente a este artigo
Cambio de dirección en Nordesía

A empresa adicada á promoción musical e cultural Nordesía renova a súa dirección baixo as ordes de Quique Costas, que os últimos doce anos foi representante do coñecido grupo galego Milladoiro. Remuda así na súa dirección a Xavier Alon­so que desempeñou as funcións de dirección da empresa nos últimos anos.

Segundo informa Nordesía nun comunicado de prensa, a chegada de Quique Costas "abre unha nova etapa para seguir crecendo cara a novos mercados". Para iso, contan "cun profesional do sector con máis de vinte anos de traxectoria no mundo da cultura" que, continúa o comunicado, "trae con el toda a súa experiencia".

Dende 1989 ao 1992 , Quique Costas dirixiu Interpublic, unha empresa que tivo un importante papel na comunicación do Goberno da Xunta durante esa etapa. Dende o ano 93 sempre estivo vinculado ao mundo da cultura a través de diversas empresas culturais, ademais os últimos 12 anos foi o representante do grupo Milladoiro e o responsable da xestión de Producións e dos Estudios Cormorán.

Costas "afronta a dirección de Nordesía cargado de ilusión, a súa experiencia e traxectoria no mundo da industria musical son un aval para acadar os obxectivos que se propón para a empresa", sinalan no comunicado.

"Consolidar o liderado da empresa no sector"

Coa súa incorporación, a empresa aspira a "consolidar a situación de liderado de Nordesía no sector, ao tempo que unha adaptación da compañía á súa actual dimensión e preparala para os novos retos do futuro", engaden.

A empresa "seguirá apostando pola representación e a creación en Galicia, por seguir deseñando novos espectáculos e ofrecer ao público as propostas máis interesantes chegadas doutros territorios distantes na xeografía mundial".

Doce anos creando éxitos

Nordesía Produccións foi fundada no ano 1996 e acadou durante estes doce anos un lugar destacado na industria da música en Galicia e no resto do Estado.

Representa dende hai anos a grupos de éxito como Berrogüetto ou Fía na Roca e artistas como Xosé Manuel Budiño, Uxía ou Narf. Ademais nos últimos tempos, Nordesía vén organizando un encontro coa lusofonía, "Cantos na Maré", no que reúne a destacados artistas de Galicia, Portugal, Cabo Verde, Mozambique ou Brasil. Un espectáculo que se celebra anualmente en Pontevedra e que Nordesía saca á rúa nun disco con todos os artistas.

www.elcorreogallego.es

www.nordesia.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 14-01-2008 09:33
# Ligazón permanente a este artigo
Loito no Casco Vello

Hoxe é un día triste para todos os que temos relación coa Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello de Vigo. Nun accidente causado por dous .... que ían picados facendo unha carreira entre un BMW e un Audi e cando nunha maniobra tiveron que sairse do carril un deles chocou contra un AX que viña de fronte e onde viñan os nosos Manolo e Loli de Candeán que morreron no acto.

Moitos os coñecederes das festas, dos bailes, dos Seráns, das Foliadas,...eran membros dos Grupos de Baile do Casco Vello e de Candeán e fieis membros da Comparsa Os Tarteiras.

Hoxe o Casco Vello, Candeán e Prado da Canda están de loito.

E con eles todos os seus amigos e compañeiros do mundo tradicional.
Comentarios (2) - Categoría: Novas - Publicado o 12-01-2008 16:27
# Ligazón permanente a este artigo
Chega a fin de semana
Sexta feira 11 (Venres)
? Som de Galpóm no Esmorga de Boiro
? The Homens no Pub Gatos de Melide.
? Anxo Lorenzo Band no Pub Candem (Alfonxo XIII) de Vigo
? Apertura do Furancho da Balsa (Matamá-Vigo)

Sábado 12
? Sonoro Maxín na Sala 600 de Melide
? Som de Galpóm no C.S. O Fresco de Ponteareas
? Nao na Sala Tiradoura de Cangas
? Loretta Martin no Clavicémbalo de Lugo
? Humor Neghro: Ensaio xeral con público no local da Asoc. Rosalía de Castro de Teo (A Coruña) ás 21:00
? Apertura do Furancho Matamáfolc (Matamá-Vigo)
? Serán (ás 21:30) e Cerco (ás 16:00) en Prado da Canda (Covelo)

Domingo 13
? Certame de Ranchos de Reis en Santa María de Salceda (Salceda de Caselas) ás 16:30


Podedes ver máis na sección de Axenda Completa
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 11-01-2008 14:35
# Ligazón permanente a este artigo
Humor Neghro

Preparando o espectáculo Humor Neghro

O local social da Asociación Cultural Rosalía de Castro de Cacheiras (Teo) acollerá este sábado, ás 21.00 horas, un ensaio con público do espectáculo de música e humor de Carlos Blanco, veciño do concello de Teo, e Manecas Costa.

Humor Neghro, que así se chama o show, estrearase o próximo 25 de xaneiro en Pontevedra.

A asistencia a este acto é totalmente gratuíta. A obra é unha función da compañía Abada Teatro, mediante a que se pretende reflexionar sobre unha realidade tan próxima, tan galega e tan africana como é a emigración/inmigración", apuntan desde a propia agrupación teatral. Nesta función únense a música e o humor con textos propios de Blanco e Costas, así como de autores como Antón Reixa, Xosé Cid Cabido ou Zé Rui.

HUMOR NEGHRO lévanos ata a música africana a idea central da morte como referente e leit-motiv. Cun esquema pensado para ser entendido por galegos/as, pero tamén coa ambición de chegar a ser visto e entendido na Península Ibérica e mesmo en toda a Lusofonía.

HUMOR NEGHRO parte dun diálogo relaxado entre dous creadores recoñecidos cada un no seu campo, e terminará cunha festa para o público. A forza escénica e o magnetismo de Manecas Costa e Carlos Blanco garanten que así será aínda ademais dunha posta en escena de luxo en canto a luz, son e imaxe.

Ensaio xeral con público

12 de xaneiro
local da Asociación Rosalía de Castro
Teo (A Coruña) ás 21h

Actuacións

Xaneiro
25 de xaneiro Auditorio Pazo da Cultura de Pontevedra
26 de xaneiro Pazo Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo (Pontevedra)

Febreiro
17 de febreiro Centro Socio-cultural de San Sadurniño (A Coruña)
23 e 24 de febreiro Teatro Principal de Ourense

Marzo
28 de marzo Casa da Cultura de Burela (Lugo)

Abril
5 de abril Caixanova de Cangas do Morrazo (Pontevedra)
18 de abril Auditorio de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra)

Maio
8 de maio Caixanova de Ferrol (A Coruña)
9 de maio Caixanova Lugo
10 e 11 de maio Caixanova Vigo (Pontevedra)
17 de maio Auditorio Municipal de Narón (A Coruña)

Xuño
6 e 7 de xuño Teatro Principal de Santiago de Compostela (A Coruña)
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 11-01-2008 14:33
# Ligazón permanente a este artigo
Matamá ferve (subidas as fotos da Noite de Reis)

Matamá comeza a ferver esta fin de semana, achégase a Romaría de San Amaro do martes 15 de xaneiro e nos vindeiros domingos haberá bo ambiente festeiro na parroquia viguesa.

Un ano máis coma ven sendo tradicional por estas datas, durante o período de celebración da festa de San Amaro e para que haxa bos recunchos para disfrutar deste ambiente abren xa os furanchos da zona:

A asociación xuvenil de Matamá abrirá o sábado 12 de xaneiro o Furancho Matamafolc no que toda a xente a que lle gusta a música tradicional en directo e o ambiente enxebre pasarán un bo rato. Ao lado da praza de San Amaro en Matamá, Vigo.

En pouco máis arriba pero a partir de hoxe venres 11 de xaneiro abrira tamén o noso ben coñecido Furancho da Balsa onde o bo ambiente festeiro tamén está asegurado.

E aproveitando esta nova sobre Matamá subimos as fotos da noite de Reis no Furancho da Balsa

Fotos da Noite de Reis en Matamá
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 11-01-2008 09:49
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevista a Guadi Galego
A nova do día

A voz do grupo folk anuncia a súa marcha por «cansazo» e para dedicarse a proxectos como Nordestinas

Guadi Galego deixa Berrogüetto por cansazo, pero non se arrepinte dunha «escola de madurar de dez anos». A cantante e gaiteira asegura que, se volvese «empezar, volvería facelo con Berrogüetto».

-¿Cal é o motivo para deixar o grupo?

-É unha decisión meditada e que tomei hai un ano, pero que non podía poñer en práctica porque tiña que esperar a que rematasen os compromisos. Deixo o grupo por cansazo, porque quero facer algunhas outras cousas e Berrogüetto é un proxecto esixente que require moita enerxía.

-¿Ten que ver coa cantidade de proxectos nos que participa, Nordestinas ou Espido?

-Creo que teño bastante capacidade para cambiar o chip, participar en varios proxectos e disfrutar en todos de maneira distinta. Pero, en conxunto, uns proxectos con outros fanse difíciles de levar. Creo que Nordestinas é un proxecto que me gustaría que se tocase e agora non podía dedicarlle máis tempo.

-¿Con ou sen descanso, cales son os proxectos?

-Non penso no futuro porque me chega co que hai. Cada mañá sento diante do piano e vou seguir compoñendo. Música vou facer toda a miña vida, na casa cos irmáns, nos bares cos colegas, ou na rúa.

-¿Como valora o seu paso pola banda?

-Nacín profesionalmente con Berrogüetto e foi o proxecto máis importante da miña vida. É unha banda que me deu moitas cousas que fan medrar como artista. Con momentos marabillosos e momentos malos, pero se volvese empezar volvería facelo con Berrogüetto.

-¿Cal foi o mellor momento do grupo?

-Este último ano con este último disco. Estiven moi respaldada e tiven moita cancha. Eu creo que foi o ano que mellor tocamos e que, aínda estando dez anos xuntos, había moita ilusión.

-¿Por que deixalo cando as cousas van ben?

-Estou cansa e creo que, se non se está nunha cousa a tope, é mellor non estar. Quizais podería estar ao 25% pero non quero facer iso.

-¿Haberá carreira en solitario?

-Música vou seguir facendo, pero para traballar en solitario hai que ter moito que dicir, así que hai que ir facendo.


www.lavozdegalicia.es
Comentarios (6) - Categoría: Novas - Publicado o 11-01-2008 09:16
# Ligazón permanente a este artigo
Este sábado Serán en Prado da Canda (Covelo)

Despois do grande éxito do ano pasado volta este Serán, que está a convertirse nunha referencia de como recuperar un serán tradicional. A partires das 21:30 e o lugar estará sinalizado.

Para os que estean interesados tamén foi recuperado o Cerco de Prado da Canda.

Este Cerco consiste nunha procesión cos santos arredor da parroquia a xeito de roteiro circular de sendeirismo, polas leiras e montes, moitas veces sen camiños, cruzando regatos, subindo até os miradores do redor e acompañados por músicos tradicionais tocando durante toda a procesión (o ano pasado foron Os Carunchos).

A tradición era abenzoar deste xeito á parroquia de Prado da Canda que quedaba incluida dentro dese circulo protector.

Será tamén este sábado 12 de xaneiro pero ás 16:00 dende a Igrexa de Prado da Canda
Comentarios (0) - Categoría: Seráns e Foliadas - Publicado o 11-01-2008 09:01
# Ligazón permanente a este artigo
Encontro Galego-Portugués de Cantos e Danzas de Reis

ENCONTRO GALEGO-PORTUGUÉS DE CANTOS E DANZAS DE REIS

O Concello de Salceda de Caselas celebrará o próximo 13 de xaneiro un encontro de manifestacións do ciclo festivo do nadal galego-portugués. O Concello quer sumarse así ás entidades que están a apoiar a Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués promovida pola Asociación Ponte...nas ondas!

O Ciclo do Nadal é dentro do patrimonio inmaterial unhas das manifestacións cíclicas do calendario festivo anual. Dentro deste calendario festivo enmárcanse tradicións que aínda están vivas en Galiza e no Norte de Portugal como o de botar no lume unha cañota gorda que aínda é denominado o ?Tizón do Nadal? ou a gastronomía que ten a súa excelencia en pratos como o bacallao con verzas ou couveflor.

Desde a noiteboa até o día de reis sucédense as expresións deste patrimonio por toda a xeografía da Eurorrexión. Na noite do 24 de decembro e no propio 25 son os cantos ao neno Xesús, os cantos do nacemento e do portal de Belén. No fin de ano, os manueles e os cantos de xaneiras ou xaneiradas están tamén presentes en moitos lugares xunto con costumes como o de apedrar as árbores ou os cantos dos reis da fin do mundo.
No véspera de reis, o costume de ir pedir os reis ou cantar os reis polas casas é unha tradición que aínda se mantén en moitos lugares de diversas formas.

OS CANTOS E AS DANZAS DE REIS

No Concello de Salceda de Caselas aínda se manteñen boa parte das manifestacións desde ciclo do nadal, especialmente as da época dos reis. Os cantos dos reis son un tipo de melodía nas que se relata a adoración dos Magos, a súa fuxida a Exipto e a viaxe a Nazaret e a Belén. A través dunha sucesión de estrofas cantadas vaise relatando esta viaxe que fan os Magos guiados pola estrela para ver ao neno que naceu en Belén.

Durante moitos anos mantívose un singular canto de reis en Salceda de Caselas xunto con varios ranchos que complementaban con as súas danzas a cerimonia de ir cantar os reis polas casas. Esta tradición mantense tamén en lugares próximos como Riofrío en Mondariz, Guláns en Ponteareas e tamén no Norte de Portugal.

Para poñer en valor estas manifestacións, o Concello de Salceda de Caselas emprenderá un plan de recuperación dos cantos e dos ranchos de reis mediante a transmisión ás novas xeracións deste patrimonio que aínda está vivo no Concello.

Para darlle visibilidade e ao mesmo tempo para mostrar a riqueza destas expresións que constitúen unha valiosa espresión cultural da Eurorrexión, o domingo 13 de xaneiro terá lugar no recinto da Igrexa de Santa María ás 16:30 o ENCONTRO DE CANTOS E DANZAS DE REIS GALEGO-PORTUGUÉS coa actuacións dos seguintes grupos de portadores:

- Rancho de Reis de Riofrío de Mondariz
- Rancho de Reis de Santa María de Salceda de Caselas
- Rancho de Reis de Guláns de Ponteareas
- Grupo Folclórico de Barrozelas do Val do Neiva de Viana do Castelo
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 11-01-2008 09:01
# Ligazón permanente a este artigo
Xirapeixes 2008
Xabier Díaz, Ugia Pedreira e Guillermo Fernández comezan a " Xirapeixe 2008" que os levará por diferentes salas de Galiza, onde farán temas do repertorio " Ao Vivo " que fan na Radio Galega Música, así mesmo levarán a radio en directo a varios destes espazos .

Xirapeixes 2008

26 de Xaneiro
Vilalba (Auditorio)

01 de Febreiro
Pontevedra (Pub A Cabaña)

02 de Febreiro
Pontevedra (Pazo da Cultura)

07 de Febreiro
A Coruña (Pub Garufa)

29 de Febreiro
Ourense (Café Auriense)

06 de Marzo
Compostela (Igrexa da Universidade)

07 de Marzo
Ferrol (Auditorio Torrente Ballester)

08 de Marzo
Carral (Sala The Star)

14 de Marzo
Laracha (Pub D´Antón)

15 de Marzo
Illa de Arousa (Cón do Moucho)

20 de Marzo
Camariñas

22 de Marzo
Espasante (Bar de Fredi)

28 de Marzo
Vigo (La Fábrica de Chocolate)


www.myspace.com/trespeixesvoando

www.trespeixesvoando.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 11-01-2008 01:24
# Ligazón permanente a este artigo
Troco en Berroguetto

Hoxe acaba de coñecerse a nova do troco de vocalista en Berroguetto:

Xabier Díaz será a voz principal de Berroguetto e Guadi Galego deixa a formación.
Supoño que nos vindeiros días teremos máis información dos motivos deste troco.

Berroguetto e Xabier Díaz ao vivo


Nun comunicado aos medios o emblemático grupo folk Berrogüetto ven de anunciar dous importantes cambios na súa formación. Deixa o grupo a cedeirense Guadi Galego, cantante e gaiteira de Berrogüetto durante 10 anos, e entra nel, ocupando as mesmas labores, Xabier Díaz, vocalista, gaiteiro e percusionista. Despois da xira de presentación do seu traballo de aniversario ?10.0?, o grupo afronta así un ano cargado de proxectos e comeza a pensar no seu quinto traballo discográfico. No comunicado a banda agradece a Guadi ?os anos dedicados ó grupo, a súa voz, as súas composicións, a súa compañía e amizade.?

Berrogüetto gravou con Guadi Galego os seus tres últimos álbumes: Viaxe por Urticaria (1999), Hepta (2001) e 10.0 (2006) e agora inicia unha nova etapa con voz masculina.

Xabier Díaz foi membro fundador do grupo Rumbadeira, co que editou tres traballos. Ademais, colaborou en discos de Carmen Rey (Fuera), Route (Nin canto nin tan pouco) e Berrogüetto (Hepta).
Así mesmo publicou "Músicas do salitre" na compaña de Guillermo Fernández e acaba de publicar "Coplas para Icia".
Tamén é o cantante do grupo de acompañamento de Nova Galega de Danza.
E participa no programa da Radio Galega "Tres peixes voando" xunto a Ugia Pedreira e Guillermo Fernández cos que comezará neste mes a "Xirapeixe 2008" que os levará por diferentes salas de Galiza.

Pola súa banda, Guadi Galego mantén neste momento dous proxectos: "Nordestin@s" con Ugia Pedreira e Abe Rábade e "Espido" xunto a Guillermo Fernández.

Entrevista a Guadi Galego
Comentarios (2) - Categoría: Novas - Publicado o 10-01-2008 17:43
# Ligazón permanente a este artigo
Programación de xaneiro-febreiro no Liceum do Porriño
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 10-01-2008 13:41
# Ligazón permanente a este artigo
II Certame de recolla da Tradición Oral
Ponte? nas Ondas! convoca o II certame de ?Recolla da Tradición Oral?

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte? nas Ondas! coa colaboración da Consellería de Cultura e Deporte, a Delegaçao Regional de Cultura do Norte de Portugal (DRCN) e a Direcçao Regional do Norte (DERN) convocan o II Certame de Recolla de Mostras da Tradición Oral.

A Asociación Ponte? Nas Ondas! vén traballando arreo no coñecemento e difusión do patrimonio entre o alumnado das escolas galegas e portuguesas. A finalidade deste certame segue a ser o achegamento das novas xeracións á cultura tradicional para evitar romper a cadea de transmisión dos saberes que a compoñen. Segundo esta asociación as xeracións que son, por idade, depositarias destes saberes teñen a obriga de transmitir este patrimonio cultural ás novas xeracións. O certame pretende que os centros de ensino continuen co labor desenvolvido co Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués e contribúan á dinamización, promoción e transmisión daquelas expresións aínda vivas da tradición oral galego-portuguesa. A finalidade do certame é que o alumnado de infantil, primaria, secundaria, ciclos formativos e da Universidade, dos centros eductivos de Galiza e Norte de Portugal, se acheguen a aquelas manifestacións culturais inmateriais que están no seu entorno máis inmediato.

Temas

Calquera das expresións ou formas da tradición oral tanto en prosa (mitos, lendas, contos, relatos orais, trabalinguas, adiviñas? ) como en verso (romances, historias, cantares de cegos, coplas, oracións, recitados, refráns? etc). Tamén aquelas mostras que relaten acontecementos relacionados coa historia, as relacións sociais e políticas vividas en Galiza e no norte de Portugal, como a represión, as ditaduras ou o contrabando na fronteira. Valorarase a autenticidade e a orixinalidade da recolla, así como a relevancia que teña para a comunidade de portadores. Tamén se premiarán as recollas colectivas de expresións populares que impliquen a un grupo de informantes ou portadores. Primaránse aqueles traballos que presenten mostras representativas do patrimonio común galego-portugués.

Categorías

Poderán participar alumnado a título individual ou grupos de alumnado de primaria, secundaria e Universidade a través dos seus centros, con traballos de recollida de mostras da tradición oral. Cada centro educativo poderá participar cun número ilimitado de traballos. Establécense cinco categorías: Ensino primario; ensino secundario obrigatorio; bacharelato; ciclos formativos e Universidade.

Presentación dos traballos

A recolla poderá realizarse en audio ou en vídeo e deberá ser presentada en formato dixital en calquera sistema de audio ou vídeo. Cada peza ou parte do traballo deberá levan adxunto a Ficha para a recollida de tradición oral que se acompaña coa convocatoria, e debe incluír obrigatoriamente a transcrición correspondente, xunto co material gráfico que se desexe achegar.

Premios

Para todas as categorías o primeiro premio será de 1.000 euros e para o segundo de 500 euros. Aos centros participantes que envíen traballos ofreceráselles unha sesión didáctica sobre a literatura oral (charla dun especialista, narrador oral, regueifeiro, música, etc). No mes de febreiro a todos os centros inscritos ofreceráselle unha sesión formativa destinada ao profesorado implicado.

Xurado

O Xurado estará composto por representantes das entidades convocantes así como por membros destacados da comunidade científica con coñecementos acreditados no campo obxecto do Certame.

Prazos de inscrición

Os centros eductivos interesados en inscribirse deberán enviar un correo a info@opatrimonio.org antes do 31 de xaneiro de 2008. O prazo de presentación dos traballos remata o 1 de maio de 2008 debendo seren enviados ao enderezo seguinte:A.C.P Ponte? Nas Ondas! Rúa Rosalía de Castro 67, CP 36450, Salvaterra de Miño, Pontevedra. O fallo darase a coñecer no mes de setembro de 2008 a través da web www.opatrimonio.org e dos medios de comunicación, así como a súa comunicación directa ao Centro. A Asociación convocante difundirá os traballos premiados a través da páxina www.opatrimonio.org e poderá utilizar os materiais presentados co consentimento dos autores e citando a procedencia.


Bases da convocatoria:
www.opatrimonio.org
Comentarios (1) - Categoría: Concursos e Xornadas - Publicado o 10-01-2008 13:21
# Ligazón permanente a este artigo
Disco baseado en "Cantares Gallegos" de Rosalía
O grupo de Música Antiga Resonet fai unha nova interpretación musical de dezasete dos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro tomando como punto de partida as melodías do tempo da escritora que mesmo puideron servir a esta de inspiración. Instrumentos e sonoridades que buscan trasladarnos ao contexto no que a poeta compostelá escribiu unha das súas máis famosas obras.

O disco Cantares Galegos está editado pola discográfica Ouvirmos e presenta unha coidada presentación cun libreto de 88 páxinas que ofrece os poemas orixinais así como as súas traducións ao castelán ? esta feita por Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade-, inglés e francés. Resonet está dirixido por Fernando Reyes, arranxista das pezas, que creou o grupo en 1990 en Santiago de Compostela tomando o nome dunha peza do Códice Calixtino.

www.ouvirmos.com
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 10-01-2008 13:21
# Ligazón permanente a este artigo
Como chegar ao serán de Prado da Canda
Comentarios (0) - Categoría: Seráns e Foliadas - Publicado o 09-01-2008 10:39
# Ligazón permanente a este artigo
Novidades discográficas para os vindeiros meses
2008: A música galega chega á madurez

Os primeiros meses de 2008 chegan cos novos traballos de Lamatumbá, Uxía, Projecto Mourente, Ataque Escampe, Niño y Pistola ou Ruxe-Ruxe. Despois do verán, Marful, 6PM e pode que TAB.

Dise que o segundo disco é o difícil, esquecendo seguramente o dificilísimo que é sacar o primeiro. Os últimos meses de 2006 e todo o 2007 foron un momento extraordinario para a música galega, con debús tan importantes como os de 6PM, The Homens, Triángulo de Amor Bizarro, Catpeople, Niño Y Pistola, Ataque Escampe ou Niño y Pistola. O 2008 é a reválida, o momento de que moitas destas bandas presenten os seus segundos traballos, disque os da confirmación.

2008 será tamén o ano de Uxía, con seu esperado novo disco oito anos despois de Danza das Areas (2000). Tamén terán novo disco Serra-lhe Aí, que presentarán o álbum gravado ao vivo en Burela hai unhas semanas. Tamén teremos novo traballos de Mutenrohi e Marful, que contra os últimos meses do ano publicará o seu segundo disco. E unha sorpresa moi agradábel: Batuko Tabanka, o grupo galego-caboverdiano, publicará finalmente o seu primeiro traballo, a través de Pai Música, un disco que será tamén distribuído en Portugal, onde se espera que teña unha grande acollida.

Na Regueifa Plataforma (distribuidora na rede de contidos culturais baixo licenzas Creative Commons) viron a luz os primeiros traballos de Projecto Mourente, Ataque Escampe, Noise Project, Le Glamour Gortesque, Quant ou Nouvelle Cuisine, dará o salto no 2008 aos formato físicos. Non abandona a rede, por suposto, pero varios dos seus lanzamentos farano á vez en formato mp3 descargábel e en edición CD. Así, nos primeiros meses do ano estará na rúa o novo de Ataque Escampe (Arredor da cuestión nacional ou Galicia es una mierda, aínda por decidir), de Projecto Mourente (Kara.o.ke), e o debut de The Rexurdidos (aínda sen título). En outono chegarán os segundos de Noise Project e Colectivo Oruga. A Regueifa Discos aspira a ser un selo de referencia para as bandas indie que canten só en galego.

En Pai-Música, o selo discográfico ligado ao estudio de gravación Casa de Tolos, terán un inverno e primavera moi movidos. Se en decembro presentaron os discos de Tino Baz (Cinsa namorada), a Señora Carme (Na flor dos meus anos) e o proxecto Pelo Gato 24, en primavera publicarán catro novos álbumes. En marzo chegará o agardado novo disco de Lamatumbá, precedido na primeira semana de febreiro por un maxi-single con varias cancións inéditas. Tamén en marzo chegará un recopilatorio de hip-hop, con temas de catro grupos producidos por El Puto Coke: Aid, WöYza e 040, ademais das súas propias cancións. Entre marzo e abril chegará unha interesante colaboración entre Burgas Beat e Magín Blanco. E pouco despois, o novo disco de Ruxe-Ruxe.

Antes, entre xaneiro e febreiro estarán nas tendas os novos traballos de Niño y Pistola, Hollywater e dos vigueses The Blows. Pero as novidades non rematan aí. Despois do verán chegarán os novos traballos de 6PM e moi posíbelmente de Triángulo de Amor Bizarro, que antes realizarán unha pequena xira por México.

Pola súa banda, Falcatruada, cunha grande actividade nos últimos meses de 2007 (lanzamentos de The Homens, Silvia Penide, Narf, Budiño...), centrará o primeiro semestre de 2008 na promoción dos seus grupos, en xira por todo o país, e mesmo con numerosos concertos no resto do Estado e en Portugal.

www.vieiros.com
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 09-01-2008 10:22
# Ligazón permanente a este artigo
Xa dispoñible o disco "Pelo gato 24"
Xa está no mercado o "PELO GATO 24". Este novo traballo está impulsado e producido pola Asociación de Gaiteiros Galegos, realizado por Casa de Tolos e coeditado pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural e PAI-Música. Trátase dun libro, un CD e un DVD co que AGG segue a apostar pola divulgación da música tradicional entre @s nosos cativ@s e "Pelo gato 24" preséntase como un bo xeito de materializar este obxectivo.

O CD de audio consta de 13 cantigas tradicionais para nen@s, que baixo a dirección musical de Paulo Nogueira e Magoia Bodega foron interpretadas por cantantes e músicos do prestixio de Leilía, Fuxan os Ventos, Migallas, Xabier Díaz, Mercedes Arribe, Sonia Lebedynski, Sra. Carmen, Xurxo Souto, César Longa, Begoña Riobó, Pancho Álvarez, Segundo Grandío, Xosé Liz e a charanga "Vai de Baile".

O DVD está formado por un docufilm dirixido por Pablo Carpintero e Gustavo Couto sobre os xogos tradicionais, ademais dun "Como se fixo" e os videoclips e playbacks das cantigas. Se queredes obter mais información, non deixedes de visitar a páxina web www.pelogato24.com

Os socios da AGG xa podedes mercar o voso exemplar do "Pelo Gato 24" a traves da Asociación. O prezo é de 10 ? + gastos de envio contra reembolso. Podedes solicitalo a través do correo electrónico: secretaria@gaiteirosgalegos.com ou ben chamando ó número de teléfono 986 847 074. Tamén tedes a opción de mercalo directamente na nosa oficina situada na rúa Alfonso XIII, nº7 en Pontevedra. Lembrade que é unha oferta só para asociados.

www.gaiteirosgalegos.com
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 09-01-2008 09:16
# Ligazón permanente a este artigo
Penta fol: Un libro para gaiteiros

Máis información:
www.bideweb.com/Alberte/Opentafol
Comentarios (0) - Categoría: Publicacións - Publicado o 08-01-2008 13:28
# Ligazón permanente a este artigo
Videos sobre Cantos e Danzas de Reis
Na presentación da Revista Oral "Fiar O Tempo" de Ponteareas







Comentarios (0) - Categoría: Videos - Publicado o 08-01-2008 12:53
# Ligazón permanente a este artigo
O Alalá de hoxe
Hoxe, martes, día 08/01/2008

José Marentes é un dos mellores gaiteiros de Galicia e o derradeiro dunha antiga xeración de gaiteiros de son máxico da Fonsagrada. O último portador do saber dunha antiga estirpe musical tecnicamente prodixiosa: a gaita é un instrumento de son continuo, pero eles eran capaces de silenciala nota a nota, de facer picados antigos incribles que os gaiteiros de hoxe apenas conseguen e de improvisar as pezas ao mesmo tempo que tocaban. Poder escoitar esta noite a Marentes, no espazo de Alalá, é unha auténtica xoia musical e tradicional.

José Marentes é un home feito a si mesmo. Comezou tocando no monte con pipas de alcacén ou castiñeiro e hoxe é un dos mellores gaiteiros de Galicia. Traballou a terra con esforzo e coa honra como principio e na vida lle faltou de nada. Humilde por natureza non lle gusta botarse nin que lle boten flores, pero este labrego de 71 anos con alma de gaiteiro é o último portador do saber dos antigos gaiteiros da Fonsagrada, algo que o converteu nun tesouro vivo da nosa música tradicional.

Comentarios (2) - Categoría: Novas - Publicado o 08-01-2008 01:25
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] 3 [4]
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer


Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0