Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Tres discos, trece grupos, trinta poetas
De Carvalho Calero a Lois Pereiro e de Fanny + Alexander a Alexandro González. A música galega máis moza porfía en ollar de vez en cando á poesía. Unhas veces contemporánea, outras veces canónica, por veces ambas as dúas cousas

Non se pode contar a historia da poesía galega sen Antón Reixa nin a da música do país sen un dos seus proxectos sonoros máis situacionistas, Os Resentidos. Talvez estas dúas afirmacións sexan unha soa. Poesía e música, por algunha razón, levan moito tempo a dialogar no campo cultural galego. E o que é máis singular aínda: non deixan de facelo. Lonxe abondo da conexión folclórica, mesmo fóra da taxidermia institucional, as bandas e os solistas mozos porfían en virar a ollada cara aos versos, de agora ou de antes, para poñerlle música ou facelos propios. Mentres o bravú pescaba nos caladoiros identitarios do coloquial e do mundano, a facción máis militante diso que se deu en chamar ?a esbourante escea da música galega? hai tres anos apaña nas bibliotecas.

Edicións do Cumio está a piques de editar Once máis 15, un libro-disco no que quince bandas, cada unha do seu pau, adaptan textos poéticos doutros once autores. Uns, xa desaparecidos, como o Celso Emilio Ferreiro ao que se achegan Miguel A. Suárez ou Xurxo Mares, e outros aínda a poñer as súas palabras entre as rodas do capital, como o Antón Lopo que transubstancian Ataque Escampe ?remesturados por Galegoz? ou o Daniel Salgado de ?Autopoética in progress?, que traen para a música Fanny + Alexander.

Proceso de selección

Trátase dunha iniciativa de Musicarte, un colectivo que se quere nas estremas do que a industria musical pode considerar rendíbel, como insinúa Miguel Alonso, un dos seus activistas. No principio foron os grupos, unha escolma maior que os quince que finalmente figuran no volume, e logo apareceron os poemas, escollidos libremente polos músicos e levados ás demos que chegaron á selección final. Fóra ficaron moitos, máis dos que entraron nos quince cortes, e dentro ?á parte dos mencionados? están zimmer 103 (?Se has de chorar?, de Alfonso Pexegueiro), Miguel Alonso (?Nos ollos teus?, de Álvaro Cunqueiro), Anxo Rei (?Contarche hei amiga?, de Darío Xohán Cabana), Roberto Sobrado e banda (?A dama que fala?, do Grupo Rompente), Snail (?Cunetas?, de Luís Pimentel), Meiga do Norte (?Ai!?, de Curros Enríquez) e Julian Ross (?A Rosalía de Castro?, tamén de Curros).

O volume combina os textos orixinais, antes da metamorfose á que os someteron os grupos, e información sobre os autores, tanto dos poemas ?biografías en sentido estrito? como das cancións ?perfís máis libres que cada banda encargou a quen quixo?. Gravados por cada grupo segundo o seu criterio e cos seus medios, agás casos illados nos que Musicarte e Do Cumio botaron unha man contando co propio estudio de Miguel Alonso, os cortes do disco eran todos inéditos cando se entregaron. Agora, xa non.

Fanny + Alexander

Unha das cancións que comparte este disco con outro é ?Autopoética in progress?, baseada nun poema de Daniel Salgado. Logo de entregala para Once máis 15, Fanny + Alexander incluírona no seu último disco, Alfaias (A Regueifa Discos, 2009), unha heteroxénea gravación que arrandea entre o pop electrónico e o acústico e na que o poeta de Monterroso comparte mp3 con outros autores da mesma xeración que Noel Feáns e Efi Arias, quen se agochan atrás de Fanny + Alexander: Mario Regueira, Emma Couceiro, Diego Ameixeiras, Lara Dopazo Ruibal, Xiana Arias, Igor Lugrís, Pedro Lamas, Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa e Alberte Momán.

O interese de Fanny + Alexander pola poesía galega estaba no seu primeiro traballo, Lusco e fusco, onde rescataban algúns versos de Manuel Antonio, e sobre todo na súa segunda entrega, inmediatamente anterior a Alfaias. En realidade, Finais dos 70s, principios dos 80s (2007) era exactamente iso: un disco de adaptacións poéticas de autores, iso si, de distintas épocas. Dende Ricardo Carvalho Calero, nacido hai case cen anos, que hoxe podería converterse no protagonista do vindeiro Día das Letras Galegas, até María do Cebreiro, ou o propio Daniel Salgado dúas dos voces novas da poesía galega.

?Atrocity exhibition?

Nese disco estaba tamén outro poeta sen o que non se poden escribir nin a historia da música nin a historia da poesía en lingua galega. Lois Pereiro (Monforte, 1958-A Coruña, 1996) titulou o primeiro poema do seu debut en libro ?Atrocity Exhibition?, como a canción de Joy Division, e nunca deixaría de levar a música gravada na súa palabra. Fose escribindo sobre grupos nas distintas publicacións nas que colaborou ao longo das décadas dos setenta e oitenta, fose escribindo as letras do grupo do seu irmán, Radio Océano ??Narcicismo?, un dos seus poemas máis populares, é difícil de esquecer?, ou fose a través das adaptacións que os músicos fixeron dos seus versos. Aí, os paus tamén son todos. Dende Antón Reixa, que adaptou ?Furia? cando Os Resentidos xa eran historiografía, até as máis recentes achegas de O?Leo i Arremecághona ?para un documental aínda sen estrear? ou Alexandro González, o último en intentalo dende coordenadas ben diferentes ás dos seus predecesores.

Este músico lugués vén de presentar na súa cidade Oito cancións para oito poemas, un disco que se publica como resultado dunha das bolsas de primeira obra que concede a Fundación Caixa Galicia. Lonxe da vontade performativa de O?Leo ou das estéticas epocais dos Resentidos ou de Radio Océano, González (Salcedo, A Pobra do Brollón, 1981), membro fundador de Capitansonoro e colaborador de Meu, propón unha viaxe mental pola obra do poeta monfortino. Os oito textos, procedentes do segundo e último libro de Lois Pereiro en vida (Poesía última de amor e enfermidade, 1996), póñense nas voces de Xavier Deive, Lino Braxe, Antón Patiño, Julián Hernández ou Uxía Senlle, que canta o tema que arrica a gravación. Gravado entre maio de 2008 e xaneiro deste ano polo propio Alexandro González, único instrumentista e compositor de todas as pezas, vén a ser unha interpretación teatral, tanto no espacial como no narrativo, da obra dun dos poetas máis admirados polas xeracións posteriores a el.

Sexa como for, os traballos de Fanny + Alexander, Alexandro González e o colectivo que vai editar Edicións do Cumio veñen a confirmar que o interese das bandas mozas pola poesía en lingua, fagan pop, rock ou música experimental, segue vixente. Lonxe dos tópicos da canción de autor, o folclore ou a homenaxe, dialogan coa palabra contemporánea ou constrúen xenealoxías propias furando na tradición a golpe de portátil. Se a palabra é para quen a traballa, pódese dicir que hai moita máis plusvalía nun tema de Ataque Escampe que na deliberación que terá lugar hoxe na Real Academia Galega. Á filosofía da saudade de Ramón Piñeiro era difícil poñerlle un riff de guitarra ou unha percusión electrónica. Ao próximo, quen sabe, pódelle acaer.

www.xornal.com
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 07-07-2009 12:51
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer


Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0