Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Sonora Introterra
Ritmos de Pepe Vaamonde Grupo

O pasado mes de maio presentouse na cidade da Coruña o novo traballo de Pepe Vaamonde
Grupo, Introterra. O disco composto por once temas segue a liña marcada nos traballos
anteriores desta formación, Aviouga, a súa esstrea no ano 2002 que foi sinalado polo xornal
La Opinión da Coruña como un dos mellores discos folc do ano e Onde nace o vento, segundo traballo que chegou no 2006.


De novo unha mestura de pezas tradicionais con composicións do propio Pepe Vaamonde, outra volta pezas instrumentais acarón de temas cantados e a presenza dun dos elementos que compuñan a natureza segundo a civilización grega como leit motiv da obra. Se en Aviouga foi a auga quen funcionou de elemento unificador dos doce temas que compuñan o disco, en Onde nace o vento o aire, a forza do vento galaico era onde a formación procuraba a inspiración para as composicións, agora é a quenda da terra. Unha terra onde furan con silente paciencia as raíces esculcadoras de Pepe Vaamonde Grupo para seguir a lle dar xeito a súa forma de entender a música tradicional.

Choutando por riba do século XX, apenas representado por unha polca, todas as composicións de Introterra, tradicionais ou
non, apuntan cara ao século XIX. Non vai atopar quen escoita nin rumbas nin pasodobres, nin case ningunha referencia ou chiscadela ás achegas que a música galega foi recibindo ao longo do pasado século. O reto marcado por Pepe Vaamonde Grupo era facer música do século XXI a partir das sonoridades do XIX, na liña de folc clásico que vén acompañando á formación nos seus oito anos de vida, incidindo -como eles mesmos teñen manifestado- na procura do concepto de música galega máis no xeito que a formación lle dá a súa música ca no formato.

Abofé que o conseguen e incluso nos temas propios os padróns melódicos e rítmicos fan que as pezas se asemellen moito ao repertorio tradicional do século XIX. De todos os xeitos, non se debe confundir este desexo por pescudaren no pasado coa intención de querer trasladar unha foto fixa daqueles tempos á actualidade. Esa querencia pola música de hai máis de cen anos non é máis que o alicerce, a guía que sinala o camiño a seguir pero que en ningún intre impide ter claro o obxectivo: facer música contemporánea.

A meirande diferenza entre Introterra e os anteriores discos da banda dáse nas colaboracións.
Desta volta, todos os convidados e convidadas a participar na gravación son galegos. Se noutras gravacións a presenza de músicos foráneos, nomeadamente irlandeses, era notoria, neste novo disco todos son, como o propio disco, da terra. Xavier Feijoo, ?Chisco?, e as pandereteiras As Vilarachas poñen a voz nos tres temas cantados; o primeiro en Toutón e ?Ollos?, as segundas, en Laracha. Tamén colaboran o trompetista Abraham Cupeiro, o baterista Carlos Bastón e mais o gaiteiro Brais Monxardín que interpreta maxistralmente ao piano a derradeira peza do traballo acompañando a gaita de Pepe Vaamonde.

É precisamente esta canción, a fermosa ?Dúas olladas?, a que dunha maneira máis precisa amosa a intencionalidade do grupo de crear música contemporánea dende a esencia do tradicional.
Achegándose á música clásica na estrutura, co latexo consistente do tradicional embaixo, mais a soar definitivamente actual. Dende logo un magnífico peche para toda a emoción sonora que estoupa sobre o ritmo do pandeiro xa no primeiro corte, o que lle dá nome ao disco, e se mantén ao longo dos 48 minutos de música que encerra Introterra.

Por outra banda, ademais das colaboracións devanditas, participaron na gravación do disco a formación habitual de Pepe Vaamonde Grupo: Pepe Vaamonde, gaitas galegas, frauta e whistle; Nacho Tobío, Acordeón; Pipo Alvariño, guitarras acústica e española e mais Xesús Vidal no baixo. A gravación, por vez primeira na súa andaina, realizouse fóra da Galiza. Estudios PKO de Madrid, foi o lugar escolleito para o proceso de gravación dun disco autoeditado pola banda e distribuído por Lonxa Cultural, a terceira achega na súa andaina á procura da quintaesencia musical que se atopa nalgures agachada tras a auga, o aire e a terra. Ficamos á espera do lume mentres gozamos con Introterra.

A importancia da música galega

Moitas voces teñen dito xa que a calidade da música que se fai no país neste comezo do século XXI é realmente impresionante.
Abonda con se achegar a calquera das poucas tendas que aínda venden música nas nosas cidades ou vilas e escoller ao chou catro ou cinco discos feitos na Galiza.
A sorpresa que nos levariamos sería moi grata. Por riba, o abano de grupos abrangue por vez primeira na nosa historia musical moito máis estilos ca o folc. O rock, xa dende hai anos presente, o hip-hop de formacións como Dios Ke Te Crew ou Os Trasnos de Moscoso, o jazz de Alberto Conde ou Abe Rábade, a exploración alén do eido folc de Ugia Pedreira e Guadi Galego e mais unha longa listaxe de grupos que medra día a día. En definitiva, a proba significativa dunha cultura que se mantén viva e vizosa no seu devir, interrelacionándose en pé de igualdade coas diferentes culturas coas que ten, dun xeito ou outro, contacto. A música galega pode perfectamente colocarse acarón da música brasileira, da irlandesa, da latina ou da anglosaxoa e, de mirármola cos ollos do capitalismo escangallado que nos toca arestora vivir, incluso converternos en importantes exportadores de cultura.

Xa que logo, decisións como a adoptada na recente reestruturación da radio pública galega de modificar os contidos e a liña do seu programa Aberto por reformas, que deixa de estar centrado na música de noso para dar cabida a outras músicas que teñen cumprida presenza ao longo do dial sorprendeu e até deu lugar a un manifesto en contra que recolleu en apenas unha semana o apoio de 2 000 persoas, 50 grupos musicais e máis de 100 asociacións culturais na rede. Persoas e colectivos que pensan que o apoio á nosa produción cultural, á nosa música, é fundamental para nos entender a nós mesmos.

DANIEL LAVESEDO
www.farodevigo.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 01-07-2009 11:27
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer


Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0