Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A música galaicobrasileira

O gaiteiro galego, que acaba de editar un disco producido en Brasil, trata as relacións sonoras de ambos lados do atlántico

O xornalista Carlos Galilea faloume un día dun interesante concepto, o das músicas portuarias, que mantiveron conectadas por mar unha soa «nación musical» na que se cociñaron as claves do éxito da música do século XX: a mestura das melodías e harmonías europeas, co ritmo africano.

Sábese que os emigrantes irlandeses e escoceses a EE.?UU. contribuíron coa súa música, mesturada coa dos descendentes de escravos africanos, á formación da que máis influiría no mundo na segunda metade do século pasado: o rock & roll, cos seus derivados e coas súas fontes.
¿Por que Galicia non colleu ese tren das músicas do XX, como si fixeron na Península o flamenco ou o fado? Seguramente por culpa da gaita. Os seus roncóns medievais non permitiron a viaxe cara á harmonía e o jazz. A guitarra gañou a carreira de América. No fondo esas son xa músicas urbanas e aquí a cultura galega sobreviviu no rural.

Aínda que, de maneira seguramente anecdótica, si que os galegos contribuíron a estas músicas na emigración: por exemplo no tango (lembremos o Galleguita de Gardel), ou en Cuba (onde tamén gravamos algún repertorio galegocubano, se cadra mesmo contribuímos ao bum cubano dos noventa ao facelo con Ry Cooder). Tamén no fado houbo emigrantes galegos. E seguramente no flamenco, coa cantidade de galegos que había en Cádiz ou Sevilla.

E algo de todo iso debe de haber, non hai máis que ir a calquera festa do verán en Galicia para se decatar do moito que nos gustan estes ritmos quentes, de influencia afroamericana. Mesmo mitos da música cubana levaban sangue galego e africano, como Antonio Machín, fillo dun galego e dunha descendente de escravos, ou Bebo Valdés, neto dun galego. Tamén é certo que neses países, o tocar ou bailar como un galego era símbolo de falta de swing ?
¿Será no Brasil onde Galicia atope finalmente e en profundidade a súa exitosa mestura co africano?

Galegos e negros
Como escribe meu amigo o maestro Tinhorão: «O contato direto entre negros africanos, portugueses e espanhóis na Península Ibérica remontava ao século XV, pois entre as mercadorias negociadas no Norte da Africa, figuravam escravos (muitas vezes africanos trocados por mouros, e que os muçulmanos traziam do interior do continente). Lisboa e Sevilla, ao reforçarem sua posição de entrepostos comerciais con América, só fariam crescer o número de vagabundos, valentões, criminosos ou simplesmente pícaros, destinados a formar ao lado dos escravos negros (e logo crioulos e mulatos) o público das diversões urbanas. A novidade de uma música producida pela gente do povo das cidades, para atender à expectativas do lazer urbano, estava nascendo em Portugal de Quinientos. E, tal como mais tarde viria a confirmar-se no Brasil, essa música popular surgia como criação das camadas mais humildes dos negros e brancos pobres das cidades».
Dicía un panfleto sobre a música «que veyo agora da Bahia, e o Fandango de Sevilla», que circulou na Lisboa do século XVIII -cando alí había 40.000 galegos-: «É o som do marujo, do galego, do moço de servir, da inquietação e da balburdia, dos barulhos e das traficâncias».

A moda do fandango
O fandango foi um bum na España do século XVIII moi relacionado coas colonias americanas. Hai quen di que nace da folía e que esta, á súa vez, vén do norte de Portugal. No século XVII, no mítico arquivo de música do Rei João IV figuraban 36 danzas galegas. A folía está etimoloxicamente relacionada coa nosa foliada, que é un fandango, quen sabe por tanto se tamén hai relación musical.
No século XVIII, o artista mulato brasileiro afincado en Lisboa Domingos Caldas Barbosa escribe: «Vence fandangos e gigas / A chulice do Lundum». Ou que é case o mesmo, o lundú vencía ás nosas jotas e muiñeiras... O ritmo do lundú vén dos batuques dos escravos africanos, mais a súa coreografia «imitaba a da dança espanhola denominada fandango».

Os brasileiros din que «tal fusão, realizada há tanto tempo, torna de certa maneira vã toda tentativa de procurar estabelecer o que é realmente africano ou europeu em nossas danças populares atuais». Mais eu acho xiros de Alborada antiga no lundú do XVIII que gravei con Carlinhos Brown e un coro de bahianas que ben poderían ser pandereteiras. E ese lundú é o máis vello contacto do africano e o europeo no Brasil do que se conserva transcrición musical.
E o máis incrible é que tantos anos despois, o lundú segue vivo con outro nome. Eu escoitei hai só uns meses en Bahía eses mesmos xiros «gaitísticos» no Axé eléctrico máis de moda. E o baile do público asistente -brazos en alto como de muiñeira ou jota e movemento africano de cintura para abaixo-, e tal e como describían os viaxeiros ao Brasil hai más de 200 anos, «sedutora dança dos negros, misto de coreografia africana e fandangos espanhóis e portugueses» (Thomas Lindley, Bahia, 1802).
Nas miñas viaxes vivín moitas veces a reacción espontánea dos percusionistas brasileiros ao tocar eu a gaita. Tal como describe nunha exposición colonial portuguesa O Comércio do Porto , en 1934, «eu mesmo vi um preto fazer batuque da mais característica dança regional do Norte». Parece que ese encontro é algo natural...
Gustan da néboa

Desas viaxes trasatlánticas, con tantas idas e voltas ao longo dos séculos, vén a música brasileira que hoxe coñecemos: lundú, modinha, maxixe, choro, samba, bossa nova, tropicalismo, MPB... Tamén é certo que mesmo nos xéneros propios non fan fronteiras claras; se cadra os brasileiros gustan da néboa, coma nós.
Diciamos que as nosas posibles relacións co Brasil están sen estudar na lingua, así que imaxinade na música... En calquera caso, estas son as miñas conclusións deste ano brasileiro; é a miña historia, ¡quen teña outra, que a conte!

La Voz de Galicia
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 07-07-2009 00:27
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer


Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0