Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza |
|
|
|

|
Malmequer |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
Entrevista a Guadi Galego |
|
O seu último traballo discográfico acaba de saír do forno; «Benzón» pretende ser un universo galego, pero sen fronteiras, unha música universal
Ten unha das voces máis características do panorama musical de Galicia. Un día haberá unha xeración de galegos que contarán que, de nenos, durmiron no colo dos seus pais mentres escoitaban un dos cantos de berce máis fermosos que se teñan gravado nunca. Guadi Galego (Cedeira, 1974) vén de poñer no mercado outra desas apostas que, pola súa complicación, resultará practicamente imposible escoitar en directo. Pero hai conservas que manteñen intacta a calidade do produto fresco. Benzón é unha desas conservas que arrecende a frescura.
-¿Que é «Benzón»?
-A palabra normativa sería Beizón , que é bendición . Pero aparecía benzón nun dos primeiros dicionarios galegos, e era o que dicían os paisanos, incluso os mendigos, cando daban as grazas por algo dun xeito especial. Quería facer un disco así, que xuntara o camiño no que estamos moitos, a música tradicional e a música de autor. Son cinco temas tradicionais, arranxados, e cinco composicións.
-¿Súas?
-O xermolo é meu, o que pasa que algunhas as firmo con alguén porque penso que os arranxistas collen un peso moi importante. As composicións están inspiradas nas músicas ou nas letras das pezas tradicionais. En cada tema, escollín un arranxista. Benzón pretende ser un universo galego, pero sen fronteiras, unha música moi universal. Agora estamos moi preparados para mostrar todo iso.
-Sempre foi vostede de «proxectos», de colaboracións con outros músicos. ¿Este pode ser o primeiro traballo realmente seu?
-Non. Aquí hai 25 músicos, oito arranxistas e catro letristas máis ca min. Non teño ese carácter de solista. E agora o digo completamente en serio: este país faise con todos e admiro moito á xente que traballou neste disco.
-¿O traballo é transportable a un concerto en directo?
-Si, pero non o vou tocar.
-¿Só para poñer, logo?
-Si. Hai unha páxina para ver tamén, en guadigalego.com. Cando deixei Berrogüetto tiña claro que non me apetecía facer directos grandes. Sigo a ter Espido, Nordestinas, a Berrogüetto no meu corazón e ás veces colaboro con eles... Pero non quero tocar este disco. Está feito e queda aí.
-¿Pensado tamén para fóra?
-Penso que é moi galego e moi universal. No disco inclúense unha serie de fotografías de ceos galegos, aínda que o ceo non é de ninguén.
-Moitos galegos durmimos aos nosos fillos co «Arrorró» que gravou vostede naquel disco de cancións de berce que editou a Xunta...
-É curioso, moita xente me recorda por iso. Gústanme especialmente os cantos de berce e os nenos tamén. Foi unha encarga dunha compañeira túa, para regalarlla a un amigo. Fíxena un día, antes dunha clase [é mestra]. Letra e música.
-Arrorró... rorró meu neno... arrorró... rorró meu sol...
-[Segue]... No teu mar, bailan sereas, no teu ceo, o rei é o sol. Son as cousas normais da vida. Era para iso, para adurmiñar aos nenos.
-E aos pais, dou fe...
-[Ri] ¡Podo imaxinalo!
-¿Non se embarca en demasiados proxectos?
-¡Estou aprendendo a dicir que non! Xan fun máis do que son. Os proxectos fanse para un momento. Se despois xa non hai máis que dicir, hai que rematalos, non teñen sentido. En Nordestinas, por exemplo, fixemos un disco, pero non se sabe se vai haber outro, pode que si, pode que non, depende por onde vaian as vidas dos tres. Tampouco sei se haberá un Espido o ano que vén, dentro de tres...
-Pensaba que viviría exclusivamente da música, pero non, dá clases nunha escola en Sarria ¿A música non dá para vivir ou non se arrisca?
-Eu son así. Podería vivir disto se me dedicara profesionalmente a tope. Pero xa non faríamos o que fago. Se fago a música que fago é porque estou conectada ao mundo, e estar cos nenos é a realidade para min. Aprendo moito deles. Se me dedicara a outra cousa, faría outra música. Estou dando clases de primaria e o levo moi ben, con nenos de oito e nove anos.
-¿Cántalles?
-¡Si! Alucinan con que eu sexa cantante: ¡El no va más! A min preocupábame mogollón pensar que tiña que vivir da música, cando todo o mundo está pensando no contrario; tiña medo de que se convertera nunha obriga. As cousas que fas ben son as que fas de corazón.
-Non sei que lle parecerá a vostede, pero teño a impresión de que hai xente que, polo feito de cantar en galego, xa se cre quen de situar politicamente ao cantante...
-Iso é tremendo. Vincular politicamente unha lingua é o peor que se lle pode facer a unha lingua, é moi duro. Hai quen pensa que, por falar galego, ou es de aldea ou es do Bloque. É moi inxusto xogar coa lingua politicamente.
La Voz de Galicia
|
|
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|