Falamos con Manuel Xende, gaiteiro de Queixas (Cerceda). Forma parte do cuarteto que leva o mesmo nome que a parroquia, e lembra como se ía de 'tascas', como botaban unha semana actuando por fóra, e como a xente dicía que eran os que mellor tocaban.
Cóntanos como na súa casa sempre estivo moi presente a gaita. No rural galego dos 50 a aparición da radio e a incorporación, ás formacións tradicionais, de novos insturmentos (saxos, clarinetes ou requintos) levaron a unha nova interpretación da tradición. Grazas a Manuel Xende mantéñense pezas coma a "Muiñeira de Solán", que el aprendeu de cativo mirando os vellos gaiteiros de Solán. Na formación actual, os Queixas son gaita, clarinete, bombo e tambor, e intégranao propio Manuel Xende, Xosé Villaverde Liñares, Antonio Gómez Bouzas, e Ricardo Muíño Xestal.
Cóntanos como se tocaba antes nas festas, canto sacaban (chegaban mesmo a vinte pesos cada músico), e ensinounos o seu método para programar o repertorio: ten unha caixiña con máis de 140 pezas, cos títulos anotados en papeliños, que vai escollendo e pasando dun peto para outro segundo vai tocando."Non hai unha destas que non saiba de memoria", di.