Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Entrevista a Guadi Galego

Acollemento, sensibilidade, madurez, dozura, proximidade, personalidade, profesionalidade? son algunhas das palabras que me veñen á mente cando penso no que me transmite co seu cantar a muller que hoxe ocupa estas liñas. É sen lugar a dúbidas unha das voces máis características do panorama musical galego, que gusta ou non gusta, debido precisamente a iso de que é ?persoal?.

E pensaredes quen nos ledes: primeira entrevista a Xabier Díaz e agora a Guadi? Cheira mal! ;) E non, non é que sexa unha ?grupie? de Berrogüetto, nin tampouco de Acadacanto. Que me gustan ámbolos dous? Non o podo negar. Mais as razóns de que a miña segunda entrevistada sexa precisamente ela non ten nada que ver con iso. E é que o mundo da música está de celebración! Xustamente hoxe sae á rúa o seu último traballo, ?Lúas de outubro e agosto?, e tivo a ben deixarme entrar ?un chisco? na súa mente para contarme moitas cousas que agardo que vos resulten de interese.

Tod@s te coñecemos como a Guadi Galego que cantaba en Berrogüetto, xa que a túa presenza no grupo foi a que te deu a coñecer. Que che achegou e como encaraches a túa carreira despois diso?
Comecei en Berrogüetto cun obxectivo, que era cubrir a praza dun gaiteiro e as voces das pandeireteiras, tarefa imposible. Eu non era cantante, desde logo; cantaba pero non era a miña prioridade. Eu basicamente era Gaiteira. Aí empezou a miña encrucillada e o difícil mundo da voz, pero que é á súa vez tan apaixonante.

O que se vive nunha banda que consegue transmitir tanto como Berro, marcar unha etapa importante da música do país, exportar cultura, convencer a crítica e a público? son cousas que non se poden explicar con palabras. Con Berrogüetto percorrín medio mundo e coñecín xente e culturas varias, experiencias que sei que son irrepetibles. E despois chega a calma e o comezo dunha experiencia distinta: a canción como prioridade, versións, repertorio mariñeiro e a música de autora, escribir cancións e espirse pouco a pouco. Ao deixar Berrogüetto pasou algo moi curioso no palco, só quería cantar en formatos pequenos, tiña esa necesidade. E remataron os nervios, nunca máis volvín saír nerviosa ao palco. Coa seguridade de que aquilo piquiniño e tan meu ía ser o meu pequeno gozo. E así foi.

Nervios? palco? Que sensacións ten Guadi Galego antes, durante e despois de estar sobre o escenario? Como describirías o que lle achega á artista esa experiencia?
O palco é un tributo á humanidade, un bocado de espido, un bocado de verdade e outro de mentira, un bocado de evidencia, de banalidade e de transcendencia, un bocado de pudor, un bocado de medo, de? é unha exposición dun anaco do que ti es, coas miserias e virtudes. Hai días que te sentes xenial e días que non tan xenial, depende de como esteas, como na vida mesma.

?Ao deixar Berrogüetto só quería cantar en formatos pequenos. E nunca máis volvín saír nerviosa ao palco. Coa seguridade de que aquilo piquiniño e tan meu ía ser o meu pequeno gozo?

Como foron os teus comezos na música? Fuches a clases de voz? Tocas algún instrumento, ademais da gaita?
Comecei como calquera nena na vila, en Cedeira, compaxinando a música clásica coa tradicional e relativamente tarde, tiña 10 anos. Comecei tocando piano e gaita, despois cantei na Coral Eixil durante anos e finalmente metinme en canto tradicional con Xabier Díaz, pero aí xa era moito maior.

Fun a clases, múltiples, pero son unha grande indisciplinada para o académico, fun aprendendo da xente coa que toquei e compartín conversas e mil horas de música. Fun ao conservatorio a clases de canto con varios mestres, pero pouco tempo. A miña técnica é froito de moitas horas de investigación na miña limitada voz.

Falas de investigación, como foi ?madurando? Guadi Galego musicalmente co paso dos anos? Cales son as túas principais influencias?
A madurez é algo que non se analiza? maduras ou non. Son máis madura para afrontar a vida e os problemas, o traballo e os obxectivos, e sigo sendo unha auténtica inconsciente para seguir meténdome en grandes leas como ?Lúas de outubro e agosto?, un disco tan distinto nunha etapa vital social dubidosa e cunha responsabilidade na miña vida persoal moi grande que me quita moito tempo, pero así son eu.

Musicalmente déixome ir e nunca penso nas influencias, póñome a camiñar e fago o que me pide o corpo e a alma. Escribo sen medos e dende o abrazo compartido. Sei que as miñas letras nin son grandes nin o pretenden, son miñas, o que sinto. As músicas parten da esencia do aprendido, do escoitado, da música tradicional, da música de taberna, da música de autora, do pop, do jazz?

E en todo ese proceso, como afrontas o traballo compositivo?
Sempre do mesmo xeito. Funciona a esencia? Para diante coa estética, non funciona á lixeira. Hai letra? A pola melodía e a harmonía. Hai melodía? A pola harmonía e a letra.

Cóntame un pouco máis de ?Lúas de outubro e agosto?, que hoxe sae á rúa. Como o describirías e que podemos atopar nel? Xa puidemos escoitar Mergullei e Matriarcas e ver que o estilo é moi diferente a todo o que levas feito ata agora. Que buscabas?
?Lúas de outubro e agosto? son cancións miñas e de xente á que quero e admiro. Hai dous temas en concreto, un de Kevi, un dos homes con máis talento para facer cancións que coñezo e non se digna a sacar un disco, e outro de Karlos Abal; deste podería dicir que nunca deixa de sorprenderme, hai un tema del, O Norte, que é unha delicia. Hai tamén un tema de Pachi, o produtor do disco, un auténtico talento do pop español, que espero que algún día poida vir rebentar salas en Galicia. Buscaba un son distinto ao feito ata agora, buscaba as miñas melodías, as miñas harmonías, as miñas letras e os meus temas cos seus pros e contras, un son pop pero sofisticado, por iso pensei en Pachi. O disco ten unha sonoridade distinta ata o de agora feito por min, pero a esencia de Guadi Galego está. Quen a busque atoparaa.

E como cres que o vai acoller o público, asustarase? Preocúpache ou para nada? Espero que non se asuste, a xente que me segue non se sorprenderá demasiado.
?O disco ?Lúas de outubro e agosto? ten unha sonoridade distinta ata o de agora feito por min, pero a esencia de Guadi Galego está. Quen a busque atoparaa?

Unha curiosidade, por que este título de ?Lúas de outubro e agosto?? Ten algo que ver coa gran responsabilidade na vida persoal, que che quita tempo, da que me falabas?
Si, ten. As lúas de outubro e de agosto foron as lúas cheas que trouxeron aos meus nenos.

E como nai, de que xeito encaixa a música no teu día a día? Consegues ter tempo para ela?
Consigo poder convivir coa felicidade de sentirme moi chea cada vez que teño uns minutos para dedicarlle.

Es unha das cantantes con máis personalidade á hora de cantar que coñezo. En calquera sitio que te escoiten es totalmente recoñecible e mesmo hai moita xente que te ?imita?, porque xa es un referente. Como conformaches ese estilo propio?Non teño nin idea, supoño que non renunciando a expresar as cousas como quero coa voz.

Algún truco á hora de coidar a voz?
Ningún. Só non berrar, non cantar durante moitas horas; engadindo que non fumo, non bebo frío e son de boa raza (risas).

Como ves o panorama musical actual?
Moi rico, moito nivel, en Galicia súper nivel, máis do que pensamos, pero pouco risco por parte de tod@s. Moi bos músic@s, cantantes excelentes, e moitas e moitos.

E xa para finalizar, e por non perder costume, un interrogatorio en toda regra! Dime unha cantiga que che guste moito.
Instrumental, Marcha de Breixo. Cantada, Fisterra, a versión de Treixadura.

Un ou unha artista a quen admires
.
Calquera que me transmita máis verdade que mentira e, sobre todo, emoción. Quédome con Uxía, por todo iso.

Un ou unha artista con quen che gustaría compartir escenario.
Con Javier Ruibal (adoro os Xabieres).

Un lugar no que xa actuaches e que te marcou especialmente.
Sen dúbida, Bos Aires, a primeira vez que fun con Berrogüetto.

Un lugar no que che gustaría actuar.
Calquera onde queiran escoitarme ou cantar comigo.

Ganas de escoitar ?Lúas de outubro e agosto? desa nova Guadi son as que teño eu. Xa sabedes, desde hoxe á venda!

Moitas grazas por todo, Guadi, e moita sorte.

www.pinchaediscos.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 28-11-2014 15:54
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer


Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0