O vindeiro domingo 29 de maio o Coro Tradicional Cantares do Brión organiza a II Romaría da Touba do Brión, unha festa laica que se celebra nas abas da Serra do Galiñeiro.
Calquera persoa que o desexe queda convidada a participar.
A partir das 10:30 da mañá dará comezo a romaría cunha camiñada desde o merendeiro da Comunidade de Montes de Vincios até a Touba do Brión, debaixo do Curro. Na touba, que lle dá nome ao noso coro, seremos informados das características da cova e mais da lenda localizada nesta paraxe, por conta de representantes do Clube Espeleolóxico Maúxo. Despois, Cantares do Brión interpretará algunhas pezas do seu repertorio, entre as que non faltará a ?Foliada de Vincios?. Ademais, aproveitaremos esta ocasión para estrear a cantiga que leva por título ?Na Touba do Brión?.
A continuación celebraremos un xantar popular no merendeiro do Galiñeiro coa comida e a bebida que acheguen os propios participantes, para comezar a foliada amenizada por grupos de música tradicional e mais polos coristas de Cantares do Brión, colectivo integrado no Centro Cultural de Vincios.
Tal e como sucedeu o ano pasado, agárdase que as romeiras e romeiros máis ousados efectúen unha subida ao pico máis alto do Galiñeiro.
A romaría, aberta a quen queira achegarse ao lugar, esténdese durante todo o día. Aconséllase levar, ademais de comida e bebida, toda clase de instrumentos musicais utilizados na nosa tradición musical.
Deixamos aquí un vídeo dunha das pezas cantadas o ano pasado na Touba do Brión.