Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Músicos Tradicionais da Limia no Alalá

Hoxe, martes, día 18/08/2009

Paco de Escornabois, Hermelinda do Muíño ou os Gaiteiros do Vilar foron algúns dos músicos que pasaron polo programa pero, nunca se preguntaron como demos con eles?
Diso vai o "Alalá" de hoxe, un programa completamente distinto a todos os anteriores, xa que se trata dun "Alalá" de recoñecemento e de homenaxe a aqueles que dedicaron o seu tempo a buscar incansablemente tesouros da nosa música tradicional e deron despois as coordenadas para que nós simplemente tiveramos que admiralos e compoñer os "Alalás" coas súas verbas.

Esta noite, gaiteiros con máis de medio século e historias da lembranza da Limia no "Alalá" do Catálogo de Músicos Tradicionais da Limia. Así, verase como se atopan pezas e gaiteiros con case un século de historia e para iso o equipo do programa acompaña a Castor e Félix, dous verdadeiros investigadores. Eles dous son notarios da música tradicional galega, que durante dez anos fixeron máis de 4000 quilómetros polo interior da Limia, en Ourense, na procura de verdadeiras xoias musicais do patrimonio cultural. Todos estes achados son historias e músicos tan reais como incribles, que foron capaces de reflectir nun catálogo de músicos coa axuda doutros coma eles: Iván Area, Pablo Carpinteiro e Delfín Caseiro. Entre todos inmortalizaron para sempre aquel saber tradicional da comarca da Limia nun libriño tan breve como ancestral que poderemos ler nas imaxes e nos beizos dos seus personaxes.
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 18-08-2009 11:27
# Ligazón permanente a este artigo
Os Seráns no Alalá

Hoxe, martes, día 11/08/2009

"Alalá", o espazo documental sobre música tradicional que presenta Pilar G. Rego, lembrará o programa dedicado a descubrir Os Seráns, un tipo de festa que hai décadas se celebraba nas aldeas durante os meses de inverno, cando baixaban as temperaturas. Este tipo de reunións en que a xente se reunía para cantar e bailar podía ter nomes diferentes segundo a zona, pero nesta ocasión "Alalá" achegarase aos seráns que se facían no sur da provincia de Pontevedra, concretamente estaremos na parroquia da Ermida, en Pazos de Borbén; pasará por San Vicente de Oitavén, en Fornelos de Montes, e chegará a Aboal, no concello de Mondariz.


Grazas a que os seráns se volveron poñer de moda asegurando que o proceso de transmisión da tradición funciona, cando se xuntan todas as xeracións, coñeceremos hoxe o divertimento propio dunha época que cos anos foi esmorecendo pouco a pouco. Pero as ganas dos veciños de contar todas as andanzas dos seus anos mozos segue viva e neste "Alalá" estarán todos os protagonistas, quen viviu os seráns e quen axudou a recuperalos, neste caso, o investigador de todo este proceso, Luís Prego, o que supuxo moitas horas e días escoitando con ansia e agarimo a todos os veciños.

Que era o serán e onde se facía? Sorprenderalles saber que o escenario, na Ermida por exemplo, era unha corte, a do gando, onde estaban os animais e o esterco. Para bailar, por suposto, había que baleirala e axeitala, o que supuña un enorme traballo.

Aquelas reunións divertidas recórdanas tamén as veciñas de San Vicente de Oitavén. Neste lugar o serán tiña algunha variante. Por exemplo, o xeito de anuncialo era "a peito", percorríanse os camiños cantando antes de comezar e, desta maneira a xente quedaba informada. Despois de rematar as duras faenas do campo, as mulleres arranxaban o "salón de baile" botándolle area que se carrexaba en cestas e caldeiros.

En Aboal, no concello de Mondariz, empregaban outro local para os festexos nocturnos da longa invernía. Nesta parroquia facían para a ocasión unha "casa do baile", unha especie de cabana construída con palla, piñeiros, xestas e codesos e tan ben traballada que non entraba pinga de auga.
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 11-08-2009 11:55
# Ligazón permanente a este artigo
Festa do tecno galego
Algo distinto ao habitual no blog,,,

Festival de Dj's en Luou o venres 14 de agosto.

Nace neste verán a primeira edición (agardemos que de moitas) deste modesto festival adicado sobre todo á música electrónica en todalas suas variantes. Unha aposta arriscada que tentará traer a Dj's de diversos estilos para que toda a xente que alí se acerque poida disfrutar dunha festa distinta ás que estamos habituados.

Cartaz de actuacións:
-Manu López - Latin (Santiago DC)
Abrirá a noite cos sons + latinos
-Dj Son1c - Dance (A Coruña)
Presentando o seu hit "A festa non vai parar"
-Luís Vázquez & Sergio Rodríguez - House (Moaña)
Creadores de "Zenaida" incluído no recopilatorio Ibiza 09
-Miguel Fons - House (Santiago DC)
Residente Barmacia (Ordes) - Housearth Records
-Zana Dj - Remember (Santiago DC)
Residente "Disco DyR" (Touro)
-Dj Federato - House (A Coruña)
Presentando en exclusiva a sua nova producción "Iviata Omului"
-Miguel Lueiro - House (Luou)
Residente "SónaR Pub" (Santiado DC)

Datos de interese: Entrada libre, zona acondicionada para aparcadero, copas a 3 ? (*)(o que eran 500 pesetas...^:^)

O tema de éxito nas salas galegas de dance
Dj Son1c feat Isis
A festa non vai parar


Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 10-08-2009 10:23
# Ligazón permanente a este artigo
Audiencias do Alalá
Audiencias da Terceira tempada do Alalá:

- Gala Elas e eles (29/07/09): 11.2% (88.000)
- Dolores Castiñeira (21/07/09): 7.7% (68.000)
- Os Terribles de Donas (14/07/09): 129.000 (16.7%)
- José Marentes (7/07/09): 137.000 (16.7%)
- Dignas del querer (30/06/09): 106.000 (13.9%)
- Xaime Eestevez (23/06/09): 130.000 (20,9%)
- Regueifeiros (16/06/09): 186.000 (20,1%)
- Habaneras (09/06/09): 271.000 (24,6%)
- O Pego do Pereiro (02/06/09): 186.000 (21,9%)
- Alalá na cidade de Santos (Brasil) (26/05/09): 149.000 (16,5%)
- Ricardo Portela (19/05/09): 140.000 (15,6%)
- Cantigas da Terra (12/05/09): 144.000 (15,0%)
- José María Lagares (05/05/09): 125.000 (15,2%)
- Cesar Fernández (28/04/09): 137.000 (13,7%)
- Os Abrentes de Cerdedo (21/04/09): 184.000 (22,2%)
- O Gaiteiro de Pumarín (14/04/09): 172.000 (15,8%)
- Mulleres de Seixedos (07/04/09): 123.000 (11,5%)
- Sao Paulo (31/03/09): 132.000 (16,3%)
- San Salvador de Bahía (24/03/09): 169.000 (17,2%)
- Os Folións (17/03/09): 177.000 (18,3%)
- Marful (10/03/09): 131.000 (12,9%)
- Jalos dAntioquía (03/03/09): 189.000 (18,6%)
- Pancho Álvarez (24/02/09): 76.000 (8,2%)
- Dolores Castiñeira (17/02/09): 131.000 (13,5%)
- O Ferrera (10/02/09): 149.000 (15,1%)
- Coral Voces da Louriña (3/02/09): 181.000 (17,3%)
- Pablo Seoane (27/01/09): 174.000 (19,1%)
- Raigañas (20/01/09): 142.000 (14,0%)
- José de Gregorio (12/01/08): 193.000 (18,7%)
- Rancho de Reis de Riofrio (5/01/9): 209.000 (24,8%)
- Resume 2008 (29/12/08): 277.000 (25,9%)
- O Quinteto Monterrei (22/12/08): 176.000 (19,5%)
- Pepe Temprano (15/12/08):220.000 (22,8%)
- Cuarteto "Os Barrios" (08/12/08): 243.000 (22.95%)
- Alalá en Uruguai II (01/12/08) 239.000 (22.9%)
- Alalá en Uruguai (24/11/2008): 246.000 (25%)
- Darío Díaz, o Gaiteiro de Paíme (17/11/2008): 237.000 (23.4%)
- Seráns (10/11/2008): 224.000 (23%)

Alalás anteriores
Podense visualizar en:
www.crtvg.es
Comentarios (1) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 30-07-2009 09:20
# Ligazón permanente a este artigo
Gala Elas e eles no Alalá

Hoxe, martes, día 28/07/2009

A TVG ofrece de novo esta noite unha das gala coa que o programa Alalá, que dirixe Senén Bernárdez e presenta Pilar García Rego, rendeulle homenaxe á música tradicional e aos músicos que a fan posible. Baixo o epígrafe Elas e eles, o programa fai referencia aos roles da muller e do home que fan da música tradicional a súa vida e da evolución destes roles ata a actualidade, lembrando a todos os homes e mulleres que axudaron a conservala.

Elas e eles conta coa actuación de grandes grupos e solistas, como Rosa de Moscoso, O Fiadeiro, Maruxa das Cortellas, Leilía, Josefa de Bastavales, Cantadeiras do Berbés, Concha de Luneda con Xistra de Coruxo, Treixadura, Pandeiromus, Os Requinteiros do Ulla, Os Diplomáticos do Acordeón, Quempallou, Xacarandaina, Os Rosales, Nordestinas, Os Estalotes e Son de Seu.

Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 28-07-2009 09:45
# Ligazón permanente a este artigo
Dolores Castiñeira no Alalá

Hoxe, martes, día 21/07/2009

TVG repón hoxe a viaxe do equipo de Alalá a Mar del Plata, onde coñeceu a Dolores Castiñeira, unha muller fóra de serie.


Ten 78 anos, leva na Arxentina desde o ano 49 e ten unha memoria prodixiosa, pois lembra que eran as tres da tarde aquel día de maio que embarcou para Arxentina e lembra ducias de cancións da súa infancia en Galicia. Toca a pandeireta coa mesma simpatía coa que fala e conta tantas cousas interesantes que un non se cansa de escoitala.

A viaxe pola humanidade de Dolores tamén vai acompañada pola viaxe á cidade turística máis importante da Arxentina, que lle encanta a Dolores e que está feliz e satisfeita de todo o que viviu, aínda que non hai un só día que non lle acorde Galicia. E como exemplo do seu afán de superación e do seu amor pola terra basta saber que alí, na Arxentina, despois de ter criados os fillos e xa con netos, fixo o seu primeiro curso de galego, porque quería saber escribir ben na súa lingua e porque, como lle dicía seu avó, nunca hai que deixar de aprender.
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 21-07-2009 10:52
# Ligazón permanente a este artigo
Os Terribles de Donas no Alalá

Hoxe, martes, día 14/07/2009

Os seguidores da Galega poderán lembrar a visita que realizou o equipo de Alalá a Donas, en Gondomar, para resolver o misterio dos Terribles de Donas.


Un grupo creado en 1937 por e para a festa que mantén intacta a súa memoria entre a xente do lugar. De feito nos anos 40 xa tiña club de fans feito a base de tocar por todas as festas do sur de Galicia e do norte de Portugal nos veráns. Organizaba bailes en que cobraba entrada nos despachos de billetes e ata tiña unha copla que indicaba a súa chegada á festa.

Ao longo do século XX, os Terribles de Donas tocaron por todas as festas do sur de Galicia e norte de Portugal. Comezaron como cuarteto tradicional, pero foron evolucionando incorporando saxos, clarinetes e o que fixera falla, porque os Terribles eran músicos de oído que tocaban para divertir e divertirse. Muiñeiras, xotas, pero tamén rumbas, pasodobres ou habaneras... Nos anos 70 desapareceron substituídos polas grandes orquestras.

Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 14-07-2009 10:01
# Ligazón permanente a este artigo
José Marentes no Alalá

Hoxe, martes, día 07/07/2009

José Marentes é un dos mellores gaiteiros de Galicia e o derradeiro dunha antiga xeración de gaiteiros de Son Máxico da Fonsagrada.


O último portador do saber dunha antiga estirpe musical tecnicamente prodixiosa: a gaita é un instrumento de son continuo, pero eles eran capaces de silenciala nota a nota, de facer picados antigos incribles que os gaiteiros de hoxe apenas conseguen e de improvisar as pezas ao mesmo tempo que tocaban. Poder escoitar esta noite a Marentes no espazo de Alalá, é unha auténtica xoia musical e tradicional.

Marentes é un home feito a si mesmo. Comezou tocando no monte con pipas de alcacén ou castiñeiro e hoxe é un dos mellores gaiteiros de Galicia. Traballou a terra con esforzo e coa honra como principio e na vida lle faltou de nada. Humilde por natureza non lle gusta botarse nin que lle boten flores, pero este labrego de 71 anos con alma de gaiteiro é o último portador do saber dos antigos gaiteiros da Fonsagrada, algo que o converteu nun tesouro vivo da nosa música tradicional.
Comentarios (1) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 07-07-2009 08:49
# Ligazón permanente a este artigo
Alalá continuará na tempada 2009-2010
O programa Alalá confirma a continuación para a próxima tempada, que será a quinta.

Agradecemos a todo o público o apoio ó programa, que permitirá que sigamos traballando na divulgación da música tradicional e a cultura galegas.
Durante esta 4ª tempada a audiencia media do programa foi un 18,6 % en horarios de máxima audiencia, a mellor media por tempada rexistrada polo programa dende que empezou. Gracias a todos.
Comentarios (2) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 30-06-2009 12:04
# Ligazón permanente a este artigo
Alalá coas Dignas del querer

Hoxe, martes, día 30/06/2009

Nunha noite de reencontros con xente e música, "Alalá" achégase a Ponte Caldelas para estar con algunhas coñecidas nosas: as pandereteiras "Dignas do Querer"; elas e eles porque incorporaron algunha figura masculina.


Están encantadas porque acaban de cumprir un pequeno soño: gravar un disco! Que foi algo que non esquecerán nunca. Non paran, alá onde as chaman van, tanto é así que chegaron ata Bruxelas; como elas din, "o que non fixemos de novas estámolo a facer agora".

Aproveitando que "Alalá" está nesta zona de Ponte Caldelas falará tamén da emigración que aquí foi preferentemente cara ao Brasil. Estes galegos que marcharon levaron a música e os oficios con eles, un dos máis importantes era o da cantería. Falarán cun canteiro, amigo das mozas do grupo e recuperará o "verbo" deste gremio, a xerga que empregaban e que só eles entendían. Que mágoa que hoxe xa non se saiba!


Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 30-06-2009 12:03
# Ligazón permanente a este artigo
Xaime Estévez no Alalá

Hoxe, martes, día 23/06/2009

Eran os anos 70 da música galega cando o protagonista desta noite do programa "Alalá", Xaime Estévez, iniciouse nela e dende os primeiros anos a súa carreira como músico, docente e investigador foi meteórica: con só 18 anos foi o segundo mestre de gaita de conservatorio da historia de Galicia. Máis tarde nos 90 fundou o seu propio conservatorio en Vigo, publicou numerosos estudos e en 2006 doutorouse con esta tese: "As gravacións da música galega dende 1975 ata 2000".


As cifras do traballo deste músico tradúcense en case 500 e 10.000 temas, unha recompilación grazas á cal podemos coñecer as tendencias da música galega durante eses anos: Os discos de fins dos setenta de "Fuxan os Ventos" ou "Milladoiro"; o pop galego tamén nos 70 do grupo "Los Tamara"; grandes éxitos como o de Andrés do Barro; solistas moi comerciais e coñecidos como Juan Pardo ou Ana Kiro; a movida dos 80 cos "Resentidos" de Antón Reixa e o famoso "Galicia Caníbal" ou o rock bravú dos 90 dos "Diplomáticos de Montealto", etc. Nas case tres mil horas de traballo que Xaime empregou na tese hai de todo, unha clasificación de material gravado coa finalidade de facer valer un dos máis grandes patrimonios culturais: a música.
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 23-06-2009 12:31
# Ligazón permanente a este artigo
Alalá cos Regueifeiros

Hoxe, martes, día 16/06/2009

Que un veciño faga unha copla meténdose con outro, e que ese outro teña a capacidade de responderlle ao momento con outra copla parecida pero intentando que sexa aínda mellor; que despois sigan sendo tan amigos e que con esa disputa verbal fagan rir a quen estea a escoitar, é unha verdadeira arte. Niso consiste a regueifa e os bos regueifeiros son capaces de pasar horas "loitando". Disto vai falar o "Alalá" desta noite.

Comezaron a facer regueifas nas xuntanzas veciñais cando se realizaban traballos comunitarios: nas fiadas, nas mallas ou nas carretadas, e despois fíxose nas festas, sobre todo nas vodas, en que se loitaba para acadar un anaco de pan de ovo, azucre e manteiga que se chamaba precisamente regueifa. Se noutrora era moi frecuente que en distintos lugares de Galicia se regueifase, hoxe apenas queda quen saiba facelo, e para atopar alguén o mellor é ir a Bergantiños, comarca que está considerada o berce desta arte, onde comezou a facerse como espectáculo aberto ao público e onde houbo maior afección.

Pero daqueles mestres da palabra que eran verdadeiros ídolos entre os seus veciños non quedan máis que catro que continúen regueifando: Fermín da Feira Nova, Guillermo da Rabadeira, Suso de Xornes e Antonio de Xornes. Con eles coñeceremos en que consiste a regueifa e ao mellor somos capaces de aprender algo da técnica destes combates dialécticos divertidos que, segundo eles mesmos din, están en perigo de extinción.

Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 16-06-2009 09:14
# Ligazón permanente a este artigo
As Habaneras no Alalá

Hoxe, martes, día 09/06/2009

As habaneras, un dos xéneros musicais que máis se seguen cantando nas xuntanzas de amigos en calquera taberna galega, a pesar de que naceron en Cuba, centrarán o "Alalá" de hoxe
, que contará por que son moitas as habaneras en galego e intentando explicar este longo e complexo proceso grazas a unha das musicólogas cubanas máis prestixiosas, María Teresa Linares. Da súa man coñeceremos a maneira en que xurdiron estas cancións e por que chegaron a facerse máis populares en España que na mesma Cuba... ata o punto de que a habanera máis coñecida internacionalmente, La Paloma, escribiuna un español, Sebastián Iradier.

Os portos de mar foron a gran vía de entrada das habaneras porque alí chegaban os barcos que mantiñan relacións comerciais coa Habana e alí era onde os mariñeiros, que as aprendían en Cuba e tiñan tempo para memorizalas nas longas travesías cruzando o Atlántico, xuntábanse nas tabernas e cantaban aquelas melodías novas chegadas da outra beira do mar. O mesmo que os emigrantes, que recreaban nesas cancións toda a nostalxia que sentían ao lembrar o tempo vivido en Cuba. Por iso nas vilas mariñeiras é onde máis se desenvolveron as habaneras, no litoral de Cataluña, de Valencia, de Cádiz, de Euscadi, Cantabria, Asturias e, por suposto, Galicia. Hai quen di que as habaneras provocan un vaivén semellante ao das ondas do mar.
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 09-06-2009 09:57
# Ligazón permanente a este artigo
Alalá co Pego do Pereiro

Hoxe, martes, día 02/06/2009

Con O Pego do Pereiro, o "Alalá" desta noite acode a un dos últimos representantes da antiga escola de gaiteiros do interior da mariña lucense, que basea o xeito interpretativo no estilo alegre e aberto dos antigos gaiteiros do Valadouro.


Daquela escola, "O Pego" é o último portador en vida dos seus 3 mandamentos oficiais: "O gaiteiro ten que saber tocar e cantar a un tempo; tocar e bailar a un tempo e saber pousar a gaita para falar cunha moza".
O gaiteiro máis coñecido daquela antiga escola do Valadouro foi o chamado "Pepe da Gaita", de quen o "Pego" asimilou o repertorio e o carácter musical. A mediados de século as bandas de música pegaban forte e facían sona na mariña lucense con novos ritmos. Neste contexto, o "Pego" nunca aprendeu solfexo, non quixo ser gaiteiro de "solfa", nin excesivamente técnico, porque daquela a preocupación era o ritmo e o baile e a misión nas antigas foliadas en Alfoz ou no Valadouro era a de divertir a xente e facer festa.

Esta noite escoitaremos o seu tocar, as súas coplas, aprenderemos algo máis sobre Alfoz e o Valadouro e coñeceremos tamén o seu amor de toda a vida, Jesusa.

Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 02-06-2009 14:56
# Ligazón permanente a este artigo
Alalá na Cidade de Santos (Brasil)

Hoxe, martes, día 26/05/2009

O percorrido deste novo "Alalá" vai xirar ao ritmo da música tradicional da cidade de Santos, en Brasil, para comezar pola baixada Santista, cando a frondosidade da selva da mata atlántica se abre para dar paso ao tecido industrial dos arredores de Santos.


Estamos nas portas da cidade; a un lado a selva, no outro o mar e no medio esta cidade de medio millón de habitantes que vive do turismo e do porto que é o máis grande de América Latina. Con estas proporcións, para mover as 60 toneladas de mercancía que desembarcan cada ano fan falla 200 quilómetros de rede ferroviaria e miles de camións, guindastres e traballadores. A guía por esta viaxe cosmopolita pero apegada ás orixes vai ser o son inconfundible e hipnotizador da gaita galega.

O turismo e o porto fan que Santos sexa unha cidade de ida e volta, pero onde moitos galegos chegaron e sen embargo preferiron quedar. O programa propón para hoxe unha viaxe de ida e volta para saber como nos comportamos e como somos os galegos cando nunha soa cidade nos atopamos con medio mundo.

Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 26-05-2009 09:00
# Ligazón permanente a este artigo
D. Ricardo Portela, o Gaiteiro de Viascón no Alalá

Hoxe, martes día 19/05/2009 ás 21:50

O Gaiteiro de Viascón, con quen estará o "Alalá" desta noite, non só foi un dos mellores gaiteiros da historia, senón o gran defensor da música tradicional galega na segunda parte do século XX.


El foi quen de unir todos os gaiteiros da época nos anos 60 e 70 para reivindicar a dignidade que merece o gaiteiro, porque durante moitos anos foi tratado como músico menor; chamarlle a alguén "gaiteiro ou gaiteiriño" chegou a ser apelativo de desprezo cara a unha persoa. As comisións de festas ou incluso o público non sempre foron respectuosos cos gaiteiros, así que Ricardo Portela destacou pola súa loita para reivindicar a figura do gaiteiro, sendo un dos precursores do festival de Ortigueira ou da Asociación de Gaiteiros Galegos.

A influencia musical de Ricardo Portela en grandes músicos de hoxe podémola ver no selo do toque pechado de Anxo Pintos ou Carlos Núñez, que eran parte da primeira banda "Xarabal" de Vigo da que o mestre Portela era padriño honorífico. A súa morte en 1992 foi un dos acontecementos máis tristes da nosa música no século pasado e a todas as homenaxes que se lle fixeron en vida engadíuselle a concesión da Medalla de Galicia en 1992, ou os sucesivos memoriais que se celebran na súa honra. Neste capítulo achegarémonos á figura dun dos gaiteiros máis importantes da historia de Galicia: Ricardo Portela, "O Gaiteiro de Viascón"
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 19-05-2009 00:21
# Ligazón permanente a este artigo
Cántigas da Terra no Alalá

Hoxe, martes, día 12/05/2009

O "Alalá" de hoxe únese á historia de Cántigas da Terra (1916), que se empeza a contar hai case un século, na cidade da Coruña, e dende aquela leva ensinando e divulgando a música tradicional ininterrompidamente, cunha traxectoria longa e interesante que nos fai revivir non só a música senón tamén a cultura e a lingua galegas.

Esta noite falaremos con xente que coñece moi ben Cántigas e que sabe como conseguir que este traballo perdure ao longo dos anos, como por exemplo o gran músico Emilio Corral que ten noventa e nove anos e estivo nos comezos do coro; Geranio Torreiro (presidente honorífico); César Concheiro ou Xosé Carlos Ponte.

Falarannos dunha das xoias, o seu arquivo, dos máis importantes de Galicia, e saberemos, da man dos máis novos, que ten de especial este grupo para esta xeración.

Vinte e catro discos publicados, viaxes por innumerables países do estranxeiro, galardóns, medallas e premios avalan a ilusión de todos os que pasaron pola rúa San Juan nalgún momento da súa vida.


Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 12-05-2009 08:03
# Ligazón permanente a este artigo
Alalá co gaiteiro José María Lagares

Hoxe, martes, día 05/05/2009

O gaiteiro que presenta o "Alalá" desta noite, José María Lagares, naceu en Santaia de Moar, en Frades, pero nos anos 50 tivo que emigrar para Brasil e chegou a São Paulo
onde traballou como cobrador do tranvía e camareiro; a base de esforzo e axuda da familia, abriu un restaurante que pronto gañaría sona en São Paulo, porque Zé Lagares acompañaba os pratos e as comidas con muiñeiras e xotas que aprendeu en Ordes. Así foi gañando a vida e criando os dous fillos que tivo, xunto a unha terceira filla adoptiva de orixe brasileira.

O irmán de "Zé Lagares" chamábase Ricardo. Se "Zé" era o gaiteiro da familia, Ricardo foi o birindeiro. Ao ver os vídeos que mostran das xuntanzas que facían na casa cando "Zé" ía pasar as vacacións a Galicia dan ganas de sentar con eles. Ricardo foi quen compuxo a canción de "Manuel do Campo", un orgullo para toda a familia Lagares porque dende que a inventou Ricardo cántase por todo Galicia e, ao parecer, tamén por Brasil
Comentarios (1) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 05-05-2009 10:08
# Ligazón permanente a este artigo
Alalá con Cesar Fernández
Hoxe, martes, día 28/04/2009

Nesta ocasión "Alalá" terá un destacamento estelar: un programa dedicado ao mellor tocador do berimbao de Galicia, César Fernández, que ademais é un gran gaiteiro e todo un catedrático na universidade da vida.
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 28-04-2009 08:43
# Ligazón permanente a este artigo
Alalá co gaiteiro Pumarín

Hoxe, martes, día 14/04/2009 ás 21:40

As cousas que Pumarín aprendeu na vida non as aprendeu na escola, un luxo escaso nos Ancares dos anos 30. O "Alalá" desta noite constata que o que sabe da vida, sábeo de mirar e de facer, por iso se dedicou a crear cousas coas mans: coa madeira fixo estruturas, colmeas, obxectos... e a habilidade serviulle para gañar a vida como albanel, cesteiro; sabe cazar con escopeta e sen ela, porque nos tempos difíciles utilizou o lazo, as gaiolas etc., e as mesmas mans que lle valeron para coñecer e crear servíronlle para ser un músico portador dunha antiga tradición de gaiteiros da zona do sur dos Ancares, en Becerreá.


Os tempos máis duros quedaron atrás e na actualidade Pumarín traballa por entreterse. Na casa xa non dirixe a famosa tasca que durante moitos anos foi o centro de diversión de Quindous e doutras parroquias de Cervantes ou Becerreá, e agora Pumarín vive tranquilo con Nieves, o amor da súa vida e na casa que el mesmo construíu coas súas propias mans...

Do gaiteiro Pumarín apréndese o toque tranquilo, pechado e reflexivo dos gaiteiros dos Ancares; o son rudo e melancólico dese lugar máxico e o repertorio vello do tempo en que a gaita era o centro da festa e o gaiteiro a figura do baile.
Comentarios (1) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 14-04-2009 09:51
# Ligazón permanente a este artigo
Pradolongo, cun 20% de share na TVG
Pradolongo, cun 20% de share, converteuse o día 30 de marzo na película máis vista da TVG
Ningún filme emitido antes acadou tan bos resultados de audiencia. Só "Troia"se acercou aos números rexistrados onte por Pradolongo




























Como se pode ler en GZnacion película galega 'Pradolongo' foi líder de audiencia na TVG. A película superou incluso á emisión de 'Troya'.

'Pradolongo' tivo un 20 por cento de cuota de pantalla, superando en 3 puntos a media da cadea en prime time, e facendo así á TVG líder das emisións da Forta. Foi gravada cun equipo cen por cen galego íntegramente en 'galego de Valdeorras' e rodada nos paraxes naturais dos concellos de Petín, A Rúa, O Barco, Vilamartín, A Veiga e Carballeda. Producida por Vía Láctea Filme contou coa participación de TVG e coa axuda da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e Deportes da Xunta de Galicia, da Axencia Audiovisual Galega e da Deputación de Ourense. Tamén contou coa colaboración da Secretaría Xeral de Comunicación Audiovisual, Turgalicia e da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Comentarios (2) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 08-04-2009 01:39
# Ligazón permanente a este artigo
Espazos Sonoros
Novas experiencias musicais en 'Espazos Sonoros' por segundo ano consecutivo

O festival 'Espazos Sonoros' estreará a súa programación cun concerto inaugural no Hostal dous Reis Católicos. Por segundo ano consecutivo intentará sorprender a todos os públicos cun amplo abanico estilístico, que comprende desde a música clásica ata novas propostas musicais. Os concertos ubicaranse nalgúns dos lugares máis representativos do patrimonio arquitectónico galego.

Música e arquitectura uniranse de novo, e esta vez cunha selección musical de ámbito mundial, con pezas provenintes dende Galicia, Alemania e ata Palestina. Incorpóranse a este encontro entre a música antiga e a creación máis actual, novos espazos arquitectónicos que aportan orivinalidadr ao proxecto e novas experiencias artísticas que van máis aló da interpretación instrumental.

Música destacable en espazos singulares


Unha selección de agrupacións musicais destacables tanto a nivel galego como mundial viaxarán polas catro provincias galegas desde abril ata xuño. Durante este periodo de tempo, todos os interesados poderán gozar da música de artistas da talla de Amandine Beyer e Martina Schobersberger, Lonely Drifter Karen, Rolf Lislevand, Abe Rábade trío, Ensemble Kapsberger ou Lle Trío Joubran.

Trátase de propostas diferentes entre si, pero coa mesma capacidade de atrapar a atención do espectador. Todas cun contido visual impactante e proxectos abertos á investigación e reflexión sonora. Artistas como Galicia XXI, Meendinho, Nicasio Gradaille, Aleksander Kolkowski, Pierre Bastien ou Escoitar Danza mostrarán a posible interconexión da música co espazo que a acolle.

O ciclo acolle espazos singulares para a representación dos concertos. Algúns deles son a illa de San Simon, o Aeródromo de Rozas na provincia de Lugo, o novo edificio do Museo de Pontevedra, a Sala Nautilus do Aquarium Finisterrae ou a Domus, ambas na Coruña; a catedral de Tui ou o monasterio de San Salvador de Celanova.

Galiciaé
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 08-04-2009 00:59
# Ligazón permanente a este artigo
Alalá en Seixedos
Hoxe, martes, día 07/04/2009

A música, para poder sobrevivir na maioría das aldeas de Galicia, transmitíase de forma oral e pasaba dos avós aos netos. As nenas aprendían das maiores, no monte, no serán, nas labradas e aprendían tamén a afrontar unha vida chea de carencias. O "Alalá" de hoxe vai ata Seixedos, un lugar do concello pontevedrés de Covelo para presentarvos a algunha daquelas nenas, dúas Otilias (madriña e afillada) e Hermosinda, para ver como lles cambiou a vida: deixaron de tinguir a la a ter ducias de xerseis e pasaron de ter a corte a un fermoso salón comedor.
Pero o que nunca deixaron de facer aquelas nenas foi cantar e tocar a pandeireta. A vida cambioulles moitísimo, unha delas viviu en plena Guerra Civil e a outra naceu pouco antes dela, e das miserias daquela pasaron a ter unha vida acomodada. Falaremos da vida das mulleres e do papel que desenvolvían cando tiñan que facer de pai e de nai, por distintas circunstancias, sobre todo pola emigración dos homes ou pola ausencia deles.
No "Alalá" desta noite veremos como foron capaces de conservar aquelas cantigas que teñen máis de cen anos; a ilusión e o encanto que teñen cando as interpretan. Estaremos con estas mulleres traballadoras, emprendedoras, inconformistas e encantadoras.
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 07-04-2009 16:30
# Ligazón permanente a este artigo
Audiencias do Alalá
Audiencias da Terceira tempada do Alalá:

- Sao Paulo (31/03/09): 132.000 (16,3%)
- San Salvador de Bahía (24/03/09): 169.000 (17,2%)
- Os Folións (17/03/09): 177.000 (18,3%)
- Marful (10/03/09): 131.000 (12,9%)
- Jalos dAntioquía (03/03/09): 189.000 (18,6%)
- Pancho Álvarez (24/02/09): 76.000 (8,2%)
- Dolores Castiñeira (17/02/09): 131.000 (13,5%)
- O Ferrera (10/02/09): 149.000 (15,1%)
- Coral Voces da Louriña (3/02/09): 181.000 (17,3%)
- Pablo Seoane (27/01/09): 174.000 (19,1%)
- Raigañas (20/01/09): 142.000 (14,0%)
- José de Gregorio (12/01/08): 193.000 (18,7%)
- Rancho de Reis de Riofrio (5/01/9): 209.000 (24,8%)
- Resume 2008 (29/12/08): 277.000 (25,9%)
- O Quinteto Monterrei (22/12/08): 176.000 (19,5%)
- Pepe Temprano (15/12/08):220.000 (22,8%)
- Cuarteto "Os Barrios" (08/12/08): 243.000 (22.95%)
- Alalá en Uruguai II (01/12/08) 239.000 (22.9%)
- Alalá en Uruguai (24/11/2008): 246.000 (25%)
- Darío Díaz, o Gaiteiro de Paíme (17/11/2008): 237.000 (23.4%)
- Seráns (10/11/2008): 224.000 (23%)

Alalás anteriores
Podense visualizar en:
www.crtvg.es
Comentarios (5) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 02-04-2009 10:17
# Ligazón permanente a este artigo
Alalá no Brasil

Hoxe, martes, día 31/03/2009 ás 21:35

Na segunda entrega dos programas que "Alalá" dedica á música galega en Brasil trátase a evolución da nosa música na cidade de São Paulo, unha metrópole onde as cousas se expresan en cifras: trinta millóns de habitantes, seis millóns de vehículos... Os sampauleiros andan con présa e en atascos, por iso nunha das cidades máis ricas do mundo, os que poden van polo aire, pois en São Paulo está a maior frota de helicópteros do planeta.


São Paulo é un lugar de emigrantes, pois é onde hai máis italianos fóra de Italia, máis xaponeses fóra de Xapón, máis libaneses fóra do Líbano... e por suposto tamén hai galegos que emigraron a São Paulo dende fins do século XIX. A emigración galega viviu aquí bos e malos tempos, así que o programa tratará as distintas épocas que os emigrantes viviron na "cidade que non pode parar", tempos en que se repatriou a galegos e outros, como agora, onde hai gaiteiros traballando en compañías multinacionais.

O centro Hispano Brasileiro de São Paulo foi o espazo onde floreceu durante moito tempo a música galega na metrópole brasileira, e onde se vivía dunha maneira moi parecida a Galicia: nace de maneira espontánea, pero organízanse no grupo "Lembranzas e Agarimos", que xa leva trinta anos traballando pola nosa música e dando clases de baile e danza a nenos, maiores e a quen queira meterse no grupo. Esta noite música galega nunha das cidades máis grandes do planeta: "Alalá" en São Paulo.
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 31-03-2009 10:36
# Ligazón permanente a este artigo
Mamá Cabra dará un concerto no Val das Ellas (Caceres)
Este sábado 28, os sete músicos e músicas do grupo estarán, ás 17.00, no Auditorio Casa de Cultura do Concello de Eljas (Cáceres), na Estremadura galegofalante.

Paco Cerdeira, Carlos Callón e Pablo da Lama Hoxe estiveron no Club Internacional de Prensa, para presentaren o concerto, dous dos músicos de Mamá Cabra, Pablo da Lama e Paco Cerdeira, e o presidente da Fundación Via Galego, Carlos Callón, quen salientou a importancia de espallar este tipo de iniciativas fóra das nosas fronteiras, en comunidades onde falan galego. A boa experiencia de finais do 2007 en Lubián (Zamora) fixo que o concerto se repetise desta volta no Val das Ellas.

"O que preparamos son xogos para que os cativos aprendan cousas do seu entorno máis próximo en galego", explicou Pablo da Lama. Paco Cerdeira, pola súa banda, salientou a interactividade do espectáculo: "involucramos os nenos para que xoguen connosco, cun toque teatral. Gústanos pasalo ben cos rapaces". Segundo Callón, "quixemos achegar a posibilidade de xogo a través da música e das palabras a unha comunidade galegofalante". Salientou tamén a importancia de coñecermos en Galiza esta realidade "aínda non o bastante coñecida".

O principal problema que ten o galego nestas comarcas, así como noutras de Asturias e Castela León, "é a desprotección xurídica, o recoñecemento oficial". Explicaba que aínda no 2002, dous rapaces dun colexio de Lubián foran obrigados a copiar 100 veces "No volveré a hablar gallego en clase", e lembrou que é responsabilidade das propias autonomías ás que pertencen administrativamente estes concellos, do Estado e tamén da propia Xunta, seguindo o artigo 35 do Estatuto de Autonomía e o 21 da Lei 3/1983 do 15 de xuño de Normalización Lingüística, promover a lingua fóra das nosas fronteiras.

Pola súa banda, os músicos de Mamá Cabra advertiron de que a oferta cultural para nenos e nenas en galego é escasa: "cando nós empezamos, había un baleiro, e agora a situación non é moi diferente". Malia existir máis grupos de música e teatro que pensan no público infantil (citaron Berrobambán ou Migallas), "nótase a diferenza entre os rapaces de cidade e do rural. Mesmo os que falan galego habitualmente, en todos os ámbitos, cambian ao castelán cando chegan á escola".

www.anosaterra.org
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 27-03-2009 09:43
# Ligazón permanente a este artigo
Alalá en Salvador de Bahía

Hoxe, martes, día 24/03/2009

"Alalá" vai cruzar esta noite o Atlántico para coñecer os protagonistas que mantiveron viva a música tradicional galega na cidade de Salvador de Bahía
, un dos lugares do Brasil onde máis galegos chegaron xa desde fins do século XIX e onde a maioría deles foi para traballar en sectores como a hostalería ou a alimentación. Así, pouco a pouco foron establecendo o que denominaron como "cadeas familiares da emigración", co resultado de que o noventa por cento dos españois de alí son galegos e, deles, a maioría de Ponteareas.

Os galegos de Salvador de Bahía viviron permanentemente co soño de volver á súa Galicia natal, pero co tempo foron formando familias e o retorno íase facendo máis difícil... e foi máis un soño. Neste contexto a música valeulles para ter a súa casa un pouquiño máis cerca, por iso a mantiveron como puideron, ao principio, a través de agrupacións como os Caballeros de Santiago ou a Asociación Río Tea, e máis tarde crearon grupos entre familiares, como Os Celtas, mentres que a institucionalización chegou da man de escolas de música coma o EDACE, que conta con máis de cen alumnos nas clases de música tradicional galega.

Comentarios (1) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 24-03-2009 15:03
# Ligazón permanente a este artigo
Cos folións de Vilariño de Conso

Hoxe, martes, día 17/03/2009

Non hai nada mellor que estar un domingo frío de Entroido co ceo azul e despexado nas montañas de Vilariño de Conso sentindo retumbar en todo o corpo o son ancestral dos bombos dos folións, como comproba hoxe o equipo de "Alalá".
Así poden describirse algunhas das sensacións que transmite este Entroido, pouco coñecido, a pesar de estar moi preto de Xinzo, Laza e Verín e de ser un dos máis antigos de Galicia e realmente vistoso.

Os folións son grupos moi numerosos de veciños de todas as idades que tocan uns enormes tambores de Entroido, gadañas e sachos seguindo un ritmo diferente segundo a parroquia. Acompañándoos van os boteiros, as máscaras propias deste Entroido, cheas de cor e que bailan e saltan ao son dos bombos.

O domingo xúntanse en Vilariño os folións de varias parroquias, pero durante o resto dos días de Entroido unhas aldeas visitan ás outras co seu folión, merendan xuntos, dedícanse coplas e os máis novos corren pola ladeira. Porque se algo caracteriza este Entroido, ademais dos bombos e dos boteiros, é o sentimento de unión entre os veciños e a maneira na que participan e gozan todos, desde o neno máis pequeno ata o máis vello da aldea.
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 17-03-2009 03:09
# Ligazón permanente a este artigo
Marful no Alalá
Hoxe, martes, día 10/03/2009 ás 21:35

Houbo un tempo, alá polos anos 30, 40 e 50, en que Galicia estaba chea de salóns de baile; habíaos en todos os recantos e chegou a haber ata tres na mesma parroquia, pois cumprían unha importantísima función social: eran o espazo de relación dos mozos, o sitio onde se xuntaban cando o mal tempo non deixaba facer o baile fóra. Neste senso, os salóns substituíron os seráns e as fiadas e, do mesmo xeito, os acordeonistas e as orquestras substituíron os gaiteiros e as pandeiretas á hora de facer a festa. Amais, nos anos duros da posguerra os salóns serviron para manter a ilusión e o romanticismo e convertéronse nunha parte moi importante da memoria musical dos galegos.

Agora, ata os máis novos, os que non coñeceron o ambiente romántico dos salóns, senten unha especie de morriña cara a eses edificios fermosos que na maioría dos casos están en ruínas. Por exemplo os músicos de Marful, que fixeron o seu primeiro disco inspirados por todos os sons e o ambiente que se viviu nos salóns de baile.
Nestes salóns vivíronse os primeiros bicos e as primeiras apertas de moitas parellas pero, ademais, neles tocaron as súas primeiras notas unha morea de magníficos músicos. Unha vez que os salóns desapareceron, non só sentiron nostalxia deles os matrimonios que se coñeceran bailando, senón tamén os músicos, que en moitos casos se dedicaron a seguir tocando coas orquestras que aínda hoxe enchen Galicia, dar clases de música aos rapaces novos ou arranxar instrumentos.
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 10-03-2009 09:21
# Ligazón permanente a este artigo
Noite de Carpenta na Coruña
O día 6 de marzo celebrarase na adega O Carpinteiro da Ronda de Outeiro, 198 da Coruña, outra Noite de Carpenta, esta vez, a edición XXII.

Se eres gaiteir@, percusionista, bailador,... ou gustas de cantar e pasar unha boa noite de venres en boa compañía nono podes perder. Comenza a partires das once da noite e dura o que resista o corpo.

ANIMÉDEVOS!
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 06-03-2009 10:19
# Ligazón permanente a este artigo
Alalá en Xinzo de Limia
Hoxe, martes, día 03/03/2009

Contaxiados da maxia do Entroido de Xinzo de Limia, os de "Alalá" descubriron tal e como conta a lenda- o cantar dos Jalos dAntioquía baixo a asolagada Lagoa de Antela.


Esta é a lenda pero o certo é que os Jalos d Antioquia é un grupo de músicos que leva a festa como estandarte e a súa misión é cantar e tocar ata que o corpo aguante, en festas, ceas, celebracións varias, tabernas e alá onde eles e o seu público estean dispostos a pasalo ben.
Comentarios (1) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 03-03-2009 09:38
# Ligazón permanente a este artigo
Alalá con Dolores Castiñeira
Hoxe, martes, día 17/02/2009

En Mar del Plata, "Alalá" coñece a Dolores Castiñeira, unha muller fóra de serie. Ten 78 anos, leva na Arxentina desde o ano 49 e ten unha memoria prodixiosa, pois lembra que eran as tres da tarde aquel día de maio que embarcou para Arxentina e lembra ducias de cancións da súa infancia en Galicia. Toca a pandeireta coa mesma simpatía coa que fala e conta tantas cousas interesantes que un non se cansa de escoitala.


A viaxe pola humanidade de Dolores tamén vai acompañada pola viaxe á cidade turística máis importante da Arxentina, que lle encanta a Dolores e que está feliz e satisfeita de todo o que viviu, aínda que non hai un só día que non lle acorde Galicia. E como exemplo do seu afán de superación e do seu amor pola terra basta saber que alí, na Arxentina, despois de ter criados os fillos e xa con netos, fixo o seu primeiro curso de galego, porque quería saber escribir ben na súa lingua e porque, como lle dicía seu avó, nunca hai que deixar de aprender.
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 17-02-2009 09:45
# Ligazón permanente a este artigo
Clemente o Ferrera
Hoxe, martes, día 10/02/2009

As gaitas dos gaiteiros vellos están acostumadas ao recendo a herba fresca, pero despois de 30 anos metida nun armario nun piso de Lugo de Llanera, en Asturias, a gaita de Clemente "o Ferrera" colleu o ton agrisado e melancólico dos instrumentos vellos: a madeira embruteceu como asfalto, a palleta grosa como formigón e as notas volvéronse terriblemente testudas.

A gaita está así porque Clemente "O Ferrera", un gaiteiro retirado cunha gran sona que loitou na Guerra Civil, leva máis de trinta anos sen tocar nunha aldea. Agora, o equipo do programa da TVG "Alalá" consegue que Clemente volva, despois de 30 anos, ao lugar onde máis lle gustaba tocar: Murias de Rao, unha aldea de Navia de Suarna onde aínda viven os mellores bailadores da zona.

A mañá en que Clemente regresou a Murias de Rao había no aire un recendo a nostalxia, a unha época de plenitude anterior... A maioría dos bailadores pensaba que Clemente morrera e cando souberon que volvía e que ía montar unha polavila como as de antes, o tempo detívose e camiñou cara a atrás 40 anos. En Murias, este día todos se volveron mozos e xamais esquecerán este momento máxico en que o gaiteiro se volveu sentir gaiteiro... e os bailadores volveron sentirse bailadores...porque todo é posible en Alalá.

Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 10-02-2009 14:53
# Ligazón permanente a este artigo
Alalá coa Coral Voces da Louriña
Hoxe, martes, día 03/02/2009

O "Alalá" de hoxe fainos coñecer a Coral Voces da Louriña, un colectivo con moitos valores engadidos, como a diversión e a terapia, pois vén sendo un grupo de mozos e mozas do Porriño de entre setenta e noventa anos que descubriu desde hai anos unha nova paixón nas súas vidas: a música en Voces da Louriña.

O colectivo pásao en grande e os días de ensaio hai de todo: risas, exercicios de ritmo e, por suposto, técnica vogal; pero o máis importante de todo é a convivencia e as ganas e interese que lle poñen en cada momento, pois nunca pensan nos achaques, nas medicinas ou na idade. Ademais, todos os que traballan no centro son como da familia.

Coa coral "Voces da Louriña" emprenderon un camiño fascinante nas súas vidas e formaron un vínculo afectivo unidos con e pola música. Son eles uns avós cheos de vida que nos ensinan que tan só hai que querer facer algo para poder facelo e que con todo o que teñen son absolutamente felices. Pódese pedir máis? Coñecelos e escoitalos, a que si!

Comentarios (1) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 03-02-2009 09:14
# Ligazón permanente a este artigo
Hoxe Alalá
Hoxe, martes, día 27/01/2009

Pablo Seoane é un rapaz novo que desde pequeniño soñou e se namorou da música e con ela. Desde noviño a súa dedicación é absoluta e os resultados son dous discos no mercado, premios, festivais e recoñecementos do seu traballo fóra de aquí.

A súa vida é un continuo ir e vir porque, ademais de tocar polo mundo adiante, dá clase en cinco asociacións e ten o seu traballo nun obradoiro de instrumentos de percusión. Pensan que isto non é posible? Pois si, comprobarano hoxe. As ganas, ilusión e o amor pola gaita fan de Pablo Seoane un virtuoso e unha das figuras musicais cunha carreira meteórica.

Esta noite, ademais de seguilo para ver como é capaz de estar en mil e un sitios, contaranos cal é a súa visión da música actual, as ideas que con tanta claridade nos expón, entre elas, a de "dignificar a figura do gaiteiro".
Entre ensaios, premios, festivais, actuacións, traballo, recollidas, investigación e familia, tivemos a sorte de asistir ao mellor e mais grande concerto da súa vida: Estivemos na súa voda! Pablo casou coa súa adorable María e, por suposto, fíxoo vestido de tradicional, pois o gaiteiro deu o "si quero" do único xeito que podía facelo, de gaiteiro.

Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 27-01-2009 09:34
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer


Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0