Na Coruña coa perda dun deputado estará mais xusta a loita polo escaño do BNG.
En Pontevedra nas anteriores eleccións xerais o escaño do BNG obtivose cunha pequena marxe de 900 votos polo que neste ano o voto emigrante pode ser tamén decisorio... co que iso conleva.
Calquera dos deputados do BNG traballaron, presionaron, interpelaron e negociaron máis que o resto de deputados do PP e PSOE xuntos. O bipartidismo é a quimera que todo atrae.
O que significa a defensa dun País, a cultura, a lingua, o medio ambiente, as infraestructuras, o benestar social, eses son os valores polo que loitamos na nosa Terra, sendo incluso os militantes do BNG os máis críticos coas propias decisións e políticas.
VOTAR UTIL E PROGRESITA É VOTAR BNG
O VOTO EMIGRANTE E DOS MARIÑEIROS
Cheques da Deputación de Pontevedra entregados polo sr. Núñez Feijoo, viaxes pagados con diñeiro público de axentes electorais do PSOE, 10.000 mariñeiros que non poden votar por se atoparen faenando en alta mar, os emigrantes que non votan en urna coas mesmas garantías que o resto de cidadáns, familiares de terceira xeración que non estiveron nunca aquí e deciden o noso futuro, mozos emigrantes galegos no resto do estado que non poden exercer no seu concello o seu dereito ao voto en canto netos de galegos na Arxentina votan alí e aquí, mortos que reviven para cada elección...
Como dicía o debuxo de Castelao: Cando rematará esta vergoña?
Din os rumorosos que só unha forza do País como o BNG pode mudar esta situación. Así sexa!
Os de Malmequer botamos de menos a foliada así que agora que comeza a época festeira de outono-inverno, aínda que polo tempo non o pareza, este domingo pola tarde na casa de Beni (Bembrive) xuntaremonos para tocar, cantar, bailar e o que preste.
Avisad@s quedades
P.D.: De paso celebraremos un aniversario que hai por aí...
O comezo do ano a saudade percorría o meu corpo
e o paso dos días tornouna en xoldra,
sorrisos, baile e boa música.
Levo comigo esas noites de troula
eses bailes con esas xiradelas.
Levo comigo un sorriso roubado no tempo
levo comigo a amizade non maxinada
levo comigo momentos belidos
que pululan polo meu maxín.
Nun lugar ou noutro, ao solpor
o soño desexado comezará a realizarse
e pensarei nos momentos pasados, nas lerias
nos bailes e pensarei en vós...
e tamén pensarei en ti meu amor.
Pois si, ese de aí son eu, lendo un poema de María Mariño para iniciar o recitado de poesía organizado polo Casco Vello de Vigo.
Xente esta do Casco vello que está a facer unha laboura impresionante dende hai anos, pouca xente, moito ánimo e azos de loitar por un barrio que tiña que ser o referente para toda a cidade de Vigo...a Festa da Reconquista, a Festa dos Maios, o Entroido cos seus Merdeiros, o Samaín, o Akelarre e a Fogueira de San Xoán, As Cantadeiras do Berbés, o Certame de música mariñeira, o día das Letras Galegas,...
Este día das letras galegas tan especial para mín, deitarse preto das seis da mañá o día antes(Cea Malmequer-Amalghama) e acordar ás nove para botar unha mán nos preparativos da festa é moi duro.
Máis todo saiu ben, a ofrenda, a lectura de poemas, os músicos, o baile...dixen o baile? ben..o baile ao mellor non tan ben...
E pola tarde, esa preciosa excursión a Donón. Mirando a foto do anoitecer podedes imaxinar que a gusto estabamos tod@s nesa paraxe, foi perfecto...e podía ser máis perfecto? si, ela estaba alí pero non coma antes, nin coma o día anterior, nin coma a semana anterior, nin coma o mes anterior...e chegou o día seguinte e o 18 de maio foi outro día, doutra época, doutra dimensión e daquela... eu xa non era eu.
Pois xa vedes Malmequeriáns tod@s, a nosa sona xa traspasa os medios virtuais e aterramos nos medios escritos. Iso si, a foto é orixinal deste blog polo que tivo que sair de eiquí.
Non sei como acabamos na Voz, pero aí estamos Edu, Xose e máis eu dandolle ao remate da festa do Serán de Donas. A foto non é que se corresponda precisamente co Serán... eu diría máis ben co Post-serán e no noso máis xenuino intre de "échenos ighual o que cantemos, a cuestión é facer festa".
E non é que Xose estivese a bocexar, podemos dar fé que estaba a cantar, que a esas horas sempre lle damos gañas e é que para o esceario somos moi tímidos (agás Edu, que non lle importa tocar só), pero para cando xa non queda ninguén aí lle metemos os derradeiros azos para rematar a noite roncos e entre amigos.
Un saúdo festeiro a todolos que estabades alí.
Henrique
Aproveito o post aberto en Resacosix, neste caso que nos atinxe nunca mellor nomeado, para subir unhas fotos do Concerto contra a precariedade laboral organizado pola CIG mocidade en Castrelos o 1º de maio.
Uff, que resacosix...
Reservome algunhas fotos que creo que nunca verán a luz, pero sei que hai testemuñas desa tarde-noite...que ben viña unha maquina para eliminar a memoria.
Como non ten moito que ver co tema en cuestión tradicional, e porque foi como foi, calquera día desaparecerá da sección de fotos...Censurado!!!
así que aproveitade a ligazón para velas.
Había tempo que non escribía nada no Resacosix, non era que non houbese nada interesante (será por cousas que contar...), pero non me presta moito falar en primeira persoa. A pesares de todo sigo a ser un tímido.
Hoxe xornada de relax, por agora...moita acumulación de horas de actividade, de falta de soño, de preocupacións, de tentar estar con todo o mundo e non poder estar con ninguén, éche o conto así. Acabou a Reconquista e xa estamos a preparar os Maios, 25 anos de Maios máis concretamente...haberá que facer algo especial. A propósito... búscase Primavera.
Graciñas a tod@s @s que estabades alí, participando connosco nesta Festa do Casco Vello que é un traballo realizado por moi pouca xente pero con moita ilusión, graciñas especiais para Xosefa que cargou con toda a responsabilidade organizativa e que fixo que este ano resultara o mellor de todos. Mágoa de non poder disfrutar como eu quixera, de non poder bailar con María e coa xente do Casco Vello, de non poder cantar coas Tarambainas e con Malmequer, de non poder parar caseque cinco minutos coa xente da Revolta, de Tangaraño ou do Fiadeiro, de tantos amigos cos que estaba pero non estaba...bikos e apertas para tod@s.
A proposito, que precioso o Concerto de Treixadura, que emocionante ver bailar a tanta xente, que alegría podía sentirse nese concerto e con que gañas cantaba todo o público...iso é un concertazo.
Un saúdo tamén para a xente de Ruxe-Ruxe, boa xente, gran grupo e que directo!!, vereivos na Fábrica e daquela poderei soltarme sen preocupacións.
Mágoa tamén non ter unha foto do momento en que Fernando tentaba ensinarlle a Vítuco, o cantante de Ruxe-Ruxe, a bailar unha muiñeira. Impagable o momento, Fernando...amodiño.
Este ano creo que logramos darlle un ambiente moi especial á festa, moita animación de música galega, gran ambiente e dous días onde o Casco Vello logrou recuperar unha imaxe de barrio vivo.
Do domingo quédome coa representación baixo a choiva, das risas polos desastres que ían acontecendo nas esceas...impagable vivir aquel momento, lembrando a Gila, na Porta da Gamboa "está o enemigo?, que se poña que queremos entrar", poder esquecer algún mal rollo dos concertos e rematar disfrutando do grupo portugués NMB con Marta Coutinho bailando entre nós, facendonos entrar en calor e acabando a festa entre bailes e risas.
Agora relax...
Por certo, para cando nos xuntamos e facemos unha nova foliada?
A vivir que son dous días
Cheghamos a outro fin de semana, continuación do entroido e non hai tempo para recuperar.
Comezou todo cunha despedida do meu compañeiro Fernando (boa sorte en Compostela, amigo). Acabar ás sete da mañá para estar ás 10 de pé non é recomendabel para escomezar o entroido...
Non tiven a oportunidade, tal como desexaba, de ir ver outros entroidos tradicionais da Galiza, achegarme a Salcedo ou Laza, pero tampouco podo queixarme de perde-lo tempo. Entre a Comparsa e as actividades organizadas polo Casco vello ocuparon caseque todo o tempo, pero polo menos aínda puidemos disfrutar de sair xuntos, parte de Malmequer, dun par de días pola noite e vivir o ambiente do entroido, frio en Vigo e quente polo Hío.
Que aguante ten esta xentiña!, sobre todo os músicos, haberá que vivir isto do Entroido de Hío tamén durante o día.
Un saúdo a esa médica e a ese enfermeiro que non dan aparecido nas fotos e que tan bos momentos deronnos en pasar esas noites, e a Lourdes e a Beni que marcharon dende Liméns cediño pra Vigo.
Xa sei que houbo moito cachondeo coa foto do Faro, máis que lle imos facer, é o prezo da sona, que de aquí a Operación Triunfo só hai un chanzo.
Ademais logramos o segundo premio do concurso de coplas así que por riba de pasalo ben sacamos algo para a Comparsa, porque xa sabemos que o espiritu crítico, festeiro e transgresor non lle acae moi ben ao xurado do desfile.
Unha cousa moi positiva, a reacción da xente ante o merdeiro, semella que esta figura ten futuro no entroido vigués (xa que o entroido coñecido por tod@s en Vigo está a morrer moi amodiño), agardemos que nengunha entidade pública tente apropiarse agora de el.
Os que seguides de entroido esta fin de semana pasadeo moi ben, ao persoal de Malmequer agardo vervos estas noites de festa e ao resto que o disfrutedes que só se vive unha vez.
Recollo o título dun disco dos Carunchos (aos que veremos hoxe en Vigo), porque xa hai varios días do último fin de semana festeiro sen escribir nada no Resacosix.
Cos días de distancia e como o alcool non me nubrou a vista en demasiado, sobre todo polo viño de Toutón (alguén puido beber un vaso completo?), podo lembrarme perfectamente de todo, q non vaian pensar os nosos visitantes que somos unha panda de alcoólicos...que non é o mesmo que borrachos.
O venres visitamos aos nosos amigos de Zurrumalla no xa famoso Furancho do Matamáfolc (Ampliación Xa!!!) cun concerto festeiro e bailongo a pesares do pouco espazo dispoñible.
A ver cando rula esa maqueta...!!!
Para o sábado agardabanos o macroserán galego por excelencia: Toutón (ver fotos)
Diversidade de opinións: é bo que teña tanto éxito?, onde quedar cando un se perde? haberá que crear a figura de aparcacoches neste Serán?, quedou alguén sen fotografar polo noso reporteiro máis dicharacheiro?
Moitas preguntas sen respostas...ou non.
Iso sí, por favor que poñan o sentido único dunha vez para chegar até alí, que se non acabamos sempre atorados co carro...ah!! e que melloren o viño para o vindeiro ano!!
E para rematar a fin de semana folclórica, tocaba presenciar o espectáculo dun dos grupos de máis renome no referente á recuperación e espallamento da música e baile tradicional: "Xacarandaina".
Como en todo espectáculo, haberá para todos os gustos, cada un coa súa sensación tras a gala, a min encantoume a danza de espadas e o feito de enlazar as pezas coa historía das viaxes do afiador pola Costa da Morte, noraboa a ese personaxe.
Pagou a pena a súa visita a Vigo, e que non falten nunca os grupos que manteñen viva a recolleita e o ensino da nosa cultura máis popular.
Estou na casa, da cama para o sofá e do sofá para a cama, sen voz, ou mais ben cunha voz de alá abaixo, seica podía ser do mesmo inferno... como diría meu pai estou "escarallado vivo".
E pensaredes...moi boa tivo que ser o San Brais, pois si, boa foi, mais esa mestura de ghripe, medicamentos, tintorro da casa, branco do Condado, chupitos varios, baile e canto creo que deixa ben as claras como debía estar o domingo pola mañá.
Que carallo, San Brais é unha vez ao ano!!!
Os demais creo que non están tan perxudicados coma min...ben... aínda quedaban por alí Luis, Benito, Xan ... os irreductibles continuando a festa.
Malmequer foi perdendo efectivos ao longo da xornada, cousa normal comezando o San Brais ás 12:00 da mañá, aínda que algúns tiñan a intención de rematar no monte Alba, chegarían ao mencer?
Agora a recuperarse que o sábado é o Serán de Toutón.
P.D.: A ver Xose, ese reporteiro, esas fotos,...e se hai do Alba tamén.
P.D.II: Sintoo moito polos afectados esa noite á miña teima da muiñeira vella, algún día tocareina ben...digho eu.
Mágoa que o furancho Matamáfolc sexa tan pequeno, teriamos que facer como fixeron os do Casco Vello no serán de Prado da Canda, Abaixo as paredes!!!!, aínda que neste caso habería que contratar a un albanel para a ocasión... Ardentía montou unha boa no furancho, non sei de onde sacaron @s bailador@s o sitio para bailar, pode que de meter moitos cóbados e de varios pares de pisotóns pero alí estaban os irreductibles practicando unha das máis antergas das diversións.
O sábado como todolos anos por estas datas o frio deunos a benvida á beira do Miño.
En Arbo desta vez o tempo estivo repartido entre a clase de baile tradicional que impartiu María Prego, a cea e o Serán nun lugar tan inhabitual como pode ser as cocheiras da Casa-cuartel da Garda Civil (vade reto!!).
Até as catro da mañá continuou a festa acompañados xa do chocolate e tras unhas boas racións de chourizos con castañas para toda esa recua de músicos e bailador@s, vell@s e moz@s, que se achegaron até aló.
Moi boa xentiña esta de Arbo.
Pra rematar a fin de semana o domingo Polbeiro, clásico dos clásicos nestas rías baixas, a mestura perfecta do xantar e da música, das necesidades do corpo e da ialma. Unha boa xuntanza de amigos e xente de bo ... ou mal vivir.