boas e xenerosas


Unha escolma de artigos, entrevistas, estudos, novas, opinións, reportaxes... boas e xenerosas



GALEGO DE SEU(Web)


Colazo
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Afonso VIII dito IX
TRIBUNA: Luces CAMILO NOGUEIRA

Días atrás púidose ver na Coruña a exposición Alfonso IX e a súa época, comemorando o 8º centenario do outorgamento a Crunia do carácter de cidade de xurisdición real. Tratándose dun rei galego tan singular, a mostra pudo servir para facer sair á luz unha relevante realidade histórica, da que tanto dependeu o futuro de Galiza e dos reinos da Península. Mais non foi así. A exposición non se ocupou tanto da antiga cidade coruñesa, nen de contar as circunstancias da Galiza do momento, como de afirmar a Afonso como rei de León e de anunciar o dominio "definitivo" de Castela. Ignorou o carácter dun rei que, governando durante 42 anos entre os séculos XII e XIII, deixou en Galiza unha pegada manifesta. Contra todos os instrumentos de coñecemento da época, na exposición negouse a existencia do Reino de Galiza.

O curso da exposición respondeu aos lugares comúns da ideoloxía historiografia castelanista que, deitanto as súas raices no século XIII por obra do arcebispo de Toledo Rodrigo Ximénez de Rada, cando Castela acababa de obter a súa primeira independencia, se afirmou nos séculos XV e XIX e, xa no XX, en teorías como as de Menéndez Pidal e Sánchez Albornoz. Fundador dunha ideoloxía castelanista que ten como base a negación de séculos da historia galaica, Ximénez de Rada foi o promotor da tan famosa como irrelevante batalla das Navas de Tolosa contra os almoades, a onde non acudiu o Reino de Gallaecia en uso da súa independencia.

O rei Afonso non foi apresentado na Coruña como galego, senón como un dos monarcas dos "cinco reinos hispánicos de Aragón, Navarra, Castela, Portugal e León", seguindo unha teoría tópica que esquece a Galiza, o principal reino cristián, e oculta o de Al Andalus, este chamado Spania.

Afonso, que non era o IX senón o VIII, governou entre 1188 e 1230, continuando a dinastía galaica orixinaria da que formou parte o seu avó, o rei de Galiza -coroado como tal na catedral de Santiago- e emperador Afonso VII. Denominándoo como noveno confúndense acriticamente o reino de Galiza co de Castela, que governaba o seu primo, de igual nome. A historiografía española converte a este último en Alfonso VIII, cando era realmente Afonso I, pois foi o segundo rei independente de Castela, e o primeiro dese nome, despois de que o emperador dividira os seus territorios entre os fillos, deixándolle Galiza e León a Fernando II e Castela e Toledo a Sancho. O fillo de Fernando II governaba un reino que tiña en Santiago e León as cidades máis relevantes. A primeira, ademais de capital política era a relixiosa, cultural e económica. A Santiago chegaban peregrinos de toda Europa, de Rusia a Escandinavia, das Illas Británicas a Italia, nun movemento que constituíu unha das bases da identidade europea. Levada alí desde Compostela polo rei Ordoño II, León era a cidade onde nese momento estaba habitualmente a Corte.

A estas alturas resulta penoso ter que lembrar que o rei Afonso VIII xace na Capela Real da catedral de Santiago, chamada até hai pouco Capela das Reliquias nun insólito exercicio de negación do proprio. Están alí tamén os restos do seu pai Fernando; a emperatriz Berenguela, súa avoa, muller de Afonso VII; Raimundo de Borgoña, pai do emperador; Joana de Castro, esposa de Pedro I o Cruel e irmá de Inés de Castro, raiña de Portugal; o seu fillo Fernando de nai portuguesa, que morto xoven, en 1214, tiña o carácter de herdeiro.

Nun momento de transición do latín ao romance como idioma da Administración, a língua da Corte de Afonso VIII era o galego. El mesmo o falaba. Era a língua dos Cancioneiros e da cultura na Península. Na exposición a dicíase que o o rei Afonso fundou a Universidade de Salamanca en 1218, con mestres e escolares leoneses Debeu salientarse que a base da instituición salmantina foi a Escola Catedralicia de Santiago, fundada no século XI no tempo da emperatriz galega Sancha, e que a Universidade de Salamanca, como consta no seu Cartulario, foi desde o principio galaica. Os arcebispos de Santiago ostentaron o reitorado durante a Idade Media e a maioría dos profesores, formados en Santiago, en París ou en Boloña, eran galegos.

Nun mural da exposición que, destacando as dióceses pretendía apresentar a extensión do Reino de León, non aparecía ningunha mención ao Reino de Galiza nen ao o nome do país. Nen siquer utilizaron a expresión dual Reino de Galiza e León. Fíxose desaparecer unha palabra que tendo 2.000 anos de tradición institucional, no tempo de Afonso VIII gozaba xa de doce séculos de existencia. Ocultouse, a pesar de que as xurisdicións relixiosas do reino tiñan unha evidente relación con Galiza: pertencían á metrópole compostelá Zamora, Salamanca, Cidade Rodrigo, Plasencia, Coria e Badaxoz, ademais de Ávila en territorio castelán. As outras dióceses hoxe galegas (Tui, Ourense, Lugo e Mondoñedo, máis Astorga), estaban aínda integradas na antiga metrópole de Braga. Entretanto, Lisboa, Évora, Idaña, Guarda e Lamego dependían do arcebispado de Santiago. As dióceses do Reino, salvo apenas León e Oviedo, estaban integradas en Compostela ou Braga. Afonso VIII extendeu os seus dominios pola actual Extremadura, abrindo o camiño para Sevilla nun momento de retroceso da hexemonía islámica no Mediterráneo. Fora o seu pai o que criara alí a Orde de Santiago e a Orde de Alcántara, chamada inicialmente Orde do Pereiro. Aínda agora, nos pazos da fermosa cidade vella de Cáceres consta a orixe galega dos nobres que os fundaron.

En fin, os responsábeis da exposición arruinaron a oportunidade ofrecida pola comemoración do oitavo centenario. Trataron a Crunia como se fose unha cidade castelá máis. Furtaron o carácter de Afonso VIII e novamente o de Galiza. Produce escándalo que medios académicos galegos beban en fontes historiográficas tan ideoloxizadas como pervertidas como as utilizadas na exposición e que as institucións políticas non teñan a consciencia precisa sobre a realidade histórica do seu país. Mágoa, porque se a autoestima dun país se fundamenta tamén no seu pasado, a exposición constituía unha boa e lexítima ocasión para facelo presente. Trataba dun rei galaico que, reunindo en 1188 unha asemblea na que ademais da nobreza e a Igrexa participaron as cidades, foi asemade un precursor do parlamentarismo europeo.
Afonso VIII dito IX
Comentarios (1) - Categoría: autoodio/autoestima - Publicado o 26-09-2008 16:23
# Ligazón permanente a este artigo
Terceira Copa do Mundo de Gómez Noia
Xa é o campión oficial

Redacción . Cando aínda faltan dúas carreiras por disputar, Xavier Gómez Noia volveu gañar a Copa do Mundo de triatlón no que se converte no terceiro título consecutivo nesta proba.

Xavier Gómez Noia proclamouse hoxe vencedor da BG Copa do Mundo 2008 a falta de dúas probas para o final, que lle converten no terceiro triatleta que gaña a competición por terceiro ano consecutivo, primeiro non australiano. Deste xeito, o galego, actual campión do mundo e diploma olímpico en Beixing 2008, é o segundo con máis vitorias na historia da Copa do Mundo con once triunfos, encadeando sete vitorias consecutivas e dezasete podios seguidos.

E é que o deportista ferrolán, de 25 anos, non necesitou competir este sábado en Lorient (Francia) para amarrar o seu terceiro éxito na competición. En principio, tras a proba celebrada en xullo en Kitzbühel (Austria), tan só había un triatleta con opcións de gañarlle na clasificación xeral, o neozelandés Bevan Docherty, bronce en Pequín, pero non se inscribiu na proba gala, polo que automaticamente Gómez Noia conquista a vitoria final.

O triatleta galego será o primeiro europeo e o primeiro non australiano en lograr o triplete, posto que quen lograran esa marca ata a data eran os aussies Brad Beven e Emma Carney. Gómez Noya subiu este ano catro veces ao banzo máis alto do podio en Copa do Mundo con triunfos en Mooloolaba (Australia), New Plymouth (Nova Zelandia), Madrid e Tiszaujvaros (Hungría).Ademais, colgouse a medalla de ouro no campionato do mundo de Vancouver (Canadá), proba que puntúa dobre para a clasificación xeral da Copa do Mundo.

Afectado dunha lesión no tendón de Aquiles, que lle minguou o pasado 19 de agosto na proba de tríatlon dos Xogos Olímpicos, na que finalizou en cuarta posición, o español atópase nestes momentos en pleno proceso de recuperación. Unha doenza que lle impediu participar fai dúas semanas no campionato de España que se celebrou na súa casa, en Ferrol.
Terceira Copa do Mundo de Gómez Noia
Comentarios (1) - Categoría: deporte galego - Publicado o 25-09-2008 22:19
# Ligazón permanente a este artigo
Vigo, a cidade perdida
Vigo, a cidade perdida. 201 fotos
Vigo, recuperando a memoria. www.opaco.org
Comentarios (1) - Categoría: urbanismo - Publicado o 24-09-2008 17:59
# Ligazón permanente a este artigo
'Os libros arden mal' finalista do Premio Médicis
AGN/Galiciae.
A edición francesa de Os libros arden mal, a última novela de Manuel Rivas, atópase entre as obras finalistas do Premio Médicis, considerado un dos máis importantes da edición gala, xunto ao Goncourt, e que se entregará no mes de novembro.

Rivas, incluído no apartado de Literatura estranxeira, compite polo premio con autores como Richard Ford, Don De Dillo, Ian Mc Ewan ou Sasa Stanisic. L?eclat dans l?abîme, título do autor coruñés na súa versión francesa, será presentada na libraría 'Le Merle Moqueur' de París o vindeiro 23 de setembro nun encontro dos lectores e lectoras co autor galego, segundo informou a editorial Xerais.

Reconstrución galega
Publicada en 2006, Os libros arden mal é un retrato da sociedade galega da posguerra e da reconstrución das relacións sociais tras o conflito armado.

A obra reflexiona sobre a memoria e a transmisión xeracional do coñecemento, metaforizada na cinza de libros que se espallan pola cidade da Coruña logo da queima pública de volumes, na enseada do Orzán, o 19 de agosto de 1936, punto de partida do libro.

A complexa relación entre vítimas e verdugos, o destaque do papel do anarquismo na Galicia republicana, a emigración europea e a presenza da cidade da Coruña como personaxe fundamental nesta novela, son algunhas das constantes nas tramas da obra máis extensa de Manuel Rivas.
'Os libros arden mal' finalista do Premio Médicis
Comentarios (1) - Categoría: literatura galega - Publicado o 16-09-2008 19:45
# Ligazón permanente a este artigo
'Pradolongo' gaña o premio Cidade de San Sebastián Film Comission
Outórgase no marco do Festival de San Sebastián

Redacción . A película dirixida por Ignacio Vilar, 'Pradolongo', vén de facerse co IV premio Cidade de San Sebastián Film Comission, integrado no marco da sección 'Made in Spain' do festival. O xurado valorou a capacidade da película de 'reflectir os valores urbanísticos, paisaxísticos, culturais e sociais de onde foi rodada e colaborou coa súa promoción como espacio escénico ao servizo da industria audiovisual'.

En anteriores edicións fixéronse co premio, dotado con 12.000 euros, as películas Alatriste, La leyenda del tiempo e En la ciudad. Desta vez, Pradolongo competía coas películas El orfanato, Rec, Los crímenes de Oxford, entre outras.

O xurado, composto polas actrices Natalia Verbeke e Alicia Borrachero, polo escritor e crítico Manuel Hidalgo e o decorador Pascua Ortega concedeulle o premio á película rodada en Valdeorras por ter sido ?a fita que mellor reflexa os valores urbanísticos, paisaxísticos, culturais e sociais de onde foi rodada, e colaborou coa súa promoción como espacio escénico ao servizo da industria audiovisual?.



A entrega do premio Ciudad de San Sebastián Film Comission terá lugar o vindeiro martes 23 de setembro de 2008 ás 19:00 nos cines Príncipe, e contará coa asistencia do xurado. Posteriormente á entrega, a película proxectarase ante un aforo duns 240 espectadores.
'Pradolongo' gaña o premio Cidade de San Sebastián Film Comission
Comentarios (2) - Categoría: Cultura - Publicado o 16-09-2008 19:43
# Ligazón permanente a este artigo
Carta aberta ao Club Financiero de Vigo
Distinguidos señoritos:

O seu documento sobre da lingua galega tróuxome un cheiro a novela costumbrista mesetaria ou de temática señoriteira andaluza. Xa ven que cousas ten isto da memoria. Naquelas obras todo canto sucedía nos pobos nos que se situaba a súa acción, era analizado por un grupo de individuos ociosos que se reunían no casino e alí pasaban revista a canto ocorría na vila. Esta revisión levaba consigo a sanción dos acontecementos analizados, o debate (curto) sobre os vieiros polos que a poboación debía poñer os seus pasos e, finalmente, decisión de cales serían as medidas a adoptar para que a cousa se encamiñase debidamente cara á solución que os membros do casino daban como a boa, sa e conveniente para a vila.

Como nestes casinos sempre estaban presentes os responsábeis da gobernación ─del mesmo, do casino, saíran os seus cargos nun xeito de quendas de reparto do poder que só eles comprendían e a só a eles competía─ isto faría que fosen tomadas as medidas necesarias para que a poboación reconducise a súa conduta polas boas ou polas outras.

Estas institucións, nacidas ao acubillo dos costumes caciquís do dezanove, tiveron continuidade no franquismo de xeito que funcionaban como prolongación das ?cortes? da ditadura. O seu poder era tanto que chegou un momento que, en moitos pobos andaluces, apareceron outros casinos chamados ?casinos dos pobres?, formados por advenedizos e que nalgúns pobos teño observado que se situaban nun edificio o máis enfronte do casino dos ricos que lles era posíbel. Pero nunca chegaban a máis ca un café-bar con billar e butacóns. Os verdadeiros eran os outros, os que tiñan poder.

Esta lembranza veume á memoria ao ler o documento que emitiron, porque tenme toda a pinta de algo saído dunha arroutada de señoritismo. Todo soa a vello, a aristocrático, a nós somos os que sabemos o que hai que facer e outras lindezas parecidas nacidas de sentirse guieiros do pobo, porque para iso naceron no berce onde naceron ou subiron á cama á que subiron.

Pois miren eu non pertenzo a ningún club nin casino, nin sequera ao dos pobres, pero, entre as moitas cousas que se me ocorre dicirlles, só quero facerlles presente unha: están vostedes mal informados sobre o presente, porque é radicalmente falso que o castelán desaparecese do ensino. E son incapaces de albiscar o futuro (véxase o que pasou con esta crise que sufrimos), porque, miren vostedes, a peregrina idea de que cada pai escolla a lingua na que os seus fillos recibirán o ensino (falso dereito que tiran vostedes do lugar de onde sacan os tahúres os ases falsos, da manga da chaqueta), serán vostedes mesmos os primeiros en rexeitar tal disparate: iso significaría dobrar todos os medios dedicados ao ensino non universitario: centros, profesorado?Isto levaría unha suba descomunal dos impostos, eses que vostedes, precisamente, son os que de máis mala pagan. E, na mesma liña de dereitos de decisión dos pais, o seguinte será o das materias de estudo (fóra latín, historia, literatura, filosofía?).

Así que déixense de trangalladas e de hipocrisías e digan claro dunha vez que a vostedes moléstalles máis o galego ca raña. Que cada vez que din defender a liberdade de uso do galego o que queren dicir é ?yo no tengo nada contra el gallego, lo que no quiero es que lo hablen conmigo, con mis hijos o delante de mí. Entre ellos que hablen lo que quieran?. E esa frase é idéntica á que se utiliza fronte aos negros, aos ciganos, aos homosexuais? E iso chámanse racismo, algo moi presente naqueles casinos de pobo de tempos pasados.
De todos xeitos, e por se hai algo de sincero nas súas palabras, estou disposto a lles facer unha proposta de acordo, pero, para non estenderme máis, diso falareilles nunha próxima carta.

Atentamente,
Xabier P. DoCampo
Carta aberta ao Club Financiero de Vigo
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 08-09-2008 00:06
# Ligazón permanente a este artigo
O galego nunha escola rural
agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 08-09-2008 00:04
# Ligazón permanente a este artigo
Os nazis de Bolivia
XOSÉ MANUEL SARILLE ESCRITOR E PROFESOR

C oido que é en Kaputt onde Kurzio Malaparte ­reproduce este diálogo histórico: "-Que ten vostede nesa papeleira Caudillo, son ostras? Non, son os ollos que os meus ­soldados lles arrincan aos inimigos e que despois me ­regalan". Isto respóndeo no seu despacho ­Ante Palevic, o líder que instaurou o estado nazi independente de Croacia co apoio de Hitler.

Ao perderen a guerra, os Ustachas, que así se chamaban estes nazis católicos, fuxiron pola Rat Line, a ruta das ratas, que os levou para a América do Sur na compaña dos ­camaradas ­alemáns. Alí cambiaron de nome, igual que fixeron Klaus Barbie, Adolf Eichmann ou Mengele. Os croatas e ­moitos alemáns preferiron Bolivia e establecéronse sobre todo na rexión de Santa Cruz, onde con diñeiro fundaron ­negocios e lograron a hexemonía social, que procuraron fundamentar na ideoloxía ­nacional-socialista.

A actual xeración, tamén moi minoritaria e sen mesturas étnicas, herdou os métodos e os principios dos seus antecesores. Cales? O primeiro o racismo. "Viva a raza camba" puña unha das pancartas que estes días se vían pola televisión, mentres a Unión Juvenil Cruceñista e a Nación Camba rebentaban pola rúa aos ­indios collas, só por existiren. Era ­unha reprodución exacta do terror nazi dos anos trinta nas cidades alemás.

A suposta raza é no imaxinario deles unha indefiníbel mestura aria e croata con ­sangue puro español. É dicir un excremento teórico que serve para algo tan práctico como someter ós indios, que son os inferiores. E que no entanto son case toda a ­poboación.

Santa Cruz é agora ­unha rexión moi rica, da Media Lúa boliviana. (Por certo que a media lúa é un símbolo da ­resistencia croata no S. XVI fronte ao ­Imperio ­Otomán. Fronte aos turcos). Co ­diñeiro da extracción do gas o ­goberno central creou o bono escolar Juancito Pinto. Os alumnos reciben 20 euros ao ano, nun ­intento de frear a ­deserción; e os vellos trinta ao mes, para ­diminuír a ­indixencia da ­inmensa maioría. ¿Como van ­tolerar estes brancos que as ­rendas do petróleo as ­administre o goberno de Evo Morales, un ­indio ao que lle chaman mono, cando eles son a raza superior?
Os nazis de Bolivia
Comentarios (1) - Categoría: historia - Publicado o 04-09-2008 01:03
# Ligazón permanente a este artigo
"Apunta, non deixes de escribir, que todo o mundo saiba o que pasou en Cangas"
A vila lembra aos ?Mártires do Anguieiro?, asasinados a noite do 28 de agosto do 1936. Sindicalistas, mariñeiros, canteiros... asasinados por falanxistas e ?poderosos? que non aceptaron a que foi unha das primeiras folgas xerais da historia galega.
[GZnación / Lara Graña / 28 Ago 08]

Os tres irmáns Martínez Pazó. Asasinados?Os seus corpos asasinados guindábanos ao mar (...) e, coa mesma auga da ría, lavaban o sangue que os martirizados deixaban na táboas da lancha. Mais antes de abandonalos tomaban sempre o coidado de recollerlles os grillóns para poder aproveitalos na próxima condución (...)".

Era a madrugada do 28 de agosto do ano 1936 e en Cangas esperaba unha noite de morte, miseria e sangue. A morte chamada ás portas de eternos paseos, a miseria dos procuradores do silencio dunha disidencia á que habían de eliminar e o sangue de once significados sindicalistas e militantes do Partido Comunista, Partido Socialista Obreiro Español ou, sen máis, militantes da causa do mar e a pedra.

Mariñeiros, canteiros, labregos, obreiros... que foron secuestrados, torturados, asasinados e fondeados no mar aquela noite que será lembrada hoxe en Cangas, 72 anos máis tarde, en diferentes actos. Esta tarde será clausurada, así, a mostra fotográfica ?Os Rostros da Memoria?, de Xurxo Lobato, e que permanecía pendurada no auditorio da vila desde o 31 de xullo.

Eugenio Bastos Fernández (Jatón), Antonio Blanco Rodal, Guillermo Fernández Fernández, Antonio Fernández Núñez, Estanislao Ferreiro Núñez, Daniel González Graña, Alejandro Martínez Pazó, José Martínez Pazó, José Nores Rodríguez, Normandino Núñez Martínez e Secundino Ruibal Villar. Os 'Once do Anguieiro'.

?Viñeron chamar á casa e nós pensábamos que ían polo meu pai, pero entraron e subiron ao segundo piso que daba a unha pequena rúa por onde lles dixeron que andaba un escapado?, contou Bernardina. ?O colleron a el e colleron ao resto?. Estanislao Ferreiro logrou escapar da casa na noite pecha, mais foi perseguido até o final. A sete quilómetros de Cangas, onde a costa se confundía coa Ría de Aldán, foi descuberto, torturado, mutilado e esparexido polas rochas da Ameixide, na parroquia do Hío. ?Eu lembro aos homes subindo pola calle, un detrás de outro e atados polas mans [...] á morte? no Anguieiro, lugar na fronteira de Cangas con Bueu, lonxe da vila.

Alí descansa agora un monolito de memoria, impulsado pola Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica 28 de Agosto de Cangas do Morrazo, disposto cando o goberno cangués, aínda popular, nunca quixo recoñecer o nome dos Once. Alí, tamén, terá lugar ás sete desta tarde unha ofrenda floral con música e palabra.

?Era de madrugada? cando os outros dez cadáveres, ultraxados até na forma de asasinalos, foron levados ao centro da vila de Cangas, ao carón doutra fábrica (Cervera) para ser posteriormente atados, embarcados e fondeados como rizóns ao lado da fábrica de conservas Massó. Quixo o fado ou a fortuna que uns mariñeiros, probablemente da ardora, atoparan a cinco deles ao erguer un aparello. O resto non apareceu nunca.



Homes mortos do mar

?Querían facer pasar vergoña aos que non podían matar?. Antonio O Traila salvouse por unha amistá. Se cadra por iso, ducias de homes do mar foron soterrados preto das costas de vilas de todo o litoral de Galiza. En Cangas, Moaña, Bueu ou Vilagarcía, barcos de pesca alugados para a ocasión a fabricantes e armadores ou motoras de paseo postas a disposición por señoritos de Casino, transportaron os sindicalistas mariñeiros tras ser asasinados, para logo fondealos na ría atados aos grillóns de torrar peixe nas fábricas de conserva, ou a pandullos do balo. Algúns, caso dos coñecidos militantes da sociedade "La Fraternidad Marinera" moañesa, os irmáns Eugenio e Manuel Cancelas, José Paz Pena e Cándido Giráldez, asasinados polos falanxistas de Marín e logo guindados ao mar dende o pesqueiro "Ave sin Puerto", non apareceron máis?.

Folga e fame en Cangas

Sería unha falta de respecto buscar unha xustificación histórica á represión brutal en Cangas contra mariñeiros, canteiros ou membros doutros sindicatos. Non existe tal. Mais si que é significativo un anaco da historia para comprender por que a represión contra Os Once non foi só cousa 'política', senón tamén de vinganza contra os que, no 1934, decidiron facer unha folga contra os abusos dos ricos: armadores, herdeiros doutros ricos, capitalistas con ansia de sangue...

Imos, daquela, ao ano 1930. Pasou o crac do 1929. Conta Xerardo Dasairas no libro 'Memorias da Segunda República en Cangas' que, alén da desfeita bolseira, a ?crise pesqueira causada pola caída de prezos da sardiña desemboca no aumento da pobreza, das enfermidades, do paro e, xa que logo, dos conflitos sociais na vila?.

?Non tiñamos que comer, os armadores botaron a miles de mariñeiros e iban con catro ao mar?, lembrou Antonio. ?Despois, os que aínda traballaban, deixaron de cobrar e os armadores quitáronlles o quiñón? -cantidade de peixe que se repartía entre os mariñeiros ademais da 'nómina'- ?e foi unha miseria... unha miseria?.

No libro, Xerardo Dasairas enumera: en febreiro de 1936 había 2000 desempregados na vila; en abril-xuño do mesmo ano Cangas rexistrou un total de 7.100 parados. O sindicalismo mariñeiro medrou co fermento da fame e o odio que os ricos armadores comezaba a aflorar nos carreiros e bares da vila. Comezou unha folga que durou nove meses na vila de Cangas. ?Asaltamos o barco da fariña? -que viña desde Vigo- ?e non había nin para facer o pan [...] andábamos polo monte para buscar leña para quentar a casa, non había nada que comer?.

Mais os armadores non ían deixar de gañar a súa parte, polo que, segundo relatou a esta redactora O Traila, ?ían a buscalos por aí, a Vigo ou en Cangas [...] e eses foron os esquiroles?. De súpeto, un levantamento falanxista espallado polo Estado. Os falanxistas, insistimos, contaron co apoio dos conserveiros Cervera, Bolívar, Massó, Paganini e Montemerlo e outros. ?Os esquiroles que nos venderon?. ?Apunta, non deixes de apuntar e que todo o mundo saiba o que pasou en Cangas?, rematou de contarme Antonio.

?Á luz da lúa e das estrelas, a travesía quedaba detida no medio da ría. Uns certeiros disparos desfechados na caluga acababan entre insultos coa vida dos homes (....)?.


* grazas a Antonio O Traila, de Cangas do Morrazo, ex mariñeiro e finado en maio
"Apunta, non deixes de escribir, que todo o mundo saiba o que pasou en Cangas"
Comentarios (1) - Categoría: historia - Publicado o 01-09-2008 01:49
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0