boas e xenerosas


Unha escolma de artigos, entrevistas, estudos, novas, opinións, reportaxes... boas e xenerosas



GALEGO DE SEU(Web)


Colazo
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

?A UE é o lugar dos dereitos humanos por excelencia'
Camilo Nogueira, autor de 'Galicia na Unión'

Antonio Cendán . O que fora eurodiputado do BNG, Camilo Nogueira, vén de publicar dous volumes baixo os títulos de 'Galicia na Unión. A porta Atlántica' e 'Europa, o continente pensado' (ambos en Galaxia), nos que analiza a evolución da nosa terra dende o ingreso na Unión Europea, así como o funcionamento dos distintos organismos que compoñen a UE.


Sinala que a UE ten unha orixe en estados que tradicionalmente estiveran enfrontados, que é coma unha réplica ao imperialismo...

Poño o acento na idea fundacional da Unión que é a de evitar a guerra. Iso viña do cansazo de épocas pasadas. Países que estiveran enfrontados durante moito tempo, por guerras ou cuestións territoriais, coma era o caso de Alemaña ou Francia, únense a través de algo tan fundamental como é a economía. Esa idea de xuntar forzas na Europa occidental xorde en plena guerra fría, cando se está pensando nun sistema que evite a influencia da URSS.

Considera tamén que é unha garantía de dereitos humanos?

A unión é o lugar do mundo dos dereitos humanos por excelencia. Aínda que de Europa partiron todos os imperialismos, tamén é o berce do recoñecemento dos dereitos da muller, dos traballadores, das minorías. Ten o valor e a honra de deixar atrás a súa parte máis tráxica, máis negativa.

Mais, vense de promulgar unha directiva que non parece moi respectuosa cos inmigrantes.

Paréceme nefasta. Obedece ao antagonismo dos estados. A inmigración é moi positiva para a propia Unión Europea. A máis, ten contradicións internas importantes, xa que mentres se lles intentan restrinxir dereitos aos inmigrantes, no último ano entraron un millón de persoas de fóra da UE no Estado español. Eu sempre loitei en Bruxelas polos dereitos dos máis desfavorecidos.

Non existe preocupación entre os cidadáns polos efectos dalgunhas medidas que se tomaron, entre elas a moeda única?

É verdade que non sempre se acerta coas medidas que se toman para favorecer a maioría da cidadanía. Pero non é menos certo que o dominio ideolóxico está aínda en poder dos estados fronte a Unión Europea, como pode suceder aquí en relación coas Comunidades Autónomas. O poder estatal é tan forte que cuadricula a mente da xente. A UE non vai ser nunca un superestado. Ten unha función histórica nova. Respecto a moeda única, é un dos grandes avances de Europa. Sen o euro, a enerxía sería moito máis cara. A crise económica sería aínda máis grave. A súa fortaleza impide que se encareza máis o petróleo. Por se fose pouco, destruíu a idea de que a soberanía dos estados ten que estar vencellada á moeda. Confirma que no vello continente temos unha soberanía partillada. Outra cousa moi distinta é como influímos os cidadáns na súa soberanía a través dos procesos democráticos.

É certo que ten máis poder a Comisión que o Parlamento?

A Comisión carece de poder real. Correspóndelle a administración da UE. A iniciativa lexislativa procede dos grupos parlamentarios. O poder político é do Consello europeo, controlado polo Parlamento Europeo, que aínda non ten todas as prerrogativas dun organismo estatal semellante. Aínda así, son moitas as decisións que precisan da súa aprobación. Un dos principais problemas radica en que os propios estados resístense ao poder do Parlamento Europeo, xa que a soberanía segue nas mans dos aparatos estatais.

Recoñeceranse as nacións sen estado?

En Europa tan só hai seis nacións sen estado. Existen outros casos nos que se pode falar de realidade ou identidade nacional forte, pero non de nacións. Deben ser recoñecidas sen dúbida. No Parlamento Europeo intentou darselles un carácter de países partenaire, pero non callou. Poden ser recoñecidas se o estado correspondente o fai. Se o Estado español se recoñecese como plurinacional a nación galega estaría recoñecida sen ningún problema. A Unión Europea non se opón a que quen represente o Estado español sexa un galego procedente da súa Comunidade Autónoma. Esa é unha forma de recoñecemento. E outra é que as nacións sen estado se convertan en Estados.

De ser Galicia un estado, teríase máis en conta a súa agricultura e pesca?

Dende logo. A entrada do Estado español fíxose coma se fose un país mediterráneo, polo que os sectores esenciais da nosa economía sufriron moito. A transformación da agricultura e da gandería foi brutal. É verdade que non podía seguir traballando tanta xente no agro, pero todo iso, debeuse facer de xeito gradual, ao igual que debería ter ocorrido coas cotas lácteas. Por todo isto, é admirábel o esforzo que fixo a sociedade galega para adaptarse ao marco comunitario. De terse en conta os parámetros galegos seriamos unha das primeiras potencias en pesca, pero o Goberno central non tivo en conta a Galicia, mentres o executivo galego daquela época mirou para outro lado.

Podería servir Irlanda como exemplo para Galicia?

Irlanda soubo aproveitar moi ben a súa entrada. Hoxe ten unha renda que é do 140% da UE. Xa é o segundo país da Unión en renda por habitante e o cuarto do mundo. Galicia está no 90% e subiu nos últimos anos como consecuencia da entrada dos países do leste europeo. Malia todo, o ingreso do Estado español foi moi positivo para a economía galega. Moitos dos seus sectores respiraron.

OS FONDOS EUROPEOS

Galicia non saíu moi ben parada nos fondos europeos...

O Estado cedeu o 45% para que fose administrado polas comunidades autónomas e a nosa terra resultou prexudicada, xa que foron xestionados por gobernos conservadores e repartidos de xeito clientelar cos concellos. Cos fondos de cohesión o Estado podía facer o que quixese. A meirande parte deles destinounos ao corredor Madrid-Barcelona-Andalucía. Con eles fíxose a primeira liña de AVE e o aeroporto de Barajas. Mentres, dos do FEOGA, que están destinados a subvencionar certos produtos, Galicia tan só recibiu o 1% de cada billón de pesetas que se recibiron por esta vía. Pola contra, a Andalucía déronlle até o 30%.

Pídenlle máis cousas os cidadáns a UE que ao propio Estado?

A xente tende a proxectar o afán de protección cara a Unión porque xa o dan por perdido no seu Estado. Reclámase máis a oficialidade do galego na UE que nas Cortes de Madrid e así sucede con outras cousas que se piden con máis forza que no propio estado. Pero hai que dicir que a solución de moitos asuntos dende económicos até culturais, pasando polos sociais é moito máis fácil grazas a existencia da Europa unida.

Chegará a ser oficial o galego na Unión Europea?

Xa o é se queremos. Eu falei cinco anos en galego no Parlamento Europeo e fun traducido a todas as linguas da UE, que non se opón se o Estado español sinala que España é un país tetralingüe. O gaélico recoñeceuse porque o reclamou Irlanda. A última palabra tena Madrid. Poder dirixirse as institucións en galego non é ser oficial. A oficialidade é pedir a palabra e falar en galego.

Porque un europeísta e posibilista convencido coma vostede esquece a idea de España?

Galicia é unha nación por si mesma. Non necesita España. Ten unha historia propia que non se explica se non é negada pola oficialidade española. Non lle debemos o carácter de nación. Non podo negar a relación co Estado español. Non podo negar que sexa plurinacional. Tampouco podo esquecer as relacións económicas e culturais con Portugal, do que xa somos o primeiro exportador. A España coma estado plurinacional non teño problema en recoñecelo.

Pode ser a UE a primeira potencial económica mundial?

De feito xa o é. Ten unha potencia social e cultural que pode ser un exemplo, ao igual que é no mundo do deporte. Non obstante, carece desa visión porque non existen medios de comunicación de ámbito europeo. Neste momento tan só dispoñemos do canal Euronews. Non existe un grupo coma o de Murdoch que ten unha forza extraordinaria en Gran Bretaña ou Australia. A visión da gran forza que ten Europa viría dada por medios de comunicación que lle desen esa conciencia.
?A UE é o lugar dos dereitos humanos por excelencia'
Comentarios (1) - Categoría: autoodio/autoestima - Publicado o 25-08-2008 13:25
# Ligazón permanente a este artigo
'As nacións tamén inventan a súa infancia'
Miguel-Anxo Murado

César Lorenzo Gil . Miguel-Anxo Murado (Lugo, 1965) acaba de publicar 'Otra idea de Galicia' (Debate), un ensaio histórico divulgativo que nace para explicarlles a idiosincrasia galega aos foráneos pero acaba sendo unha ferramenta útil para recordarnos a nós mesmos quen somos.



Otra idea de Galicia naceu como un libro de encargo. Cambia iso a maneira de enfrontalo?

É un libro de encargo pero iso non significa que eu non tivese interese en facelo. Todo o contrario, levaba anos querendo sentar a escribir unha historia de Galiza divulgativa. Por unhas cousas ou por outras ía sempre aprazando o proxecto e esta oportunidade foi un golpe de fortuna.

Non estamos afeitos a que Miguel-Anxo Murado escriba sobre Galiza.

Para min Galiza foi sempre unha obsesión. Intereseime sempre polo qué somos. Pode haber xente que pense que como non vivo en Galiza non teño interese pero ocórreme todo o contrario. Traballei abondo sobre o asunto e velaí o froito: un ensaio que é a un tempo divulgativo e interpretativo, onde en determinados temas dou claramente a miña opinión argumentada, a risco de trabucarme.

Haberá quen pense que os galegos non van encontrar nada de interese no libro.

Vaime ben finxir que son un observador neutral, un investigador que fala dos galegos en terceira persoa. Mais tamén escribín o libro pensando nos galegos; en dúas clases de galegos. Ao lector que rexeita os temas galegos por consideralos patrimonio do nacionalismo ou da esquerda quixen convencelos de que a identidade de Galiza é independente da ideoloxía. Estes son lectores que como renunciaron ao galego non tiveron acceso aos títulos clave sobre a nosa historia ou a nosa xeografía. E, ao mesmo tempo, co lector galeguista concienciado quixen dialogar sobre algúns clixés da nosa consciencia que penso que se deben revisar.

A divulgación non é un xénero moi cultivado. En troques fanse moitos estudos locais ou profundos en áreas minoritarias. A que se debe?

Coido que é unha consecuencia lóxica da separación entre creación literaria e investigación académica. Os historiadores son investigadores aos que non lles interesa desenvolver un estilo máis literario e dirixido ao lector. Os científicos sociais temen que os seus compañeiros non os tomen en serio ou lles chamen populistas ou vulgares. Non é unha crítica: o mundo da academia é así. O ensaio divulgativo precisa dunha técnica que enganche o lector; hai que empregar ?trucos? para lle fixar datos facilmente. Hai que pensar que moitos conceptos da nosa historia quedaron gravados desde o tempo de Vicente Risco ou Ramón Otero Pedrayo. Hoxe sabemos que son falsos pero para cambiar a percepción social sobre eses feitos debemos ser concisos, dar exemplos accesíbeis, converter a reflexión en narración. Por outra banda, os escritores de ficción non teñen unha grande interese pola ciencia, nin sequera pola historia ou a xeografía. Tamén teñen temores, neste caso a que non lles teñan respecto por non seren especialistas.

O libro quere vencer tópicos sobre Galiza e os galegos, pero non só os malos, tamén os bos.

Afortunadamente, estamos vivindo un momento de galegofilia no conxunto de España. Con todo, o ascenso do nacionalismo pode cambiar esa actitude, por contaxio con Euskadi e Catalunya. Os clixés da galegofilia non son malos pero ocultan unha especie de condescendencia. A min como autor do libro veume ben que Galiza non estea estigmatizada porque me dá certa vantaxe e complicidade co lector. Incluso esa simpatía fai que descubrir certos aspectos que seguro que eles non coñecían os faga máis permeábeis a asumilos e a comprenderen mellor a nosa identidade.

No libro vostede afirma que a reacción ante o naufraxio do Prestige sacou a luz a imaxe actual de Galiza fóra. Como historiador, pensa que aquel momento e a reacción do Nunca Máis explica o cambio político posterior?

Son escéptico ao considerar que hai relación entre Prestige e cambio político. Coido que o relevo na maioría parlamentaria tivo máis a ver co final do ciclo do fraguismo, por razóns biolóxicas e de desgaste. Pero si me interesa moito como aquela catástrofe natural se viviu fóra de Galiza. O papel que a visión española lle dá ao noso territorio é de reserva natural paisaxística e sociolóxica pero iso non vai acompañado de ningunha protección. Quérese que Galiza sexa un lugar de vacacións que garanta os tópicos da vaca, a mariscada e a gaita. Un parque temático con hórreos e medas de palla onde os galegos son simplemente figuríns.

Vostede é un especialista en desvelar tradicións modernas que se disfrazan de antiquísimas. Hai algunha desas en Galicia ou ir ao Corpiño e a Santa Trega xa eran cousas que se facían hai cinco mil anos?

Non temos datos para saber desde cando exactamente a xente fai determinado ritual. O que si podemos deducir é que canto máis se defende a ?eternidade? dunha tradición máis probábel é que esta nacera hai pouco tempo. Por exemplo, as romarías naceron logo da recatolización de Galiza, en plena Contrarreforma após o Concilio de Trento (1545-1563). En calquera caso, que as tradicións sexan inventos non significan que non sexan reais. É dicir, se unha sociedade toma por bos trazos de identidade e dálles rango de verosimilitude, ao final eses conceptos inflúen nas súas vidas e na súa autopercepción colectiva. Non hai que esquecer que cada un de nós inventa o seu pasado, reconstruímos o noso pasado, convertemos as lembranzas en mitos. Pois as nacións tamén inventan a súa infancia.

Un dos exemplos que dá de tradición moderna é a queimada.

Non temos o dato exacto pero a queimada inventouse como moi cedo na década do 1920. Hoxe está estendida e hai quen che aterca que o famoso esconxuro xa se coñecía na Idade Media. É un exemplo claro de folclore urbano. É non é malo. A historiografía galega, xa desde as súas orixes, baseouse na idea da melancolía, no sentimento de perda. Eu rexeito iso porque é falsa e pesimista. As tradicións evolucionan. Por exemplo, a gaita foi froito da globalización no seu tempo, cando había gaitas en toda Europa. E resulta que agora é unha característica propia nosa. Pensar que todo vai a peor crea conservacionismo e, polo tanto, conservadorismo.

A paisaxe, di vostede que se converteu nun mito.

É que pensar que a paisaxe de Galiza foi sempre igual é ridículo. Galiza é un dos territorios de toda Europa máis manipulados polo home. Cada metro cadrado de terra foi queimado, rozado, cultivado, vendido, comprado, partillado, aforado? Isto non xustifica agresión ningunha á paisaxe pero esa consciencia pola beleza do contorno existiu sempre. Igual que é estúpido atribuírlles aos galegos sensibilidades especiais, como o desmedido amor pola terra, tamén é unha parvada pensar que non teñen respecto pola harmonía natural.

Que aspecto da historia de Galiza pensa que está aínda sen tratar?

As relacións internacionais. A historiografía vinculounos sempre a España pero non a Europa. A nosa historia é moito máis universal do que parece. Insistir tanto na subordinación dentro de España acaba por minimizar os contactos que tivo pola súa conta. Por só pór un exemplo: Galiza foi fundamental no teatro xeoestratéxico da Europa do século XIV, cando Francia e Inglaterra competían polo control do Atlántico e a guerra dos Cen Anos se estendeu polo continente.


'Os momentos de prosperidade'

Vostede defende que a romanización galega non a fixeron os romanos senón os bárbaros.

A romanización foi unha paréntese na nosa historia. O sistema económico era tan alleo á nosa xeografía que fracasou rotundamente. Foi serodia, tanto que foron os bárbaros os que lle deron pulo ao latín. A influencia de Roma esaxerouse polo prestixio da súa cultura a partir do Renacemento. En Galiza, o seu máximo símbolo é a Muralla de Lugo, construída moi tarde e non se sabe moi ben para que.

A Idade Media abalou no imaxinario popular entre os Irmandiños e os reis de Galicia. Hai quen pensa que esta evolución ten moito a ver coa propia evolución do nacionalismo, do marxismo á toma de poder real.

Esa é unha das causas porque as ?modas históricas? teñen a ver moito co presente. Pero tamén foi fundamental a revisión do mito dos Irmandiños. Non foi unha revolución independentista senón unha revolta de artesáns, burgueses e fidalgos que demandaba protección do rei de Castela contra os abusos dos nobres. É anacrónico pensar en Galiza nos termos actuais nin caer na idea de que Galiza era o cerne de España porque crea unha incoherencia. O ideal é non proxectar ideoloxías do presente cara ao pasado.

No seu libro conta que Galicia tivo dous momentos de riqueza: o século XIII e o século XVIII. Por que non se mantivo a prosperidade?

O factor fundamental de pobreza foi a vinculación á economía peninsular. Galiza tiña que ter sido unha Holanda que usase o mar como único medio comercial porque o transporte por terra era practicamente imposíbel. Faltoulle a Galiza a independencia política para tomar as súas propias decisións económicas. A dinastía dos Habsburgo foi catastrófica en todos os aspectos. Arruinounos o deseño comercial e converteron o noso país en primeira liña de batalla de todas as guerras, que foron xustamente contra os nosos principais compradores, caso de Inglaterra. Pero non hai que ir tan lonxe: hai 30 anos Galiza era un país moi pobre. A prosperidade sempre estivo relacionada co autogoberno.

No libro hai personaxes históricos moi criticados, por exemplo Vicente Risco.

Converto a Risco nun símbolo, en oposición a Castelao, dun modelo de nacionalismo, que non se chegou a desenvolver, de ultradereita, de carácter étnico. O que triunfou, o de Castelao, é democrático e socializante. De todos os xeitos, recoñezo que con Risco tiña unha débeda pendente porque me pareceu un personaxe inquietante xa des que lle lin O porco de pé.

A figura de Ramón Piñeiro cobrou actualidade coa homenaxe do Día das Letras 2009.

Pasados os anos, podemos dicir que no seu momento Piñeiro fixo o máis lóxico. Hai que ter en conta as circunstancias daquel tempo. As súas decisións non foron esenciais na evolución do nacionalismo xa que o galeguismo da década do 1930 morreu coa guerra. O BNG reclámase herdeiro daquela ideoloxía pero a herdanza é unicamente espiritual. En troques, a estratexia de galeguizar o mapa político piñeirista serviu para que fose o PP quen aprobase a Lei de Normalización Lingüística, unha norma tan deostada agora pola dereita. Xa no persoal, eu empecei a escribir en galego en parte grazas a el, que me animou moito a facelo.

Esta colección de Debate quere abrir un pouco a fiestra das nacións periféricas en Madrid. E nesas aparece o Manifesto pola Lingua Común.

O manifesto é unha manobra para darlle visibilidade ao partido de Rosa Díez, que é unha forza maioritariamente vasca pero que curiosamente ten o seu celeiro de votos en Madrid. Penso que foi un fracaso porque tivo menos adhesións que apoios recibiu a propia Díez nas eleccións, o cal é significativo. Eu son optimista e entendo ese manifesto como unha reacción ao avance da normalización lingüística. Contra un idioma morto non se piden sinaturas. No fondo mantense a idea das dúas Españas. É a España republicana a que ampara o dereito dos nacionalismos. É a esquerda española a que rexeita a belixerancia e propón o diálogo.
'As nacións tamén inventan a súa infancia'
Comentarios (1) - Categoría: historia - Publicado o 25-08-2008 13:22
# Ligazón permanente a este artigo
Multilingüismo e biodiversidade
XOSÉ LUÍS MÉNDEZ FERRÍN

Estes días atrás vin unha película de título estrafalario (Apocalipto ou algo así) na que o seu director, Mel Gibson, usou nos diálogos exclusivamente de unha ou varias linguas centroamericanas da familia, que coñecemos como maya.
O mesmo director tivera o acerto, realmente xenial, de facer falar noutro film a Cristo e aos xudeus na súa propia lingua e a Poncio Pilato en latín clásico. A innovación de Gibson constitúe un fito histórico pois atenta directamente contra a idea da Torre de Babel como maldición e favorece a percepción do multilingüismo como un ben digno de desexo e tan necesitado de protección como é a chamada biodiversidade.
Logo asistín no televexo á transmisión en directo da inauguración dos Xogos Olímpicos en Pekín, que así soemos escribir o exónimo tradicionalmente no noso idioma galego.
Cada quen interpretou o acontecemento segundo quixo e segundo os seus puntos de vista ideolóxicos. Non é do caso decer eiquí que eu gustei do ondexar da bandeira vermella e de que o búcaro do lume olímpico tivese esa forma helicoide que é representación da espiral no espacio, aínda pensando na degradación capitalista da actual China. O que si que quixera notar é que a China lle fixo facer ver ao mundo que no seu territorio viven en plenitude de dereitos lingüísticos 56 (penso que ese é o número dado polos organizadores do acontecemento) nacionalidades diferentes das dúas chinesas que son maioritarias.
Cómo non, folgueime moito ao comprobar que na organización das Olimpiadas a lingua inglesa recibiu, senón un apagón, si un eclipse que non por momentáneo deixa de ser cecais premonitorio. A lingua francesa recobrou por un intre a súa condición antiga de internacional da diplomacia e da cultura e os locutores ían anunciando os países participantes primeiro nela e, en segundo e terceiro lugar, en inglés e en chinés respectivamente. Certo que o presidente do Comité Olímpico fixo o seu discurso en inglés, pro el non foi monolingüe dado que introduciu uns parágrafos en francés. Os presidentes do Comité Olímpico anfitrión e da República abriron os Xogos usando o chinés, supoño que o chinés mandarín que é o oficial oralmente (a escrita ideográfica é común a esta lingua e ao chinés cantonés) desde 1917. Por fin, un coro de mozos e mozas entooou o himno olímpico cuxa letra é un poema en grego, non sei se en grego moderno ou en grego clásico. Ou sexa, que do espectáculo da inauguración dos Xogos Olímpicos calquera podía tirar a conclusión de que fóra do inglés aínda existe vida lingüística no planeta terra.
Si, hoxe somos moitos os que pensamos que o multilingüismo é boa cousa e que ningunha lingua do mundo debería vivir en circunstacias que favorezcan a súa extinción, ou marxinación como é o caso da nosa. É posíbel que haxa imbéciles capaces de decer parvadas en catro ou cinco idiomas, como disque dixera un día Ortega a propósito dun seu contemporáneo en facecia ocorrente mais apócrifa. Penso que a posesión da varios idiomas é un ben que favorece a amplitude de criterios e a habelencia intelectual das persoas. O que non debería facer ninguén, sen perxuizo da súa sanidade subxectiva, é arrenegar da propia lingua ou entorpecer a restauración da lingua abandonada por uns antepasados forzados ao auto-odio e á vergoña do propio.
Multilingüismo e biodiversidade
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 20-08-2008 03:04
# Ligazón permanente a este artigo
Camilo Nogueira: "Galicia é unha nación, non unha parte de España"
?O Estado español é inexplicable sen Galicia, pero moito máis inexplicable é Portugal sen Galicia?
POR LUIS POUSA

Camilo Nogueira Román (Vigo, 1936; casado: dúas fillas: catro netos; enxeñeiro e economista; ex deputado no Parlamento galego; ex deputado no Parlamento Europeo) acaba de publicar dous ensaios na Editorial Galaxia, Europa o continente pensado e Galicia na Unión. A porta atlántica, que están a merecer a atención da crítica especializada. E está a preparar outras obras de pensamento, entre elas unha segunda parte dun libro que escribiu hai xa tempo, A memoria da nación, referido nese momento ao reino de Gallaecia, que espera ter rematado este ano. Trátase "dunha visión crítica respecto do Estado español e da súa ideoloxía. E, ao mesmo tempo, dunha visión independente de Galicia nesa época, tanto dos Ausburgo como dos Borbón, como xa nos séculos XIX e XX e ata hoxe, falando do movemento nacional galego e das circunstancias económicas e culturais de Galicia, para desembocar nunha Galicia como unha nación do mundo".

Vostede é partidario da independencia de Galicia?

A min gustaríame unha Galicia sen fronteiras cos países da península Ibérica, sen fronteiras con Europa e aberta ao mundo. Máis aínda, Galicia é unha nación por si mesma, non é un parte de España ou unha provincia sen máis. O Estado español é inexplicable sen Galicia, pero moito máis inexpicable é Portugal sen Galicia. Ten unha estrutura histórica, lingüística, social, etc., en si mesma independente. Outra cousa é a que aspiramos hoxe en día os que pensan coma min sobre o estatus de Galicia.

E a que aspiran?

A que o Estado español se converta nun Estado plurinacional, a que como nación Galicia teña relacións con outras nacións e estados, sen ningunha cortapisa por parte do Estado español, e moi especialmente con Portugal. Nestes momentos Galicia é a primeira comunidade autónoma xa importadora e exportadora a Portugal. Galicia ten unha lingua universal, tan universal como o castelán. Outra cousa é que si Galicia, por unha circunstancia históri­ ca, se convertera nun Estado independente como Holanda, non sería eu o que diría que non. Pero as aspiracións que se teñen dunha nación tamén teñen que ter en conta as circunstancias históricas, e eu levo 40 anos téndoas en conta.

Cara a onde vai Europa?

Se o Estado moderno comenzou a facerse no século XVI, pasados cincocentos anos, dos estados actuais non existía case ningún daquela. Podemos dicir como empezan agora, pero non como serán no futuro. Dito isto, a UE é unha revolución histórica e democrática.

Por que?

Porque quen ía pensar que, despois da Segunda Guerra Mundial, os estados que se acababan de matar entre si, de pronto deciden facer unha entidade que tende a acabar coas fronteiras, que acabou coas guerras dentro da Comunidade Europea, que ten unha institución común, o Parlamento Europeo, elixido directamente polos cidadáns, e constitúe unha entidade que é a primeira potencia económica e cultural mundial, e pode intervir no mundo dunha maneira moi distinta ao imperialismo actual declinante dos Estados Unidos, e aos que naceron na propia Europa. E creou un espazo de cidadanía común; nos somos cidadáns europeos, con todo o que iso conleva.

E que conleva?

Que admite a diversidade nacional, aínda que só a dos Estados. Recoñece todas as linguas que son oficiais nos estados, aínda que faltan algunhas que non son oficiais plenamente nos estados. Eu teño unha opinión moi positiva de Europa.

Como lle sentou a Galicia a adhesión de España ás Comunidades Europeas?

Acabamos de saír dunha ditadura, acaba de producirse o intento de golpe de Estado do 23-F, eu comprendo perfectamente que os gobernantes do Estado español procuraran entrar na Unión Europea. O problema é que entraron como un Estado mediterráneo do aceite e das laranxas, cando Galicia é un país atlántico, do leite, da construción naval, da pesca, con malas comunicacións crónicas con Europa. As condicións de entrada foron malas para Galicia, pero para a economía galega eran necesarias.

Como é iso?

Non fomos ben tratados nos fondos estruturais, nas medidas agrarias, nas medidas pesqueiras, etc. Non se fixeron as autovías no seu momento, tampouco se fixo o tren de alta velocidade no seu momento. Pero, a pesar todo iso, grazas a que había unha certa autonomía, a que estabamos na democracia, e a que se nos abriron horizontes, o comportamento da sociedade galega foi extraordinario. Hoxe Galicia é unha sociedade industrial, aínda que ten un sector agrario e un sector da pesca moi importantes. Cambiou radicalmente a nosa sociedade.

Como?

Si a repartición das cuotas lácteas fora doutra maneira, e no período transitorio nos deran a posibilidade de acadar o dobre da produción láctea actual, non se produciría unha transformación tan radical de agricultura, sería unha evolución máis sensata, e non sufririamos a crise demográfica que estamos a sufrir neste momento. Pasamos de ter máis do 40% de activos no sector primario a un 10 por cento, que é do 8% na agricultura. E temos unha estrutura industrial propia dun país moi moderno e desenvolvido. A xente nosa non é consciente da capacidade industrial de Galicia, nin da súa capacidade urbana. Aínda que sufrimos as feridas da marxinación internamente na renda por habitante, Galicia está en condicións de ser un país libre e independente.

Que importancia ten o idioma galego en que Galicia poida xogar o papel de porta atlántica?

Os galegos temos a visión de que somos un rincón, porque asumimos a visión de Madrid, cando un rincón é Madrid, que está no medio dun páramo, e máis lonxe do centro de Europa que nós. No mapa eurocéntrico, Galicia está no centro. En todo caso, non pode ser excéntrico un país que é o nariz de Europa cara ao Atlántico. Estamos nun sitio privilexiado, incluso no senso de que somos o país do vento, da auga e do sol. Galicia é unha parte fundamental da fachada europea e con Portugal configura a franxa atlántica máis importante de toda Europa, descontando as illas británicas.

Para ser a porta atlántica teremos que xogar ese papel?

Efectivamente. Se nos concibimos coma a porta atlántica de Europa e nos gobernamos con ese concepto, iso darános posibilidades enormes. Á parte das condicións xeográficas e climáticas, temos 1.500-1.700 quilómetros de costa. É unha cousa insólita que un país de 30.000 km2 teña esa cantidade de costa, e unhas capacidades enormes de comunicación por mar. Ademais de compartir a fachada atlántica, a presenza común con Portugal na UE proporciónanos unhas posibilidades de colaboración crecente. Esa é unha realidade que tamén temos que incorporar á nosa visión.

Que importancia ten a lingua galega nas relacións co mundo lusófono?

Non me gusta moito o de lusófono, porque parte da ideoloxía do Estado portugués atribuíndolle un papel central na formación de Portugal a Lusitania, cando o papel central lle corresponde a Gallaecia. Os brasileiros chámanlle portugués lexitimamente porque foi Portugal quen levou a lingua alí, pero o que falan é galego, nacido aquí, en Gallaecia. Se nós asumimos que o galego é unha lingua internacional, modificamos radicalmente a imaxe do Estado español: xa non sería un Estado de catro linguas, unha delas universal, senon un Estado de catro linguas, dous delas universais. Hai experiencias prometedoras como a creación do xornal GALICIA HOXE, polo Grupo Correo ou a galeguización idiomática dos Asteleiros Barreras. O galego, como galego-portugués, é unha lingua que se fala en catro continentes.

A situación demográfica de Galicia é alarmante?

É a que é. En Galicia uniuse o trauma da emigración cun comportamento moderno sobre a fertilidade. Iso resólvese de dúas formas. Cun crecemente económico que facilite a vontade de ter fillos, e unha afluencia de inmigrantes que sexan aquí ben acollidos. Ou que o Goberno galego teña unha postura moi belixerante sobre isto e dea un bombazo no orzamento galego. A longo prazo iso provocaría un cambio radical. O orzamento galego debería ter unha parte fundamental dedicada ao fomento da natalidade, directamente con axudas por fillos, e con garderías, escolas, etc.

Galicia ten que afrontar dunha vez por todas a cuestión da ordenación do territorio?

Totalmente. O Mediterráneo español é un desastre no sentido arquitectónico, paisaxístico, etc. Galicia é unha cousa moi diferente: foi un deixar facer por parte dos alcaldes, e iso, unido á falta de clarividencia cultural e de sensatez dos poderes políticos provocou un caos urbanístico. Non é que os galegos teñan unha vontade de feísmo como mal se titulou algunha vez. A costa galega non está tan estragada como para dicir que iso non ten remedio. Se hai vontade política, incluso nos lugares onde se construíu moi mal se pode corrixir cunha certa imaxinación. E se pode encontrar un punto de equilibrio entre as posibilidades económicas da costa, o respecto á naturaleza e ao lugar onde habita a xente. Para iso temos que ter un poder ilustrado na comunidade autónoma, no Estado e nos municipios.

A reforma do Estatuto de Autonomía é a materia pendente desta lexislatura?

Absolutamente. Eu defendín a necesidade de ter un Estatuto de nación e que non era o momento de impor esa vía para ter máis competencias, porque si hai vontade política do Estado, as competencias pódense incorporar ao Estatuto por vías diferentes. Os nacionalistas están preparados para iso, e os que non son nacionalistas deberían recoñecer que o carácter de Galicia como nación nos pertence a todos. Galicia ten un carácter histórico, xeográfico e lingüístico inequívoco como nación. Non queremos separarnos de ninguén, nin das xentes doutra parte do Estado español, simplemente non queremos ser mandados desde Madrid, porque podemos gobernarnos desde aquí sen ningún problema, sabendo que estamos unidos a todos os demais.


O PERFIL

En que lecturas anda?

Á parte da información xeral e do seguimento cultural, as lecturas que estou facendo están moi relacionadas co que estou a escribir. Son libros que teñen moito que ver coa lingua, coa economía, coa política, coa historia, etc. E despois sigo a literatura ao día pola miña muller, que é unha lectora extraordinaria, e intelixentísima para isto.

Adoita ir con frecuencia ao cine?

A miña muller e eu sempre imos ao cine, somos moi afeccionados ao cine. Por certo, en Santiago o feche dos cines Compostela notouse moito no tipo de películas. Hai moitas películas boas que agora non veñen ou tardan moito en vir a Santiago.

E ao teatro?

Ao teatro vou de cando en vez. Con frecuencia vexo teatro galego. Vou a Madrid, pero non vou para ver teatro. Cando ando de viaxe por aí coa miña muller non é infrecuente que vaiamos ao teatro; o ano pasado estivemos no festival de Edimburgo e o anterior, no festival de Avignon.

Que tipo de música lle gusta escoitar?

Aprecio todo tipo de música. Ultimamente se tomo eu a iniciativa de poñer música, poño máis música clásica. Estes días estamos asistindo a todos os concertos de Vía Stellae, que é un regalo para os que vivimos en Santiago. Ademais os lugares onde se celebran eses concertos son unha marabilla: San Domingos de Bonaval, San Martiño Pinario, os propios teatros pequenos, o Auditorio...

Viaxa moito?

Bastante. A miña muller e eu coñecemos practicamente toda Europa. Traballando en Sodiga, levaba tamén a produción industrial internacional, e iso era un motivo para que, en relación con outras sociedades de desenvolvemento industrial, viaxara moito. Á parte de que xa fora a América e a África outras veces, no tempo do Parlamento Europeo viaxei aos Estados Unidos, a Palestina, a Irak pouco antes da guerra, a Brasil varias veces, a Arxentina, a Chile. Tamén a Exipto,Tunisia, Marrocos, Suráfrica, ao Foro Social Mundial de Kenia, ao Foro Social de República de Malí . En fin, teño unha grande afición a coñecer o mundo. Agora vou dar unha conferencia en Budapest.

Que preferencias ten nas artes plásticas?

Os museos importantes coñézoos case todos, desde logo os de Europa. Como xenios diría Picasso e Goya, pero tamén me gustan os pintores abstractos, por exemplo, Tapies, e por suposto Laxeiro, Colmeiro e Maside.

A arquitectura é arte?

Sen dúbida ningunha. Condensa a ciencia é a arte. E a xente, pese aos avances tecnolóxicos, aínda admira os monumentos arquitectónicos. As cidades e as nacións queren verse representadas por fitos arquitectónicos.

Como recibiu o teléfono móbil?

Non son dos que digo que o teléfono móbil te escraviza, pero o contraste co pasado non mo causou tanto o teléfono móbil como Internet.

E o PC portátil?

Utilízoo, pero pouco, traballo moito máis no ordenador de mesa. Hai doce anos, aprendín a escribir a máquina como unha mecanógrafa.
Camilo Nogueira: "Galicia é unha nación, non unha parte de España"
Comentarios (1) - Categoría: nacionalismo galego - Publicado o 17-08-2008 23:40
# Ligazón permanente a este artigo
Polipus, polbo, pulpo, polbo... Festa no Carballiño
FELIPE SENÉN O Carballiño, Carballino, Carvalhinnho, do que somos, vimos e imos, naceu da feira. Nesta encrucillada, a calquera conflicto no que non vaia a vida, non se lle da máis importancia que a dunha conversa de taberna. Aquí díse de vello que "o cantar do arrieiro é un cantar moi baixiño, cando se canta en Ribadavía resoa no Carballiño". E así é: este campo da feira naceu no encontro de camiños, entre Oseira e Ribadavía. Vila na que hai algúns anos botamos de menos a conversa do Corcheiro, Ernesto Atanasio, sabio petrucio, coroado polo microcosmos da boina, moi andado nos camiños destas bisbarras, polos mares da emigración e do traballo, de profesión corcheiro, o que implica moitos saberes arredor da natureza e do viño. Persoeiro gostoso da conversa peripatética por castros e congostras, e que atopaba resposta para todo. Agora cumpriría ben a súa presencia pra enguedellalo neso de si "pulpo" ou "polbo". Adiviñamos a súa sentencia: as pulpeiras do Carballiño saben ben o que teñen que dicir, que a feira é a feira. Elas inventaron e espallaron por todo o orbe -e non é moito dicir- o que non fixeron gregos, romanos, rusos ou chinos, o cefalópodo sinxelamente cocido nas caldeiras de cobre, servido en pratos de madeira de bidueira.
Alí onde se xunta xente e se fai feira ou romería, non poden fallar as pulpeiras e pulpeiros das terras do Carballiño, as bolas de pan dos viciños fornos de Cea, viño dos ribeiros, uns foguetes e un gaiteiro, e o resto xa viña por engadido. Nese andar de feira en romaría Arcos foi universidade de pulpeiras e pulpeiros, moitos espalláronse e asentáronse polos camiños de Galiza e do mundo.
Teñen sona as pulpeiras de Santa María de Arcos, parroquia nas ribeiras dun sombrío río Arenteiro que vén da Martiñá, ó que verten fontes sulfurosas co seu baniño. Nesas augas do lugar da súa Pontariza mazaban e poñían a secar o polbo traído polos arrieiros en sacas de Marín, de Noia... comerciaban cos productos dos ribeiros e da montaña, os bocois de viño, os xamóns, lacóns, unto, touciño, mel... e de volta traían os do mar, os salgados, afumados e o polbo... Tarefa dentro da misión do comercio, da feira e que quizais teña orixe na saberduría organizativa dos frades do mosteiro cisterciense de Oseira. Pois velaí que entre a Oseira do Cister e o Beade da Encomienda dos Cabaleiros de San Xoán, da Ribadavía fidalga, naceu o campo de feira do Carballiño, e arredor del e á beira dos seus camiños, medrou unha vila e templos dedicados a San Antonio, a San Cipriano... santos que concilian moitas tradicións panteístas. Ambente broslado en contos de noutrora, os que falaban das temidas gavillas de Pepa Loba, da Cahapanda. Decimonónicas casonas de señores, Quirogas, Ulloa... casiñas de arrieiro, de pedra e de madeira, xa metaforseadas en bloques de pisos. A fins do século XIX aquela era para a condesa de Pardo Bazán a "Vilamorta", con ambiente de rebotica e un balneario para agüistas, sempre cos camiños de ida e volta ebertos á emigración e curtindo en saberes.
O tempo e a ilustración municipal irá mudando o lugar de encontro, os que foron campos de feira trocaranse en prazas, en aparcamentos... Dende 1964, sabémolo ben, pola parte que temos, imitando á Festa do Viño que se celebra en Ribadavía, seguidora da Festa do Albariño en Cambados e da Romería Vikinga de Catoira, cantadas por Cunqueiro e Castroviejo, nacía no Carballiño e en Galiza unha nova versión de festa, a que mudaba o nome dos santiños pola dedicación a un prato, neste primeiro caso era o polbo: a "Festa do Pulpo". Sabiamente dábaselle as costas ó vello, repetido e contrastado lema de "Pra carne pan e viño, O Carballiño". Aquí e de moi vello, o pulpo mariñeiro ten patria adoptiva e santuario gastronómico. O escenario é o Parque Municipal, antigo monte comunal de Mesego, ó que os indianos irmáns Prieto, amantes e benfeitores da vila, sumaron as súas herdanzas pra o lecer da vila. Bosque de piñeiros, de ecucalitos, de carballos... Escenario de paseos de verneantes, aguistas, indianos... por el lembramos ó arqueólogo Cuevillas, ó músico de zanfoña Santalices, ó arquitecto Gómez Román, ó etnógrafo Antonio Fraguas... un verau que empezaba, cando Florinda Ulloa cumpría seu ritual anual e viña de Madrid á súa casa da rúa maior. Era un gozo ver as xanelas da casa abertas, como saber que esa carballiñesa, que sobrepasa o século de vida, sigue co ritual de conversa e vasiño de viño nos mediodías da Coruña que nos acolle.
Para cada segundo domingo do mes de agosto convócase a festa e faise por medio dun cartaz artesanal, co algo de kitch popular galego e ourensán que teñen esas convocatorias. O autor primeiro e por moitos anos foi Felipe-Luis López, pai de quen esto escribe e tamén un dos mentores da festa. Logo, por imperativo da Alcaldía, quérese que sexa servidor quen faga o cartaz, e faise con tal de contribuir. Velaí. Os alcaldes, Perea, Marnotes, Pachi Vazquez, e hoxe Carlos Montes danlle cada ano unha dedicación ó evento, e este ano faise a Andalucía, a que introduce os seus saraos e feiras de abril. Por aquí as tonadilleiras, Antonio Molina, e o do carro foron e siguen sendo moi escoitados... por eso no cartaz puxemos pacencia e pintamos á beira dun gaiteiro un guitarrista cordobés... e cando facemos esas cousas lembramos moitas e vellas historias. Eso si, lamentamos ollar a botellonización e a barbarie campando, dividindo e desbaratando libertariamente a festa, que é ritual de reencontro, que anova o sentido da tribu entre novos e vellos, os de aquí e os de acolá, os que veñen e os que se van.
Por eso nos compre o Corcheiro, para falar dos camiños de nós, para pararnos nunha taberna de tertulias, para reconfirmarnos que os máis vellos dicían "polbo", (pooolbo), cunha ó longa e soave, e si acaso "polpo". Incluso catastros do século XVIII sitúan "polberas" de oficio por esta bisbarra. Polo demais, a comenencia, as relacións co mundo da feira, cos maragatos e arrieiros de aquí e acolá escolleron "pulpo", tamén dentro do colo común dos idiomas romances, o latín, "polipus"= "polpo" = "pop" (en catalán) = "pulpo"= "polbo" ou polvo ("polfo", como din os portugueses, que non é máis que o galego-portugués vivo). Os idiomas son para unir, e cantos máis se aprendan e falen mellor, mentalidades abertas á tolerancia de querer saber e estar, lonxe da lingua única dos animaís irracionais.
Pois o galego-portugués, como o castelán, o catalán, o francés ou o italiano, parte do latín, lévano impreso no seu ADN lingüístico, de vello comparten camiños, feira e romaría e hai coincidencias que aproximan e aproveitan.

Felipe Senén é museólogo e técnico de Xestión Cultural
Polipus, polbo, pulpo, polbo... Festa no Carballiño
Comentarios (1) - Categoría: persoeiros - Publicado o 17-08-2008 23:35
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0