boas e xenerosas


Unha escolma de artigos, entrevistas, estudos, novas, opinións, reportaxes... boas e xenerosas



GALEGO DE SEU(Web)


Colazo
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

As Redes Escarlatas premian o alcalde de Lubián pola súa defensa da lingua
No acto participarán Xosé Luís Méndez Ferrín, Dionisio Pereira e Xosé Henrique Costas.
24/06/2008

O Premio Roberto Vidal Bolaño recoñece publicamente persoas e institucións que se distinguen na loita pola emancipación de Galicia e das súas clases populares. Este ano, na súa quinta edición, as Redes Escarlata recoñecen o labor de Felipe Lubián, alcalde do concello zamorano, de fala galega, pola súa defensa da lingua. O Premio entregarase no contexto da II Xeira de lingua e cultura galegas nas Portelas, que se celebrarán na Casa da Cultura de Lubián

Na acta do premio saliéntase que Felipe Lubián é merecedor do premio pola súa "defensa insobornable da galeguidade lingüística e cultural dos catro concellos galegófonos de Zamora en tódalas corporacións locais, provinciais e autonómicas das que formou parte desde hai 30 anos", ademais do seu "compromiso coa cultura popular, nomeadamente do teatro de base". Así mesmo, saliéntase que o homenaxeado fixo de Lubián "o único concello de fóra da Galicia administrativa onde o galego é lingua cooficial e da escola Tuela-Bibei de Lubián o único centro escolar de Zamora onde se ensina a Lingua Galega".

O acto comezará coa proxección do filme de Antón Dobao 'A Mariñeira', presentado polo seu propio director. Así mesmo, presentarase o número 73 d'A Trabe de Ouro, coa presenza de Xosé Luís Méndez Ferrín, Dionisio Pereira e Xosé Henrique Costas.
As Redes Escarlatas premian o alcalde de Lubián pola súa defensa da lingua
Comentarios (1) - Categoría: Galiza estremeira - Publicado o 25-06-2008 14:07
# Ligazón permanente a este artigo
Premios Nacionais da Cultura Galega
Un paso adiante na normalización da nosa cultura coa 1ª edición duns galardóns esperados

As culturas precisan recoñecer adecuadamente as persoas que contribúen coas súas creacións e a súa actividade a fortalecelas e difundilas. A Consellaría de Cultura crea este ano os Premios Nacionais da Cultura Galega, cos que pretende aplaudir publicamente o esforzo e o mérito dos que traballan no ámbito da cultura para facer posible coas súas achegas que Galiza se escoite no mundo.

Os Premios Nacionais da Cultura constitúense como unha ferramenta para visibilizar diante da sociedade o traballo de quen se teña destacado no enriquecemento da cultura galega pola súas obras, pola súa participación en iniciativas creadoras ou por contribuír ao afortalamento do noso patrimonio material ou inmaterial. A intención da Consellaría de Cultura é que estes premios sexan un novo paso adiante de cara á normalización da cultura galega, co obxectivo de que se convirtan na súa gran festa.

Os dez premiados

A selección dos premiados respondeu a un proceso aberto e participativo, resultado do envío por parte da Consellaría de máis de 5.000 cartas a asociacións, entidades e concellos para convidar a participar nos Premios coa proposta de candidaturas. Participaron as institucións, entidades culturais e profesionais relacionadas coas actividades artísticas, culturais e patrimoniais obxecto de cada premio. Recibíronse máis de 200 propostas, que se sumaron ás enunciadas polos propios membros do xurado. Entre todas elas escolléronse aos dez gañadores de 2008:

* Premio Nacional de Arquitectura e Espazos Públicos: Manuel Gallego Jorreto, pola súa linguaxe sintética e innovadora e pola coherencia da súa obra.
* Premio Nacional de Artes Escénicas: Manuel Lourenzo, por ser pai do teatro independente galego e destacar como actor, director e dramaturgo.
* Premio Nacional de Artes Visuais: Francisco Leiro, pola súa forza creativa, que parte dunha tradición e dunha iconografía vinculadas a Galicia e que proxecta a través de novas linguaxes e soportes.
* Premio Nacional de Cine e Audiovisual: Margarita Ledo Andión, pola súa achega a cultura como cineasta, investigadora, profesora, promotora e divulgadora.
* Premio Nacional de Cultura Tradicional e de Base: Museo do Pobo Galego, por ser un centro que puxo en valor o patrimonio cultural galego, promovendo o seu estudo, proxección e divulgación.
* Premio Nacional de Iniciativa Cultural: Laboratorio de Formas, por continuar a estela do Seminario de Estudos Galegos e polo carácter de identidade e modernidade que lle imprimiron os seus creadores.
* Premio Nacional de Literatura: Xosé Luís Méndez Ferrín, pola calidade da súa obra, que o converte nun referente fundamental da literatura galega na segunda metade do século XX e nun escritor recoñecido a nivel internacional.
* Premio Nacional de Música: Mercedes Peón, pola súa calidade como intérprete e creadora dunha nova linguaxe musical que sitúa a música galega nun lugar de vangarda.
* Premio Nacional de Patrimonio Cultural: Remodelación urbana de Pontevedra, polo alcance na rehabilitación e revitalización do centro histórico de Pontevedra a partir dunha visión global da cidade.
* Premio Nacional de Pensamento e Cultura Científica: Francisco Díaz-Fierros, pola súa contribución á historia da ciencia en Galicia e pola súa capacidade para colocar na axenda da cultura galega a cultura científica.

O xurado

Cada un dos galardóns está dotado con 15.000 euros. Todos os premios foron adxudicados por un xurado único, formado por 15 profesionais de recoñecido prestixio e representativos de cada sector da cultura nas actividades obxecto dos respectivos premios. Son os seguintes:

* María Xosé Agra Romero: Catedrática de Filosofía Moral e Política da Universidade de Santiago.
* Rosario Álvarez Blanco: Catedrática de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago e directora do Instituto da Lingua Galega.
* Xosé Ramón Barreiro Fernández: Catedrático de Historia Contemporánea de Galicia na Universidade de Santiago e presidente da Real Academia Galega.
* Xosé Luís Barreiro Rivas: Profesor e director do Departamento de Ciencias Políticas da Universidade de Santiago.
* María Bouzas: Actriz, presidenta da Academia Galega do Audiovisual.
* Xosé Manuel Buxán Bran: Profesor de Escultura na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo.
* Domingo Docampo Amoedo: Catedrático do Departamento de Teoría do Sinal e de Comunicacións da Universidade de Vigo.
* María Isabel Fraga Vila: Profesora de Bioloxía Vexetal e directora do Museo de Historia Natural Luis Iglesias da Universidade de Santiago.
* Celestino García Braña: Arquitecto, decano do Colexio de Arquitectos de Galicia.
* Felipe Senén López Gómez: Museólogo e xestor cultural da Deputación da Coruña.
* Ana Romaní Blanco: Escritora e xornalista, directora do programa Diario cultural da Radio Galega.
* John Rutherford: Profesor do Queen?s College da Universidade de Oxford e presidente da Cátedra de Estudos Galegos desta universidade.
* Xurxo Souto: Músico e escritor, director de programas da Radio Galega.
* Laura Tato Fontaíña: Profesora da Facultade de Filoloxía e Humanidades da Universidade da Coruña.
* Ramón Villares Paz: Catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago e presidente do Consello da Cultura Galega.

O galardón

Cada ano a Consellaría de Cultura e Deporte encargará a un artista diferente a confección do galardón, co obxectivo de recoñecer a importancia e variedade dos creadores plásticos galegos. Para a primeira edición o elixido foi o escultor ourensán Ignacio Basallo, un dos artistas nos que se sustenta a renovación plástica galega a partir da década dos oitenta. A súa traxectoria estivo marcada pola súa participación nas iniciativas de Atlántica, desde onde desenvolveu unha traxectoria con personalidade propia que o situou como un dos escultores galegos máis recoñecidos dentro e fóra do país.

Ignacio Basallo ideou "unha escultura de 32 centímetros de alto, formada por dez pauciños de madeira de castiñeiro tallados a machada e mais a cepillo, cinguidos por un anel de 1 centímetro de ancho que suxeita fortemente todas as madeiras". No anel figura a inscrición "Premio Nacional da Cultura 2008".

En canto á simboloxía da peza, o escultor sinala que "no número está o contido. Simbolizo con cada pauciño cada unha das categorías. Sós, son independentes, pero xuntos xa son outro termo: cultura galega". Tamén destaca a presenza reiterada do número dez, que se repite secuencialmente: dez pauciños, dez aneis, dez pezas.

http://www.premiosnacionaisdaculturagalega.org
Premios Nacionais da Cultura Galega
Comentarios (1) - Categoría: Cultura - Publicado o 15-06-2008 00:54
# Ligazón permanente a este artigo
Granxa Familiar
Dende este portal pretendemos facilitar o comercio sen intermediarios entre as granxas familiares e os consumidores, así como dar a coñecer a calidade dos productos galegos.
http://granxafamiliar.com
Comentarios (1) - Categoría: rural no futuro - Publicado o 15-06-2008 00:44
# Ligazón permanente a este artigo
Gómez Noya, campión do Mundo
09/06/2008
Un ouro en Beixín consagraríao definitivamente como unha lenda do deporte nacional e internacional

O ferrolán Xavier Gómez Noya conseguiu este domingo en Vancouver (Canadá) o seu primeiro Campionato do Mundo, converténdose no segundo galego en facelo tras o ordense Iván Raña. O gañador de 2004, Bevan Docherty, foi finalmente segundo e o suízo Reto Hug, terceiro.

O ferrolán comezou ben a carreira deste domingo. Saíu segundo da auga só superado polo canadense Simon Whitfield. Xa na bicicleta, Gómez Noya mantívose no pelotón de cabeza, formado por 50 corredores, co resto de favoritos, entre estes o campión europeo, o francés Frederic Belaubre. O resto de participantes foron perdendo tempo a medida que avanzaba o percorrido.

Unha vez chegaron ás rúas de Vancouver, o xa campión do mundo aínda non contaba cunha vantaxe clara, mais logo de tres voltas algúns dos candidatos a gañar a proba (Gómez Noya, Whitfield e Docherty) destacáronse.

Beixín, o último reto
A partir de aí, o ferrolán impuxo a súa superioridade, e a carreira converteuse nun paseo para gozar do seu primeiro campionato mundial. Gómez Noya é o primeiro atleta da historia en gañar a Copa do Mundo en categoría absoluta e en sub23.

Deste xeito, conquista un título que se lle escapou o ano pasado no sprint, e logo de que xa vencera anteriormente na BG Copa do Mundo e no Europeo, un ouro en Beixín elevaríao definitivamente ao Olimpo do deporte galego e internacional.
Gómez Noya, campión do Mundo
Comentarios (1) - Categoría: deporte galego - Publicado o 15-06-2008 00:42
# Ligazón permanente a este artigo
Os usos lingüísticos en Bélxica
A vista de paxaro

SALVADOR SOUTULLO CAROLO

No Estado federal de Bélxica viven un sesenta por cento de habitantes de fala flamenga, os flamengos que durante moitos anos foron os pobres do Estado fixeron unha auténtica revolución tranquila e pouco a pouco nos últimos vinte e cinco anos foron recuperando os seus dereitos sociais, lingüísticos e políticos. Dáse a circunstancia de que en Bélxica non existe o bilingüismo nas comunidades flamenga e francófona; no territorio flamengo todos os documentos oficiais, a educación, etc., están integramente en flamengo e no territorio francófono pasa o mesmo. Teñen unha excepción que é Bruxelas; en Bruxelas todo está escrito nas dúas linguas do Estado federal; pero Bruxelas tamén ten a casuística de estar en territorio flamengo e se algún día, os flamengos se independizan, como xa están a dicir que podería pasar, Bruxelas quedaría no territorio flamengo e a capital administrativa da Unión Europea quedaría en territorio flamengo. Os movementos migratorios dentro do propio Estado están a provocar unha polémica sobre este modelo lingüístico nalgúns habitantes de fala francófona que vivían en Bruxelas e que por motivos de ser a vivenda máis accesíbel economicamente marcharon a vivir a concellos limítrofes co de Bruxelas que están en territorio flamengo e polo tanto teñen o flamengo como idioma oficial. Os poucos casos que se manifestan e non están de acordo coa lexislación lingüística actual fanse oír moito máis do que realmente representan por estar organizándose. O problema que presentan os francófonos falantes que foron vivir a concellos onde existe o monolingüismo flamengo é que non entenden as cartas da administración publica, os recibos da luz ou a auga? pero cando foron instalarse alí sabían perfectamente cal era a lei de política lingüística nos territorios flamengos. Xa nos gustaría a nós, no Estado español, ter ­unha lexislación lingüística parecida á de Bélxica, deste xeito na Galiza, en Catalunya (Països Catalans) e en Euskal Herria o idioma único no eido oficial serían o galego, o catalán e o éuscaro, no resto de comunidades autónomas o castelán e na comunidade autónoma de Madrid falariamos e escribiriamos todos os catro idiomas. ¿Imaxinades unha situación así no Estado español?

Isto, claro, sen deixar de ter ­unha política educativa lingüística que ensinara verdadeiramente os nosos rapaces e rapazas a falar, ler e escribir correctamente nos outros idiomas oficiais do Estado así como o inglés e cantos máis idiomas sexan precisos. O saber nunca ocupou lugar.
Os usos lingüísticos en Bélxica
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 09-06-2008 00:28
# Ligazón permanente a este artigo
Nace o primeiro tradutor automático galego-español- portugués
Galiza "é un lugar privilexiado para liderar o mercado lusófono"

Neste sentido, o director de márketing de Imaxin, Diego Vázquez, puxo un especial énfase en que Galiza "é un lugar privilexiado para liderar o mercado lusófono", xa que é o único lugar do mundo que ten competencia en español e en portugués a través do galego. Para ese liderado dixo que é fundamental contar coas mellores ferramentas, incluídas as tecnolóxicas e as lingüísticas.

Ofreceu, ademais, datos como que o Estado español vende a Portugal máis que o conxunto dos países hispanoamericanos, que existen máis de 3.000 empresas operando no país veciño e 400 lusas no España ou que ese fluxo comercial sitúase en torno aos 24.000 millóns de euros.

Páxina do tradutor Opentrad
Nace o primeiro tradutor automático galego-español- portugués
Comentarios (1) - Categoría: reintegracionismo, o galego internacional - Publicado o 06-06-2008 11:14
# Ligazón permanente a este artigo
A Axencia Espacial Europea lanzará un satélite galego o próximo inverno
[GZnación / Redacción / 5 Xun 08]

A Axencia Espacial Europea lanzará ao espazo o próximo inverno un pequeno satélite galego dentro da lanzadeira espacial Vega. O desenvolvemento deste dispositivo correrá a cargo da Universidade de Vigo, e nel participa a empresa pública Retegal (Redes de Telecomunicación Galegas) que inviste 300.000 euros.

Será o primeiro satélite galego en órbita e tamén supón a primeira participación de Galiza e do Estado no voo inaugural da lanzadeira, xa que é o único español seleccionado entre os máis de 25 proxectos presentados a nivel europeo.

O picosatélite, como é denominado polo seu tamaño, de tipo Cubesat, polo proxecto científico no que se inclúe, levará por nome "Dieste" e terá un peso e un tamaño reducido, un quilogramo e un decímetro cúbico respectivamente. A súa finalidade non é comercial, senón científica e educacional, para desenvolver a investigación e a capacidade tecnolóxica das universidades e as empresas galegas. Así, o seu obxectivo é a investigación no campo das comunicacións dixitais, a mellora dos sistemas fotovoltáicos satelitais e o desenvolvemento de metodoloxías para a xestión de satélites de comunicación.

O "Dieste" formará parte da carga útil da lanzadeira europea, que sairá no inverno desde a sede da Axencia Espacial en Korou, na Guayana francesa. En Galiza, realizarase un seguimento desta operación e dos seis meses seguintes por parte da Universidade de Vigo e Retegal, segundo informou hoxe o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño.

Galiza, "nunha situación punteira"

Touriño afirmou que este proxecto permite a Galiza colocarse "nunha situación punteira" e "abre un camiño" para unha tecnoloxía avanzada de "alto interese" para o país. Por iso, dixo que se trata dunha "magnífica noticia" e é "un motivo de satisfacción", tralo que felicitou á Universidade de Vigo por esta tecnoloxía, que sitúa a este centro como unha das oito universidades europeas líderes no desenvolvemento de picosatélites.

O Consello da Xunta coñeceu hoxe un informe no que se dá conta da aprobación por parte da Axencia Espacial Europea do proxecto galego para o picosatélite. O consorcio para o desenvolvemento do mesmo está integrado tamén polo Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial INTA, dependente do Ministerio de Defensa, o Ministerio de Ciencia e Innovación, e a propia Axencia.

Blanco considérao ?moi positivo?

Mentres, o conselleiro de Industria, Fernando Blanco, considerou "moi positivo" o feito de que a Axencia Espacial Europea aprobe o proxecto para o desenvolvemento do satélite posto que "xerará actividade investigadora" e significa que o país "estará presente en proxectos de carácter europeo moi importantes". Blanco recordou que esta iniciativa será "un proxecto de investigación" e, xa que logo, non comercial, onde están implicadas varias universidades europeas.

Así, considerou que o feito de que Galiza participe "significa que se están dando pasos nun sector tan importante como as telecomunicacións". A este respecto, explicou que a elección do proxecto desenvolvido por Retegal e a Universidade de Vigo demostra que esta institución académica "ten unha gran base tecnolóxica" que, segundo engadiu, verase impulsada coa actividade do Centro Tecnolóxico dás Telecomunicacións de Galiza (Gradiant), situado no campus da cidade olívica.
A Axencia Espacial Europea lanzará un satélite galego o próximo inverno
Comentarios (1) - Categoría: somos unha potencia - Publicado o 06-06-2008 11:12
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0