boas e xenerosas


Unha escolma de artigos, entrevistas, estudos, novas, opinións, reportaxes... boas e xenerosas



GALEGO DE SEU(Web)


Colazo
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Científicos galegos no exterior fan público un manifesto en defensa da lingua
Nove destacados investigadores, vencellados ao Centro Europeo de Investigación Nuclear (CERN), dan un paso adiante para rebater prexuízos lingüísticos.

O forte debate sobre a normalización lingüística que se está a dar no noso país nos últimos meses trascende as nosas fronteiras. Un grupo de nove científicos galegos vinculados ao Centro Europeo de Investigación Nuclear (un dos máis prestixiosos do mundo) acaba de dar un importante (polo seu simbolismo) paso adiante en defensa da lingua do país. Nun manifesto que remiten a Vieiros subliñan que, contra o que sosteñen algúns, o galego é un idioma plenamente válido para a investigación científica.

Ofrecémoslles o manifesto íntegro:

Unha achega ao debate sobre o galego desde o CERN
Somos un conxunto de físicos e enxeñeiros galegos vencellados ao Centro Europeo de Investigación Nuclear (CERN) en Xenebra, a día de hoxe uns dos laboratorios científicos máis importantes do mundo. Desde a distancia, levamos meses asistindo ao debate que se está a xerar sobre a posición que debe ocupar a lingua galega no noso sistema educativo. Esta cuestión está a provocar unha confrontación continua de posturas e opinións que se estende a distintos ámbitos da nosa sociedade. Se ben consideramos este debate lexítimo tamén coidamos que as posturas deben ser mantidas e defendidas desde a máis absoluta rigorosidade, a mesma pola que nós estamos rexidos nas nosas actividades científicas. E vémonos na obriga de intervir cando determinados argumentos que non seguen esta máxima aparecen por parte de persoas cunha opinión que non se restrinxe ao ámbito privado.

En declaracións ao ?Faro de Vigo?, o voceiro da ?Confederación das Asociacións de Pais de Alumnos de Colexios Concertados? (Congapa), José Ramón Hermida, dicía: ?Utilicemos el sentido común. Químicas o Físicas, con tantas nomenclaturas internacionales, no se pueden dar en gallego. No podemos retroceder?. Ben, for desde a ignorancia, for intencionadamente, declaracións deste tipo resultan totalmente inadmisíbeis. E dicimos isto con coñecemento de causa, pois no noso ámbito de traballo estamos acostumados a ter conversas de alto nivel científico de temas moi diversos en galego. Nun entorno no que temos a sorte de traballar con algúns dos mellores físicos e enxeñeiros do mundo, o galego está, modestamente a través de nós, presente como vehículo de comunicación científica. E para isto é un idioma exactamente igual de válido que o francés, o alemán ou, desde logo, o castelán. Ben é certo que o galego non é empregado para as comunicacións nin publicacións científicas a grande escala, pero é necesario que se saiba que tampouco o é o castelán. A lingua franca da ciencia desde hai moitos anos é o inglés, e desde logo se algunha lle discutíu no pasado tal condición esa non foi o castelán.

O noso obxectivo con esta carta é simplemente evitar que se empreguen argumentos falsos (ou falseados) na discusión dun tema tan delicado e importante coma este. E tamén reivindicar o galego como lingua que nos identifica sen excluírnos estando como estamos lonxe da casa.

No CERN en Xenebra, a 26 de Maio de 2009,



Xabier Cid Vidal, Licenciado en Física e estudante de Doutoramento - USC, experimento LHCb.
Patricia Conde Muíño, Doutora en Física de Partículas, Investigadora do LIP (Laboratório de Física e Instrumentação de Física de Partículas) - Lisboa (Portugal), experimento Atlas.
Daniel Esperante Pereira, Enxeñeiro de Telecomunicacións e estudante de Doutoramento na USC, experimento LHCb.
Teresa Fonseca Martín, Doutora en Física de Partículas, investigadora asociada da Royal Holloway University - Londres (Reino Unido), experimento Atlas.
Abraham Gallas Torreira, Doutor en Física de Partículas, investigador Ramón y Cajal na USC, experimento LHCb.
Manuel Gallas Torreira, Doutor en Física de Partículas, antigo staff do CERN no departamento de Física Experimental.
Marcos Mariño Beiras, Doutor en Física de Partículas, Catedratico de Física Matemática na Universidade de Xenebra (Suíza).
Diego Martínez Santos, Licenciado en Física e estudante de Doutoramento - USC, experimento LHCb.
Cibrán Santamarina Ríos, Doutor en Física de Partículas, investigador asociado na McGill University - Montreal (Canadá), experimento Atlas.
Científicos galegos no exterior fan público un manifesto en defensa da lingua
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 28-05-2009 21:21
# Ligazón permanente a este artigo
A Rede Galega de Empresas pide respecto para a lingua galega
A Rede Galega de Empresas, composta por pequenos e medianos empresarios, solicitou "respecto" cara ao galego por parte daqueles que non o falan, aos que tamén pediu que non o sometan a un trato inxustificado"

EFE A asociación sinalou nun comunicado que os empresarios que a compoñen sempre foron "respectuosos" co español, de modo que "ninguén" pode acusalos de "perseguilo ou desprezalo", polo que esixen o mesmo trato para o galego.

A Rede Galega de Empresas alertou de que a "crise á que se pretende levar a sociedade galega por unha suposta marxinalidade do español, nada correcta, traerá conflitividade social, xa que o dereito e o deber de falar e estudar en galego, como así consta na lei, ademais de non poder ser suprimido, non será aceptado pola sociedade galega".

Os empresarios indicaron que "nunca" tiveron problemas coa utilización do español, pero si "algunha dificultade" cando empregaron o galego, polo que "non é certo que o español estea perseguido en Galicia".

Ademais, reivindicaron o seu "dereito democrático" a solicitar un "reforzo do galego", e afirmaron que "non entenden" que os representantes da sociedade galega non traballen "para preservar os trazos distintivos do país", como o idioma, e mesmo "poñan trabas en moitos casos para o normal e lóxico desenvolvemento".

A Rede Galega de Empresas manifestou que "apoia e participa" na manifestación en defensa de galego e do seu "pleno e normal" uso, pois "a perda" deste idioma "suporía a perda da nosa personalidade como galegos, e triunfaría a filosofía que produciu a crise económica mundial, que suprime toda a diversidade dos pobos no mundo".
A Rede Galega de Empresas pide respecto para a lingua galega
Comentarios (2) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 17-05-2009 18:22
# Ligazón permanente a este artigo
Milleiros de persoas maniféstanse polo dereito a vivir en galego
agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 17-05-2009 18:16
# Ligazón permanente a este artigo
Memorábel speech de Belén Regueira ao recoller o Mestre Mateo 08 á mellor comunicadora de TV
Comentarios (2) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 04-05-2009 19:19
# Ligazón permanente a este artigo
Proteccionismo cultural
X.L. MÉNDEZ FERRÍN Está a se difundir a especie de que a literatura en lingua galega está sobreprotexida pola Xunta. Nada máis incerto. Se vostede quer unha proba do que digo, bótelle unha ollada a calquera escaparate de libraría. Vexa cantos libros en galego figuran nel.

Unha e outra vez dise, ou insinúase, que os escritores en lingua galega recibimos subvencións. A min gustaríame saber quen as recibe e quen as outorga. Na Feira do Libro da Habana, os escritores galegos participantes non cobraron polas súas intervencións. Un libriño meu que pola Haba circulou, en castelán, en ocasión do acontecemento non foi editado pola Xunta senón polos meus camaradas comunistas do Instituto do Libro Cubano. Naturalmente non cobramos un peso nin os meus espléndidos traductores (e o xeneroso introductor) nin eu, que foron a leonesa Eloísa Otero e o Manuel Outeiriño, ben ligado ao Espolón de Ourense. Por moito que me rompo a cabeza non atopo de onde pode sair o mito urbano da subvención privilexiada aos escritores en lingua galega. Os escritores en lingua castelá si que están ben subvencionados e mimados e protexidos polos poderes públicos. Teñen o premio Cervantes, que ningún gobernó autonómico galego intentou emular para os autores nacionais ou sexa galego galegófonos. Teñen os premios nacionais de literatura (un grande e outros menores por xénero) aos que ás veces, por méritos propios, acceden titánicamente algún galegos. Pro os premios nacionais de cultura instituídos pola anterior Xunta están retribuidos con menos diñeiro (nós somos menos literatura incluso para o BNG-PSOE) e para a literatura existe un só, e non un premio nacional por xénero.

Naturalmente, eu xa lle demostrei a Ánxela Bugallo (vai ser moi relembrada, presinto) o meu agradecemento por ser o primeiro en recibir tan alto galardón; alto desde miña gratitude, mais insuficiente para satisfacer a dignidade da literatura e dos literatos e literatas galegos. Miscelánea: durante toda a era Fraga Iribarne quixeron porlle un esparadrapo na boca a Trabe de Ouro negándolle a miseria dos anuncios institucionais; os escritores españois cobran anticipados ao lle entregar os orixinais ás editoras: os galegos cobran o dez por canto, cando o cobran, sobre as vendas; no diario máis subvencionado de Galicia o tratamento que se lle outorga á literatura en galego é discriminatorio e inferiorizante. Esta é a verdade. E eu non me estou queixando porque escollín, coma no conto italiano da carapuchiña vermella, o camino dos alfinetes que pican nos pés. Aos escritores en lingua galega danos moita vergoña falar de diñeiro, e estamos moi afeitos a non gañalo, de Pondal a Novoneyra e a os máis novos e brillantes. Somos, en xeral, escritores cooperantes e case sempre gratuítos, o que saben moi ben as asociacións culturais que chaman por nós para este o aquel acto tamén desinteresadamente organizado por voluntarios. O sistema da literatura galega vense sostendo fundamentalmente nunha alianza férrea e silenciosa soldada entre unha masa de lectores magníficos e tamén militantes e dun escritores que saben que son parte dunha resistencia secular. Os editores e algúns libreiros e bibliotecarios heroicos completan o cadro da resistencia.

X.M. Pereiro acaba de nos facer acordantes, neste mesmo xornal, de que os constribuíntes galegos aportan unha masa de diñeiro á literatura en lingua castelá inmensamente superior á porción dos seus impostos que terminan revertindo na literatura galega. Boten contas.

"Escritores gallegos para qué?" - dixo un día un simpático de Alejandrino Barreiro, un dos primeiros conselleiros de cultura da autonomía de Galicia. "Pra que vostede estea aí sentado" -respondeulle Avilés de Taramancos. A verdade é que a Xunta de Galicia está aí porque antes soñaron os escritores en lingua galega algo parecido.
Proteccionismo cultural
Comentarios (1) - Categoría: literatura galega - Publicado o 04-05-2009 19:14
# Ligazón permanente a este artigo
Luís Tosar participa no novo filme de Jim Jarmusch
A película estréase este mes nos Estados Unidos, e chegará antes de final de ano ás pantallas españolas.

The Limits of Control é o primeiro filme de Jarmusch dende o Flores Rotas (2005) protagonizado por Bill Murray. Na película o director de Dead Man, Baixo o pesar da lei ou Strangers than paradise regresa a un dos seus temas favoritos: o retrato dunha persoa solitaria que vive á marxe da lei, neste caso encarnado polo marfileño Isaach de Bankolé, habitual nos filmes de Jim Jarmusch. Tamén repite no elenco da película Bill Murray, nun papel secundario, que acompaña a un bo número de actores, como Tilda Swinton, John Hurt, Gael García Bernal Oscar Jaenada e Luís Tosar.

O filme rodouse en parte en España, en Sevilla e Madrid, e foi preestreado esta fin de semana nos Estados Unidos, aínda que non chegará ás salas até final de mes. En Europa aínda haberá que agardar un pouco máis para vela, até o outono. A película recibiu xa algunhas críticas desfavorábeis en Norteamérica, por exemplo na revista Variety, onde mesmo falan de "vacuidade artística" e de "autoparodia". En cambio, as revistas especializadas, como Screen, destacaron que se trata do traballo "máis escuro e elíptico" de Jarmusch: "é un puzzle envolto nun soño, unha imaxe borrosa entre a realidade e a conciencia, con imaxes e sons que se empeñan en rexeitar as convencións rítmicas e narrativas".
Luís Tosar participa no novo filme de Jim Jarmusch
Comentarios (1) - Categoría: Cultura - Publicado o 04-05-2009 19:12
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0