boas e xenerosas


Unha escolma de artigos, entrevistas, estudos, novas, opinións, reportaxes... boas e xenerosas



GALEGO DE SEU(Web)


Colazo
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Lingua, pasta e ideoloxía
ANTÓN REIXA 20/05/2008

Algúns consumimos a vida instalados na perplexidade de ser galegos e cidadáns do mundo, locais e universais ou, o que é o mesmo, de descifrar o mundo desde Galicia. Os últimos días lévannos, con todo, a pechar o foco do noso obxectivo e cinguirnos a pensar España desde Galicia. O tecnicista, pero político, debate sobre o financiamento autonómico, a reivindicación nas rúas do noso dereito a vivir "en galego" e a morbosa crise desde o PP así o determinaron.

Pasta. Debátese sobre como se ha de debater o financiamento. Se bilateral ou multilateralmente. Por moitos virus que se queiran introducir na disputa, parece incontestable que para regular realidades diferentes débese partir de marcos diferentes. A igualdade e a solidariedade en Galicia só se poden analizar á luz de que aquí un kilómentro de estrada custa máis que en Andalucía, que vivimos esquizofrénicamente dispersos e que somos dos máis vellos de Europa, de que a nosa balanza fiscal debe contemplar que traballadores galegos cotizaron en moitas partes de España e Europa durante moitos anos, pero e abrigo, que partimos dunha sitiuación historicamente peor. Non valen os esquemas de partido (de feito, así o demostran as tensións en Cataluña e Valencia) e tampouco valen as supersticiones políticas e ideolóxicas porque a racionalidade imponse sobre realidades tan heteroxéneas. Pero o peor é o tabú ideolóxico. A discusión nace viciada porque desde o centro pénsase que o que se negocia é canto debe e pode aforrar a Administración central para seguir tolerando o noso autogoberno e non a cuantificación da xustiza económica que nos permita, compense e anime aos galegos para seguir formando parte do reino de España.

Lingua. A pesar do continuo crecemento do galeguismo político e cultural desde o século XIX, case nunca fora o idioma protagonista único dunha mobilización. Refírome á reivindicación masiva do dereito a vivir en galego que o pasado domingo percorreu Compostela. Esa circunstancia invoca un ben escaso na nosa historia: a coraxe dos galego falantes para reclamar e exercer os nosos dereitos lingüísticos. Neste caso vén derivada da virulencia inútil e recente das posicións manipuladoras e trogloditas que queren apreciar perigo de extinción para o castelán ou español en Galicia e algunhas decisións xurídicas e laborais que reproduciron a niveis franquistas a discriminación do galego. Diría case benvidas sexan esas contradicións porque poden servir para reproducir na mocidade actual as circunstancias e toma de conciencia que nos levaron a moitos castelán falantes a cambiar de lingua de instalación fai xa máis de 30 anos. Sen dúbida, por un instinto alternativo de pensamento. Porque a sensibilidade lingüística é unha cuestión de conciencia, máis aló da propia historia e da orixe idiomático de cada individuo. A recuperacion do galego pertence ao ámbito da ecoloxía, da ecoloxía lingüística. Unha sociedade que se preocupa polos malos tratos no transporte de animais ou a tensión das aves, debería entender máis facilmente o crucial que é a diversidade lingüística no planeta, empezando polo cacho do mesmo en que nos toca vivir.

Conciencia e modificación de condutas lingüísticas. A normalización do galego non pode copiar esquemas de conduta e competencia idiomáticas tan catetas como as do monolíngüismo do mundo castelán falante, posiblemente uns dos máis perezosos e fracasados para o coñecemento linguas estranxeiras. Quizais a mellor superación da diglosia sexa unha Galicia de individuos políglotas.

Crise do PP. Un asiches a esas intrigas co morbo de observar que pasa na casa de en fronte e de seguimento dun thriller de final incerto. O único que se entende da lea, ademais das ambicións de poder, ten moito que ver con que o nacionalismo español está probando do seu propio medicamento. Logo de acusar aos nacionalismos periféricos de sempre pedir máis, boa parte da dereita española tamén pide máis: neste caso, a revogación do Estado das autonomías. Se cadra, chegou o momento da sinceridade sen tabús: ou nos federamos ou confederamos, ou nos imos de España ou nos diluímos en Europa.
Lingua, pasta e ideoloxía
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 20-05-2008 18:22
# Ligazón permanente a este artigo
Paisaxe da lingua
Farruco Graña
11:45 19/05/2008

Prezado Antón:

Recollido ao carón do lume dunha vella lareira, e meditando sobre a desfeita urbanística sufrida polo país, decateime da súa relación co tratamento da lingua: a degradación da paisaxe e o desleixo no deseño das nosas vilas e cidades foron a par co descoido e abandono da nosa fala.


Alí onde había pedra puxemos cemento á vista. Onde as alturas respectaban a harmonía inzamos bloques de formigón feitos á présa e sen criterio. Se había unha ría con abundantes recursos naturais e paisaxísticos cubrímola de malos fumes e noxentos olores que van e veñen ao antollo dos ventos.

Tamén alí onde falabamos de coitelos puxemos ?cuchillos? e dabamos os ?buenos días?; e onde ofreciamos unha cadeira para sentaren os convidados pasamos a empregar ?sillas? para ?sentarse?. E non foramos por elas ao sobrado, senón que ?habíamos traído unas do piso?. Pouco a pouco, igual que o cemento gris e descontextualizado foi facéndose co contorno urbano e paisaxístico tamén un feixe de palabras, xiros lingüísticos e entoación alleas fóronse apropiando da nosa lingua. O uso abusivo do pronome enclítico antes do verbo ven ser algo así como o ladrillo á vista. Que haxa políticos, xentes da cultura, do mundo da empresa, en fin, persoas de relevancia social que estraguen a paisaxe da nosa sintaxe, da nosa fonética, do noso riquísimo vocabulario, non ten perdón. Oxalá a súa preocupación pola estética urbana derive tamén en preocupación polo uso coidado da nosa lingua.

Sabes ben, amigo Antón, que non sinto ningún receo, máis ben simpatía, cara á xente que comeza a falar en galego; aínda que se lle note a falta de soltura. Non hai que ser especialista para pórse a falar o noso idioma. Non é iso! Eu mesmo, lembra os nosos anos de instituto, sumeime ao carro do galego sendo un mociño. Ao principio, dábame reparo, algo de vergoña. O dos pronomes resultábame complicado; para o do vocabulario aproveitei o esforzo en Lingua Galega. A maneira de dicir as cousas foi cuestión de tempo, oído, atención e intención. Desde aquela sempre escoitei á miña avoa doutro xeito... ata que nos deixou. Pero, sabes?, fervíame o sangue cada vez que un veciño se metía comigo dicíndome aquilo de que "na Coruña, así, non te van escoitar!". (Que sabería el da Coruña, paspán do carallo!)

Doeume moito, a principios dos noventa, ver como un mozo de Corme foi eliminado nunhas probas selectivas para un posto de xornalista na TVG porque "tiña moito acento" e, para os examinadores, o periodismo era algo moi serio. Mesmo lle recomendaron presentarse ao castin de Mareas Vivas, que probabelmente alí tería éxito. Por suposto, todo iso cun adobío de pronomes mal colocados, reflexivos inexistentes, algún que outro tempo composto e, iso si, unha voz grave moi aséptica e de imposíbel identificación fonética.

Agora que tes responsabilidades políticas, amigo Antón, quero animarte a ti e a todos os teus compañeiros a que poñades tanto empeño no coidado da nosa paisaxe e das nosas vilas como no da nosa lingua. Tan importante é o patrimonio material como o inmaterial. E a mellor maneira de emprender ese labor é comezardes vós mesmos dando exemplo. Esforzádevos día a día na dignificación do seu uso. Que se note que vos doe. Hai moita ilusión posta no recambio vivido polo país. Non o defraudedes.
Despídese cunha aperta o teu amigo que o será sempre e que sempre che agradecerá o térelo animado a falar en galego.
Paisaxe da lingua
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 20-05-2008 00:03
# Ligazón permanente a este artigo
Onde está a imposición?
[12/05/2008]
Carlos Callón (presidente da Mesa pola Normalización Lingüística

Non hai correspondencia entre o número de persoas que utilizan o galego no seu día a día e a presenza deste idioma nos diferentes ámbitos: medios de comunicación, ensino, xustiza, comercio etc. Esta contundente exclusión da lingua de Galiza, por secular e abafante, está interiorizada como natural. Denunciar esta situación e pórlle remedio son os dous eixos da manifestación convocada para o próximo 18 de maio.

A posibilidade de equilibrar minimamente a balanza, garantindo o dereito a comunicarse en galego alí onde se exclúe, é descrito polos sectores máis inmobilistas da sociedade como ?imposición?. Trátase dunha mentira, dun discurso cínico e irracional, aínda que reiterado mil veces e desde lugares de inmenso poder. Así, o oprimido na realidade faise ver como opresor.

En cantas ocasións non temos que padecer as persoas que queremos vivir en galego os efectos dese perverso discurso? Permitídeme que vos conte algo que me aconteceu hai poucos días. Coido que é un bo exemplo do contraste que hai entre o discurso de ?la imposición del gallego? e a triste verdade da negación de dereitos lingüísticos.

Tiven de presentar unha denuncia perante a Policía Nacional na comisaría de Santiago. Cando me tocou a vez, solicitei que a denuncia, que eu asinaría, estivese en galego. ?No puede ser. El programa no nos lo permite?. Eu insisto e o funcionario que me respondeu chama a outro: ?Nosotros no tenemos por qué entender el gallego. Si quiere, preséntela por escrito, si no se la recogeremos en castellano?.

Expliqueille que o galego era lingua cooficial, que eu agardara a miña quenda como calquera outro veciño e como tal quería ser atendido. Por falar en galego non somos cidadáns de segunda que teñamos de facernos os nosos propios formularios.

O segundo funcionario víase incómodo pola resposta e repetiu: ?Nosotros no tenemos por qué entender el gallego?, ao que lle retruquei: ?Perdoe, mais eu non falo galego para molestar, fáloo porque é a miña lingua, e a Administración ten de garantirme ese dereito.?

O primeiro funcionario transixe e dime que, aínda que el non teña por que saber galego, si está disposto a transcribir o que eu lle diga, mais requere a autorización, para o cal deciden chamar aos seus superiores. 45 minutos de reloxio tardou en chegar a resposta, indicando que eu tiña, efectivamente, ese dereito.

Conseguín que a parte que eu declaraba fose en galego, mais todo o resto foi en español: cabeceira e final do escrito, dereitos do denunciante, atención oral... Castigóuseme con 45 minutos de agarda que non tería de sofrer se claudicase do meu dereito, como se ven obrigados a facer a maioría dos falantes de galego, que deben presentar as súas declaracións traducidas por persoal que ?non ten por que entendelos?.

Cando asinei a miña denuncia, o funcionario non puido resistirse: ?A mí, el gallego, sin imposiciones?.
Onde está a imposición?
Comentarios (2) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 13-05-2008 01:15
# Ligazón permanente a este artigo
Galiza, xa non periferia: porta do Atlántico
Galiza afianza a súa forza en Europa da man de Portugal: "fúndense nunha nova realidade: Galiza é a comunidade á que máis exporta Portugal, e tamén a que máis lle exporta ao país. Económica e demograficamente, esta nova realidade que integran Galiza e Portugal é moi potente, non ten nada que ver con esa ideoloxía que temos interiorizada de sermos "recuncho" do Estado, cando Madrid ten unha posición moito máis afastada de Europa. Non somos periferia, senón fachada, porta ao Atlántico".
Camilo Nogueira: 'Galiza non é un recuncho, é a porta atlántica de Europa'
Comentarios (1) - Categoría: somos unha potencia - Publicado o 09-05-2008 12:36
# Ligazón permanente a este artigo
Galiza: a falacia da "comunidade pobre"
GZNación tivo acceso a un informe de Xosé Díaz sobre o sistema de financiamento do país e os cartos que Galiza recibe do Estado respecto da súa achega fiscal. O balanzo deixa para Galiza os 10.396 millóns de euros achegados polos 6.839 recibidos
[GZnación / Lara Graña/ 7 Mai 08]

O sistema de financiamento autonómico e a súa reformulación está enriba da mesa. Ou debería. Así se desprende dun informe elaborado por Xosé Díaz Díaz, ex presidente da comisión de economía do Parlamento de Galiza, e ao que tivo acceso GzNación, un completo estudo do sistema de financiamento estatal que aborda as cifras do exercicio do 2005, último ano do cal se posúen datos. Devandito sistema, critica Díaz, é unha resulta ?do peculiar modelo de descentralización do estado español, consecuencia directa da nunca ben ponderada, inequívoca, incontestábel e incombustíbel Constitución de 1978?. Que contempla este mecanismo de distribución tributaria? Pois que, tendo en conta o carácter de nación do Estado Español na Carta Magna, tanto o texto xurídico como o sistema de financiamento non recolle a ?realidade plurinacional? española.

Cómpre dicir, neste punto, que estamos a falar dun financiamento, no caso do sistema en vigor, que se realiza ?por medio dos ingresos tributarios procedentes dunha cesta tributaria que integra unha parte dos impostos estatais dos que os principais en termos cuantitativos son cedidos ou territorializados, tamén de maneira parcial, nunhas porcentaxes iguais para todas as CCAAs do réxime común?.

Que é o Fondo de Suficiencia?

O Fondo de Suficiencia cobre a diferenza entre o que custa ter unha competencia e os ingresos recibidos do Estado. Isto é, este fondo implica que debe existir unha correspondencia entre o custo dos servizos públicos (transferencias, por exemplo Educación) e os recursos dos que dispón un goberno autonómico. Por esta razón, os territorios do Estado co fondo de suficiencia positivo (máis positivo) son as que máis transferencias soportan -e máis gasto-. Un exemplo, se Galiza obtén a transferencia de tráfico, todo o dispositivo institucional, policías, coches, etc deberá ser sufragado pola Xunta, algo que o Executivo Central deberá ter en conta á hora do 'reparto' territorializado do sistema de financiamento público.

Segundo se recolle no estudo de Díaz, ?todas as CCAAs teñen un Fondo de Suficiencia positivo agás os casos das Illes Balears e de Madrid?. Isto, polo explicado anteriormente, significaría que Madrid e as Baleares teñen menos competencias transferidas polo Goberno. ?Así?, di o informe, ?a identificación de CCAA pobre como aquela que precisa de Fundo de Suficiencia para completar os recursos cos que financiar as competencias e servizos transferidos (educación, sanidade, xustiza, servizos sociais, ...) remata nun auténtico desatino?. ?Cataluña, que percibe en termos absolutos un Fondo de Suficiencia (2.392 M?) que equivale ao 75% do galego sería segundo esta teoría unha das máis pobres do Estado Español?.

Segundo estes datos, Galiza (3.207,7 de f. Suficiencia) sería menos pobre que Madrid (co que iso implica no 'reparto')

En base a isto, Díaz continúa co análise. ?A recadación nas Delegacións galegas por todos os impostos do sistema fiscal español achega soamente 4990.6 M?. A través disto, queda evidente que fronte a unhas necesidades de gasto de 6839.7 M?, a recadación nas delegacións galegas é unicamente de 4990.6 M?. E máis aínda, se Galiza achega 10.396 millóns de euros ao Estado e recibe só 6839.7 en base a ese fondo de suficiencia (o que necesitamos gastar para cubrir as nosas competencias), Galiza fica cunha perda de 3.556,5 M?. Onde está, daquela, a solidariedade para co noso país?

Para Xosé Díaz, sería necesario un principio de suficiencia que garantise os recursos necesarios para ofrecer uns servizos públicos do mesmo (o máis parecido posíbel) nivel e calidade, cuxo custe de subministro é moi diferente en cada CCAA .


"Como exemplo extremo", ironiza o BNG, "asistimos ao milagre de que só existen fumadores en Madrid", pois alí recádase o 100% do imposto do tabaco.
Galiza: a falacia da
Comentarios (1) - Categoría: somos unha potencia - Publicado o 08-05-2008 19:45
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0