boas e xenerosas


Unha escolma de artigos, entrevistas, estudos, novas, opinións, reportaxes... boas e xenerosas



GALEGO DE SEU(Web)


Colazo
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Peche a caixa de Pandora, señor Feijóo
MANUEL RIVAS 27/03/2009

O proverbio di que se pilla antes a un mentireiro que a un coxo. Mais o que o proverbio non conta son as veces que na historia a xente confundiu o coxo co mentireiro e foi á súa caza, mentres o mentireiro aínda tiña tempo de rir do aleixado: "Que ben coxea ese cabrón!". Moitas teñen sido as trolas que colaron na Historia. Trolas que fixeron moito dano. Trolas que duraron anos e anos. Que acadaron o rango de grandes verdades instituídas até esvaeceren na nada. Trolas que marcaron a ferro a xeracións enteiras. E aínda a culpa sería do pobre coxo que, como Galileo, tratado de mentireiro durante séculos, ousara afirmar: "E pur si muove!"

O Galilei demostrara que a Terra viraba sobre si e arredor do Sol. Mais o pensamento túzaro da época non estaba para aturar semellante sutileza. Penso que ese sería un bo lema para o futuro do galego nestes tempos de tribulación, no que se anuncia a derrogación das leis que desenvolvían o mandato da Constitución para acadar unha real cooficialidade. É o intre de que todas as persoas e entidades conscientes da delicada situación na que se atopa o noso máis valioso patrimonio cultural, pronuncien en nome do galego: "Eppur si muove!" (Móvese!).

Por que chegamos a esta situación, impensábel aínda hai ben pouco? Porque se abriu, por oportunismo electoral, a caixa ou xerra de Pandora, a que gardaba as treboadas, tronos e lóstregos. E espallou-se, con total irresponsabilidade, unha consigna envelenada: a da presunta "imposición" lingüística (do galego sobre o castelán!). Hai trolas que, na lembranza, ficarán como trasnadas de campaña, como trapalladas. Mais hai trolas que se espallan como mecha, aniñan nos prexuízos e atoan o entendemento. Non só afecta ao futuro do idioma galego. Cando se produce o triunfo dunha falsidade é toda a sociedade democrática a que padece os efectos. A unha trola pode seguir outra até construír unha imaxe falsa da realidade. E iso só pode traer unha consecuencia: desleixo educativo, empobrecemento cultural e retroceso democrático e no benestar social. Como estamos a ver coa crise da economía global, unha sociedade aberta e próspera só pode cimentarse sobre a verdade das cousas.

Nestes últimos meses tenme cadrado falar con diferentes persoas totalmente convencidas de que nos centros de ensino de Galicia, mesmo na Coruña, onde moramos, os rapaces só poden estudar castelán na clase de lingua e literatura castelá. E aínda máis. ¡Había centros que se converteran nunha especie de campos de concentración onde os rapaces só podían expresarse en castelán nos recreos e aínda así eran vixiados! Quen me contaba iso eran persoas correntes. E non só no ensino público. Tamén nos concertados ou privados había a "imposición"! Preguntei se nos centros onde ían os seus fillos pasaba tal cousa. Responderon que non, por suposto. Preguntei entón o nome dalgún centro onde se dera ese estado de "imposición" totalitaria, que mesmo levaba á persecución dos nenos no tempo de lecer. Os institutos públicos? Os Xesuítas? A Grande Obra? A Compañía de María? Talvez nos colexios do Opus se estaba a impoñer o galego e nós sen sabelo. Non. As respostas eran sempre as mesmas. Dis que por aí... E o por aí sempre é outro sitio, a cada vez máis afastado. Primeiro, Corcoesto. Logo, Coirós. Logo, Irixoa. Logo... Talvez na Galitzia, en Polonia. É dicir, un lugar imaxinario. Na auténtica realidade, na realidade que estaba diante nosa, a gran maioría dos centros non acadaba os mínimos da cooficialidade bilingüe.

O presunto estado de "imposición" funcionou e funciona como unha lenda urbana. Todo o mundo preocupado por unha "imposición" inexistente, mentres o que ocorre na realidade é un proceso cada vez máis acelerado que pode levar ao border line da extinción. O mundo do revés. O que ocorreu e está a ocorrer con este asunto lembroume a inesquecíbel lección de xornalismo que deu Le Monde cando publicou unha reportaxe no municipio de Francia onde a dereita bruta de Le Pen acadara maioría absoluta, que era na área próxima á fronteira con Alemaña. Un lugar moi tranquilo, mesmo bucólico. A maioría dos seus habitantes eran maiores, na vellez ou camiño dela. Os xornalistas foron preguntando o por qué apoiaran esa opción extrema e todos os entrevistados coincidían: para frear a inmigración. Mais ocorría unha cousa curiosa: nese municipio era no que menos inmigrantes había e os que había dedicábanse, precisamente, a coidar as persoas anciás en condicións salariais que os franceses de toda a vida non aceptarían nin a tiros. Así que a realidade era ben surrealista: vellos coidados por inmigrantes que daban o seu voto a unha formación política que quería botar fóra os emigrantes. Tíralle do aire!

Mais volvendo ao noso marabilloso caso, está claro que a lenda urbana da "imposición" funcionou porque a dereita mudou a súa posición histórica (a mantida dende 1983) e adoptou as teses extremistas, talvez para cegar o paso a Rosa Díez, que foi tan axiña upada como será desprezada cando xa non sexa útil. O outro factor foi que en medios importantes, e tradicionalmente prudentes, a verdadeira información foi substituída pola maquinaria pesada da propaganda. Tamén sumándose á lenda urbana da "imposición".

Hai algunhas lendas "urbanas" máis, derivadas do pensamento túzaro, que deforman por completo a realidade. Por exemplo, esa ladaíña de que a cultura galega é unha cultura subvencionada. Os máis afeitos a ese retrouso, por suposto, son os profesionais das subvencións, os expertos en chupar da teta. Fronte a esa lenda, cómpre dicir a verdade: non hai cultura menos subvencionada que a galega en toda a contorna do mundo occidental. Na lenda urbana dos túzaros, fálase de continuo de presuntos intelectuais e artistas que viven na gloria subvencionados e agradecidos. Eses seres, por suposto, non existen. Todos, que eu saiba, teñen que compatibilizar o seu mester con outro traballo para tirar adiante. Os que si existen son os ventrílocuos dos medios subvencionados. Ninguén cuestiona as subvencións directas a deportistas, mais non hai nada semellante no eido da cultura. Aquí o que cobrou subvención foi Julio Iglesias, que levou por un día máis que a cultura en todos os tempos, Bella Otero incluída. En serio. O que se destina ao libro e ás bibliotecas galegas segue a ser moi pouco en comparación co resto de España e Europa. E velaí temos o resultado: seis de cada dez galegos afirman que non len nunca (é dicir, nunca!) un libro. Haberá quen diga que os libros son malos. Mais é difícil saber se un libro é malo se non se abre nunca ningún (é dicir, ningún!).

Ben. Impúxose a mentira da "imposición". Hai que recoñecelo. O modelo de normalización por consenso foi derrotado. Foi derrotada a herdanza de Ramón Piñeiro e da moderación galeguista. Mentres prosegue a satanización do ex Goberno, co concurso entusiasta dos inevitábeis discípulos de Caín, cómpre lembrar que tanto a Consellería de Educación como a Secretaría de Política Lingüística tiñan por titulares persoas independentes nomeadas polo PSOE, con bo historial, máis que pousadas, moi moderadas, e que levaron a súa función con tanto tento que me fai lembrar aquel verso aforístico de Pereiro: "Escribir con delicadeza na caixa de Pandora".

Mais os que abriron a caixa de Pandora non che estaban para delicadezas.

Os novos mandatarios, a comezar por quen vai presidir a Xunta de Galicia, terán a responsabilidade de ler de novo, polo miúdo, a histórica Lei de Normalización Lingüística (Lei 3/1983), aprobada por unanimidade de todos os grupos, e o decreto que desenvolve o previsto por esa lei no eido do ensino. Esa lexislación acordouse no Parlamento galego, mais é moi importante que non se esqueza que o seu berce está na Constitución democrática, onde se estabelece a especial protección e cooficialidade dos idiomas galego, vasco e catalán nos ámbitos territoriais das nacionalidades históricas. Así o ratificou, xa en varias ocasións, o Tribunal Constitucional. Cómpre lembrar unha vez máis que a Lei de Normalización foi promulgada por un Goberno conservador, sendo presidente o señor Fernández Albor, e que na súa elaboración tivo ese papel nuclear Ramón Piñeiro, a quen o señor Núñez Feijóo sinala sempre como un referente polo seu galeguismo moderado. Desa madeira, a do galeguismo ilustrado e liberal, é tanto a lei como o decreto que a desenvolve no ensino: textos racionais, sensatos e acordes co seu tempo e coa xustiza.

Esa lexislación non foi froito dun delirio. Foi moito tempo meditada. Foi feita por xente que cría na democracia e na autonomía. E no futuro da lingua galega, compartido nun espazo de simpatía co castelán. Pódense derrogar esa lei e ese decreto, mais por que e para que? Neles toma forma, con precisión e xustiza, o espírito da Constitución e do Estatuto de Autonomía.

Ande, señor Feijóo, tape a caixa de Pandora, devólvalla a quen a abriu, e proceda polo ben da Galicia enteira, esquerda e dereita, galeguista ou non, a escribir con delicadeza.
Peche a caixa de Pandora, señor Feijóo
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 30-03-2009 23:13
# Ligazón permanente a este artigo
O inventor do Kers, o sistema que revoluciona a F-1, é un galego colaborador de Alonso
Isaac Prada, fillo de emigrantes do Carballiño, ideou o sistema implantado este ano pola Fórmula Un

Miguel Pardo / A Coruña
27/03/2009 | 22:17 h. (actualizado el 30/03/2009 a las 01:01 h.)

Disque hai un galego ata na lúa. E non podía faltar tampouco neste circo da Fórmula Un que mañá bota a andar coa suá primeira carreira en Australia. A temporada que agora arrinca será revolucionaria polo novidoso sistema Kers, un proxecto ideado por un rapaz fillo de emigrantes do Carballiño e enxeñeiro colaborador de Renault desde que gañara unha bolsa do equipo francés hai catro anos.

"É un sistema que acumula a enerxía que se produce nas freadas e que permite unha potencia duns 80 cabalos, durante seis ou sete segundos en cada volta, é dicir, un 10% máis de potencia cada vez que se aperta o botón", explica para os menos iniciados. Isaac Prada, nado en Madrid, fala un galego exemplar e con todos os rasgos dialectais da zona ourensá de onde prevén a súa familia. Co mesmo idioma, explica como chegou tan lonxe con só 26 anos.

Xa en 2005, gañou unha bolsa para traballar con Renault grazas ao seu revolucionario proxecto. "Apostei pola reintrodución dun sistema que andaba por aí, pero que non se aceptaba na Fórmula Un porque daba demasiada velocidade e era perigoso. O reto era convertelo en algo con peso e dimensións axeitadas para este deporte. Gustoulle a
Renault e a FIA amosou o seu interese ata que o introduciu na competición", explica este mozo con ofertas para integrarse de cheo no equipo francés, pero que prefire rematar o doutorado. "Colaborei e colaboro con eles en labores de asesoramento, aínda que o traballo é dos seus mecánicos", aclara.

Agora, está centrado nun instituto de investigación de Airbus, dá clases na universidade e colabora con diversos medios comentando o mundial de Fórmula Un. "Vaime ben, non me podo queixar", di.

Isaac Prada soña con traballar na Nasa, coa que xa colaborou, e con asentar no circo dos monoprazas, aínda que non ten présa. "En
Renault queren que volva, pero eu prefiro acabar os proxectos que teño agora en marcha e logo volver con máis posibilidades no mundo da investigación", manifesta un rapaz que entende que todo lle foi "moi rápido" na vida. "Con 22 anos acabei a carreira e xa entrei a traballar nun equipo que foi bicampión do mundo; tiven moita sorte", insiste.

Amante dos deportes, Isaac xoga ao fútbol, practica o esquí, anda en bicicleta, monta a cabalo e é un apaixonado da lectura. Ademais, viaxa a Galicia, terra onde está a súa familia, sempre que pode, especialmente á Lanzada, nas Rías Baixas. "Non hai outro sitio coma este para practicar o windsurf, algo que me encanta facer", desvela.

Presume de deportivista

Este madrileiro -como diría Nancho Novo- aproveita cada ocasión para presumir de orixe e hai unha afección que coloca por riba de todas: "o Deportivo". "Por diante de todo", di un mozo que explica como, tendo boa parte dos seus achegados en Vigo, elixiu o equipo coruñés: "Non me poden ver", bromea.

"Lembro que fun ao Teresa Herrera e o Deportivo xogaba contra o Atlético; a xente púxose a cantar cancións tradicionais galegas que a min me ensinaba meu pai, algo que nunca vira nun estadio. Emocionoume e quedei enganchado ao Dépor", comenta. Un club co que está contento este ano: "Para o equipo que temos, estamos xenial".
O inventor do Kers, o sistema que revoluciona a F-1, é un galego colaborador de Alonso
Comentarios (1) - Categoría: persoeiros - Publicado o 30-03-2009 23:11
# Ligazón permanente a este artigo
Un novo estigma para o galego
Alba Nogueira López

Na procura das causas para o inesperado fracaso electoral do bipartito estase permitindo tomar corpo á falacia impulsada por certa prensa estatal, e trasladada por un reducido número de seguidores de Galicia Bilingüe, de que este foi un goberno cunha política lingüística intensa, combativa e que introduce cambios radicais con respecto ao status quo do ?bilingüismo harmónico fraguista?, estando aí unha das razóns de alonxamento do corpo electoral.

Curiosamente o conflito lingüístico que pretende utilizar o PSOE como bálsamo das súas feridas electorais, atribuíndolle ao BNG unha ruptura do consenso lingüístico que tería afectado aos sensibles votantes do PSOE, está asentado sobre un conxunto de mentiras e equívocos.

O Decreto do uso do galego no ensino foi promovido con valentía e flexibilidade negociadora por unha conselleira do PSOE. Para a súa redacción inspirouse nun Decreto balear cunha década de vixencia impulsado polo goberno do Partido Popular de Jaume Matas. Incorporou literalmente nun anexo as porcentaxes de uso do galego no ensino do Plan de Normalización da lingua galega que fora aprobado por unanimidade polo Parlamento de Galicia baixo a éxida de Fraga.

Non hai ningún movemento de contestación de pais ou mestres á nova normativa de uso do galego. O Decreto foi recorrido xudicialmente por diversas asociacións contrarias ao uso do galego e algúns país e o Tribunal Superior de Xustiza ten ditado xa varias Sentenzas avalando a súa legalidade. O Consello Escolar de Galicia aprobouno por unanimidade. Usando terminoloxía xurídica: non hai caso.

Tamén é certo que a actitude pusilánime do conxunto do goberno deixou a política lingüística como branco de ataques. Deliberadamente, en moitos casos, non recibiron a resposta que merecían. O goberno avergoñouse da súa lingua e permitiu que medrara a bola de neve artificiosa do conflito lingüístico. Unha mostra evidente é a propia comisión de seguimento do acordo de goberno en materia de lingua que tivo unha vida tortuosa, escura e sen a relevancia orgánica precisa para a dignidade da lingua e para un asunto que, agora, parece entenderse que pode tombar gobernos. Mención aparte merece o cinismo de Méndez Romeu, paradoxicamente o titular do único Departamento de onde saíu normativa lingüística nesta lexislatura se exceptuamos o Decreto de uso do galego do ensino: introdución dun precepto na Lei de Subvencións que obriga a condicionar lingüísticamente a concesión de calquera axuda pública por parte das administracións locais e autonómica; obriga de realizar cando menos unha das probas de contidos no acceso ao emprego público en galego e fixación como un dos criterios da avaliación por obxectivos no emprego público o cumprimento do Plan de Normalización; establecemento de esixencia de coñecemento do galego para os funcionarios locais de habilitación estatal e; configuración como un dos principios de actuación dos cargos políticos o do uso do galego.

O PSOE parece asumir un discurso que, ademais de falso, non ha de darlle réditos políticos porque nunha estratexia de confrontación por este motivo o PP ?ou UPD- sempre acabarán tirando partido de discursos radicalizados alonxados da realidade. Un discurso, ademais, que debería facer inviable futuros pactos co BNG, non só no ámbito autonómico se non tamén no plano local.

O BNG debe tamén repensar a súa mensaxe. No seu caso porque os resultados que pode ofrecer non son amplos nin no goberno da Xunta nin nos gobernos locais. Tamén porque a nosa lingua precisa unha mensaxe de dignificación moi distante da súa consideración como ?unha enferma de Parkinson que debemos coidar porque é da familia? ou de mensaxes catastrofistas ?aínda que reais- sobre a súa situación que lonxe de facela atractiva para novos falantes convida a confirmar a opción que hoxe fan moitos galegos polo ?equipo gañador?. O galego ten que ser defendido sen complexos porque é a nosa lingua, un sinal de identidade, e, ao mesmo tempo, un instrumento de mellora social e individual nunha sociedade que demanda cidadáns plurilingües que, no caso dos galegos, poderían ser perfectamente competentes nas tres linguas transoceánicas máis faladas.
Un novo estigma para o galego
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 30-03-2009 23:04
# Ligazón permanente a este artigo
Miguel Anxo Murado
"A min de neno non se me daban ben as matemáticas, pero o meu pai non recolleu firmas para prohibilas, axudoume a aprobalas. Claro o meu pai non me usaba como vehículo das súas fobias, quería que aprendese todo o que me fose útil na vida. Por exemplo, a Núñez Feijóo foille moi útil o galego. Ensinar non é impoñer, e cantas máis cousas nos aprenda gratis o Estado, mellor."
"O cambio está sobrevalorado"
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 19-03-2009 17:50
# Ligazón permanente a este artigo
Proposición para refundar Galicia enteira
MANUEL RIVAS Luces

Os xornais de onte informaron que Xosé Manuel Beiras volveu como un D. Sebastião do nacionalismo e que propuxo a refundación do BNG. E digo eu: non poderíamos aproveitar para refundar un pouco todo? Na dereita hai quen fala de rexeneración. Na esquerda, tamén se anda á procura da renovación. O mesmo Papa fala de refundar a Igrexa de Cristo. E a economía, a cultura, o xornalismo... Por que non refundar Galicia enteira?

Como é ben sabido, Galicia foi fundada en América.

Estaría ben refundar Galicia na propia Galicia. Mais coido que o que imos ter unha longa tempada vai ser unha vella política presentada como nova. A técnica que se utilizou na máis baleira campaña electoral da historia recente foi a chamada propaganda gris. E da propaganda gris o natural é que derive unha política gris que tinxa Galicia de gris. Agora que se foron os neocon en Estados Unidos, atopámonos de súpeto nunha nave espacial chamada NeoGalicia. Xa o dixo Díaz Castro en Penélope, un dos nosos poemas bíblicos: "Un paso adiante e outro atrás, Galicia, / e a tea dos teus soños non se move".

A verdade é que Galicia, a Galicia moderna, naceu en América. Foi soñada en América. Mesmo na súa principal simboloxía: o Himno, a bandeira e a Academia Galega da Lingua. E en América sobreviviu Galicia en longas xeiras da historia contemporánea, as moitas veces que o país estivo entangarañado polas pestes, fosen a da pataca ou a do escurantismo absolutista, tivera este a face monárquica do Rei Felón (Fernando VII) ou directamente a dun ditador matachín, Franco.

En América sobreviviu a xente, atopou pan e traballo. Alí re-existiu a cultura galega. Nas artes, na literatura, no xornalismo, no deseño gráfico. Mesmo A Rianxeira foi composta e gravada en América! Alí tivo continuidade a propia concepción de Galicia como espazo democrático, como pobo con dereito a gobernarse de xeito autónomo. O primeiro Estatuto de Galicia, 1936, foi abortado en España pola dereita autoritaria, mais a lexitimidade autonómica foi custodiada en América polo Consello de Galiza, que tivo no deputado republicano Antón Alonso Ríos o seu derradeiro presidente. A vida de Antón Alonso é unha crúa metáfora da galaica historia. Salvouse da cacería humana disfrazado de mendigo. Con longas barbas, de branco brión, na vida fuxido na fronteira, perseguido por gardas e gardiñas, protexeuno moito a natureza, o exército do bosque. Até que, vía Lisboa, acadou a salvación en América.

En América, como dixemos, Alonso Ríos foi un custodio da lexitimidade democrática e autonómica. Mais cando saímos da ditadura, cando o catalán Tarradellas e o vasco Leizaola retornaron do exilio co trato de presidentes, case ninguén sabía daquel vello mohicano. Esquecido, enfermo, pobre, aquel ancián deixouse morrer atropelado nun camiño de ferro.

Non se pode entender Galicia sen América. Non se pode entender Galicia sen a emigración, para a que se inventou o eufemismo de "residentes ausentes". Non se pode entender nin por cultura nin por economía. Os principais bancos e xornais de prensa (tanto Faro de Vigo como La Voz de Galicia) fornecéronse uns coas remesas dos emigrantes e outros cos grandes anuncios diarios das consignatarias transatlánticas. Como foron os emigrantes os que crearon o primeiro sistema escolar merecedor de tal nome, con máis de 300 centros de ensino. Os máis modélicos, os que seguían a semente racionalista de Ferrer i Guardia, serían tamén demonizados polo conservadorismo túzaro e feitos desaparecer. Si, Galicia foi fundada en América. E sostida pola diáspora de centos de miles de mozos que ateigaron os trens de Europa nas décadas dos anos sesenta e setenta do século XX.

Este pequeno relatorio é incompleto e talvez innecesario. Aquí, no país dos mil museos, nin un cativo museo da emigración fomos quen de erguer. Existe ese museo, limitado en espazo máis rico e emotivo nos contidos, na Federación de Sociedades Galegas, na rúa Chacabuco, 955, de Bos Aires. Un bo lugar, por certo, para refundar Galicia, imaxinala como Rede creativa, como país portátil, idear a TransGalicia, aberta, vangardista, solidaria, internacionalista, fronte ao anacrónico futuro da NeoGalicia traída pola propaganda gris.

Dentro da emporcada, rara e gris campaña electoral, houbo un texto que me causou especial turbación e tristeza. O manifesto titulado Se resides, decides. Doeu porque respecto moito á xente que o asinou. Porque sei que a intención primeira é a dun proceso electoral na emigración o máis limpo posíbel. Algo que, por certo, vén sendo reclamado polas asociacións máis activas da diáspora, como Fillos de Galicia.Org. Que sexan galeguistas, mesmo persoas sobranceiras na cultura, os impulsores do manifesto é un dos contrasentidos que estamos a vivir. Un feito máis que demostra a necesidade de repensar, de profundar e refundar moitas cousas.

O chamado voto emigrante non é un problema. É dereito de cidadanía. Un dereito que ninguén, dende unha ollada progresista, pode pretender capar. Outra cousa é a necesidade de reformar o sistema de votación. A necesidade de elaborar un censo rigoroso e de estabelecer o voto en urna ou coas máximas garantías. Mais o texto é errado na súa afirmación central: "A iniciativa aspira a dar resposta ao amplo sentir cidadán crítico coas manifestas eivas do actual sistema electoral, que recoñece dereito pleno a colectivos que residen no exterior e cuxo único vínculo co país consiste precisamente no exercicio do dereito a voto ao tempo que mingua, ou directamente nega, dereitos a colectivos que residen de forma permanente no país (mariñeiros, penados, inmigrantes)".

Os tópicos son sempre desacertados. Máis neste caso. Quen pode afirmar que os que residen no exterior só teñen por vínculo co país o dereito a votar? Por suposto, non é así na maioría emigrante. Pero, postos a comparar, eu aínda iría máis lonxe: hai hoxe galegos e galegas nados en Arxentina, en Uruguay, en Estados Unidos, en Inglaterra, Alemaña ou Francia... que teñen máis coñecemento da cultura galega e dos problemas da Galicia territorial que xente que vive aquí e á que lle importa un nabo o pasa alén da Ponte da Pasaxe ou da Ponte de Rande.

O outro erro é contrapoñer os dereitos dos emigrantes, comezando polo voto, cos dos inmigrantes e outros colectivos. Verbo de dereitos humanos, cómpre abrir portas, mais sen pechar as que están xa abertas. É unha vergoña que non se artellase aínda un sistema operativo que permitise votar aos mariñeiros. É unha inxustiza que non voten os inmigrantes que levan anos traballando, tan galegos como calquera. Mais, por que mesturar ese asunto co voto emigrante?

Habería que refundar Galicia, si. Aproveitar a máquina de escribir de Castelao. O que pasa é que trouxemos o morto, mais deixamos alí a máquina coa que soñaba o futuro e alimentaba a esperanza.
Proposición para refundar Galicia enteira
Comentarios (1) - Categoría: historia - Publicado o 10-03-2009 19:08
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0