boas e xenerosas


Unha escolma de artigos, entrevistas, estudos, novas, opinións, reportaxes... boas e xenerosas



GALEGO DE SEU(Web)


Colazo
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Camilo Nogueira: "A nosa estrutura industrial é a dun país moi moderno"
Camilo Nogueira Román (Vigo, 1936; casado: dúas fillas: catro netos; enxeñeiro e economista; ex deputado no Parlamento galego; ex deputado no Parlamento Europeo) acaba de publicar dous ensaios en Editorial Galaxia, Europa o continente pensado e Galicia na Unión. A porta atlántica, que están a merecer a atención da crítica especializada. E está a preparar outras obras de pensamento, entre elas unha segunda parte dun libro que escribiu hai xa tempo, A memoria da nación, referido nese momento ao reino de Gallaecia, que espera ter rematado este ano. Trátase "dunha visión crítica respecto do Estado español e da súa ideoloxía. E, ao mesmo tempo, dunha visión independente de Galicia nesa época, tanto dos Ausburgo como dos Borbón, como xa nos séculos XIX e XX e ata hoxe, falando do movemento nacional galego e das circunstancias económicas e culturais de Galicia, para desembocar nunha Galicia como unha nación do mundo".

_ Vostede é partidario da independencia de Galicia?

_ A min gustaríame unha Galicia sen fronteiras cos países da península Ibérica, sen fronteiras con Europa e aberta ao mundo. Máis aínda, Galicia é unha nación por si mesma, non é un parte de España ou unha provincia sen máis. O Estado español é inexplicable sen Galicia, pero moito máis inexpicable é Portugal sen Galicia. Ten unha estrutura histórica, lingüística, social, etc., en si mesma independente. Outra cousa é a que aspiramos hoxe en día os que pensan coma min sobre o estatus de Galicia.

_ E a que aspiran?

_ A que o Estado español se converta nun Estado plurinacional, a que como nación Galicia teña relacións con outras nacións e estados, sen ningunha cortapisa por parte do Estado español, e moi especialmente con Portugal. Nestes momentos Galicia é a primeira comunidade autónoma xa importadora e exportadora a Portugal. Galicia ten unha lingua universal, tan universal como o castelán. Outra cousa é que si Galicia, por unha circunstancia histórica , se convertera nun Estado independiente como Holanda, non sería eu o que diría que non. Pero as aspiracións que se teñen dunha nación tamén teñen que ter en conta as circunstancias históricas, e eu levo 40 anos téndoas en conta.

_ Cara a onde vai Europa?

_ Se o Estado moderno comenzou a facerse no século XVI, pasados cincocentos anos, dos estados actuais non existía case ningún daquela. Podemos dicir como empezan agora, pero non como serán no futuro. Dito isto, a Unión Europea é unha revolución histórica e democrática.

_ Por que?

_ Porque quén ía a pensar que, despois da Segunda Guerra Mundial, os estados que se acababan de matar entre si de pronto deciden facer unha entidade que tende a acabar coas fronteiras, que acabou coas guerras dentro da Comunidade Europea, que ten unha institución común, o Parlamento Europeo, elixido directamente polos cidadáns, e constitúe unha entidade que é a primeira potencia económica e cultural mundial, e pode intervir no mundo dunha maneira moi distinta ao imperialismo actual declinante dos Estados Unidos, e aos que naceron na propia Europa. E creou un espazo de cidadanía común; nos somos cidadáns europeos, con todo o que iso conleva.

_ E que conleva?

_ Que admite a diversidade nacional, aínda que só a dos Estados. Recoñece todas as linguas que son oficiais nos estados, aínda que faltan algunhas que non son oficiais plenamente nos estados. Eu teño unha opinión moi positiva de Europa.

_ Como lle sentou a Galicia a adhesión de España ás Comunidades Europeas?

_ Acabamos de saír dunha ditadura, acaba de producirse o intento de golpe de Estado do 23-F, eu comprendo perfectamente que os gobernantes do Estado español procuraran entrar na Unión Europea. O problema é que entraron como un Estado mediterráneo do aceite e das laranxas, cando Galicia é un país atlántico, do leite, da construción naval, da pesca, con malas comunicacións crónicas con Europa. As condicións de entrada foron malas para Galicia, pero para a economía galega eran necesarias.

_ Como é iso?

_ Non fomos ben tratados nos fondos estruturais, nas medidas agrarias, nas medidas pesqueiras, etc. Non se fixeron as autovías no seu momento, tampouco se fixo o tren de alta velocidade no seu momento. Pero, a pesar todo iso, grazas a que había unha certa autonomía, a que estabamos na democracia, e a que se nos abriron horizontes, o comportamento da sociedade galega foi extraordinario. Hoxe Galicia é unha sociedade industrial, aínda que ten un sector agrario e un sector da pesca moi importantes. Cambiou radicalmente a nosa sociedade.

_ Como?

_ Si a repartición das cuotas lácteas fora doutra maneira, e no período transitorio nos deran a posibilidade de acadar o dobre da produción láctea actual, non se produciría unha transformación tan radical de agricultura, sería unha evolución máis sensata, e non sufririamos a crise demográfica que estamos a sufrir neste momento. Pasamos de ter máis do 40% de activos no sector primario a un 10 por cento, que é do 8% na agricultura. E temos unha estrutura industrial propia dun país moi moderno e desenvolvido. A xente nosa non é consciente da capacidade industrial de Galicia, nin da súa capacidade urbana. Aínda que sufrimos as feridas da marxinación internamente na renda por habitante, Galicia está en condicións de ser una país libre e independente.

_ Que importancia ten o idioma galego en que Galicia poida xogar o papel de porta atlántica?

_ Os galegos temos a visión de que somos un rincón, porque asumimos a visión de Madrid, cando un rincón é Madrid, que está no medio dun páramo, e máis lonxe do centro de Europa que nós. No mapa eurocéntrico, Galicia está no centro. En todo caso, non pode ser excéntrico un país que é o nariz de Europa cara ao Atlántico. Estamos nun sitio privilexiado, incluso no senso de que somos o país do vento, da auga e do sol. Galicia é unha parte fundamental da fachada europea e con Portugal configura a franxa atlántica máis importante de toda Europa, descontando as illas británicas.

_ Para ser a porta atlántica teremos que xogar ese papel?

_ Efectivamente. Se nos concibimos coma a porta atlántica de Europa e nos gobernamos con ese concepto, iso darános posibilidades enormes. Á parte das condicións xeográficas e climáticas, temos 1.500-1.700 quilómetros de costa. É unha cousa insólita que un país de 30.000 km2 teña esa cantidade de costa, e unhas capacidades enormes de comunicación por mar. Ademais de compartir a fachada atlántica, a presenza común con Portugal na UE proporciónanos unhas posibilidades de colaboración crecente. Esa é unha realidade que tamén temos que incorporar á nosa visión.

_ Que importancia ten a lingua galega nas relacións co mundo lusófono?

_ Non me gusta moito o de lusófono, porque parte da ideoloxía do Estado portugués atribuíndolle un papel central na formación de Portugal a Lusitania, cando o papel central lle corresponde a Gallaecia. Os brasileiros chámanlle portugués lexítimamente porque foi Portugal quen levou a lingua alí, pero o que falan é galego, nacido aquí, en Gallaecia. Se nós asumimos que o galego é unha lingua internacional, modificamos radicalmente a imaxe do Estado español: xa non sería un Estado de catro linguas, unha delas universal, senon un Estado de catro linguas, dous delas universais. Hai experiencias prometedoras como a creación do xornal Galicia Hoxe, polo Grupo Correo ou a galeguización idiomática dos Asteleiros Barreras. O galego, como galego-portugués, é unha lingua que se fala en catro continentes.

_ A situación demográfica de Galicia é alarmante?

_ É a que é. En Galicia uniuse o trauma da emigración cun comportamento moderno sobre a fertilidade. Iso resólvese de dúas formas. Cun crecemente económico que facilite a vontade de ter fillos, e unha afluencia de inmigrantes que sexan aquí ben acollidos. Ou que o Goberno galego teña unha postura moi belixerante sobre isto e dea un bombazo no orzamento galego. A longo prazo iso provocaría un cambio radical. O orzamento galego debería ter unha parte fundamental dedicada ao fomento da natalidade, directamente con axudas por fillos, e indirectamente, con garderías, escolas, etc.

_ Galicia ten que afrontar dunha vez por todas a cuestión da ordenación do territorio?

_ Totalmente. O Mediterráneo español é un desastre no sentido arquitectónico, paisaxístico, etc. Galicia é unha cousa moi diferente: foi un deixar facer por parte dos alcaldes, e iso, unido á falta de clarividencia cultural e de sensatez dos poderes políticos provocou un caos urbanístico. Non é que os galegos teñan unha vontade de feísmo como mal se titulou algunha vez. A costa galega non está tan estragada como para dicir que iso non ten remedio. Se hai vontade política, incluso nos lugares onde se construíu moi mal se pode corrixir cunha certa imaxinación. E se pode encontrar un punto de equilibrio entre as posibilidades económicas da costa, o respecto á naturaleza e ao lugar onde habita a xente. Para iso temos que ter un poder ilustrado na comunidade autónoma, no Estado e nos municipios.

_ A reforma do Estatuto de Autonomía é a materia pendente desta lexislatura?

_ Absolutamente. Eu defendín a necesidade de ter un Estatuto de nación e que non era o momento de impor esa vía para ter máis competencias, porque si hai vontade política do Estado, as competencias pódense incorporar ao Estatuto por vías diferentes. Os nacionalistas están preparados para iso, e os que non son nacionalistas deberían recoñecer que o carácter de Galicia como nación nos pertence a todos. Galicia ten un carácter histórico, xeográfico e lingüístico inequívoco como nación. Non queremos separarnos de ninguén, nin das xentes doutra parte do Estado español, simplemente non queremos ser mandados desde Madrid, porque podemos gobernarnos desde aquí sen ningún problema, sabendo que estamos unidos a todos os demais.
EL PERFIL

?Teño afección a coñecer o mundo?
-¿En que lecturas anda?
Á parte da información xeral e do seguimento cultural, as lecturas que estou facendo están moi relacionadas co que estou a escribir. Son libros que teñen moito que ver coa lingua, coa economía, coa política, coa historia, etc. E despois sigo a literatura ao día pola miña muller, que é unha lectora extraordinaria, e intelixentísima para isto.
-¿Adoita ir con frecuencia ao cine?
A miña muller e eu sempre imos ao cine, somos moi afeccionados ao cine. Por certo, en Santiago o feche dos cines Compostela notouse moito no tipo de películas. Hai moitas películas boas que agora non veñen ou tardan moito en vir a Santiago.
-¿E ao teatro?
Ao teatro vou de cando en vez. Con frecuencia vexo teatro galego. Vou a Madrid, pero non vou para ver teatro. Cando ando de viaxe por aí coa miña muller non é infrecuente que vaiamos ao teatro; o ano pasado estivemos no festival de Edimburgo e o anterior, no festival de Avignon.
-¿Que tipo de música lle gusta escoitar?
Aprecio todo tipo de música. Ultimamente se tomo eu a iniciativa de poñer música, poño máis música clásica. Estes días estamos asistindo a todos os concertos de Vía Stellae, que é un regalo para os que vivimos en Santiago. Ademais os lugares onde se celebran eses concertos son unha marabilla: San Domingos de Bonaval, San Martiño Pinario, os propios teatros pequenos, o Auditorio...
-¿Viaxa moito?
Bastante. A miña muller e eu coñecemos practicamente toda Europa. Traballando en Sodiga, levaba tamén a produción industrial internacional, e iso era un motivo para que, en relación con outras sociedades de desenvolvemento industrial, viaxara moito. Á parte de que xa fora a América e a África outras veces, no tempo do Parlamento Europeo viaxei aos Estados Unidos, a Palestina, a Irak pouco antes da guerra, a Brasil varias veces, a Arxentina, a Chile. Tamén a Exipto,Tunisia, Marrocos, Suráfrica, ao Foro Social Mundial de Kenia, ao Foro Social de República de Malí . En fin, teño unha grande afición a coñecer o mundo. Agora vou dar unha conferencia en Budapest.
-¿Que preferencias ten nas artes plásticas?
Os museos importantes coñézoos case todos, desde logo os de Europa. Como xenios diría Picasso e Goya, pero tamén me gustan os pintores abstractos, por exemplo, Tapies, e por suposto Laxeiro, Colmeiro e Maside.
-¿A arquitectura é arte?
Sen dúbida ningunha. Condensa a ciencia é a arte. E a xente, pese aos avances tecnolóxicos, aínda admira os monumentos arquitectónicos. As cidades e as nacións queren verse representadas por fitos arquitectónicos.
-¿Como recibiu o teléfono móbil?
Non son dos que digo que o teléfono móbil te escraviza, pero o contraste co pasado non mo causou tanto o móbil como Internet.
-¿E o PC portátil?
Utilízoo, pero pouco, traballo moito máis no ordenador de mesa. Hai doce anos, aprendín a escribir a máquina como unha mecanógrafa.
Camilo Nogueira: "A nosa estrutura industrial é a dun país moi moderno"
Comentarios (1) - Categoría: nacionalismo galego - Publicado o 22-02-2009 23:39
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0