boas e xenerosas


Unha escolma de artigos, entrevistas, estudos, novas, opinións, reportaxes... boas e xenerosas



GALEGO DE SEU(Web)


Colazo
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A Pena Trevinca ten un dos bosques de teixos mellor conservados de Europa
O teixadal de Casaio

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG
Comentarios (1) - Categoría: paisaxe - Publicado o 27-11-2008 13:23
# Ligazón permanente a este artigo
O idioma galego, un plus engadido
LUIS MANUEL GARCÍA MAÑÁ
(Xefe superior da Policía Nacional en Galicia)

TIVERON que pasar varios séculos para que, sobre a terra que pisamos, se construíra unha lingua propia, lingua que non nos prestou ninguén, transformándose no idioma dos nosos devanceiros, os mesmos que con frecuencia foran cualificados como criaturas atrasadas por só falar galego. Daquela o noso idioma era rexeitado polo centralismo e pola Administración.

Dende hai uns anos, Galicia ofrece deseñadores de moda, sobranceiros empresarios, deportistas olímpicos, investigadores e científicos senlleiros, creadores, artistas, escritores, cine, gastronomía, turismo e un sen fin de produtos, todos con denominación de orixe galega. As institucións decatáronse de que o idioma galego ten un valor singular, un plus engadido, xa que nos aproxima ao cidadán que se sinte mais confiado con quen fala coma o pobo.

Tamén as forzas e corpos de seguridade van espertando da longa noite que escurece a expresión natural de Galicia. Xa non constitúe un demérito o seu uso, como aconteceu no pasado. Pola contra, máis do oitenta por cento dos policías comprenden e falan o galego, aínda que non pasa o mesmo coa escrita, na que imos avanzando lentamente e queda dabondo por facer.

Mais está agromando un tempo novo se temos en conta que o mesmo DNI electrónico xa se expide cos enunciados bilingües. As comisarías fornécense con tradutores informáticos de castelán a galego mercé á Secretaría Xeral de Política Lingüística e son cada día máis os funcionarios que utilizan a escrita nos seus informes, peritaxes e demais documentos policiais.

Queda moito camiño por andar. Temos vimbios e comezamos a elaborar o cesto no que dar acougo ao legado da fala que recibimos dos que nos precederon; principiamos a sentir a autoestima da nosa cultura sentimental a través do uso da lingua, a mellor ferramenta das que dispomos para atinxir a confianza dos cidadáns xunto ao traballo cotián.

O Corpo Nacional de Policía, desde a Xefatura Superior de Galicia, compromete a súa vocación de servizo á cidadanía respectando a normativa constitucional do bilingüismo, mais tamén aposta pola realidade dunha Galicia que conta cunha lingua de seu como o elemento máis afoutado da propia identidade.

Porén non esquecemos o que os cidadáns agardan fundamentalmente de nós. Hoxe estamos a cumprir os obxectivos que nos foron sinalados polo Ministerio de Interior no que atinxe ao control das infraccións penais, á recapitalización de recursos humanos e á recuperación e creación de novas infraestruturas policiais. Sabemos que Galicia non ten cancelas contra a delincuencia que nos chega de fóra e que a nosa terra non é unha illa afastada do mundo. Malia ao devandito, as forzas de seguridade non lle imos pór doado o traballo aos inimigos dos cidadáns, e loitaremos, canto sexa preciso, para que ninguén poida pensar que o exercicio do delito ten aquí terra estercada e que o clima lles vai sentar ben. Diso nada.
O idioma galego, un plus engadido
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 27-11-2008 00:39
# Ligazón permanente a este artigo
O renacemento do Couto Mixto
Presentación en Madrid

Marta Rodríguez Peleteiro . MADRID O Couto Mixto é un enclave de tres aldeas (Rubiás, Meaus e Santiago) que durante séculos funcionaron como unha república independente entre Galiza e Portugal.

A Casa de Galiza de Madrid foi o escenario da presentación o mércores pola noite do Couto Mixto, un enclave de tres aldeas que durante séculos funcionou como unha república independente e que está a converterse nos últimos anos no eixo de múltiples iniciativas culturais que reivindican a importancia deste lugar e da súa historia única.

O Couto Mixto é un enclave histórico entre Galiza e Portugal que na actualidade vive un renacemento que o sitúa no mapa cultural galego. Componse das aldeas de Rubiás, Meaus e Santiago, repartidas entre os concellos de Baltar e Calvos de Randín.

Durante séculos, estas aldeas foron unha terra de ninguén entre Galiza e Portugal, coas súas propias leis e privilexios en canto a aduanas até que no 1864 definíronse as fronteiras de hoxe e rematou o seu sistema de goberno, organizado ao redor dunha representación paritaria destes tres lugares na toma de decisións. Periódicamente elixíanse os xuíces do Couto, que administraban a xustiza na rexión. Existía tamén un armario de tres chaves que necesitaba da presenza dos representantes das tres aldeas para poder ser aberto e extraer os documentos.

Dentro das súas peculiaridades, contaban con asilo para os fuxidos da xustiza, non tiñan que abonar impostos, posuían liberdade de comercio e de cultivos, e non daban soldados. Dereitos e liberdades que foron recollidos nun documento firmado no 1819 e polo que o Couto non tiña relación con ningunha das coroas da península.

Segundo a tradición, dise que a orixe da institución está ligada ao Castelo da Piconha, vinculado co tempo á Casa de Bragança.

Durante o acto, proxectouse tamén un vídeo corto sobre a historia e a beleza das súas paisaxes e o xefe superior de Policía de Galiza, Luis García Mañá, presentou o seu libro Couto Mixto. Unha república esquecida.

Iniciativas

Mañá é autor de varias obras sobre a fronteira entre Galiza e Portugal e profundo coñecedor do Couto Mixto que, xunto cos veciños da zona, constituíron a Asociación de Amigos do Couto Mixto. En 1999 habitantes das tres aldeas, co apoio dos concellos afectados, crearon a devandita asociación na que se integrarían personalidades da cultura galega e portuguesa.

No 2000, creáronse e entregáronse os primeiros premios 'Xuíces Honorarios' do Couto Mixto, dirixidos ás persoas que apoiaron a recuperación da memoria de este lugar. Fernández del Riego, Constantino García, Máximo Salinas, Antón Rivero Coello, Xosé Benito Reza, Luis García e Cesáreo González, entre outros, contan xa con esta distinción. Tamén cada ano celébrase como mínimo un acto cultural en cada unha das aldeas.

O Couto Mixto recibiu no ano 2002 o 'Premio da Fundación Premios da Crítica' na súa sección de Iniciativas Culturais, pola recuperación da autoestima e memoria histórica como parte dun espazo xeográfico e cultural e por favorecer o reencontro da convivencia entre Galiza e Portugal a partir de raíces comúns.

Outra iniciativa recente foi a creación da Asociación de Veciños do Couto Mixto, que naceu coa finalidade de favorecer a participación veciñal nas actividades de recuperación do lugar. É a responsábel da posta en marcha da web coutomixto.org, que ofrece unha ampla información sobre a historia e a situación do lugar ademais de información detallada sobre as súas actividades.
O renacemento do Couto Mixto
Comentarios (1) - Categoría: historia - Publicado o 21-11-2008 18:48
# Ligazón permanente a este artigo
Causas de deserción do galego
AGUSTÍN RODRÍGUEZ CAAMAÑO

No comentario anterior por non alongar máis o artigo prometín que noutra ocasión complementaria o traballo. Uns amigos chamáronme pedindo que me ocupara xa. Acontece, dende hai varios anos, en temas relacionados coa lingua galega que son debatidos nos medios de comunicación de masas; (porfía resucitada por interés políticos pensando nunha presa de votos). A información tanto sobre o idioma patrimonial de Galicia no ensino como do topónimo coruñés van da man da desinformación. O mesmo sucede noutros temas de interese económico-social que atinxen a Galicia. A explicación disa ignorancia dabondo espallada vén de lonxe. Daquela como se explica ise descoñecemento colectivo? A maioría dos galegos aínda os instruídos e destacados en diversas pólas do saber foron e son, en cambio, uns ignorantes da realidade económica, social e cultural de Galicia. En canto que galegos resultan iletrados e actúan como intermediarios dunha nova arribada cultural centralista absorbente e imperante. Posiblemente si exitira un coñecemento colectivo do devalar histórico do noso pobo e da nosa lingua autóctona, os asuntos devanditos non estarían presentados.
Todos os historiadores, lingüistas, pensadores que se teñen ocupado dun xeito fondo do abandono do galego como lingua escrita coinciden en subliñar os factores políticos como causa do seu desleixo.
O galego, ao dicir de Ricardo Carballo Calero, aínda que nado en Galiza, tras as súas orixes, de Roma, pois foi o latín importando o que lle dou a forma sustancial, e non é outra cousa que latín falado en Galiza e transformado, purificado en Galiza ao decorrer dos tempos ata chegar a constituirse como entidade autónoma.
A lingua galega na Idade Media é a lingua normal dos galegos. En Galiza no século XIII a literatura dos Cancioneiros chega ao seu cume en Europa para iniciarse máis tarde a súa decadencia. A penetración do castelán en Galicia, di Rafael Chacón en Diglosia e Historia prodúcese como consecuencia da decadencia do antigo Reino de Galicia e a maior intervención nos asuntos da mesma de institucións e xentes estrañas a ela. Dita penetración pode decirse que se inaugura con Fernando II quen no seu afán centralizador crea en Galicia o cargo de Adelantado Mayor. Neste momento Galiza vese privado das súas aspiracións nacionais.
Despois da guerra civil entre Pedro I e Enrique de Trastámara, subiu ao poder iste último. E daquela producíuse en Galiza una verdadeira invasión de "obispos, alcaldes maiores, correxidores, daiáns (deáns), cabildos, e ata cregos, coengos e abades. De por parte chegan aquí xentes de outros reinos para seren donos de terras e vasatos; os Estúñigas en Monterrei; os Enríquez en Monforte de Lemos; en Ribadavia os Sarmientos e en Allariz os de Benavente. E arrastran tras de si criados, recaudadores e escribáns. Introdúcese, pois, como atestiguan numerosos escritores e o autor pontevedrés citado, cos trastámaras o primeiro gran contixente de xentes non galegas que constituirán o primeiro foco diglósico. Ao mesmo tempo comenza tamén o proceso de asimilación da nobreza autóctona de Galiza aos usos e comportamentos lingüísticos dos invasores constituíndose así o segundo foco diglósico que habera que adxetivar como diglósico e como bilingüe, xa que a nobleza galega non esquecería o seu idioma dun xeito repentino.
Iste proceso acentúase cando Enrique III, según Chacón Calvar, otorga aos alcaldes maiores facultades xurídicas, pero reservando as tarefas de goberno central. Coa derrota dos Irmandiños e máis tarde coa dos partidarios da Beltraneja que en Galiza foron numerosos, suceden o que Zurita deu en chamar la doma y castración de Galicia que significou o sometimento dos señores feudais en beneficio da monarquía castelán. Os Reis Católicos establecen a Santa Hermandad e crean por unha cédula de 1480 a Real Audiencia encarregada da administración de xustiza en xustitución dos alcaldes maiores. Ao mesmo tempo (1480, Cortes de Toledo) decrétase que non se conceda o título de escribán ser exame e licencia do Real Concejo, o que implica, en canto á lingua escrita se refiere, que o idioma galego perderá terreo dunha forma irreversible nos documentos oficiáis?, o ciclo de asimilación estaba rematado.
"O castelán -de acordo co autor citado- penetra debido á asimetría entre administradores (poseedores) e administrados. Os primeiros son de orixe estraña a Galiza ou, no caso da nobreza autóctona, abandonan o galego como lingua integradora, de cohesión na propia comunidade e somentes o usarán a nivel instrumental". As condicións necesarias e o ciclo de asimilación lingüística estaba rematado; abríase o novo proceso de imperialismo lingüístico que até os nosos días (camino de 6 séculos!); pois a lingua patrimonial primixenia foi proscrita de todas as relación dos órganos de goberno cos administrados e de todas as comunicacions e decisión importantes escritas da vida do pobo, dando lugar ao prexuicio lingüístico que ainda perdura aniñada no fondo da ánima do ser galego coma un estigma. Agora ista eiva chámana autoodio ou autoxenrreira.
Queda aínda moita historia do idioma galego para apreixala en dous folios. Así que rematarei cun extracto de Carballo Calero.
Hai galegos que, modestamente procuran perfeccionar os seus coñecementos e hainos que usan do galego sen amor nen delicadeza, como se abusa do que se considera un medio e non un fin. E o galego é un fin, porque o galego é Galiza. Sen dúbida, podemos maxinarnos unha Galiza que non fale en galego, mais isa Galiza sería algo moi distinto da Galiza real, e sobre todo, da Galiza ideal en que os mellores galegos pensan cando pronuncian o nome de Galiza.
Causas de deserción do galego
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 21-11-2008 17:27
# Ligazón permanente a este artigo
151 leis que impoñen o castelán na etiquetaxe
por unha en Cataluña que obriga a rotular en catalán

Fins a 151 lleis imposen el castellà a l'etiquetatge, per només una el català

Normes positives dictades per l'estat espanyol que obliguen la utilització de la llengua castellana


UPyD tilda ao catalàn de 'dialecto' na súa protesta contra Swiss International Airlines por non usar o castelán
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 20-11-2008 13:53
# Ligazón permanente a este artigo
?A crise económica na que estamos vai ser moi dura, moi longa e duradeira ?
Xosé Luis Outes licenciouse en Ciencias Económicas na Universidade de Mainz (Maguncia, Alemaña). Realizou tarefas docentes e investigadoras durante 6 anos nunha das cátedras de Teoría Económica da Universidade de Aachen (Aquisgrán, Alemaña) onde obtivo en 1976 o Título Doutor en Ciencias Económicas. É autor de numerosos artigos e traballos de investigación en revistas de economía e presentou comunicacións en congresos nacionais e internacionais. A súa actividade investigadora dirixiuse recentemente ao estudo das crises económicas, ao desenvolvemento do capitalismo contemporáneo e á crise da teoría económica. Foi profesor desde 1977 de Teoría Económica (Macroeconomía) no antigo Colexio Universitario de Vigo (CUVI) e actualmente exerce como catedrático e imparte clases de Comercio Internacional na Facultade de Dereito Económico e Macroeconomía na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo.

Oscar Lomba / Foto: A.F.E.

-Cal cre que será o alcance da actual crise financeira?. Que repercusións terá nun futuro próximo no Estado Español e en Galicia?

A actual crise financeira ten unhas repercusións que xa hoxe poden ser catalogadas como históricas. En primeiro lugar polo alcance que está a ter e, en segundo lugar, polas dimensións que se supón poderá alcanzar e de feito xa está alcanzando; e non só sobre o propio sistema financeiro, sector financeiro que, tal e como eu o entendo, actúa coma un sector de servizo á economía real, á economía que xera riqueza. A crise do sistema financeiro non só vai a ser a crise do propio sistema en si mesmo, senón que ademais vaise a alongar tamén, de feito xa está a concretarse nalgúns lugares, ao que nós chamamos economía real. A chamada quebra do sistema financeiro que xa nos acompaña dende xullo do ano 2007, que se agudiza no mes de setembro pasado e que lembra en moitísimos aspectos á crise do ano 1929, é unha crise que vai ao fondo dunha maneira de facer política económica, que parte dunha filosofía ancorada no pasado, falo da política neo-liberal; é unha política extremadamente dura que fai augas por todos os lados. Polo tanto, non só estamos a vivir a quebra do sistema financeiro, senón que tamén dunha maneira de pensar; trátase do fracaso do pensamento que permitiu que se desenvolvese o capitalismo sen fronteiras. É o fracaso absoluto dos fundamentos neo-liberais en estado puro segundo os cales o mercado o resolve todo; para que isto ocorra o mellor é que o mercado faga o que lle pete, que os axentes que interveñen no mercado fagan o que queiran sen barreiras.
Esta crise pasará á historia como unha das grandes crises do capitalismo. En calquera caso, está crise vai para moito tempo e penso que non empezou aínda a concretarse na súa verdadeira dimensión. No caso concreto de España , aínda que xa neste segundo semestre do ano vemos as súas consecuencias, durante os anos 2009 e 2010 vai ser tremendamente forte; a crise vai ser longa (con posibles taxas de desemprego do 15, 16, 17 % se non é peor). E no caso concreto de Galicia, cunha economía con menores recursos, con menor capacidade de empaque, como economía sempre supeditada ao desenvolvemento económico das rexións máis desenvolvidas de España, está claro que sufrirá as consecuencias graves da crise. En Galicia xa estamos a sufrilas, hai por exemplo un dato moi relevante na provincia de Pontevedra, falo da caída dun 22% das importacións durante o primeiro semestre deste ano; trátase dun indicio tremendamente esclarecedor do que se nos ven enriba.

Estamos mergullándonos nunha crise parecida á dos anos 80 cunhas taxas de paro e de inflación moi altas ... que factores diferenciais tería esta crise fronte ás crises recentes?

Non hai unha crise, eu coido que hai varias crises e o goberno actual de España non actuou co rigor e coa serenidade que se debe ter nestes casos. O grave desta situación actual é que coinciden ao unísono diversas crises económicas: por unha banda a crise financeira, propiciada por unha explosión de burbullas de todo tipo en diversos países ao mesmo tempo, e por outra unha escasísima resposta dos elementos reguladores como é a Reserva Federal dos EE.UU. ou o Banco Central Europeo que se concreta coas coñecidas "hipotecas lixo". Coa actual crise financeira deben valorarse as non actuacións, a actuación negativa dos axentes principais da política monetaria en áreas importantes.
Logo tamén está o que nós entendemos como a crise da economía real. Da crise financeira xorden aspectos que van a afectar a todas as economías. Pero logo cada economía ten a súa vida propia, cada economía ten as súas propias estructuras que a fan máis débil ou máis forte en función das súas propias capacidades. E digo isto porque no caso de España xa se prevía que se estaban a xestar as condicións para que esa fase tan longa de crecemento económico e de ciclo longo, que se inicia no ano 1994, dende o ano 2006 xa apuntaba que tocaba á súa fin e que se iniciaba unha fase non só de recesión senón de aguda recesión porque en determinados mercados, por exemplo no inmobiliario, na construcción, a propia evolución da demanda interna estaba dicindo que isto así non podía seguir máis. Os mercados non funcionaron como a Escola Neo-liberal española cre, que o mercado o resolve todo. A burbulla do mercado inmobiliario era algo que se sabía que contribuiría dunha maneira brutal á finalización desa fase de crecemento económico. Esta etapa tivo os seus máis e os seus menos. Creou postos de traballo pero en moitos casos precarios, con moito traballo temporal. Non todo é auga de rosas. E hai unha terceira crise que é a do mercado de divisas, do mercado de cambios. Eu escribín hai un ano que non remataría o 2008 sen que os principais países (USA, Alemaña, Inglaterra, Francia, China, Xapón) se reunisen para discutir ou repensar que é o que deberiamos facer cos tipos de cambio. Non podemos seguir así con estes altibaixos, con estas oscilacións brutais dos tipos de cambio.

Cales son, ao seu xuízo, os problemas de fondo que presenta o actual modelo económico? Que repercusións podería xerar a crise actual na economía real e na situación das familias?


Ás veces esquecémonos de cal debe ser o papel dos axentes económicos. En toda crise económica o que se constata, crise neste caso definida como recesión, é que se está iniciando a gran velocidade porque os datos mes a mes estanse practicamente modificando e os prognósticos xa non se fan cada seis meses senón cada catro semanas. No caso xenérico que falamos da crise financeira e o sector real hai un dato que moitas veces se esquece ou se descoñece. Os medios de comunicación non o tratan. É o enorme poder que adquiriu nos últimos anos o sector financeiro como parte integrante do capitalismo mundial. Se tomamos o caso de USA o exemplo é abondo elocuente. Dende 1980 ata 2006 os beneficios destas empresas financeiras nos USA medraron dunha maneira tan desmesurada que a economía real (a da Microsoft, da General Motors, ...) sofren as consecuencias dun verdadeiro desembarco do que é a economía financeira. Se tomamos o ano 1980 como referencia e consideramos os beneficios empresariais como un todo e ao mesmo tempo diferenciamos o beneficio empresarial da economía real e os beneficios das empresas financeiras, nese ano os das financeiras representaban o 10% do total dos beneficios. En 2006 xa era o 40%. Este é un dato moi importante porque en España obsérvase unha evolución semellante. Os beneficios das empresas financeiras medraron dunha maneira esaxerada, esquecéndose o propio sistema que é un sector de servizos que debe ocupar o lugar que lle corresponde. É un sector servizos que asiste con crédito ao sector real, que é o que realmente xera riqueza, para que poda medrar dun xeito estable. Ocorreu xusto o contrario. O sector real foi asaltado polo sistema financeiro. Só hai que ver o resultado dos beneficios das empresas financeiras, dos grandes bancos, e non só en USA. Houbo beneficios tamén en España no Banco de Santander ou o BBVA. Incrementos de máis do 30% cando unha empresa do metal, do sector naval xa lle gustaría ter eses incrementos dun 40 - 50 % dun ano para o outro. É o nunca visto. O sistema financeiro non pode seguir con esta traxectoria. Os axentes reguladores non cumpriron coa súa función. Os mercados non resolven todos os problemas. Pasou co mercado inmobiliario. Non se podía construír 1 millón de vivendas ao ano cando só se vendían 300.000. Construíase máis vivenda que en Francia, Alemaña e Inglaterra xuntas cando temos a metade da poboación alemá. Esta información non a procesou o mercado. Estaban orgullosos do que estaba pasando, medrábamos máis que ninguén cando nós levábamos dicindo dende hai cinco anos que se estaba medrando mal e que evidentemente destes ventos virían as treboadas... Era unha morte anunciada. A crise económica na que estamos vai ser moi dura, moi longa, duradeira, cunha moi forte subida das taxas de desemprego. Nos últimos meses quen non lembra dicir ao Ministro de Economía que España está mellor preparada...? Primeiro negar a evidencia que era algo que era obvio, que o proceso de crise se estaba a xerar e que todos os indicadores dicían que a crise estaba a amosar os seus dentes. Pero cando xa tiña os dentes fóra querían negar a evidencia de que estaba aí. Máis tarde mesmo chegouse a dicir, coido que cunha enorme irresponsabilidade, despois direi porqué, que España estaba moito mellor preparada que outras economías da UE para afrontar unha crise se é que chega. Eu quero dicir con toda rotundidade que isto é absolutamente falso. A economía española está moito peor situada, e os datos que manexamos do INE que calquera persoa ben informada e que calquera profesional da economía coñece, aparentemente todos menos o Ministro, coñecemos cal é a situación da produtividade da economía española. Eu sinceramente hai cousas que me custan traballo dixerir. Digo isto porque é unha enorme irresponsabilidade porque durante meses estivéronse dando mensaxes e eu creo que isto é o peor que se pode facer. Lanzáronse mensaxes que contradicían a propia realidade. A propia realidade estaba desmentindo o que os responsables da política económica estaban afirmando e isto é moi grave porque chega un momento en que se contan tantas non-verdades ou non se quere tratar a realidade coa seriedade axeitada que o día que se queira tratar e o día que si se acheguen cun tratamento moito máis rigoroso aos problemas económicos posiblemente os axentes económicos non os crean. Volveranlle as costas porque a credibilidade é moi baixa. Creo que é unha das cousas peores que se pode facer.

O goberno galego aduce que a nosa economía posúe características diferenciais que fan que os problemas sexan menores. Que opina?

Hai que ser un pouco máis comedido no que se di. En certa medida é certo pero é só en certa medida por unha sinxela razón. Se nós non dispoñemos do aparato económico dunha economía altamente desenvolvida tampouco vamos a sufrir as consecuencias tan graves que poden sufrir outros. As economías máis débiles, e a economía galega é unha economía que está a piques de saír de ser obxectivo 1, non é altamente desenvolvida pero se fóramos unha economía altamente desenvolvida posiblemente veriámonos afectados pola crise por un lado dunha maneira non tan aguda como outras porque as economías fortes dispoñen sempre de discursos que as débiles non teñen pero por outro lado tamén as economías fortes cando hai unha crise económica como a que está a chegar tamén sofren nas súas propias carnes porque eles están moito máis expostos á competencia internacional.

Que medidas habería que tomar para reconducir a situación?

Nós últimos anos como que se demonizou o gasto público. Tanto que mesmo responsables dalgúns partidos que se auto-denominan de esquerdas estaban tremendamente orgullosos de ter un superávit nas contas públicas. Cando todo o mundo sabe que realmente ese superávit era pan para hoxe e fame para mañá como estamos vendo. É un superávit que nuns meses desapareceu. Digo isto porque o propio plan de estabilidade e crecemento que non permite a ningunha economía dentro da área euro superar un déficit público por riba do 3%, cando os alemáns tiñan un 4,3% de déficit montouse un pequeno envurullo pero os alemáns o superaron. Se chega a ser a economía española... nin se lle houbese ocorrido chegar a ese 4,3%. Pero é que aquí estamos mesmo orgullosos de ter superávit. Digo isto porque haberá que reconsiderar o papel do gasto público como elemento anticíclico. Non se pode deixar ao mercado a resolución desta crise. A iso que algúns chaman, eu non sei con que criterio, "mecanismos automáticos". O papel do gasto público como elemento clave da política económica porque así non se pode seguir, non poden seguir dicindo que o mercado o soluciona todo. Xa o dixo Milton Friedman que el resolvía o problema do emprego en 24 horas. Como? Eliminando todo apoio social. Se as persoas que están en paro, dicía, reciben un subsidio de emprego está claro que non se resolvía. O que non ten subsidio de desemprego está obrigado a traballar polo salario que o que o contrata lle ofreza e que diga que non queda fóra. Evidentemente todo se reequilibra á baixa. Se o que queremos é iso, resolver o problema incrementando niveis de pobreza e de miseria entón si, pero eu coido que ese non é o camiño.
En segundo lugar neste país, polo enorme retraso que temos en gasto social é totalmente inadmisible que se diga que o gasto público non é un instrumento importante. Pero claro, gastar significa tamén que ten que haber ingreso por parte do sector público e todos sabemos que nos últimos anos en España, e sería o terceiro elemento, non se pode seguir cunha presión fiscal como a que temos onde aparentemente vía impostos indirectos son as rendas máis baixas as que están máis acosadas pola presión fiscal. A presión fiscal en España hoxe é 15 puntos máis baixa que a que hai nalgúns países do norte de Europa como Dinamarca ou Suecia. É totalmente inadmisible isto. A Seguridade Social, a asistencia sanitaria, os niveis educativos (o gasto é unha cousa e os niveis educativos outra)... hai que gastar pero gastar ben.
?A crise económica na que estamos vai ser moi dura, moi longa e duradeira ?
Comentarios (0) - Categoría: economía - Publicado o 16-11-2008 21:19
# Ligazón permanente a este artigo
Deixounos outro renovador: Finou Camilo Gonsar
O autor de 'Cara a Times Square', de 77 anos de idade, faleceu en Vigo este domingo.


Chegamos a Times Square. Deixounos Camilo Gonsar, engandindo o seu nome a unha xa extensa lista de pasamentos na cultura galega neste outono. Morreu en Vigo aos 77 anos, despois dunha longa enfermidade que empeorou rapidamente nas últimas semanas. Camilo González Suárez-Llanos foi despedido este domingo polos seus familiares e amigos na sala 5 do tanatorio de Pereiró, na cidade de Vigo. Nese mesmo lugar foron incinerados este luns os seus restos mortais, ás 12 do mediodía. O Belga fica no peirao.

Camilo Gonsar era un home de escasas aparicións públicas, que fuxía dos ambientes literarios e ademais resultaba difícil encadralo nunha xeración determinada. Deixa unha obra que destaca non tanto polo seu volume como pola súa calidade. Deixa, sobre todo, dúas novelas centrais na literatura galega: Cara a Times Square (1980), e Desfeita (1983), Premio da Crítica Española en 1984. E unha gran cantidade de relatos, iniciados en Lonxe de nós e dentro (1961), obra fundacional da Nova Narrativa Galega, e Arredor do non (1995). Ambos os dous volumes foron recuperados recentemente por Galaxia, que en outubro publicou Relatos completos, 1961-1996.

Este libro ábrese cun limiar de Manuel Forcadela, que escribe que "a aura de Camilo Gonsar brota do concepto. A súa arte da ficción é unha arte incómoda para o lector acomodado; xorde sempre da posibilidade de abrir unha fenda no costume adquirido; obriga o lector a se situar fronte á fraxilidade das súas convencións, a pór en dúbida as súas certezas". O profesor Xosé Manuel Salgado, pola súa banda, salienta o carácter "rupturista" da obra de Gonsar, e lamenta que ao igual que o recentemente finado Rei Ballesteros "foi pouco lido, non sei se por non ser comprendido ou por ser mal explicado".

Nova Narrativa Galega
Na obra de Camilo Gonsar hai unha constante interrogación sobre a identidade. Dende o comezo ficou inscrito canda a Rodríguez Mourullo (Nasce unha árbore, 1954; Memorias de Tains, 1956), María Xosé Queizán (A orella no buraco, 1965), Xohana Torres (Adiós María, 1971) ou Carlos Casares (Vento Ferido, 1967) ou Ferrín (Percival e outras historias, 1958) no que Varela Jácome chamou Nova Narrativa Galega, o primeiro intento de renovación técnica e temática da literatura despois da guerra. Gonsar nunca quixo adscribirse a xeración ningunha; en Cara a Times Square o protagonista escribía: "Detesto as teorías. Cando estudaba, tiven que aprender centos delas, e tiven que aprender tamén a rebatilas , a todas menos unha ou dúas. Por sorte, esquencinme tanto das teorías como do xeito de rebatilas".

Os personaxes de Gonsar eran "peripatéticos e deambulantes", lembra Forcadela, como o propio autor. Viviu en Londres e foi profesor contratado na Universidade Syracuse de Nova York. O coñecemento directo das novas tendencias literarias que agromaban nos Estados Unidos e en Europa deixou o seu pouso nas primeiras obras de Gonsar, caracterizadas pola súa enorme liberdade formal e discursiva. Faulkner, Joyce, o noveau roman ao que sempre se adscribiu a Gonsar pero que Gonsar sempre rexeitou..., había que demostrar que a literatura e o idioma podían ser parte do movemento da cultura nova, e este feixe de novelas e relatos colocou nos anos sesenta á literatura galega nun estadio máis avanzado cá nova literatura castelá, cuxo cumio era naquela hora o Jarama de Sánchez Ferlosio.

Cara a Times Square
En 1961 publica Lonxe de nós e dentro, unha présa de relatos que, na altura, chamou a atención de Fole, Otero Pedrayo ou Risco, pero que sobre todo impactou nos seus coetáneos. En 1962, influído pola lectura de James Joyce, escribe a novela breve Como calquer outro día. Cara a Times Square, publicada en 1980, é unha novela transformadora e parteira da narrativa galega actual, "desprovista das pexas reducionistas: ruralismo, simbolismo, e alegorismo, denuncia social, costumbrismo, tradicionalismo... que a impedían medrar" (Historia da literatura galega).

A partir do recurso do manuscrito atopado conta as peripecias dun personaxe que se ve obrigado a camiñar durante a noite até Times Square, acompañado por un descoñecido, ao que chama o Belga, que espera algo que non se sabe o que é. Ese tipo de personaxes peripatéticos que camiñan moito pero nunca se aclaran responden á actitude dunha xeración. Tamén naqueles anos autores como Méndez Ferrín o Carlos Casares perseguían no subconsciente as orixes da sinrazón do seu momento histórico. O protagonista, nun estado de semiconsciencia producido polo whisky, déixase guiar polo Belga mentres falan de forma incoherente e fragmentada até chegaren a un peirao onde remata a misión do Belga, que cae ao mar empurrado polo protagonista, cumpríndose así o destino que aquel lle agoirara.

Ingreso na Real Academia
En 1983 chegou Desfeita (semirreportaxe), premio da Crítica Española ao ano seguinte. Despois publicou os libros de relatos Lonxe de nós e dentro e outras páxinas (1986) e Arredor do non (1995). A derradeira novela de Camilo Gonsar, A noite da aurora, apareceu en Galaxia en 2004. Trátase dunha novela desarraigada, unha reflexión sobre o destino e sobre o abandono da patria, ambientada en Islandia, onde varios galegos coinciden nun banco para facer troco de moedas.

Gonsar ingresou en 2002 na Real Academia Galega, cun discurso titulado Literatura galega: un achegamento subxectivo, que foi respondido por Xosé Luís Franco Grande. Naquela intervención, o autor afirmou que "a idea, bastante espallada, de que a perda da fala galega non implica a desaparición do pobo galego como tal seméllame indefendible. Sen a súa lingua, Galicia quedará reducida a catro provincias anódinas, amorfas, enteiramente carentes de personalidade".

Fragmento de Cara a Times Square
Por fin díxome:
¿Que querías logo? ¿Ou é que tes algo mellor que facer?
As súas palabras permaneceron case suspendidas no aire, como para facer durar a miña humillación por máis tempo.
Dígame: despois de telo seguido durante tantas horas (deixemos á parte a circunstancia de séremos compatriotas), ¿era aquela pregunta insultante a despedida que eu merecía?
¡Teño!
Foi rapidísimo. El estaba no borde do peirao, de maneira que, aproveitándome das nosas situacions, deille co meu pé dereito un rempuxón forte e súpeto antes de rematar de pronunciar a devandita exclamación (no caso de que eu a pronunciara realmente, en vez de só pensar en pronunciala) e aló embaixo caeu o Belga coa súa gabardina brillante como un lóstrego branco, sen emitir nin un berro. Por raro que pareza, eu non sentín o golpe que debería ter producido ao bater contra a auga--seguramente porque estabamos tan altos.
Nada pasou, á parte da súa caída, como, por outra parte, era de esperar. Quedou o ambiente tan tranquilo e calado coma antes.
Ou, mellor dito, si rexistrei un cambio mínimo -un só. A pequena luz vermella do faro deixou de escintilar ao lonxe.
Deixounos outro renovador: Finou Camilo Gonsar
Comentarios (1) - Categoría: Pasamentos - Publicado o 10-11-2008 13:56
# Ligazón permanente a este artigo
Case dous terzos da poboación a favor da misa en galego
Nun estudo editado polo Consello da Cultura

Redacción . O 63,3% dos galegos e galegas defende que o galego sexa o idioma ordinario ou maioritario das liturxias no país, amalia non usáreno nunca a metade das parroquia.


Segundo o estudo Receptividade do galego na Liturxia, de Daniel López Muñoz e Bernardo García Cendán e editado polo Consello da Cultura Galega, entre a comunidade de fieis en Galicia existe "unha actitude moi favorábel" cara ao idioma galego. Case o 90% das persoas galegofalantes declárase crente, pero, así e todo, as parroquias galegas adoecen de uso do castelán. Segundo datos achegados polas dioceses, entre un 40 e un 70% das parroquias, segundo a zona, non empregan nunca o galego para as súas misas. A liturxia en galego, en conxunto, non representa nin o 7% das misas dos domingos.

A poboación, segundo o estudo, manifesta nun 20,6% que o idioma "non se usa nunca practicamente nunca" nas liturxias, e nun 51,9 %, que se usa menos que o castelán. Case a metade considera que "o uso tan escaso do idioma galego por parte da Igrexa é unha postura desacertada". Máis do 63% da poboación de crentes enquisada desexaría que o galego fose a lingua ordinaria da liturxia, ou que se usase de xeito maioritario, fronte a un 12% que se opón ao uso da lingua propia.

Boa disposición

O Concilio Pastoral de Galicia, aprobado en xuño do ano 1976, xa incluía entre as súas indicacións unha referencia ao idioma, ao lles pedir aos membros da Igrexa que "participen na promoción da lingua galega" e instar aos párrocos a oficiaren "nas igrexas das cidades polo menos unha misa en galego cada día festivo" e "naquelas comarcas nas que o galego é a única lingua, que se cheguen a facer en galego todas as celebracións".

Existe dende o 89 unha versión da Biblia en galego, así como diverso material que se foi aprobando nos sucesivos anos. O propio Arcebispo de Santiago, Xulián Barrio Barrio, instou aos seus párrocos no Boletín Oficial do Arcebispado a "seren sensíbeis á progresiva incorporación do galego".

Malia a boa disposición, os datos indican que, nalgunhas zonas, o 70% das parroquias non empregan nunca o galego para misar, "e até existen lugares onde se deu unha regresión", alerta Fran Rei, da Mesa Pola Normalización Lingüística, xa que "en lugares onde antes había unha misa en galego, como en Monforte de Lemos ou na Catedral de Tui, agora desgraciadamente suprimiuse". Mesmo en Compostela a proporción é minoritaria: fronte ás 73 misas en castelán os domingos, só se pode acudir a nove en galego, e unicamente en horario de mañá.

Resistencia dos párrocos

Con todo, os estudos feitos sobre a materia indican que máis do 50% dos párrocos galegos ten unha vontade favorábel cara ao galego. As persoas crentes opinan, nun 70%, que o modelo lingüístico debería ser un uso maioritario do galego, malai detectarse tamén un amplo grao de indiferenza, sobre todo naquelas parroquias onde non existe ningunha misa en galego. Naquelas onde si hai liturxias na nosa lingua, o nivel de aceptación "tende a ser altísimo", segundo o estudo.

Segundo apunta o estudo de López Muñoz, os crentes consideran que o galego úsase pouco ben porque os párrocos non saben dar misa neste idioma (segundo o 23% das persoas enquisadas), ben porque a xente non quere (21%), ou porque os curas "teñen medo á reacción dunha minoría", unha opción elixida polo 7 %. O 2 % declara non saber o motivo. Pola súa banda, os párrocos achacan a escasa presenza do galego nas súas liturxias que a xente "non o demanda" ou mesmo pensan que os crentes "o rexeitarían".

Fran Rei apostou por que se cumpra o indicado no Concilio Pastoral de Galicia e reclamou como "básico" que se garanta que haxa misa en galego", algo que hoxe en día é "mínimo". Engadiu tamén que a presenza ou ausencia do galego en celebracións relixiosas "depende bastante da vontade do párroco" e criticou o "deixamento por parte da xerarquía eclesiástica". Nesta liña, Rei reclamou "unha actitude máis comprometida da igrexa co galego" e pediu que se acheguen "ferramentas e formación" aos párrocos e que se promocionen máis os cánticos e oracións en galego".
Case dous terzos da poboación a favor da misa en galego
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 10-11-2008 13:51
# Ligazón permanente a este artigo
?O galego é a lingua que está en perigo'
X. Reboiras( Federación de Relixiosos do Ensino)

Antonio Cendán . O irmán Xosé Reboiras é o secretario xeral da Federación de Relixiosos do Ensino de Galicia (FEREGA). Considera que o castelán non corre ningún risco en Galicia, polo que son necesarias as campañas en favor do galego e impartir cada vez máis un maior número de materias na fala autóctona.


Como son as relacións da FERE coa Administración?

Son boas e fluídas, aínda que non esteamos sempre de acordo en todos os asuntos que se someten a consideración. Aínda así, recoñecemos que nos facemos propostas que son aceptadas e mantemos un dialogo cordial. O principal cabalo de batalla é o relativo á lexislación, xa que a dos centros públicos e distinta da dos privados. Outras veces ignórasenos, principalmente na función que cumprimos. Nos necesitamos máis fondos económicos para levar a cabo o noso labor, xa que os nosos centros educativos van destinados a todos os públicos. Non somos colexios elitistas enfocados tan só a un colectivo social significado.

Tamén cumpren funcións educativas onde non hai centros públicos...

Así é. Nos cascos históricos cada vez vive menos xente, pero segue habendo un gran número de nenos. As nosas instalacións emprázanse agora nos centros das cidades, pero foi por cuestións alleas a nosa filosofía, xa que a medida que medraban as cidades, os edificios máis vellos quedaron no centro, de aí que por esa casualidade histórica quedásemos nós nos emprazamentos dos que agora dispoñemos. É máis, antes de producirse o último crecemento das grandes urbes, moitos dos nosos colexios quedaban ás aforas. Ao ser centros concertados veñen alumnos de toda clase e condición, cunha total liberdade. Podo dicir que nunca tivemos problemas nese sentido, agás os que poda ter calquera outro centro educativo.

Como acolleron a implantación da educación para a cidadanía?

A nivel estatal indicóusenos que a podíamos impartir en función do carácter dos nosos centros. Nos puxémonos a favor de que se estudase esta materia que ten unha elevada cantidade de temas. É certo que existen algunhas diferenzas. O único que pretendemos e impartir esta materia de acordo co noso ideario. O feito de estar a favor de que se impartise Educación para a Cidadanía creounos algún problema cun pequeno sector da Xerarquía que non entendía a nosa postura. Escolas Católicas está a favor de que se estude esta materia, salvando sempre a opción dos pais. Nos nosos centros estase a impartir sen ningún problema. Os alumnos que fagan obxeccións son atendidos nese horario con outras actividades.

Tamén divulgan moito a lingua galega...

Os nosos centros cumpren a normativa. Aspiramos a que se dean as materias correspondentes a actual lexislación. Promovemos a simpatía e o cariño cara a lingua galega cun gran número de actuacións. Creamos o premio Pai Sarmiento de lectura, no que os alumnos len libros en galego e dámoslle un galardón ao autor elixido polos estudantes. Facemos tamén a festa da lingua nunha localidade distinta. Este ano xuntamos a 5.000 alumnos no recinto de Fexdega, en Vilagarcía. Tamén celebramos xornadas encamiñadas á normalización lingüística do noso profesorado, nas que lles damos charlas teóricas e proporcionámoslle o último material que chega ás nosas mans para que o proceso de estudo se faga nas mellores condicións.

Que porcentaxe de materias imparten en galego?

Iso é moi difícil de cuantificar, pero tratamos de cumprir o decreto. Chegamos ao 50 por cento e se se supera é positivo, xa que o castelán non está en perigo en Galicia, quen o está é a lingua galega. Os nosos alumnos van aprender castelán aínda que non teñan materias neste idioma por unha cuestión moi sinxela. Os rapaces viven nun medio no que predomina a lingua castelá. Os medios de comunicación están no mesmo idioma e tamén as novas tecnoloxías. Todo o que se faga a favor do galego permitirá que sexa máis valorado e máis querido.

Pero o seu labor non se limita tan só a impulsar o galego no ensino...

Efectivamente. Na labor pastoral estamos promovendo material en lingua galega. A nosa fala non debe limitarse tan só ao ensino, hai que levala tamén á catequese e a todas as actividades de carácter relixioso, no que polo de agora contamos con moi poucos medios e non está todo o espallado que debese. Nos sacamos material audiovisual, canción relixiosa e todo o que estamos encontrando de relixioso en galego. Estamos facendo outro equipo na Pastoral para a divulgación da lingua, que é un eido moi importante da vida relixiosa.
?O galego é a lingua que está en perigo'
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 09-11-2008 18:07
# Ligazón permanente a este artigo
Vocabulario multilingüe de economía
En galego, inglés, castelán, catalán i euskera

Recurso desenvolvido no marco do proxecto de investigación RICOTERM2: Control terminolóxico e discursivo para a recuperación de información en ámbitos comunicativos especializados, mediante recursos lingüísticos específicos e un reelaborador de consultas (HUM2004-05658-C02-00), financiado polo Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía, dentro do Programa Nacional de Promoción Xeral do Coñecemento (2004-2007).
Institucións participantes:

* Euskal Herriko Unibertsitatea (UPV/EHU).
* Universidade de Santiago de Compostela (USC)
* Universitat Pompeu Fabra, Institut Universitari de Lingüística Aplicada (IULA-UPF)
* Universiteit Antwerpen (UA)

Vocabulario multilingüe de economía
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 05-11-2008 17:32
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0