boas e xenerosas


Unha escolma de artigos, entrevistas, estudos, novas, opinións, reportaxes... boas e xenerosas



GALEGO DE SEU(Web)


Colazo
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Intervención de Carod-Rovira na presentación de 'Guía de Viños' no Centro Galego
[21/01/2007 21:16] Hai uns días presentábase no Centro Galego de Barcelona a Guía de viños, augardentes e bodegas de Galicia 2006-2007. Entre os persoeiros que interviñenon no acto estaban Eduardo Pardo Pereira, presidente de Sumillers Gallaecia, Luis Paadin e Xosé F. Lorenzo, coordinadores da Guía, José María Campos, xornalista, e o Vicepresident da Generalitat, Josep-Lluís Carod-Rovira. O político catalán mostrou na súa entrañábel intervención tanto os seus coñecementos de lingua galega, como xa fixera noutras ocasións, como o gusto polo viño e o augardente da terra. Podedes ler aquí o texto íntegro da intervención, cedida amabelmente por Carod-Rovira.


O feito de ter nas mans esta Guía de viños, augardentes e bodegas de Galicia 2006-2007 é a demostración tanxible da preocupación por parte dos membros das denominacións de orixe e dos expertos galegos en dar a coñecer o froito de moitas, moitísimas horas de duro traballo. Un traballo que comeza ulindo a terra, o vento, o sol, a chuvia e remata co tempo, nunha copa de viño. Unha copa de viño que ó saboreala nos conta todo o seu pasado, toda a súa historia, un caldo que nos invita a saborealo presente e a saborear o futuro.

Hoxe, en todo o mundo, fálase do concepto do valor engadido que representa a Denominación de Orixe dun produto. A orixe do viño é a orixe das xentes que o crearon e por tanto, teñen a mesma historia. Refírome á personalidade do viño. O viño fano as persoas y envellece con elas. Os caldos galegos teñen ineludiblemente a personalidade e o selo do pobo galego. Dende as Rías Baixas, pasando pola Ribeira Sacra e acabando en Ribeiro, o viño é galego, o viño fala galego. Esa é a diferenza que comporta o selo da denominación de orixe. A denominación de orixe das xentes ten moito que ver coa tradición, cos costumes, e coa cultura propia que se aplica no momento de entender o mundo dende un ángulo distinto, dende o diferente. Non é o mesmo degustar un Bordeos que un tinto de Valdeorras; o aroma a grosella, ou a mora do viño de Valdeorras é precisamente a diferenza, o valor engadido da súa denominación de orixe.

Cando a maior parte dos consumidores teñen que elixir qué viño escoller, debido á falta de información, nunha alta porcentaxe de casos, vanse ó seguro e escollen un Rioxa ou un viño francés, unhas D.O. sen ningunha dúbida de demostrado prestixio. Non todo o mundo coñece que existen viños tanto ou máis excelentes, como son os viños galegos, ou os cataláns. Caldos que comezan a sorprender nos circuítos internacionais do sector.

Temos que transmitir ós consumidores todos os valores que se teñen invertido en cada botella de viño. Soamente así conseguiremos plenamente que o ciclo que comeza nunha cepa e acaba no padal dos máis esixentes sexa un traballo ben feito. E precisamente o traballo é unha calidade sobradamente coñecida do pobo galego.

É agora o momento de destacalos puntos de encontro que temos para mellorar a nosa competividade e por suposto o incremento das exportacións dos nosos produtos.

Os galegos e os cataláns tivemos os mesmos mestres: foron os romanos quen nos ensinaron a facer viño, é lóxico pois que agora sigamos intercambiando experiencias entre os nosos pobos. Falo de impulsar convenios comerciais, convenios en investigación. A Facultade de Enoloxía de Tarragona (da Universidade Rovira i Virgili) foi a primeira do estado en impartir estudos especializados en enoloxía. Esta facultade actualmente ten acordos de intercambio con universidades de Bordeos ou A Rioxa. Por que non telos con Ourense? Temos ferramentas de traballo para compartir proxectos, como por exemplo os protocolos de cooperación en materia lingüística firmados este pasado ano.

Axudémonos a medrar. Xuntos podemos conseguir cambiar a tendencia na elección do consumidor. Os nosos viños deben ser referencia obrigada cando se fale de calidade.

A Guía de viños, augardentes e bodegas de Galicia 2006-2007, que hoxe presentamos, é sen dúbida un gran paso neste senso porque é un xesto de afirmación de calidade galega e de autoestima. Pero despois desta guía temos que dar outros pasos e seguir avanzando ata lograr que esa cultura popular do viño adopte as nosas D.O. como marcas fiables e de prestixio.

Se poñemos enriba da mesa tódalas ferramentas que hoxe temos dispoñibles, escoller, gozar, compartir e recomendar un viño galego, un viño catalán, será dentro de moi pouco, algo natural.

Finalmente, permítanme falar dun xeito mais persoal. Eu teño unha confesión para facer hoxe, entre vostedes. Na miña casa, despois de xantar, despois da cea, sempre teño un bo augardente. E con meus mellores amigos, a mellor compañía e un bo augardente. Galego, naturalmente.
Intervención de Carod-Rovira na presentación de 'Guía de Viños' no Centro Galego
Comentarios (1) - Categoría: somos unha potencia - Publicado o 07-11-2007 22:01
# Ligazón permanente a este artigo
Galicia: Ser e non ser
MANUEL RIVAS LUCES

Non esquezamos que Galicia é un "país hamletiano", que dixo Valle-Inclán, e non nos estrañe, pois, que o censor e delegado do ministerio de Información e Turismo, Serrano Castilla, ameazara con fusilar ao máis célebre personaxe de Shakespeare. Eu tiña unha versión: "Vou levar a don Hamlet ao paredón!". Cóntame alguén que a expresión aínda foi máis precisa: "Vou levar a ese incerto señor don Hamlet ao paredón!". Sucedeu na Coruña do ano 1959. E iso que Álvaro Cunqueiro, o autor da recreación, non era precisamente un desmandado. Mais tiña o estigma dunha patria de náufragos: non había quen lle borrara, como a Urbano Lugrís, aquela bohemia saudade dos soños perdidos. Ser ou non ser? En Galicia o dilema resólvese cunha dobre nacionalidade histórica: Ser e non ser. Temos días de ser e días de non ser. En xuño de 1936 o pobo galego aprobou en referendo o seu primeiro Estatuto. No fermoso preámbulo dicíase que Galicia acadaba ese autogoberno "sen combater nin odiar". Unha alta declaración de política e de estilo. Que saudade! Logo veu o gadañeiro, a produción de odio a esgalla, e xa non houbo outro xeito de ser que o non ser.

Na transición democrática, co debate do novo Estatuto, volveuse ao dilema de ser ou non ser. A forza dominante era entón a UCD. Tiña en número de votantes a maioría absoluta en Galicia. A dirección estatal do partido negoulle a Galicia a consideración de nacionalidade histórica, que se recoñecera a Cataluña e Euskadi. E entón, entre outras cousas, apareceu un dos homes do Partido da Saudade, Domingo García-Sabell, e escribiu en El Ideal Gallego un artigo ao estilo do Eu acuso de Émile Zola, o titulado O aldraxe. Tivo un efecto fulgurante, porque había xentes de talla na UCD galega que non quixeron actuar como subalternos e foron quen de chantarse con dignidade diante da xefatura. Souberon ver que ese aceno de liberdade era decisivo, non por motivos semánticos, senón polo fondo calado democrático. E saíu o ser nacionalidade histórica. Ningún dos convocados no Monte Pío o pasado mércores, para a reforma e ampliación do Estatuto, debería terse levantado da mesa ata acadar un acordo. Seguir a divisa do intelixente conservador Mc Millan: "A paciente deliberación desenreda calquera nó".

Non se poden estragar anos de tempo, ese ben público, desta maneira. O diagnóstico é ese: Galicia perdeu o tempo. Grandes reservas e depósitos de tempo. A canto vai o quilo de tempo público? Cal é o valor comunitario dos anos perdidos por mor dunha facción? Home, xa se sabe que sermos somos, sendo e non sendo. Mais volvemos ao nefasto tempo do Ir Tirando.

Cómo lles vai?, preguntaba madame Paulais, a profesora que lle aprendeu francés a moitos cascarilleiros (cascarilleiro, para quen non o saiba, é o xeito garimoso de nomear os coruñeses).

- Imos tirando, madame!

Esa era a resposta que máis a anoxaba. Púñase furiosa: "Tirando? De qué van tirando? Estes galegos sempre tirando de non se sabe que!".

Á parte de seguir tirando, eis unha boa pregunta: De qué imos tirando?

Ese é o grande erro de Mariano Rajoy e Núñez Feijoo: Veñen de refundar a nación. Agora si que somos nación. Xa temos saudade de nación irónica. E para ir tirando, o Partido do Tempo Perdido.

A SAUDADE IRÓNICA

Nantes. Francia. Noite de fin de ano. Cincocentas persoas, autoconvocadas pola Rede, maniféstanse contra a chegada do 2007. De vivilo, canto non habían de rir xuntos António Sérgio e Teixeira de Pascoaes, que mantiveron a máis brillante e aguda polémica de todos os tempos verbo da saudade. Unha controversia na que regañaron os dentes. E é que Teixeira foi en demasía lonxe. A saudade non só sería unha vía de coñecemento, senón que avogou porque fora unha especie de filosofía oficial do Novo Estado. Como Heidegger, confundiu a poética cunha perigosa metafísica: "Máis que para discutir eu nacín para afirmar. Nin as grandes verdades se discuten: afírmanse". António Sérgio, republicano, librepensador, herdeiro da Ilustración -e quen, por certo, pasou como profesor pola Universidade de Santiago- albiscou no saudosismo un fondo reaccionario e tamén un motivo para a brincadeira e o humor: "Vostedes, propietarios uns, profesores outros, vivindo toda a vida sen grandes loitas nin paixóns, de qué raio teñen saudade vostedes, santo Deus?". Teixeira clamaba: "Alma! Alma! Alma! é o que nos falta, meu caro António Sérgio". E o racionalista dille: "Non é de Europa, amigo meu, que me veñen horas de escepticismo; é de Portugal e dos portugueses". Quen os viría xuntos agora, en Nantes, a manifestarse contra o Aninovo!

A esperanza nun mundo mellor deixou de estar instalada automaticamente no futuro previsíbel. A nova saudade reivindica outro tempo, que non ten que ver co cronos. O tempo poético. O tempo surrealista. O tempo situacionista fronte ao tempo consumista e consumido. O valor do tempo ecolóxico fronte á velocidade da desfeita. Xa ninguén cre, agás Francis Fukuyama e Pedro Arias, na marcha imparábel do Progreso, segundo o dogma capitalista. Aquí o único progreso que progresa con sentido común é El Progreso de Lugo. Algo axudan tamén as esquelas.

A filosofía da saudade esmoreceu en Galicia despois da Xeración Galaxia, pero en Portugal acadou novos azos con Eduardo Lourenço, o pensador de maior proxección internacional, tan fondo de coñecedor de Fernando Pessoa (Pessoa revisitado) como de Franz Kafka ou Albert Camus. Autor da moi traducida Mitologia da saudade, Eduardo Lourenço, premio Europa de Ensaio en 1988 e premio Camões no 2001, é un dos que máis ten desenvolvido a idea de saudade de futuro. Así, a saudade expresaría un sentimento de perda mais tamén o espazo do desexo. Proba é que a saudade ten o seu máis forte vínculo co campo da felicidade que co da desgraza.

DE QUÉ TEÑEN VOSTEDES SAUDADE?

Esa é unha boa pregunta para definir a un pobo: De qué teñen vostedes saudade? Hai saudades persoais, que se cadra son as máis importantes. Eu teño saudade de ti, meu ben. Mais tamén hai saudades máis ou menos compartidas. Saudades que non teñen por qué explicarse. Saudades que son e xa está. Pásalles como aos poemas ou as cadros. O que se di na Ars poetica de Archibald MacLeish: poema non debería significar / senón ser. Os poemas de Uxío Novoneyra son. Eu con eles xa teño unha nación, un cosmos e unha constelacion. Mesmo hainos que son e non son:

Esta tarde o aire é meu amigo

Voume sumindo sumindo.

Si o aire quer

chegarei a non ser ninguén.

AS MIGAS

- A perruqueira. Ana María Ríos foi a Cancún de lúa de mel e metérona no caldeiro. Despois, por riba, as linguas murmuradoras dixeron que estaba anoréxica. Eis, en Interviu, a belida ironía, a retranca do corpo espido e e o espírito dunha Escarlata O`Hara da Era Inmobiliaria: "Xuro que nunca máis pagarei unha hipoteca!".

A canción. A saudade está á espreita en todas partes. Ando pola rede, petisco n' As uvas na solaina, o blog que vendima con ilustrada saudade Marcos Valcárcel, e logo voume ao inferniño do foro de Arroutada, a ver como vai o Índice Galego de Rexouba. Mais o que atopo alí é un bo consello: chuzar en YouTube e escoitar a Merle Haggard e Johnny Cash cantando Sing me back home. O día que morra, cantádame de volta á casa. Carallo coa saudade!

Urxencias. Pasámonos a vida en urxencias. A urxencia de marchar, a urxencia de volver. Residuos radioactivos. Vacas tolas. Mareas negras. Todo o dobre sentido: somos un país hospitalario, de hospitais. Onde as dores andan polos corredores. Nación de urxencias, si.

Estatuto final. A xeito de limiar consensuado, a bíblica frase: "Somos como nación de uvas, só cando nos esmagan damos o mellor de nós".
Galicia: Ser e non ser
Comentarios (1) - Categoría: autoodio/autoestima - Publicado o 07-11-2007 21:57
# Ligazón permanente a este artigo
A persecución do galego durante o "Franquismo"
"O BOE do 21/05/1938 publica unha orde na que se afirma que a España de Franco non pode tolerar agresións contra a unidade do idioma, nen a imposición de nomes que pugnan coa sua nova constitución, e por iso proibe a utilización de nomes que estean expresados en idioma distinto ao oficial castellano, que entrañen unha significación contrária á unidade da patria ou non figuren no Santoral Romano."

Ler o artigo completo na ligazón de abaixo
A persecución do galego durante o "Franquismo"
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 07-11-2007 21:47
# Ligazón permanente a este artigo
Dous mil anos de Galicia: O feito diferencial galego (no Dereito)
"Desde hai dous milenios, cando se falaba da existencia dunha entidade coñecida co nome de Gallaecia, e ata a Galicia do século XXI, sempre existiu neste territorio un sistema xurídico. A pregunta é en qué medida este sistema recolleu ou non as especificidades da identidade galega, ou sexa, se a lei, o costume,..."

Seguir lendo na ligazón de abaixo
Dous mil anos de Galicia: O feito diferencial galego (no Dereito)
Comentarios (1) - Categoría: historia - Publicado o 07-11-2007 21:45
# Ligazón permanente a este artigo
A igrexa desde a base
"Defenden o matrimonio homosexual, a igualdade de homes e mulleres e o celibato opcional. Os Crentes Galegos queren renovar o "avellentado" e xerárquico modelo maioritario"

Seguir lendo na ligazón de abaixo
A igrexa desde a base
Comentarios (1) - Categoría: relixión - Publicado o 07-11-2007 21:40
# Ligazón permanente a este artigo
Piden unha investigación sobre os galegos mortos en campos nazis
16.11.2006 Os tres grupos parlamentarios apoian a iniciativa ·· O BNG destaca que, de 191 cidadáns de Galicia deportados, 111 morreron nos campos de exterminio

REDACCIÓNSANTIAGO

PPdeG, PSDEG e BNG instan á Xunta de Galicia a promover unha investigación histórica dos galegos deportados nos campos de concentración nazis durante a II Guerra Mundial, así como a reivindicar a súa memoria e recordo nas conmemoracións do Ano dá Memoria.

Así, aprobaron por unanimidade os tres grupos con representación na Cámara galega unha proposición non de lei do Grupo parlamentario do BNG, na que os nacionalistas indicaron que 191 galegos foron deportados en campos de concentración nazis, dos que 111 faleceron neles, 13 desapareceron e 67 foron liberados en 1945.

Segundo o BNG, uns 46 procedían de diversas localidades da provincia da Coruña, 21 da de Lugo, 22 de Ourense e 22 de Pontevedra e, segundo puntualizaron os nacionalistas, todos eles foron reducidos a cinzas nos fornos crematorios dos campos nazis de Mauthausen.

Os deportados galegos -obrigados a levar o triángulo azul que os distinguía como apátridas porque o Estado español negoulles o recoñecemento da nacionalidade- eran de Betanzos, Ferrol, A Pobra, Ribeira, Sarria, Viveiro, Lugo, Castro Caldelas, Maceda, Entrimo, Ribadavia, Bueu, Pontevedra, Redondela, Vigo, Vilagarcía e Vilanova de Arousa, entre outros.

Xosé Ramón Paz Antón recordou que os primeiros prisioneiros galegos chegaron ao campo de concentración de Mauthausen o 6 de agosto de 1940.

O DATO
Capítulo heroico
Paz Antón insistiu en que todos eses galegos "escribiron un capítulo heroico" nos campos nazis, polo que reiterou a reivindicación de renderlles unha homenaxe a todas esas persoas .
Piden unha investigación sobre os galegos mortos en campos nazis
Comentarios (1) - Categoría: historia - Publicado o 07-11-2007 21:14
# Ligazón permanente a este artigo
O ensino privado relixioso reúnese para potenciar o galego
[16/01/2006 16:23] Este venres celebrouse a I Xornada de Normalización Lingüística da Federación de centros de ensino relixiosos, durante a que se presentou unha campaña de dinamización dirixida aos pais. A Xornada tiña previsto contar coa participación da secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, que finalmente non asistiu. A Federación agrupa en Galiza 127 centros de educación.


A xornada, dirixida ás comunidades educativas dos centros de ensino relixiosos de Galiza, busca conseguir unha maior claridade nas accións que emprenden os servizos de normalización dos colexios. Para iso contaron coa participación do xefe do gabinete de Normalización de Ourense, Xosé Antón Calviño, e do presidente da Mesa pola Normalización, Carlos Callón, que analizaron a capacidade de normalización que teñen as entidades privadas do ensino. O escritor e profesor Agustín Fernández Paz falou da repercusión das actitudes lingüísticas no ensino para pechar unha xornada matutina de conferencias que estaba previsto que iniciara a secretaria xeral de Política Lingüística Marisol López.

Á tarde, a FERE-CECA presentaron as súas campañas de normalización para este curso. A máis importante é a que se centrará nas familias, e terá como obxectivo concienciar os pais e nais dos alumnos das vantaxes prácticas que ten un bo coñecemento do galego. Entre elas menciónase que un ensino bilingüe facilita a aprendizaxe posterior doutras linguas, a inserción social e económica, as saídas laborais, as posibilidades que se lle abren aos rapaces na Lusofonía, e a identidade no seo da Unión.

Tamén presentaron a II edición do premio literario Frei Martín Sarmiento, o CD de cancións para a pastoral Cantando a nosa fe, e mais o CD para o profesorado con ferramentas para a docencia 'Son un labrego... do tempo dos sputniks'. A Federación agrupa en Galiza 127 centros de ensino situados en toda Galiza.

Documentos anexos:
Tríptico da campaña dirixida aos pais e ás nais
O ensino privado relixioso reúnese para potenciar o galego
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 07-11-2007 21:06
# Ligazón permanente a este artigo
ESTATUTO.- Mariano Rajoy era deputado cando se aprobou por unanimidade o ?deber de coñecer o galego?
ESTATUTO.- Mariano Rajoy era deputado cando se aprobou por unanimidade o ?deber de coñecer o galego?

[23/11/2006]

Hoxe compareceron en conferencia de imprensa Carlos Callón, Presidente da Mesa, e Francisco Rei, Coordenador de Zonas, para reclamarlle publicamente ao grupo parlamentar do PP que non obstaculice que o galego teña o pleno recoñecemento como lingua oficial en Galiza e facer un chamamento á militancia e á base sociolóxica deste partido político para que non consinta esta discriminación do noso idioma. Nas palabras dos dirixentes da Mesa, ?ningún galego e ningunha galega, fale a lingua que fale, poderá entender que o noso Estatuto poña a lingua de Galiza co recoñecemento xurídico máis precario de todo o Estado, por detrás non só do castelán, senón tamén do catalán, o basco e mesmo o aranés.?

A Mesa lembra que o consenso ao que chegou o Parlamento Galego en 1983 sobre a Lei de Normalización Lingüística (LNL) é que o galego debe ser recoñecido como ?dereito de uso e deber de coñecemento?, no mesmo nivel que o castelán. Daquela, a maioría absoluta no Parlamento era Popular e Mariano Rajoy exercía como deputado.

A Mesa reeditou 70.000 cartóns postais para que a cidadanía participe neste debate (a primeira tiraxe, de 30.000, xa está esgotada), facéndolle chegar as súas reclamacións de primeira man aos grupos parlamentares. Esta campaña xa tivo numerosas presentacións e actos públicos en diversos puntos de Galiza, mais vaise intensificar nos próximos días.

A Constitución de 1978 di no seu artigo 3.2: ?As demais linguas españolas tamén serán oficiais nas respectivas comunidades autónomas de acordo cos seus Estatutos?. O Tribunal Constitucional anulou o ?deber de coñecemento? na LNL de 1983 porque tal recoñecemento ten que aparecer no Estatuto. Agora é o momento de retomar o consenso de todas as forzas políticas para garantir a igualdade xurídica para o galego, xa con todas as garantías.
ESTATUTO.- Mariano Rajoy era deputado cando se aprobou por unanimidade o ?deber de coñecer o galego?
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 07-11-2007 20:47
# Ligazón permanente a este artigo
Portugalizar

Portugalizar
Portugués para galegofalantes
Autores: Ramos, Elisabete (Autor/a)
Colección: DIDÁCTICA E OUTROS MATERIAIS EDUCATIVOS>MANUAIS DE LINGUA GALEGA>Cursos de Lingua/Gramática/Ortografía
ISBN: 978-84-9782-473-6
Código comercial: 1340040
Prezo sen IVE: 20,19 ?
Prezo con IVE: 21,00 ?
Páxinas: 152
Formato: 21,10 x 29,70
Encadernación: Rústica cosido a fío
Ano de publicación: 2006
Portugalizar
Comentarios (1) - Categoría: reintegracionismo, o galego internacional - Publicado o 07-11-2007 20:04
# Ligazón permanente a este artigo
A ecoloxía das linguas
As linguas non pesan. Non son un lastre para quen as leva. Pola contra, son elas as que levan o peso da historia enriba da cabeza. Móvense por unha sorte de enerxía interior, alternativa. O xeito en que traballan as verbas, a maneira de elas viviren, é moi semellante á relación que ten a avelaíña coa lámpada na noite. Porén, malia non ter peso, as linguas pertencen á natureza. Mesmo son o enxerto máis logrado e actúan coma o pole para a semente. Verbo desa fecundación, quixera lembrar que na lingua galega os seres máis nomeados son dous cativos coleópteros. O vagalume (de nome científico, lampyris nocticula) é chamado de máis de cen maneiras diferentes e algo semellante ocorre coa xoaniña (coccinella septempunctata). O vagalume emite luz. A xoaniña, coa súa forma esférica e sete puntiños mouros sobre o vermello dos élitros, trae a boa sorte se se pousa na man. O vagalume e a xoaniña escasean agora por mor dos herbicidas.

Unha lingua é comparábel a un senlleiro ecosistema. Se sentimos noxenta a queima dun bosque amazónico ou a seca dun río, cómo ser insensíbel ante a vida das linguas!

Non hai fotografías das linguas feridas, das verbas fanadas, mais cada unha desas perdas deixa un cráter na boca da humanidade, unha chaga na gorxa da historia. Se tiveramos esas imaxes, serían estarrecedoras. Porque as linguas non son abstraccións nin simples artificios gramáticos. Teñen corpo e alma, que non van esgazados o un da outra.

A vida das linguas é unha metáfora das nosas vidas.

Hai dous espazos contrapostos no fondo submarino das rías galegas. O que os mariñeiros chaman almeiro, os lugares de cría e desove, un erótico leito de cores, e aqueloutro que chaman a marca do medo, as furnas do baleiro onde domina o silencio e os peixes non entran pola memoria do esquilmo. Cada lingua é un almeiro fronte a marca do medo, un viveiro fronte o baleiro uniformizador.

Entrado o século XXI, hai dous eixos nos que basear a civilización: o cultivo dos dereitos humanos e o da bio-diversidade no mapa da natureza e das culturas. Eses dous cultivos están entrenzados e son hoxe a primeira proba de civilización, de calidade democrática.

Por que o vagalume e a xoaniña eran os seres máis nomeados? Quizais polo instinto das linguas, á procura da luz e da sorte.

Manuel Rivas
A ecoloxía das linguas
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 07-11-2007 19:51
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0