boas e xenerosas


Unha escolma de artigos, entrevistas, estudos, novas, opinións, reportaxes... boas e xenerosas



GALEGO DE SEU(Web)


Colazo
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Galego práctico
Plácido Lizancos Santos
Dedícolles estas sinxelas normas onde máis erros se cometen, no Día das nosas letras, a aqueles que pola súa alta investidura deben dar exemplo de ben falar..


Outra grande dificultade, para os casteláns falantes e algúns indíxenas tamén, é a CORRECTA COLOCACIÓN DO PRONOME NA FRASE.

Ó pensaren en castelán falan tamén, sen se decataren, coa estrutura desta lingua. Deste xeito caen nun dos erros que máis se dá a cotío. Mesmo en moita xente que fala galego porque sufriron a "contaminación" da lingua irmá.

VEDE LOGO O SEGUINTE: Os pronomes persoais: ME, CHE, TE, LLE, NOS, VOS, LLES, O, LO, A, LA, coas súas correspondentes contraccións: CHO, MO, LLO, LLELO, etc. que veremos noutra lección, poden ir DIANTE ou DESPOIS do verbo.

O máis difícil mesmo para os galegos falantes.

A correcta colocación destes pronomes, é dicir, o sabermos cando deben ir ANTEPOSTOS ou POSPOSTOS ó verbo, fai que o Galego práctico de hoxe sexa moi importante.

BEN COLOCADOS: MAL COLOCADOS:

1- Contouche un conto. 1- Che contou un conto.

1´- Non che contou un conto. 1´- Non contounche un conto.

2- Díxome todo o que sabía. 2- Me dixo todo o que sabía.

2´- Xa me dixo todo o que sabía. 2´- Xa díxome todo o que sabía.

3- Gustoulle o mar. 3- LLe gusta o mar.

3´- Tamén lle gusta o mar. 3´- Tamén gústalle o mar.

4- Déunola túa nai. 4- Nola deu túa nai.

5- Contárono os amigos. 5- O contaron os amigos.

6- Vímolas hai días. 6- As vimos hai días.

6´- Cando as vimos hai días. 6´- Cando vímolas hai días.

7- Vinas na rúa. 7- As vin na rúa.

7´- Nin as vin na rúa. 7´- Nin vinas na rúa.

Debe ir o PRONOME DIANTE DO VERBO nestes casos:

1- Nas frases exclamativas ou desiderativas. Exemplo: a) Que Deus te axude. b) Un raio te parta.

2- Nas oracións introducidas por QUE ou SE, oracións subordinadas. Exemplo: a) Dille que me dea o libro. b) Se vos ven, berrade.

3- Nas frases introducidas por pronomes indefinidos, interrogativos ou exclamativos: Exemplo: a) Ninguén te avisou. b) ¿Cando che levou por isto?. c) ¡Como me doen as moas!

4- No infinitivo ou no xerundio o pronome pode ir diante ou despois. Exemplo: a) Hai que mercalo ou Hai que o mercar. b) Estaba chamándome ou Estaba me chamando.

5- Cando as oracións van introducidas por adverbio. Exemplo: a) Cando te chame, contesta. b) Tamén te escolleron.

ERROS MÁIS COMÚNS:

Cómpre ter presente que en xullo de 2004 a Real Academia Galega aprobou unha serie de modificacións nas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego con respecto ó aprobado nos anos anteriores, a primeira do ano 1982. Esperamos que sexan as derradeiras, non as últimas. Así debemos dicir:

1. A PARTIRES DE: Debe dicirse a partir de....(É unha locución prepositiva). Non existe a partires, está mal porque está usado como un falso infinitivo. Está ben se se di: De partires (ti) cedo... chegarías a tempo. Está ben tamén cando se di a partir de mañá viremos ás oito. Pero moi mal a partires que se oe moito na TVG, na radio e que se le na prensa. Escoitámolos con moita frecuencia.

2. A PESARES: Debe dicirse a pesar de... (É unha locución prepositiva). Non existe a pesares. Non existe esta expresión en galego. É un erro moi común. Pode ser infinitivo conxugado do verbo pesar: Exemplo: De pesares 80 kg. Entrarías no concurso. Exemplos: A pesar de non poder, fixérono. Tamén existe: A pesar de (que) (locución conxuntiva). Exemplo: Equivale a non obstante=A pesar de que non pode, quéreo facer.
Galego práctico
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 08-11-2007 13:02
# Ligazón permanente a este artigo
Gabriel Rei Doval: "Precisamos asenta-la convicción de que galego é sinónimo de plenitude e progreso, ademais de riqueza"
O autor presenta no Consello da Cultura o seu estudo "A lingua galega na cidade no século XX"
[GZnación / Montse Dopico / 5 Xul 07]


O profesor de sociolingüística na Universidade de Wisconsin Gabriel Rei Doval, autor da obra 'A lingua galega na cidade no século XX', que vén de ser publicada por Xerais, amósase "totalmente de acordo" co presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro, en que se debe actuar "sobre tódolos ámbitos sociais, e non só o educativo" para fomentar o uso do galego. O discurso centrouse demasiado na escola, segundo este experto, cando a chave reside na "familia, os amigos e o barrio". Rei Doval presenta a súa obra hoxe ás 13 horas no Consello da Cultura Galega.

Ler a entrevista na ligazón de abaixo
Gabriel Rei Doval: "Precisamos asenta-la convicción de que galego é sinónimo de plenitude e progreso
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 08-11-2007 12:46
# Ligazón permanente a este artigo
Triste país o noso
MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO

Leo un vello artigo de Barreto Rocha titulado O Brasil fala a língua galega. Para o autor a Galiza é un país que ten unha historia de 2.000 anos polo menos e que posúe un idioma consolidado hai mil aproximadamente. E engade que Portugal, como un todo, existe como Estado hai a penas oitocentos anos, ?e recebeu a língua evoluída do latim desde o Norte?. E engade aínda: ?Logo, o idioma português é verdadeiramente a língua galega que foi ligeiramente modificada?. O certo é que Manuel Murguía entendeu o idioma portugués como o galego ?elevado á condición de idioma nacional? e Barreto Rocha transmítenos a conclusión, que é pura certeza e realidade científica, de que no Brasil se fala galego. Xa dixera Castelao aquilo de que ?o galego é un idioma estenso e útil, porque ?con pequenas variantes? fálase no Brasil, Portugal e nas colonias portuguesas?, e sobre este tema calquera cidadán galego informado e culto estará de acordo e non terá nada que obxectar. ¿Onde está pois o problema? Un país como o noso, que é berce dunha lingua universal que se fala hoxe, coas súas pequenas ou mínimas variantes, nun grande Estado americano como é o Brasil, non sabe ver ou non quere recoñecer ?velaí os seus axentes políticos institucionais? o tesouro que significa posuírmos un idioma propio de tan amplo espectro e con tanta significación internacional. ¿Imaxinan vostedes a unha Catalunya cuxo idioma se falase en varios estados sumando máis de 220 millóns de falantes? ¿Que política levarían a cabo os cataláns a partir deste feito? Pois ben, aquí, entre nós, aínda hai xente que está en contra de que exista, no plano oficial, o ?deber? de coñecer o galego como lingua. Desprézase o idioma no seu lugar de orixe, na súa patria, na súa ?natio?. Non se ten conciencia do que significa a nosa lingua, do valor que posúe en si mesma, da súa inmensa utilidade. Se os cidadáns e os políticos que nos representan non corrixen isto, Galiza deixaría perder o seu sinal de identidade verdadeiramente internacional e transcendente.
Triste país o noso
Comentarios (1) - Categoría: reintegracionismo, o galego internacional - Publicado o 08-11-2007 12:40
# Ligazón permanente a este artigo
Obreiras, tolos, escolares, poetas. A lingua galega nas cidades
20/05/2007

Non é propósito destas liñas adoptar a típica pose intentada xa no maio do 68 francés dunha alianza efectiva entre a clase obreira e a intelectualidade. Mais unha realidade cada vez máis á vista, se falamos do estado de saúde da lingua galega, que o uso «normal» da lingua (enténdase «normal» nun senso amplo, sometido desde logo á dinámica da diglosia) está cada vez máis polarizado arredor destes dous ámbitos: as clases baixas e o mundo cultural. Ámbitos que, por outra parte, no panorama social do país viven perpetuamente de costas un ao outro. O obreiro non distingue o traballador da cultura de calquera outro membro da clase acomodada. O traballador da cultura pensa no obreiro como o portador esencial duns valores que non sabe detectar. No entanto, a planificación normalizadora debería incluír entre os seus propósito básicos a conexión destes dous colectivos de intereses non tan opostos como pode parecer.

Salta á vista que non estamos a falar de ámbitos homoxéneos nin totalmente delimitábeis: para definir que é e quen fan parte da clase baixa hai uns criterios estabelecidos de base económica. E datos concretos: máis do 50% da clase baixa e máis do 40% da media-baixa son monolingües en galego. Mais, como definir axeitadamente o mundo cultural? Calquera criterio escorréganos entre os dedos: factores económicos?, políticos?, educacionais talvez? Non é doado. E, porén, todo o mundo ten na cabeza, sexa con criterios até certo punto impresionistas, o papel xogado historicamente polas elites culturais (de extracto certamente burgués) na defensa consciente da lingua galega. Debemos ver aquí, como nexo común, unha reivindicación identitaria? Non poderiamos ver, mellor, unha asociación política? Os datos deixan entrever que non é ningunha parvada pensar no uso social do galego como fenómeno de clase e que non é gratuíto que se siga a asociar a defensa do galego á esquerda política.

Non debemos esquecer tampouco que estes colectivos están posicionados de diferente maneira na cartografía das cidades galegas: as clases obreiras habitan preferentemente os barrios periféricos, mentres os lugares de cultura ocupan o centro urbano. Este é un factor que contribúe ao descoñecemento entre os colectivos, mais que, se os planos de normalización lingüística o saben aproveitar (e a clave aquí está na descentralización), pode tornarse un factor de enorme valor estratéxico: pensemos por un momento o prexudicial que resulta para o galego esta separación entre o lugar onde o galego se fala máis e o lugar onde se fala máis conscientemente.

Cultura popular
Tampouco podemos insistir nunha dicotomía tan clara de tipo socioeconómico ou xeográfico cando o auténtico abismo no uso do galego está na variábel xeracional. Mais esta variábel xeracional ten igualmente unha relación coa clase social e a xeográfica: existe diglosia, madía leva, mais a diglosia non é igualmente efectiva en todos os casos. As rapazas e os rapaces dos extrarradios das cidades e de familias desfavorecidas están, sen dúbida, máis castelanizados do que o están os seus pais ou os seus avós, mais é un grupo social sobre o que se pode actuar en positivo, de saíren adiante propostas de achegamento como as antes explicadas. Lembremos por un momento, con Raymond Williams, que o ámbito da cultura non se pode deixar de lado alegremente cando se analizan as dinámicas internas dunha sociedade, e vexamos a incidencia que certas propostas nadas desde o uso convencido do galego poden chegar a ter neste grupo social: pensamos nas cancións de Os Resentidos, que nun momento dado chegaron a formar parte do repertorio das orquestras, ou nas cancións dos Heredeiros da Crus que, unha década máis tarde, soaban na megafonía dos mercados das vilas. Pensamos en programas da televisión como Mareas Vivas ou Xabarín Club, que tan importantes chegaron a ser nos seus respectivos momentos para xente de todo tipo. Ou nos contacontos. Ou en certo teatro. Deberiamos deixar en suspensión a idea dunha elite e redescubrirmos as posibilidades do traballo na cultura popular.

Un proxecto como este, de callar, haberá de se enfrontar a numerosas dificultades, das que non será a máis pequena a escasa presenza de redes asociativas na poboación galega en xeral. E é que este é un ámbito fundamental para comezar a sementeira: que non todo é televisión. De todos os xeitos, estamos ante un ámbito de acción insospeitado, enorme: conciliar dous colectivos periféricos, cada un ao seu xeito, nunha viaxe común: a normalización lingüística.


Gañador do III Premio a artigos xornalísticos normalizadores. Concello de Carballo 2007.
Obreiras, tolos, escolares, poetas. A lingua galega nas cidades
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 08-11-2007 12:38
# Ligazón permanente a este artigo
Provocar un pouquiño
ALFREDO CONDE
Os outros días


Teño pra mín que nesta semana aínda non tratamos da lingua. Así que como a mín tamén me gusta que me colguen comentarios ó pé do meu artigo na páxina web deste xornal, imos darlle un pouquiño á mesma, a ver se así. Imos alá.

Esoutro día de aí atrás, hai dez ou así, estando a xantar meu irmao e maís eu a primeiriña lamprea do ano no San Clemente (rica, rica, rica) contabame el, a propósito dos comentarios do día, algo que se me antollou chungo.

Coido que foi na mesma oportunidade na que me deu por falar dos haikus. Aproveitando a ocasión, colgaron poemiñas de todo tipo ó pe do artigo e mesmo houbo quen reflexionou neles por conta de que, en tódolos demáis comentarios, a lingua utilizada era o español e que, había qué ver, malia iso, eu non escarmentaba e seguía a escribir en galego.

Non sei se foi ese mesmo día ou o seguinte, contaba eu dos castelán falantes que me len e me entenden e dos antano galego falantes que fan o mesmo e nin flores. Vaites, vaites. Son, estes últimos, os que ridiculizan a utilización de verbas que non lles "soan". Polbo, por caso. E aínda outras.

Entón, meu irmao, con casa e vida nunha antano moi fermosa viliña mariñeira e hoxe moi estragada vila veraniega, contóume dun seu conviciño que se queixaba en términos idénticos ós que rexeitan polbo da palabra chumbo. "Mira que andarlle a chamar agora chumbo ó plomo!" entón meu irmao, que é oriundo de Allariz, díxolle: "Mira, a mín non me digas nada. Dillo a este que é dos Chumbos de toda a vida". Entón o Chumbo dixo que, claro, ós da súa familia chamabanlle así dende sempre, O Chumbo ó avó, a Chumba a avoa, poisque dende sempre foran fontaneiros e, claro, como andaban con el?

Non quixera ser groseiro, pero si provocar un pouquiño, por conta dos que fan chistes cos polbos ó igoal que o conviciño do meu irmao vía de facelo por conta do chumbo. Entendan que estou a escrebir en galego e non en castelán.

O caso é que, na ría de Pontevedra, cando menos en Marín e por alí, sendo eu rapaz, chamabanlles conas ás dornas. Pois ben, daquela, oín a un mariñeiro que lle pidía a otro que lle botara un polbo na cona á súa muller. Entre os meus amigos, houbo quen quedou moi preocupado: ninguén se revirou e non houbo labazadas, nen sequer o máis lixeiro toquiño de atención.

Meu amigo sabía latín, aquela xente non, pero sí o idioma que falaban. Ben certo é que hai moito tempo delo.

ac@alfredoconde.com
Provocar un pouquiño
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 08-11-2007 12:28
# Ligazón permanente a este artigo
Castelao
Presentación para a asignatura Leadership in Organizations na Southwestern University (Georgetown- Texas). Emprego a teoría do libro The Leadership Experience de Richard L. Daft.
Autor: "O Lucas"
Comentarios (1) - Categoría: nacionalismo galego - Publicado o 08-11-2007 12:24
# Ligazón permanente a este artigo
O Parlamento esíxelle a Madrid que garanta o voto dos mariñeiros embarcados
Acordo unánime dos tres grupos

Bieito Lobeira solicitou que se recoñezan os dereitos civís do colectivo, como acontece noutros estados europeos.
Redacción - 17:51 25/04/2007



O Parlamento aprobou por unanimidade unha iniciativa do BNG a prol de que os mariñeiros embarcados teñan garantido o seu dereito ao voto. A cámara pediralle ao goberno central que se modifique a normativa electoral nese sentido.

O deputado nacionalista Bieito Lobeira afirmou que, na actualidade, un colectivo de máis de 10.000 traballadores non pode votar ?porque o goberno non lles recoñece os seus dereitos civís?. Noutros países, como Suecia, con menos frota pero ?bases democráticas máis asentadas? si se garante o dereito dos mariñeiros a votaren dende o mar.

Lobeira salientou o feito de que os tres grupos, nomeadamente o PP, se puxeran de acordo nunha proposta deste tipo. Malia isto, acusou os populares de actuaren con ?hipocrisía política?, polo feito de que até agora se opuxeran a este tipo de proposicións.
O Parlamento esíxelle a Madrid que garanta o voto dos mariñeiros embarcados
Comentarios (1) - Categoría: en Galiza tamén se pide - Publicado o 08-11-2007 12:11
# Ligazón permanente a este artigo
"Hai que rachar tópicos, temos un empresariado que pensa en clave de país"
BENIGNO PEREIRA, PRESIDENTE DE REDE GALEGA DE EMPRESAS

A pasada fin de semana presentábase á sociedade a nova organización empresarial
R.V - 18:19 24/04/2007



Benigno Pereira, propietario da coñecida marca de queixos Bama, é o presidente da xestora que está a botar a andar a Rede Galega de Empresas. A iniciativa pretende organizar a aqueles profesionais que non se sinten representados por organizacións como a Confederación de Empresarios de Galicia, CEG, e que teñen unha visión diferente ideolóxica: "Hai que rachar tópicos e dicir dunha vez que hai empresariado que pensa en clave de país", explicáballe este martes a Vieiros.

Pereira sinala que o campo empresarial é un dos grandes alicerces do país que queda por normalizar: "O empresariado tamén pode contribuír a que se plasme a nosa realidade nacional e a nosa cultura propia á vez que contribúe a xerar riqueza". Dende Rede Galega de Empresas subliñan que isto non significa que os empresarios compartan unhas siglas políticas: "Loxicamente aquí hai pluralidade como en toda a sociedade e o que nos debe unir é esa visión de país".

Unha idea que leva seis anos xestándose

A iniciativa dunha organización propia para o empresariado galego non é nova. O propio Pereira confesa que "a idea comezou a madurar con conversas entre amigos haberá xa seis anos". O pasado outono varios industriais fundadores decidiron dar un paso á fronte e tecer contactos polas diferentes bisbarras de Galiza. Nestes momentos, unha xestora é a encargada de guiar o proxecto até que teña lugar, posibelmente este mesmo ano, a primeira asemblea.

Dende a Rede Galega de Empresas avogan por un sector que axude a estruturar a sociedade galega: "Chamámoslle rede porque non queremos quedar nunha organización sectorial. Queremos cambiar a imaxe do empresario enfurruñado e camiñar cara unha visión máis solidaria". Mais tamén pretenden que sirva como un foro de contacto entre os industriais do que saian oportunidades de negocio.

Moito interese entre o empresariado

O anuncio da nova organización está a erguer moita expectación entre o empresariado. Pereira confesa que nos últimos días tivo chamadas dende todos os puntos de Galiza pedindo información. Neste sentido, lembrou que o novo colectivo está aberto tanto a pequenas como a grandes empresas e incluso a autónomos. Até o de agora hai douscentos industriais que xa mostraron o desexo de formar parte do colectivo. A nova organización ten o seu domicilio social en Compostela. O vindeiro mes de xuño van comezar unha serie de contactos para presentar a asociación a diferentes consellarías e compañías galegas.
"Hai que rachar tópicos, temos un empresariado que pensa en clave de país"
Comentarios (1) - Categoría: autoodio/autoestima - Publicado o 08-11-2007 12:06
# Ligazón permanente a este artigo
Ensaios nunha nova diáspora
"A nova emigración galega ten un novo xeito de traballar e Barcelona é o eixo da súa innovación. Queren amosar a cultura galega contemporánea en público e participar da realidade social da sociedade catalana. Son galegos, pero tamén gallecs. E a rede .cat é o seu novo experimento de coordinación cultural e un ensaio da nova identidade da nosa diáspora."

Ler a reportaxe completa na ligazón de abaixo
Ensaios nunha nova diáspora
Comentarios (1) - Categoría: diáspora - Publicado o 08-11-2007 12:01
# Ligazón permanente a este artigo
Non é o galego, son os galegos
SUSO DE TORO

A nova administración intenta en serio asumir as competencias, administrar, gobernar en suma, e enfróntase a unha herdanza de ficcións e mentiras. O caso da lingua galega é un máis. A lingua legalmente cooficial e recoñecida no noso estatuto como "lingua propia" de Galicia.

Aínda que en teoría era a administración autonómica a que tiña que garantir que o fose, na práctica non o fixo. O galego foi para queimadas e inauguraciones; lingua ritual. Agora unha estatística máis demostra que tampouco o sistema educativo cumpre coa lei: un "fracaso insólito". Non é exactamente insólito, sabiámolo todos.

Pero basta de descansar todos os problemas sociais no ensino. A escola non é o bálsamo que cura todas as nosas irresponsabilidades. Máis ben é a nosa coartada para non asumilas. E basta tamén de mirar soamente para a administración, esta ou aquela, e para a política: somos nós os que verdaderamente decidimos. O galego está na situación histórica en que está porque a sociedade galega así o está decidindo día a día. Cos condicionantes históricos que tivemos e temos, efectivamente, pero ao final a sociedade sopesa e opta. E estamos optando por que desapareza. E non é un asunto cultural, é unha parte máis dun gran problema: o noso fracaso histórico como país, o fracaso do galego é o fracaso do país dos galegos. Incapaz de dirixirse e solucionar os seus problemas; de ser. O catalán non desaparece, nin o vasco, porque malia non ter estado propio hai vontade política de que o país non desapareza. E hai vontade política porque hai vontade social de que sexa así.

En Euskadi e Cataluña todos saben que para integrarse e ascender socialmente hai que ser euskaldún ou catalán falante. E por iso os pais castelán falantes, en gran parte inmigrantes a esas sociedades prósperas, animan aos seus fillos a que falen catalán. Porque a maioría queremos o mellor para os nosos fillos e adaptámosnos ás regras do xogo vigentes en cada situación ou lugar. Cos fillos non se xoga. O castelán é, nestas familias de inmigrantes que desexan integrarse, a lingua doméstica, e a outra, a do mundo social e profesional. Porque existen clases dirixentes e mundos profesionais poderosos que non se avergoñan de ser vascos ou cataláns senón que, ao contrario, están orgullosos e garanten a existencia da súa cultura e intereses, do seu país. E parece que cataláns e vascos tampouco xogan coa economía porque lles segue indo moi ben.

Aquí é exactamente o contrario, somos como inmigrantes no noso propio país: son os pais galego falantes. O traballo fano as nais, quen inducen aos seus fillos a pasarse ao castelán. Porque aquí as regras do xogo son inversas, todos sabemos que a xente que ocupa calquera posición de poder é castelán falante e, nos casos máis benévolos, considera ao galego como algo rústico e a "conservar" litúrgicamente, en conserva. É o que hai, non tivemos clase dirixente, temos uns poucos ricos incultos e ideolóxicamente colonizados que ignoran a historia do seu país e desprezan a súa propia orixe. E a xente, como en todas partes, adáptase ao que hai. Non somos nin máis listos nin máis parvos que os demais.

A batalla non está na escola, está nas cabezas dos pais e nais que, con sentido común, non cren nas palabras ocas que se din senón no que os seus ollos ven. E o que ven é que unha mellor posición social para os seus fillos pasa por non parecerse aos seus pais e moito menos aos seus avós. Pasa polo autoodio. Por desprezar a nosa lingua, por borrar ata o acento e imitar o deixe de calquera gilipollas, sempre que non sexa de aquí.

Que os ensinantes cumpran coa súa obrigación, si, pero como o resto da administración. Como ese xuíz da Coruña que se nega a recoñecer a nosa lingua na súa sala sen que ninguén o sancione. Como as televisións que non respectan os nosos topónimos. Pero non bastará. O galego só vivirá se a xente ve que é útil: que é necesario para prosperar aquí. Se ten poder. E ou improvisamos mágicamente unhas élites dirixentes que teñan cultura, orgullo e sentido nacional, decantación que leva décadas ou centos de anos, ou ben fará falta unha gran decisión política: un proxecto político nacional compartido por todos para facer destas diputaciones un país.
No es el gallego, son los gallegos
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 08-11-2007 11:44
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0