boas e xenerosas


Unha escolma de artigos, entrevistas, estudos, novas, opinións, reportaxes... boas e xenerosas



GALEGO DE SEU(Web)


Colazo
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Medalla de prata no Campionato do Mundo de Triatlón
[02/09/2007]
"Javier Gómez Noya (Suíza, 1983) é líder neste momento do ránquin da Copa do Mundo, logo de 11 de 16 carreiras desputadas. Foi campión do mundo sub-23 en 2003, seis veces campión dunha proba puntuable para a Copa do Mundo, campión da Copa do Mundo en 2006 e campión europeo en 2007. En 2006 foi décimo no Campionato do Mundo de Lausana."
Ánxela Bugallo felicitou a Gómez Noya pola súa medalla de prata no Campionato do Mundo de Triatlón
Comentarios (1) - Categoría: deporte galego - Publicado o 08-11-2007 16:05
# Ligazón permanente a este artigo
Sesenta aniversario do mítico programa en galego da BBC, o primeiro na historia da radio
UN IDIOMA, UN PAÍS

13.04.2007 Este 14 de abril cúmprense sesenta anos dunha das máis marabillosas aventuras da nosa lingua: o ourensán Alexandre Reimúndez iniciaba o programa en galego da BBC, en Londres
ALFONSO MONXARDÍN. OURENSE


Mañá, 14 de abril, cúmprense sesenta anos do comezo dunha das máis marabillosas aventuras da lingua galega. Da man do ourensán Alexandre Reimúndez, e con Felipe Fernández Armesto como convidado inaugural, iniciábase o primeiro programa regular en galego da historia da radiodifusión mundial, e facíao, sorpresivamente, desde os micrófonos da emisora máis prestixiosa do mundo, a BBC de Londres.

A historia é xa ben coñecida. A casualidade e o exilio reúne en Londres traballando na Sección española da BBC ao catalán Josep Manyé e ao sinalado Alexandre Reimúndez. Xuntos conciben a idea de "riparlle" unhas horas semanais ao castelán para darlle introdución a emisións estritamente culturais nas outras tres linguas do estado. Así os programas en catalán irían intercalados entre os galegos e os vascos nunha cadencia que lle outorgaría a esta lingua, de acordo co seu peso demográfico, a mesma porcentaxe de emisión que ás outras dúas linguas xuntas. A sensibilidade e bos disposición de George Hills, xefe da sección española, fixo que a cousa fose adiante e así entre 1947 e 1956 radiáronse 83 programas cuxos guións publicou o profesor Raul de Toro hai uns anos.

Dous foron os colaboradores que presentaron a súa voz habituais desde Londres: o voluntarioso Alexandre Reimúndez, e o cosmopolita Plácido Castro, quen se incorpora entre 1949 e 1954 cunhas colaboracións de alta calidade; en especial, os comentarios dos libros que ían saíndo.

Outros dous foron os "correspondentes" do programa en Galicia: O mestre ourensán, Leuter González Salgado, amigo de Reimúndez que capta os programas dos intelectuais do núcleo ourensán e Francisco Fernández del Riego, que contactará co resto de Galicia.

As emisións eran pagas sempre. Esixencias da BBC para manter a profesionalidade. Desde Londres prestou a súa voz nalgunha ocasión Rafael Dieste, coincidindo co seu exercicio de docencia en Cambridge; e os ingleses Stephen Recket, Frederick Fuller e Nina Epton. Tamén, desde alí, radiáronse gravacións efectuadas en Galicia pro Nina Epton na súa viaxe de 1953 (coas voces de Pura Vázquez, Celso Emilio Ferreiro e uns mariñeiros do Grove cantando) e por George Hills en 1955 (voces de Emilio e Xosé María Álvarez Blázquez, Xosé Díaz Jácome, Álvaro Cunqueiro, Ramón González Alegre, Sebastián Martínez Risco, Fermín Bouza Brei e Aquilino Iglesia Alvariño).



Unha nómina coa totalidade dos intelectuais activos

A nómina dos colaboradores de Galicia, abrangue a práctica totalidade dos intelectuais activos do momento: Otero Pedrayo, Cuevillas, Ánxel Fole, Carballo Calero, Ramón Piñeiro, Francisco del Riego, Varela Jácome, Bouza Brey, Iglesia Alvariño, Chamoso e unha longa lista.

Lembrando esta vella historia, contábame un día Felipe Fernández Armesto, na casa de Xanceda, a oposición frontal a estes programas do prestixioso intelectual europeísta coruñés Salvador de Madariaga, a quen non lle parecía ben que a BBC utilizase outras linguas que non fosen o castelán, nas súas emisións a España.

Propiciei un día un encontro entre George Hills -aproveitando que o convidaramos a dar unha charla en Ourense- e don Francisco del Riego, en Baiona, e estaban de acordo ambos, en que a desaparición dos programas en 1956 foi sobre todo consecuencia da historia. Eran tempos xa de traballar desde o interior. Eran poucos e moito que facer.

Tanto por cuestións de tecnoloxía -emisións en directo na época dos discos pizarra- como sindicais -os locutores falaban para as ondas pero negábanse a seren gravados para arquivo- non se conserva ningunha das gravacións duns programas que se seguían desde Galicia e desde os núcleos da emigración americana, pois a través da Onda curta, deica alá chegaban. Cumpría pór unha placa de agradecemento ao mantemento e difusión da cultura galega, na sede da BBC de Londres, como fixo Jordi Pujol, un día que foi a Londres.
OS FONDOS

A edición dos textos

Foron 83 os programas que se emitiron entre os anos 1947 e 1956. Os textos "Galicia desde Londres", nome do espazo que coordinaba Alexandre Reimúndez para a BBC, están recollidos nun libro preparado por Antonio Raúl de Toro Santos, con debuxos de Conde Corbal. O volume, publicado pola Editorial Tambre, chegou ás librerías no ano 1994.
Sesenta aniversario do mítico programa en galego da BBC, o primeiro na historia da radio
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 08-11-2007 16:00
# Ligazón permanente a este artigo
Primeira campaña global de impulso ó galego
"Despois de 25 anos de historia, a Xunta presenta a súa primeira campaña global para impulsar o galego, dotada cun millón de euros"

"Incidir na transmisión familiar do idioma"


"SABÍAS QUE...?

En galego falan as maiorías

O galego é a lingua da maior parte da poboación de Galicia. Dos 2.800.000 galegos que hai, dous millóns e medio manifestan que usan habitualmente o galego. É un caso único en todo o estado.

Máis alá das nosas fronteiras

Fálase galego tamén en Asturias, León, Zamora e en tres concellos estremeños. Portugal fala un idioma derivado do galego que, á súa vez, se estendeu por Asia, América e África, con países como Brasil, Timor ou Mozambique.

Un poderoso país de escritores

A Literatura galega conta con obras e escritores de valor universal, como as Cantigas ou Rosalía de Castro. Autores actuais en galego son líderes de vendas non só en Galicia senón tamén nas traducións ás diversas linguas do mundo.

Unha lingua para entenderse na UE

O galego é lingua da Unión Europea. Hoxe, os galegos e as galegas poden dirixirse ás institucións da Unión na súa lingua propia. É, xunto a catalán e vasco, o único idioma dun país sen estado que ten ese rango na UE.

Universidades de todo o mundo

Máis de corenta universidades en todo o mundo incorporan oferta de estudos en galego ao seus programa. Outros institutos e centros forman anualmente en lingua galega persoas das máis diversas nacionalidades.

Na cerna da cultura europea

O documento máis antigo escrito en galego que se conserva data do ano 1228. É o Foro do burgo de Castro Caldelas, outorgado por Alfonso IX en abril dese ano ao municipio de Allariz. Ou sexa, que escribimos en galego desde antes do século XIII.

Poucos novos pero concienciados

O uso do galego na mocidade mingua conforme diminúe a idade dos individuos. Así e todo, constátase o aumento o grupo dos que falan habitualmente só en galego nas xeracións máis novas.

Cun nome propio na UE

Os topónimos galegos usados en Galicia, en España e na Unión Europea son os que establece o nomenclátor de Galicia. A única forma oficial dos topónimos do país é a galega, segundo se establece na lei.

Un idioma para entendernos

O 44% dos galegos fala só galego, o 19% fala máis galego ca castelán, o 18% máis castelán ca galego e o 19% só castelán. O 58,87% dos cidadáns de 50 ou máis anos falan habitualmente só en galego, fronte ao 12,14% que fala só castelán."

Primeira campaña global de impulso ó galego

www.galegoelogo.com
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 08-11-2007 15:55
# Ligazón permanente a este artigo
¿Quen é o bilingüe?
A VISTA DE PAXARO
SALVADOR SOUTULLO CAROLO


Unha autodenominada Asociación Galega Bilingüe declárase contraria ó decreto do galego que está a impulsar a Xunta de Galiza. A min sempre me chamou a atención o reclamo do bilingüismo que fan sempre aqueles que estan en contra de que o pobo aprenda a lingua que lle é propia.

Federico Jiménez Losantos a principio dos oitenta en Cataluña era o segundo asinante dun manifesto en contra da inmersión lingüística no ensino en Cataluña, o primeiro asinante foi Amando de Miguel e o manifesto en cuestión chamabase o manifesto dos 1.200 porque o asinaran seique 1.200 intelectuais. Daquela tivo problemas Federico Jiménez Losantos en Cataluña e marchou co seu amigo Amando de Miguel a Madrid onde foron acollidos cos brazos abertos polos sectores máis anticataláns da capital do reino Borbón.

Destaco o tema de Jiménez Losantos porque aínda segue a predicar o bilingüismo tal e como el quere facermos ver que é dende algúns medios de Madrid. Eu sei que os lectores de GALICIA HOXE teñen un nivel cultural moi alto e polo tanto non é preciso que diga aquilo de que o bilingüe realmente é o que fala dúas linguas e non o que fala unha só, (ó final díxeno).

A min paréceme que do que teriamos que preocuparnos os lectores, como o propio xornal e como todas as persoas concienciadas da Galiza é precisamente de como convencemos a catro irredutibles de que nesta vida é mellor ser bilingüe ou trilingüe; cantas mais linguas se coñezan moito mellor para todos e por suposto para o que as sabe utilizar.

Non podemos de ningún xeito prescindir do coñecemento do castelán nin do inglés, pero moito menos aínda da lingua que nos é propia, que no noso caso concreto é o galego.

Cando unha persoa nos di na Galiza que lle falemos en castelán apelando ó bilingüismo temos que dicirlle que os bilingües somos os galego-falantes e ó mesmo tempo que tamén somos castelán-falantes ou dominamos outras linguas. A obriga de toda persoa que vive na Galiza é a de coñecer e utilizar o galego na vida pública, na privada que fale o que lle pete.

Eu son un home trilingue provocado pola emigración dos meus pais a Cataluña; leo, falo e escribo galego, catalán e castelán e gustaríame dominar o inglés pero por desgraza sempre fun un negado para ese idioma.

¿E ademais a quen se lle pode ocorrer que o pobo galego non aprenda este idioma que nos permite comunicarnos con Brasil, Portugal e parte do continente africano? Que non nos enganen, os bilingüistas somos nós e estes queren acabar co uso normal da nosa lingua na nosa Terra. Defendámonos das agresións ó galego.
¿Quen é o bilingüe?
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 08-11-2007 15:47
# Ligazón permanente a este artigo
Galego no ensino: que ten de malo o decreto?
ardentía
MANUEL DOURADO DEIRA


Prometiamos o sábado pasado que volveriamos sobre o discutido Decreto sobre o Uso do Galego no Ensino. Pretendo descubrir a ovella negra, ou máis ben gato pardo, que nos permita sequera algún indicio que poida dar pé a esa rabiosa oposición do Sr. Núñez, Xefe do PP de Galicia, está exercendo contra o citado decreto. Porque, de verdade, un servidor non entende unha "oposición do sempre non, polo non"; isto é: ­unha oposición que, tratándose do idioma de Galicia, chave dunha cultura e unha tradición seculares que fai que Galicia sexa a Comunidade Histórica diferenciada, con entidade propia, que é non pode comprender porque o PP de Galicia non estea á altura dos intereses de Galicia e da mesma esencia desta comunidade.

Un simple desacordo, xa non digo a oposición frontal, nesa materia tan primordial para a nosa existencia dun político que di defender os intereses de Galicia non se lle alcanza a comprensión de calquera mente sa e medianamente equilibrada de persoas que aman a súa Terra. Non nos valen os simples intereses persoais ou partidarios para defender tal oposición a que o idioma de Galicia poida ser vehículo ­dunha materia tan importante como é educar no idioma propio . É algo natural, que está no propio ser da natureza do ser de Galicia. Sobre todo, tendo en conta o secular predominio do castelán sobre o galego.

A tal respecto, xa dixen reiteradamente que volver ao bilingüismo harmónico, invento fraguiano para preservar ese predominio co obxectivo de que o galego fora agonizando paseniñamente, nos parece aberrante por parte do Sr. Núñez. Como pode defender tal aberración un político que aspira a ser presidente de Galicia? Que pretende: gobernar sobre unha entelequia, un ser imaxinario, baleirado de contido, inexistente...?

Imos co articulado do Decreto. Para empezar, no Preámbulo, xustifícase a necesidade de tal Decreto pola súa concordancia co resto do sistema lexislativo sobre a materia e cítase unha serie de leis que serven de fundamento, moi especialmente a Lei 3/1983, de Normalización Lingüística. Lei que nunca se aplicou en tempos do PP en Galicia. Entre outras cousas dise que "a devandita Norma revela o afán de xeneralizar no seo da Comunidade Galega o uso do galego como idioma propio de Galicia, cooficial co castelán. Está clariña a atención que se lle presta ao castelán. Onde está a preterición do castelán que alega o Sr. Núñez?

Noutro parágrafo do mesmo preámbulo afírmase: "As autoridades educativas da Comunidade Autónoma garantirán que ó remate dos ciclos en que o ensino de galego é obrigatorio, os alumnos coñezan este, nos seus niveis oral e escrito, en igualdade co castelán". Velaí as garantías que o Sr. Núñez esixe. Acábaseme o espazo e quedan por examinar algún artigos de moita substancia que desmontan as tretas do Sr. Núñez empeñado en que en Galicia non se faga nada. Teme que lle pase o sol pola ventá? Teme esta na oposición un período tan longo coma o que Fraga mandou en Galicia?
Galego no ensino: que ten de malo o decreto?
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 08-11-2007 15:33
# Ligazón permanente a este artigo
Adolfo Domínguez, un lusista convencido
Sorprende o seu manexo da lingua de Rosalía. "Eu fáloo ben e son profundamente lusista. Independizar o galego é un erro porque nos quedamos sen a vantaxe dunha lingua que falan 250 millóns de persoas. E a lingua de Rosalía é moi parecida ao portugués".

A entrevista ao completo na ligazón de abaixo

"Si volviese a nacer, sería físico"
Comentarios (1) - Categoría: reintegracionismo, o galego internacional - Publicado o 08-11-2007 15:30
# Ligazón permanente a este artigo
Galego o último
XOSÉ MANUEL PEREIRO 19/07/2007

Teño un amigo e colega co que acordei, de vellos, quedar de cando en vez para falar galego. Ideoloxías e agarimos aparte, temos unha relación co idioma parecida á que podemos ter cun legado familiar e, á vez, cunha ferramenta persoal e profesional. Sería unha irresponsabilidade, cando menos, deixar que se perda ou que se oxide. E o que nos tememos é que, como o galego siga baixando en calidade expresiva e en cantidade de usuarios, nunhas décadas e no noso ámbito de profesionais urbanos sintámosnos tan desprazados como quen aprecia manexar os cubertos nun mundo onde se xeneralizou comer cos dedos.

Os que neste momento non poden resistir o impulso de poñer os puntos sobre os is, en cartas ao director enviadas a galicia@elpais.es ou por outra vía, ante a parcialidade da comparación, proclamarán que non se pode obrigar á xente a usar un idioma, en cuxa promoción investíronse miles de millóns, de pesetas ou de euros, e que non se fala, entre outras cousas, porque é redundante aprendelo cando xa sabemos outro que ten máis alcance. Nesa argumentación hai máis falsedades que palabras, como dicía Philip Marlowe dun cartel que aseguraba "Neste local só se serve auténtico whisky escocés de antes da guerra". Non se debe obrigar, pero claro que se pode. O hebreo xa non se falaba en tempos de Xesucristo, literalmente, e o Estado de Israel reinventouno e impúxoo a costa dos idiomas realmente falados polos xudeus (o yiddish e o sefardí). En canto ao diñeiro, por cada euro que os censados en Galicia dedicamos á promoción do galego, gastamos uns 200 na divulgación do castelán, segundo contas que botou Camilo Nogueira. E sobre a importancia do tamaño, o islandés é basicamente o noruego de entre os séculos XII ao XV, somentes o falan 300.000 persoas, pero nin cando necesitan un novo término recorren ao noruego actual ou a unha adaptación do inglés. É dicir, lingüísticamente, todo é máis ben relativo.

Con todo, o máis falaz (á vez que coartada para todo tipo de ilegalidades) é centrar o debate nunha obligatoriedade de uso, que ninguén, en ningún momento, suscitou. Nin sequera aquel artigo da Lei de Normalización -que Mariano Rajoy apoiou no seu día e que o Constitucional anulou porque debería estar incluído no Estatuto- que establecía o deber de coñecelo implicaba o ter que usalo, do mesmo xeito que a Sofía Mazagatos a súa peculiar relación co español non lle carrexou a perda da nacionalidade. A proba de que non é obrigatorio coñecer o idioma propio de Galicia está en boa parte da súa clase dirixente. Calquera personaxe público daría tres dedos antes que ouvirse na radio dicindo "me se escapó", pero quédase tan ancho logo de asestar un "me fan rir seus argumentos".

O problema é precisamente non poder escoller. Calquera pai ou nai urbanita coñece a experiencia de entregar ao seu cativo galego falante aos formadores brazos da escola, que o transforma en castelán falante coa mesma eficacia da que facía gala Lenin cando dicía "dádenos a un neno aos oito anos e converterémolo en bolchevique para sempre". Segundo un estudo de Gabriel Rei-Doval, só a terceira parte da poboación urbana criada en castelán sabe galego, e polo tanto, pode elixir en que fala. Esta é unha sociedade con dous idiomas na que os realmente bilingües adoitan ser os galego falantes e, en xeral, son os castelán falantes os que se poden permitir o dubidoso gusto de ser monolingües. Igual que aquela parella estadounidense de xordos que manipulou a súa herdanza xenética para que os seus fillos tivesen tamén sordera, aquí hai quen reclama poder transmitir unha carencia (neste caso idiomática). Non deixaría de ser un fenómeno anecdótico se non se abonou por esa tendencia do PP de Galicia de dilapidar a bavarización que con tanto traballo como benefizo urdiu Fraga, e substituíla por un discurso político reducido a unha franquicia. (Xa me vexo ao meu amigo e a min, tan anciáns como o pastor aquel do anuncio do todoterreo: "¿E Cuiña, que opina de todo isto?").

sihomesi@hotmail.com
Gallego el último
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 08-11-2007 15:26
# Ligazón permanente a este artigo
Preservación colectiva de Ridimoas
REPORTAXE

Un milleiro de copropietarios coidan o ecosistema de 300 hectáreas dun bosque do Ribeiro. O que comezou como un lugar onde recuperar aves feridas, permite hoxe en día a cría de lontras, corzos, xabarís e raposos e alberga flora en vías de extinción
ROSA VEIGAOURENSE


Unha zona ambiental nun bosque de tipo mediterráneo da comarca do Ribeiro está preservada grazas a un milleiro de persoas de España, Venezuela, Suíza, Alemaña e Canadá copropietarias de 300 hectáreas a cambio dunha cota anual de 10 euros, explicoulle a Efe o presidente da asociación que o xestiona, Pablo Oitabén.

Profesor de Formación Profesional, Oitabén decidiu hai quince anos buscar un lugar para facilitar a recuperación das aves feridas que lle levaban os seus alumnos e amigos, e ideou un proxecto de recuperación do bosque que ocupa os montes da contorna de Beade, onde vive, e fundou a asociación Ridimoas con cincuenta socios, fundamentalmente da Universidade Laboral de Ourense.

?Empezamos a traballar nunha leira chamada Ridimoas que era do meu pai e a partir de aí, cunha cota mínima por socio de 10 euros, dedicamos parte a ampliar aquel terreo e propuxémonos comprar polo menos unha hectárea ó ano e xa estamos en 300?, indicou Oitabén.

A superficie do bosque controlada por Ridimoas aumentou cada ano, segundo Oitabén, non só coas cotas, senón coa axuda dos premios concedidos pola Xunta de Galicia e outros organismos ó seu labor de educación e sensibilización. ?Este soño de preservación ocupa toda unha vida?, comentou Oitabén, tras sinalar que lle destinou a ese proxecto o seu soldo de actor nun documental sobre lobos, baseado nunha obra do escritor lucense Ánxel Fole, homenaxeado anos atrás no Día das Letras Galegas.

Para o mesmo fin destinou tamén a remuneración obtida na película A lingua das bolboretas de José Luís Corda, por utilizar bolboretas de Ridimoas, dixo Oitabén, quen recordou que ese espazo foi tamén o escenario dun documental sobre a vida de Pedro Pardo de Cela.
Negociar cos agricultores para aumentar o terreo

Os socios de Ridimoas pasaron en quince anos de 50 a 1.018 copropietarios do bosque, unha contorna natural de crecemento sostible e en equilibrio, segundo o promotor da iniciativa.
O profesor e naturalista é a clave nese equilibrio xa que, segundo explicou, encárgase persoalmente de negociar cos agricultores para comprarlles as parcelas para estender o bosque, algo que contribúe a que ?queden satisfeitos? e inclúe ?novos contactos?. Oitabén encárgase de vixiar, sobre todo no verán polo risco de incendios, esa superficie e desde hai dous anos supervísao a lombos dunha das eguas que lle entregou o Xulgado, logo de resultar abandonada e ferida tras un litixio.
A directiva de Ridimoas decidiu quedar con esa egua e a súa cría, habilitando para iso un pequeno cercado ó que Oitabén vai cada día para proporcionarlles comida e auga. ?As eguas agora forman parte do equilibrio deste bosque ?engadiu? xa que manteñen limpo o camiño que o cruza e que utilizamos para as visitas educativas?. ?Dentro duns días levareinas a pacer ós fieitos que cobren unha poza de auga na que está terminando a cría de larvas de salamántica, ata agora protexidas dos seus predadores por fieitos de dous metros?, engadiu.

Mentres a píntega cría, as eguas non poden alimentarse do fiuncho porque a planta acumula cianuro nas súas follas ?pero dentro duns días, coincidindo co fin das larvas, o cianuro pasa a concentrarse nas raíces e as follas serán comestibles?, dixo.
Axuda de voluntarios para coidar a contorna

Para o coidado do bosque colectivo, Oitabén aproveita a axuda das persoas que visitan a zona con vontade de contribuír e que dispón de tempo libre, especialmente para eliminar algunhas especies invasoras que danan a contorna.

Destacou que a acacia-mimosa, unha árbore procedente de Australia, é ?unha especie moi invasiva e difícil de eliminar? polo que cada ano é necesario sacarlle espazo e ?librarse desta praga? para deixar espazo a ?castiñeiros, carballos, bidueiros, abeleiras e corticeiras, entre outros, que permiten recuperar o ecosistema para aves, insectos e réptiles?.

Cada mes de febreiro celébrase unha asemblea xeral na que participan uns 400 socios procedentes de diversos puntos de España e celébrase xeralmente durante un xantar nun restaurante de Ribadavia e, posteriormente, durante a tarde, aproveitan para visitar os terreos do seu bosque.

O actual tamaño, segundo Pablo Oitabén, permite deixar unha zona sen visitas para non molestar a lontras, corzos, xabarís e raposos que viven e procrean entre as abeleiras e ?cerdeiras de acio?, en vías de extinción e que só conta con 50 plantas rexistradas en Galicia, das que 20 están en Ridimoas e outras catro saíron de Beade para o parque natural do Invernadoiro, tamén en Ourense.
Todas as idas e vidas de animais, a saída de leña do bosque a cambio de sacos de gran para os cabalos e todo o observado por Oitabén no bosque rexístrase nun diario que tamén incorpora temperaturas e horas de luz, datos que cada semana envía ó programa mundial ?Globe?, desenvolvido na NASA, no que tamén participa un centro escolar de Monforte.

O DATO

Zona ambiental tipo mediterráneo

A zona ambiental elixida por Pablo Oitabén para poñer en marcha o seu proxecto de conservación da contorna é un bosque de tipo mediterráneo. As trescentas hectáreas esténdense ó redor dos bosque de Beade, na comarca do Ribeiro.
Preservación colectiva de Ridimoas
Comentarios (1) - Categoría: somos unha potencia - Publicado o 08-11-2007 15:13
# Ligazón permanente a este artigo
O SXG denuncia que moitos profesionais seguen sen ser libres para informar en galego
17.05.2007

SXG
Ourense


O SXG pide á Xunta que as subvencións que dá aos medios sirvan para aumentar o uso da lingua e a a estabilidade laboral e non só para financiar ás empresas

A lingua é unha rareza en moitos medios malia estar moi subvencionado o seu uso

Hoxe, día 17 de maio, as portadas dos principais xornais de Galicia saen de novo á rúa en galego, como sucede sempre nesta data. O Sindicato valora positivamente esta tradición, pero denuncia que é unha práctica hipócrita.

A realidade do día a día é ben diferente, pois son moitos os afiliados do SXG queren escribir máis en galego pero non poden facelo debido as políticas empresariais, que obrigan ao uso do castelán en todas as áreas temáticas que non sexan, sobre todo, cultura ou opinión.

Para que serven as subvencións?
Esta organización lembra ós poderes públicos (concellos, deputacións e Xunta) que fomentar o uso da lingua é unha das súas obrigas legais.

O SXG reclama que o emprego regular do idioma sexa -xunto coa erradicación da precariedade laboral- un criterio chave no reparto das importantes subvencións que, baixo a escusa de promover o galego, financian ás empresas da comunicación da autonomía.

E é que ata hoxe o diñeiro dos contribuíntes serviu para financiar aos empresarios, pero non para darlle ós informadores máis liberdade para usar a súa lingua nin para aumentar a estabilidade laboral no sector.

O Sindicato respecta a total liberdade das compañías para escoller o idioma no que publican. Sen embargo, o SXG pídelles ós medios un compromiso máis alá do puramente estético ou testimonial coa lingua, como o que fan hoxe.
O galego é, ao fin e o cabo, a lingua de moitos dos seus empregados e da maioría da súa audiencia.
O SXG denuncia que moitos profesionais seguen sen ser libres para informar en galego
Comentarios (0) - Categoría: en Galiza tamén se pide - Publicado o 08-11-2007 15:06
# Ligazón permanente a este artigo
Coma os galegos fixeron e facemos
Os estranxeiros tamén aprenden o noso idioma
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 08-11-2007 13:20
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0