boas e xenerosas


Unha escolma de artigos, entrevistas, estudos, novas, opinións, reportaxes... boas e xenerosas



GALEGO DE SEU(Web)


Colazo
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Ourense estrea un super interactivo
O GRUPO CUEVAS ESPALLARÁ A FRANQUÍA

Europa Press . Os clientes de 'Aquí é' calcularán automaticamente as calorías da compra, pagarán tres euros menos se levan o carriño da casa e non abonarán o peso das bolsas de plástico da carne.

O Grupo Cuevas abrirá o próximo mércores na cidade de Ourense un supermercado de nova xeración que pretende facer a vida "máis doada" ao consumidor. O xerente da empresa, Manuel Rodríguez de la Fuente, presentou este proxecto, xunto a expertos da Universidade de Vigo, que colaboraron na súa posta en marcha.

A nova liña de supermercados, coa marca 'Aquí é', é un novo concepto de supermercado. Ademais de ter diferentes liñas de produtos habituais, a súa entrada contará cunha pantalla táctil onde o consumidor poderá imprimir un menú diario elaborado por expertos en nutrición da Universidade de Vigo.

Rodríguez de la Fuente explicou que o consumidor poderá acceder a el e imprimilo gratuitamente ou se o desexa, poderá comprar "os ingredientes que necesite segundo o número de comensais para o que o elaborará", coas indicacións para preparalo e a achega enerxética que contén.

Non se cobrará o peso dos envoltorios

Unha terceira opción ante a falta de tempo será que o consumidor poida comprar o menú directamente cos seus tres pratos por un prezo diario de 7,95 euros. Segundo garantiu o xerente do Grupo Covas, trátase dun menú elaborado "a base de produtos naturais que non leva aditivos nin conservantes", polo que terá unha vida limitada "de cinco ou seis días".

Ademais, contou que a nova visión de supermercado ofertará aos clientes "dez garantías" sobre os que se asentarán os os seus piares básicos. Entre elas, citou que se un cliente atopa un produto caducado a empresa se "autopenalizará" regalando o consumidor "dous produtos coa data correcta".

Etiquetas con RFID

Así mesmo, o establecemento contará con diversas caixas pero cunha "cola única" para evitar "a sensación de que nos poñemos na cola que máis tarda e haberá maior rapidez". Rodríguez de la Fuente quixo destacar que a etiquetaxe co prezo dos produtos será "exacta" e estará conectado a un "ordenador central por radiofrecuencia" a través dunha etiqueta electrónica para evitar "que haxa dous prezos diferentes". Por outro lado, o envoltorio dos alimentos como a carne non se cobrará ao consumidor e "se o plástico que leva a carne pesa dous gramos ese peso non se cobrará no prezo final".

Pagarán por levar bolsas e carriño

Por outro lado, a empresa conta con "toda a maquinaria necesaria de baixo consumo" procedente de Holanda e Gran Bretaña para "preservar o medio". Neste sentido, Rodríguez de la Fuente manifestou as bolsas da compra serán "biodegradables" e que se un cliente "chega cun carriño ou as súas propias bolsas a empresa lle aboará tres euros" pola súa "responsabilidade ambiental".

O xerente do Grupo Cuevas explicou que esta nova visión de supermercado responde ás "necesidades" que o consumidor ten na actualidade pola "falta de tempo ou a distancia que separa o seu traballo do domicilio familiar". Os estudios nos que se basearon para a súa posta en marcha apuntan a que as necesidades actuais neste sentido, son a "saúde, a rapidez e o sabor dos alimentos".

Máis de vinte empregados indefinidos

'Aquí é' ocupará 1.000 metros cadrados de superficie e 22 empregados con contrato indefinido, segundo a empresa. Trátase dun proxecto empresarial de referencia, que será implantado noutros lugares de Galicia e pretende facer especial fincapé na correcta alimentación e nutrición.

O estabelecemento, que estará situado á altura do número 30 da rúa Doutor Fleming da capital das Burgas, abrirá as súas portas este mércores día 29, ás 12.30 horas, e terá horario ininterrompido de 09.30 a 21.30 horas, de luns a sábado.
Ourense estrea un super interactivo
Comentarios (1) - Categoría: somos unha potencia - Publicado o 30-10-2008 11:34
# Ligazón permanente a este artigo
Agustín Fernández Paz, Premio de Literatura Xuvenil
"O maior e verdadeiro premio, o inesperado: o aprezo dos lectores"

Conversamos co autor despois de que lle outorgasen o galardón pola obra 'O único que queda é o amor', recoñecida así como a mellor do Estado en 2007.


Premio Merlín, Premio Rañolas, Frei Martín Sarmiento, Edebé, Barco de Vapor, Lista de Honra do IBBY, premio da Asociación de Escritores... Agustín Fernández Paz é un referente fundamental da nosa literatura, incansábel dinamizador didáctico, auténtico supervendas responsábel de prender aos libros a milleiros de rapaces e gañar tamén a admiración dos lectores adultos.

Dicíao con bo criterio o autor lugués Santiago Jaureguizar, un dos primeiros en felicitalo a pé da rede neste día en que lle outorgan o Premio de Literatura Infantil e Xuvenil a nivel estatal: en realidade, é este premio "o que vén de ter a honra de que o gañe Agustín Fernández Paz".


Boa colleita a nivel estatal, primeiro Beramendi, agora vostede...
Ben certo, un ano magnífico. E non hai nada que estaba na festa da Asociación de Escritores en Lingua Galega á beira de Xusto Beramendi. É magnífico poder compartir agora, en certo modo, este outro recoñecemento.

Se cadra xa non lle conmoven os premios a alguén cunha traxectoria tan rica neles?
Sempre conmoven, sexa premio pequeno ou grande. Malia que en todo caso o premio maior chega no momento máis inesperado, cando me para un lector pola rúa ou alguén me envía un correo. Eses son os verdadeiros premios e os que, no persoal, moitas veces un recorda máis. Porque a escritura á fin é un labor moi solitario. Son horas de soidade, moitas horas de reflexión e traballo sexa para o libro máis bo ou o menos bo. De aí tamén a alegría de ver cando transcende cara a afora, e máis en forma de premio.

Xa que logo, alén de premios concretos, como leva ese premio constante de que sexan os máis novos os que lle metan o dente aos seus libros?
Iso é o máis interesante deste traballo. O premio en si consegue visibilidade para un libro, é importante. Pero cando che para unha persoa na rúa, nunha feira do libro, por carta ou correo electrónico... iso é unha satisfacción moi grande. E eu a maiores teño a sorte de que esa relación e ese aprezo se poida estabelecer con lectores tan novos e que o expresan con esa sinceridade.

E que lle preguntan os rapaces cando se dirixen a vostede?
Pois non me podo queixar dos afagos. É extraordinario que che escriban para darche as grazas polo pracer dunha lectura, que che digan que te seguen e que van mercando os teus libros. Habitualmente sempre fan referencia a libros concretos. Hai reflexións inxenuas e tamén moi maduras. Hainos que teñen inquedanzas literarias, outros que non lían até que din atopar algo que lles gustou.

Falando de rapaces, ten vostede unha comprometida traxectoria a pé dos movementos de renovación pedagóxica. "O pracer de ler" transformou abondo a escola? Parece que só escoitamos reflexións pesimistas... Como ve a situación?
Disinto profundamente desa visión negativa. Non creo que houbera ningunha pasada idade de ouro onde os rapaces lían moito máis. Eu de feito lembro todo o contrario da miña propia infancia, onde o acceso a libros e ao propio ensino era reducido. Pola miña experiencia, penso que cando lle pos nas mans a un cativo o libro axeitado para el, vai descubrir con agrado que lle gusta. Téñoo visto máis dunha vez. Recordo por exemplo o caso dun rapaz que escapaba da literatura como o vampiro dos allos e logo de descubrirmos que lle gustaba o xénero do terror, vimos como rematou devorando o Drácula de Bram Stoker. Sempre pensei que aparte de investir en bibliotecas había que facer esforzo en mediadores, xente que contribúa a abrir canles que unan lectores e libros. E por certo, a rede estáse descubrindo como medio moi atractivo para o espallamento do devezo literario, hai blogs de aula e bibliotecas interesantísimos.

"Na vida o único que queda é o amor", o verso de Pamuk do que nace o título do libro, como é que se decidiu por el?
Inicialmente tivo un título provisorio. Estaba inspirado nunha frase tirada do filme 2046, "Todas as nosas lembranzas son sucos de bágoas". Quedeime coa idea e "Sucos de bágoas" era en principio a opción pensada para o título. Posteriormente, lendo Neve, de Orhan Pamuk, atopei unha idea que encaixaba como anel no dedo. Ese verso, "Na vida o único que queda é o amor", concentraba perfectamente o fío dos relatos, en todas as súas dimensións, tanto na parte amarga do amor, como na beira que os relatos tamén exploran a súa parte luminosa. A convicción de que o amor cámbialles a vida ás persoas.

Ademais falar do amor nunca pasa de moda... síntese cómodo explorando o tema?
Pois é verdade que non é un tema que teña tratado tanto, aínda que si me interesei nalgúns momentos en obras anteriores. De calquera forma, nunca coa intensidade que lle adico neste libro e de xeito tan directo. Reparo en dous grandes temas que poden ter un peso decisivo na vida das persoas, está o amor, e logo están os libros.

Xustamente lle ía preguntar, un libro que fala de amor e tamén fala de libros, algo que lle gusta ben...
Marca da casa. Gústame introducir un personaxe que é lector. Cumpre unha función para min decisiva. Como as cereixas, un libro leva a outros libros. Sérveme ademais para facer homenaxe a autores que foron importantes para min nun ou noutro momento, como neste caso, entre outros, José Ángel Valente, sen dúbida, un dos poetas da miña vida.

E está a gusto no relato curto?
Síntome predisposto á novela, malia ter experimentado cos relatos. Diría que me inclina a optar como agora polo relato curto cando teño un fío común que os articula a todos eles. Neste caso, é o fío do amor o que lle dá sentido e unidade a todo, aínda sendo os relatos diferentes. Cunha novela vives se cadra durante meses no seu mundo, e aquí o proceso creativo é máis intenso que extenso, coidando máis a intensidade de cada frase e cada escena. Cun acabado máis emocional.

Danlle a vostede un Premio de Literatura que leva o apelido "infantil e xuvenil" pero esta é unha obra que ben podería prescindir desa clasificación, como leva o asunto da etiquetaxe?
É unha das miñas teimas, xa que sempre pensei que hai preconceptos pouco axeitados sobre o que é a literatura xuvenil ou infantil,un reducionismo que leva a algúns a pensar que se trata de libros para instituto con ingrediente de drogas, sexo e rock&roll e cousas similares. Cando o certo é que se queremos falar de literatura xuvenil debemos facelo dun xeito máis serio e complexo, adicándolle o cualificativo de xeito xeral a todo aquel libro que poden ler os mozos e mozas sen seren desafiados por excesivas dificultades formais. Co meu editor xa valoramos esa circunstancia, da conveniencia ou non de incluílo na colección de adultos. Pero ao cabo, decidimos que iso podía afastalo de que algunha xente moza chegase a el, cousa que probablemente acontecería menos ao contrario.

De feito na edición portuguesa vai directamente encadrado nunha colección para adultos.
Xustamente, é exemplo desa idea de fronteira. Malia que é posíbel que haxa aínda un sector con prexuízos a ese respecto, é esa tendencia a facer clasificacións excluíntes. Pensemos de todos os xeitos que libros como Metaformose, de Kafka ou Baixo a roda, de Hesse, foron incluídos en coleccións xuvenís. Eu escribo nunha liña de fronteira, cun pé en cada lado, e comparto a aspiración manifestada por moitos autores, como é o caso por exemplo do noruegués Jostein Gaarder, quen insiste en moitas ocasións nesa necesidade da loita explícita pola dignificación da literatura infantil e xuvenil. Teño unha aspiración semellante. E a verdade é que me reconforta recibir afagos de lectores de todas as idades. A literatura á fin, cando emociona, faino a todos.

Agora que falabamos de Portugal, "vendan este libro nas farmacias", adicoulle un entregado crítico luso a esta súa obra. Un exemplo de que a literatura é curativa?
(Ri) É un libro que apela ás emocións e os sentimentos, ás gañas e desacougos, as voltas do vivir. O amor, no fondo conecta con esas ideas. Membros do xurado dicíanme que ao reler algún dos relatos aínda lles prendía a emoción malia un fondo triste. Como nos filmes de chorar, que acabas e saes satisfeito malia a turbación.

Por certo, como foi a creación das ilustracións, de que conexión saíron eses trazos de Pablo Audell que enmarcan con tanto xeito as historias?
Son unhas ilustracións extraordinarias, e o libro gaña moitísimo con elas. É un autor magnífico, que se move con grande xenio tamén no cómic. O propio universo de Audell conecta moito coa pegada dos contos e el sentiuse motivado co proxecto. Recordo quedar abraiado cando vin a primeira mostra do seu traballo para o libro. A propia portada é tomada dunha das referencias cinematográficas utilizadas no libro, O ceo sobre Berlín, de Wim Wenders.
O maior e verdadeiro premio, o inesperado: o aprezo dos lectores
Comentarios (1) - Categoría: literatura galega - Publicado o 25-10-2008 21:22
# Ligazón permanente a este artigo
As obras de Galaxia estarán dispoñíbeis en Google Books
A editorial galega e o buscador estadounidense asinaron un acordo de colaboración que se materializará antes de fin de ano.

Editorial Galaxia e Google asinaron un acordo para publicar na rede os fondos da editora galega. Deste xeito, antes de fin de ano poderase acceder a obras tanto clásicas como contemporáneas, a través de Google Books.

Víctor Fernández Freixanes, como director de Galaxia, e Luis Collado, como responsábel de Google Busca de Libros, afirmaron que se pretende proxectar no mundo unha parte importante da edición galega, representada pola editorial. Galaxia encargarase da comercialización dos libros, mentres que Google se ocupará da publicitación universal dos mesmos. A multinacional está a dixitalizar os fondos da editora dende antes do verán nas súas sedes de California.

Algunhas das obras poderanse ler integramente na rede, mentres que outras, segundo a disponibilidade dos autores e das autoras, amosarán parcialmente os seus contidos. No mes de decembro, as dúas empresas farán unha demostración pública do acordo para os usuarios potenciais. O acordo entre Editorial Galaxia e Google realizouse por iniciativa propia, sen axudas institucionais.
As obras de Galaxia estarán dispoñíbeis en Google Books
Comentarios (1) - Categoría: literatura galega - Publicado o 25-10-2008 21:16
# Ligazón permanente a este artigo
Ultimo adeus ao poeta Ramiro Fonte
En Pontedeume, a súa vila natal

Redacción . O poeta e intelectual galego Ramiro Fonte, que faleceu esta fin de semana no Hospital Bellvitge de Barcelona, onde se atopaba ingresado dende o pasado 23 de setembro, será soterrado hoxe en Pontedeume.

Licenciado en Filosofía e Letras e profesor de Lingua e Literatura Galegas, Ramiro Fonte foi un dos fundadores do colectivo poético Cravo Fondo, en 1977. Nacido en Pontedeume en 1957, ademais de poeta cultivou a narración, o ensaio, a crítica e foi un estudoso da literatura galega.

Conta cunha importante obra narrativa, na que destacaba a súa triloxía ?Vidas de infancia? formada por ?Os meus ollos? (Xerais 2003), ?Os ollos da ponte? (Xerais 2004) e ?A ponte nos ollos? (Xerais 2007). A súa produción poética,recibiu importantes recoñecementos, entre os que se atopan o Premio da Crítica de Galicia, o Premio Losada Diéguez de creación, o Premio da Crítica Española, o Premio Esquío e o Premio Miguel González Garcés.

Entre a súa obra poética atópanse 'As cidades da nada' (1983), 'Designium' (1984), 'Pensar na tempestade' (1986), 'Pasa un segredo' 1988, 'As lúas suburbanas' (1991), 'Adeus norte' (1991), 'Luz do mediodía' (1995), 'Persoas de amor' (1995), 'O cazador de libros' (1997), 'Mínima moralidade' (1998), Capitán Inverno (1999) e 'A rocha dous proscritos' (2001).

Ramiro Fonte era desde hai anos colaborador habitual de A Nosa Terra, onde mantivo unha columna aberta ás súas intensas inquedanzas culturais. Na actualidade, ademais, dirixía o instituto Cervantes de Lisboa.

Pesar do goberno galego

O Goberno galego manifestou este sábado as súas condolencias e a súa "consternación" pola morte de Ramiro Fonte, unha perda que cualificaron de "irreparable", tanto para as letras e a cultura galega como "a nivel persoal".

En senllos comunicados de prensa, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, lamentaron o falecemento do actual director do Instituto Cervantes de Lisboa.

Touriño destacou que as letras e a lingua galega "están de loito porque Galicia perde hoxe unha das voces máis lúcidas da literatura", ao tempo que trasmitiu á familia do escritor as súas condolencias persoais.

Pola súa banda, Ánxela Bugallo, que anunciou que asistirá aos actos fúnebres que terán lugar en Pontedeume (A Coruña), pobo natal de Fonte, eloxiou o seu papel como o "poeta e narrador" máis destacado dos últimos anos.
Ultimo adeus ao poeta Ramiro Fonte
Comentarios (1) - Categoría: Pasamentos - Publicado o 25-10-2008 21:14
# Ligazón permanente a este artigo
Beramendi gaña o Premio Nacional de Ensaio pola súa historia do galeguismo
Recoñecemento á súa obra

Anxa Correa. AGN.
O catedrático de Historia Justo Beramendi vén de gañar o Premio Nacional de Ensayo concedido polo Ministerio de Cultura español co traballo De provincia a nación. Historia do galeguismo político. Así o confirmaron fontes próximas ao galardoado.

Con esta mesma obra, publicada por Xerais, Beramendi acadou recentemente o Premio da Crítica de Galicia e o da Asociación de Escritores en Lingua Galega, e foi recoñecido o pasado mes de maio co Pedrón de Ouro.

Un galego de Madrid
Nado en Madrid en 1941, Beramendi estudou Enxeñería Industrial na Universidade de Madrid e iniciouse na investigación da historia das ideoloxías e nas actividades políticas e culturais na Universidade de Barcelona.

En 1947 estableceuse en Galicia para desempeñar o posto de xerente da Comisión de Cultura e secretario técnico do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

Axiña asumiu como propia a lingua galega e comprometeuse na loita política co Partido Socialista Galego. Cofundador do Museo do Pobo Galego e actual presidente da súa Xunta Reitora, participou na creación das revistas Negaciones, A Trabe de Ouro e Tempos Novos, foi vicerreitor da Universidade de Santiago e membro fundador da Fundación Castelao.

Especializado na historia das ideoloxías e dos nacionalismos, publicou entre outros libros e artigos de investigación, 'Miseria de la Economía', con E. Fioravanti, 'Vicente Risco no nacionalismo galego', 'Galicia e a historiografía', 'Manuel Murguía', 'Alfredo Brañas no rexionalismo galego', 'La historia política: algunos conceptos básicos', 'La España de los nacionalismos y las autonomías' con J.L. Granja e P. Anguera, e 'A Autonomía de Galicia'.

'De provincia a nación'
Nas máis de 1.200 páxinas de De provincia a nación, froito de máis de 25 anos de investigación, Beramendi recolle a historia do galeguismo político.

É unha investigación sistemática arredor dos movementos sociopolíticos de reivindicación de Galicia como suxeito político de seu dende as súas primeiras manifestacións individuais no século XVIII ata a actualidade.

O tratamento do provincialismo, do rexurdimento e do rexionalismo do século XIX, e máis aínda do nacionalismo galego do século XX, faise cunha profundidade sen precedentes.

O nacionalismo no Estado
As maiores novidades da publicación son a reconstrución das estruturas das ideoloxías, a caracterización das bases sociais e a técnica aplicada para desvelar e cuantificar a fraude electoral na Segunda República.

Ademais, en paralelo coa historia central, vai trazando a da cuestión nacional en España, o que permite ter en conta a incidencia de factores extragalegos e comparar o galeguismo político cos seus análogos doutros territorios do Estado español.

Isto unido á consideración da natureza e dos problemas maiores da sociedade galega de cada época, dá as claves para unha explicación convincente das causas do nacemento, persistencia, posibilidades e limitacións do nacionalismo galego.

17/10/2008
Beramendi gaña o Premio Nacional de Ensaio pola súa historia do galeguismo
Comentarios (1) - Categoría: literatura galega - Publicado o 20-10-2008 22:22
# Ligazón permanente a este artigo
"Estados Unidos ten un cancro de difícil tratamento e a metástase é total"
Carlos Taibo, escritor e profesor de Ciencia Política presenta o seu libro 150 preguntas sobre a nova desorde


OSCAR ABOU-KASSEM - Madrid - 30/09/2008 19:50

Carlos Taibo presenta hoxe 150 preguntas sobre a nova desorde (Editorial Catarata), a versión ampliada e actualizada do libro aparecido en 2002. O profesor de Ciencia Política da Universidade Autónoma de Madrid analiza o papel hexemónico de EEUU, a globalización capitalista e outros fenómenos que nos últimos anos cobraron protagonismo como os novos conflitos internacionais.

¿Que lle parece o plan de rescate económico de Bush?

Este procedemento de privatización dos beneficios e socialización das perdidas non é novo en EEUU. É o mesmo que sucede en Iraq. A invasión é un fracaso militar para Wáshington pero as empresas estadounidenses logran pingües beneficios alí. ¿Quen paga a ousadía bélica de Bush? O contribuínte americano a través dos seus impostos. O esquema que se presenta é de Bush co seu diñeiro rescatando ás empresas cando é o contribuínte o que paga.

No libro fala dunha globalización á carta por parte de EEUU ¿En que consiste a globalización?

EEUU posúe unha maquinaria militar poderosa ao seu servizo. Trátase de impor regras do xogo que benefician ás multinacionais estadounidenses. De aí parte o designio de cortocircuitar o acceso doutros ás materias primas, como o petróleo en Oriente Próximo ou as políticas proteccionistas en relación co aceiro ou a agricultura estadounidense.

¿Están en declive como potencia hegemónica?

Teñen un cancro de difícil tratamento e a metástase esténdese. Seguen sendo a potencia hexemónica política, militar e tecnolóxica. Xa non creo que o sexa no económico nin no cultural. Habería que preguntarse ¿que tipo de proxecto ideolóxico defende no económico Bush? Os neoliberais radicais din que Bush fracasou por non ser o suficientemente neoliberal.

¿O fracaso do plan de Bush pode dar máis oportunidades de mercado a China?

Acurtaríase a hexemonía como potencia hexemónica na maioría dos terreos.

¿sente Rusia traizoada por EEUU tras a caída do muro?

As políticas das potencias occidentais desde 1991 encamiñáronse a evitar que Rusia renaza como potencia. O escudo antimísiles, a nova ampliación da OTAN, o apoio ás revolucións de cores, as bases no Cáucaso reflicten unha posición de crecente agresividade cara a Rusia que facía impensable que Moscova non reaccionase dunha forma ou outra. Desde a prensa occidental adóitase dicir que Rusia desafía a Occidente e de cando en cando ao contrario.

¿Pódese repetir un esquema de dous bloques enfrontados?

Nin Rusia por se soa nin China por si soa non poden contra Estados Unidos. Rusia podería enfrontarse contra a Unión Europea.

¿Que aliados presenta Rusia?

O seu esquema de aliados é máis débil que o de outrora. Bielorrusia, de forma cautelosa, algunhas repúblicas do Asia Central, Armenia e Serbia. É un bloque moi débil comparado co bloque da Unión Soviética. Isto é un dos problemas ao identificar o inimigo por parte de Occidente.

¿Que lle parece a dobre rapadoira que empregou Occidente para Kósovo e Osetia do Sur e o esquecemento do caso checheno?

Hai un elemento común a todos estes casos. Hai un problema nacional. A maioría dos analistas conciben isto como un taboleiro estratéxico onde están as grandes potencias e nada máis. Só lles interesa Rusia, Estados Unidos, o petróleo e os oleodutos, pero no medio hai países con poboacións que senten incómodos dentro dos estados nos que viven. Aquí hai só dous xeitos claros de razoar. A primeira é a de quen aplica o dereito internacional a machada e rexeita drasticamente calquera horizonte de autodeterminación e secesión. E a segunda é a de quen vemos que esta fórmula é delicada en si mesma, é simplemente aplicarlle a todos o mesmo rapadoira e dicir vostedes non teñen máis remedio que aceptar a orde establecida. O problema é cando se apoian algunhas causas cando interesan e isto tamén o fai Rusia, apoiando a independencia de Osetia do Sur pero descartando a de Chechenia. É unha radical primacía dos intereses sobre os principios.

¿Por que tanta insistencia por parte de EEUU na necesidade de instalar o escudo antimísiles?

A primeira razón é os intereses da industria militar que precisa dese escudo como estimulo tecnolóxico. O segundo motivo é a intención de reducir a longo prazo a capacidade disuasoria dos arsenais ruso e chinés. Os rusos ofreceron unha instalación conxunta para o aproveitar o seu radar en Acerbaixán e EEUU rexeitouno. Situalo en Polonia e República Checa é coma se Rusia instala un radar en Cuba e un centro de aviso temperán en Venezuela para protexerse da ameaza de Corea do Norte. Recentemente apúntase a un intento de EEUU por repetir a estratexia de Reagan de forzar un investimento armamentística rusa para frear o seu crecemento económico.

¿Cal é a dependencia da UE do gas ruso?

É unha dependencia mutua. A Unión Europea compra o 85% do gas que Rusia exporta. Moscova non pode prescindir dese mercado. Rusia ten un problema grave. O crecemento incrementou a demanda interna de materias primas e isto reduce a capacidade de exportación. Rusia pode estar aniquilando a galiña dos ovos de ouro.

¿Cal é o legado de Putin?

Co paso do tempo veremos que é máis delicado do que parece. Aquí criticar por autoritario. Creo que non conseguiu endereitar un estado maltreito e terminou encartándose aos intereses dos oligarcas. Hai moitos problemas sociais. Chechenia segue sendo un buraco negro onde non sabemos o que sucede. A longo prazo xulgarémola de xeito máis severo.
"Estados Unidos ten un cancro de difícil tratamento e a metástase é total"
Comentarios (0) - Categoría: economía - Publicado o 10-10-2008 21:05
# Ligazón permanente a este artigo
A afección puxo nota á actuación do equipo cun ¡¡aupa Xacobeo!!
VOLTA A ESPAÑA: FELIZ REGRESO DO XACOBEO GALICIA

[ 22/09/2008 ] Madrid celebrou o triunfo de Alberto Contador (Astana) na sesenta e tres edición da Volta a España. Neste fin de festa deportivo en que se converteu a última etapa da Volta nos últimos anos, o ciclismo galego tamén tivo moito que celebrar porque o equipo Xacobeo Galicia lograba na súa segunda participación mellorar, con fartura, a xa magnífica actuación da pasada tempada: cuarto na xeral individual (Ezequiel Mosquera), quinto por equipos e un triunfo de etapa (David García). Son datos que resumen unha destacada actuación que o público, alá por onde a carreira discorría, sintetizou na expresión: ¡¡Aupa Xacobeo!!

Escenario habitual de fin de volta desde 1987, o madrileño Paseo de la Castellana volveu abarrotarse de público para render homenaxe aos cento trinta e un sobreviventes e, en especial, para celebrar o triunfo dun corredor local, Alberto Contador. Un triunfo que chegaba envolvido nun certo halo de lenda porque o ciclista de Pinto sumou en dous anos ao seu palmarés as tres grandes probas do calendario internacional, algo que só outros catro corredores conseguiran ata agora e ningún español.

O Xacobeo Galicia tiña tamén moito que celebrar, como llo recordou o público ao longo das últimas etapas con mostras constantes de simpatía, ánimo e admiración. Debía celebrar, en primeiro lugar, unha formulación valente encamiñada desde o principio a superar os logros da edición anterior, que xa foran moitos para un equipo que se move nos limiares da súa andaina deportiva

Eran motivos de celebración tamén o feito de ser con Caisse d'Epargne, Ag2r e Astana un dos catro equipos que concluíu a Volta con todos os corredores e a mentalidade grande mostrada na loita polas vitorias de etapa. O equipo máis que a escapada pola escapada, que é tamén moi loable, atreveuse a perseguir a fuga selectiva, coa mente posta na vitoria final, e así chegou a David García, en Ponferrada, e puido chegar tamén a de David Herrero en Las Rozas.

Pero, se cadra, o público recoñeceu dun modo especial a determinación mostrada por Ezequiel Mosquera, non tanto por estar un día tras outro en primeira liña, senón por desafiar aos máis grandes, e en particular ao poderoso equipo Astana, con ataques na alta montaña. Foi o único ciclista que retou a Contador, facéndoo por partida dobre, no porto da Rabassa e no de Fontes de Inverno.

A unión de todos estes feitos xerou unha corrente de simpatía cara ao equipo Xacobeo Galicia, traducida en constantes berros de ¡¡aupa Xacobeo!!, alí por onde se pasaba.

A última etapa pechouse co triunfo ao sprint do danés Matti Breschel. A tres quilómetros de meta produciuse unha caída na que se viu involucrado David Herrero, aínda que o contratempo non lle causou lesións de consideración. Os ciclistas cambiábanse e duchábanse no autocar do equipo. Fóra agardábaos un bo número de afeccionados, que querían un autógrafo ou facerse unha foto con eles. Aos poucos cada un foise marchando cara aos seus puntos de orixe, porque levaban practicamente un mes fóra de casa e as competicións para algúns continúan esta mesma semana en Francia e a primeiros de outubro en México, antes de pechar a tempada.

Declaracións de ciclistas do Xacobeo Galicia ao remate da Volta


Ezequiel Mosquera
"Remato a Volta cunha impresión moi positiva. Ao final da cronoescalada de Navacerrada tiña un sabor un pouco agridoce porque estaba con opcións de podio e non o conseguín. Sastre soubo aguantar e non fallou. Pero cando vin a clasificación e a xente que había por diante e a que había por detrás pensei que era como para estar contento", comentou.

"O quinto posto do ano pasado, o disputar unha xa unha carreira de tres semanas, permitiume chegar este ano á Volta con máis confianza nas miñas posibilidades e permitiume concentrarme máis na preparación da mesma. Das accións de carreira que recordo con máis satisfacción son os días na montaña en que decidín ir ao ataque, precisamente por ese maior coñecemento que tiña da carreira e de min mesmo neste tipo de probas. Non está nada decidido pero espero poder chegar a un acordo para quedarme no Xacobeo Galicia, porque ese é o meu desexo", engadiu Ezequiel Mosquera.

David García
"Obxectivo cumprido no persoal e a nivel de equipo. cumprimos con fartura e o propio Álvaro Pino díxonos que asinase este resultado antes de empezar a Volta. A vitoria na etapa de Ponferrada deume unha gran satisfacción, pero sobre todo permitiume soltar a tensión acumulada, foi como unha liberación. Viña coa dúbida de como ía responder a esta carreira tan longa e marcho co convencemento de que me van este tipo de carreiras, que son un fondista. Dicíaa aos compañeiros que me faltaba unha semana de carreira. Pero esta semana correrei en Francia e espero ter opcións de disputar", sinalou o gañador da décimo quinta etapa.

Serafín Martínez
"Acabo cansado. Viña con dúbidas sobre como ía aguantar as tres semanas de carreira, pero puiden superalo. Houbo días que houbo que regular, levantar un pouco o pé e noutros buscar as escapadas, cousa que unhas veces consegues e outras non. O equipo estivo sobresaliente. Ao final non puidemos conseguir o podio, pero viñamos coa idea de repetir a actuación do ano pasado e superámola con nota".

Carlos Castaño
"O equipo chegou nun momento de forma inmellorable á Volta e con moi boa mentalización. Por iso puidéronse conseguir os obxectivos que nos marcamos de inicio. Eu tiven algúns problemiñas físicos, pero están superados. Sobre a continuidade no equipo, hai que ver un pouco como se constrúe para o ano que vén, pero eu estou contento con Álvaro Pino, que é un grandísimo director".

David Herrero
"Voume co recordo de que estiven a piques de gañar unha etapa e de que o equipo fixo unha gran Volta, polo que acabo cun bo sabor de boca. Teño algunha outra oferta pero a miña primeira opción é o Xacobeo Galicia, porque estou moi a gusto no equipo, cos directores deportivos e con todos os técnicos e auxiliares".

Gustavo C. Veloso
"Acabo cunha moi boa impresión. Viña con certas dúbidas por tratarse dunha carreira de tres semanas e saio convencido de que vallo para isto. Podes ter un día malo, pero te recuperas e non pasa nada. Se seica, faltoume coller unha fuga, pero estou contento. Acabo a Volta moito máis enteiro que o ano pasado".

Gustavo Domínguez
"Subimos un banzo de calidade. Tratamos en plano de igualdade cos mellores equipos do mundo. A experiencia do ano pasado permitiume enfocar mellor a Volta e superala con menos dificultade, a pesar dalgúns problemiñas de saúde que tiven a metade de carreira. O ano pasado saín co aliciente de que a Volta empezaba en Galicia, pero na montaña paseino mal. Este ano non pasei apuros para superala, fóra da etapa de Suances, coa choiva e o frío. Esta Volta, para o meu gusto, tamén foi máis bonita que a pasada, que tivo o colorido das etapas de Galicia, pero logo ofreceu uns percorridos menos atractivos. Que conten comigo para ser un dos nove que vai disputar a Volta, xa é importante, e que ao final che digan que queren seguir contando contigo, é moi gratificante, sobre todo cando é este o equipo no que queres estar".
A afección puxo nota á actuación do equipo cun ¡¡aupa Xacobeo!!
Comentarios (1) - Categoría: deporte galego - Publicado o 09-10-2008 13:43
# Ligazón permanente a este artigo
O percebeiro que liberou París
REPORTAXE

Tres coruñeses participaron na división Leclerc

PAOLA OBELLEIRO - A Coruña - 09/10/2008

Non sobrevive ningún dos tres galegos integrantes da lendaria división blindada A Nove que, formada por exiliados republicanos españois baixo o mando do xeneral Leclerc, foi unha das tres unidades máis arroxadas da Segunda Guerra Mundial. E Francia segue sen recoñecer aínda a estes heroes que foron os primeiros en entrar, o 26 de agosto de 1944, en París tras tres anos de ocupación nazi. Un esquecemento que a xornalista alacantina Evelyn Mesquida trata de reparar co libro La Nueve, os españois que liberaron París (Edicións B) que presentará hoxe nunha charla na Coruña.

"Aínda non eran vinteañeiros cando tomaron as armas en 1936 e durante nove anos loitaron en dúas guerras movidos exclusivamente pola súa convicción de defender unha causa xusta", explica a autora do libro. Un coruñés, Víctor Lantes, e dous oriúndos da localidade coruñesa de Cariño cuxo nome tomaron prestado como mote de guerra, formaban parte de La Nueve. Eran 144 españois, anarquistas e republicanos que tras loitar na Guerra Civil lograron fuxirse ao norte de África, onde, internados en campos de concentración, foron obrigados polas tropas francesas colaboracionistas a enrolarse na Lexión Estranxeira para non ser fusilados. Pero pronto desertaron para comprometerse coa histórica división blindada que conformaron os xenerais Leclerc e De Gaulle, defensores da Francia libre.

Só quedarían 16 tras o desembarco de Normandía, en xuño de 1944. Antonio Cariño era un dos que caeron na fronte. Pero o seu conveciño Cariño López, percebeiro reconvertido en "tirador estrela do canón antitanque" e un dos soldados máis condecorados, así como o coruñés Víctor Lantes, si formaban parte da unidade de Leclerc que, dous meses despois, foi a primeira en entrar en París, liberado, ou case, dos nazis.

Cariño López, cuxo verdadeiro nome era Ángel Rodríguez Leira, morreu en París pouco antes que Franco, en 1975, sen cumprir o soño de volver á súa localidade natal para saborear percebes. "Eu se onde están", replicáballe ao seu fillo cando este lle dicía que en Cariño xa se extinguiu o marisco. Ata o final da súa vida o percebeiro-canoneiro conservou unha saba que, a modo de trofeo de guerra, subtraera en maio de 1945 cando, como integrante das tropas baixo as ordes do xeneral Patton, chegou ata o Niño do Aguia, a residencia de Hitler en Baviera. "A Cariño López empuxábao un inmenso desexo de desquite e de vitoria", recorda nas súas memorias o oficial da Nove Raymond Bronne.

Víctor Lantes, que escapou da Coruña onde a súa familia represaliada por republicana tiña unha pousada, faleceu o ano pasado en París. Pero antes tivo tempo de contar a Mesquida o seu testemuño.
O percebeiro que liberou París
Comentarios (1) - Categoría: historia - Publicado o 09-10-2008 13:30
# Ligazón permanente a este artigo
ENTREVISTA: ARTURO DOPICO PÉREZ Director xeral de R
P. Teñen problemas cos seus clientes por utilizar normalmente o galego?

R. O galego significa rendibilidade para nós porque é identidade. E non estou falando de identidade política en absoluto. Non o entendemos como unha ferramenta política, senón desde o punto de vista do noso patrimonio cultural. Os idiomas non ocupan espazo na nosa cabeza, eu aprendín tres e estou co cuarto. Renunciar a unha riqueza como esa é de bárbaros.
ENTREVISTA: ARTURO DOPICO PÉREZ Director xeral de R
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 06-10-2008 13:44
# Ligazón permanente a este artigo
John Rutherford, académico honorario da Real Academia Galega
EFE. O hispanista inglés John Rutherford, tradutor e divulgador da literatura española e galega no seu país, ingresa este sábado como académico honorario na Real Academia Galega (RAG), despois de medio século de vinculación profesional e afectiva a Galicia.

Profesor da Universidade de Oxford, tradutor ao inglés do Quijote ou La Regenta, de Castelao ou Méndez Ferrín, Rutherford pronuncia un discurso no que recorda a súa chegada a Galicia en 1958, concretamente a Ribadeo, nun intercambio cultural, o que cambiou a súa vida porque, ademais de espertar a súa paixón pola cultura popular, coñeceu á súa muller.

Desde entón, a súa vida foi "unha peregrinaxe laica cara a unha comprensión do fascinante misterio que atopei na cultura galega", que trata de descifrar no seu discurso de entrada na RAG, titulado "Ou fermoso sorriso de Daniel", que fai referencia ao enigmático sorriso dunha figura do profeta no Pórtico da Gloria da catedral compostelá.

Viaxeiro infatigable e amante do camiño de Santiago, John Rutherford comentou que desde que chegou a Galicia sentiu auténtica fascinación pola súa cultura e, máis concretamente, polo seu sentido do humor e o especial xeito de entender a vida dos galegos.

Retranca
En Galicia "hai unha cultura popular moi profunda e un xeito de pensar que eu descoñecía" cando descubriu a costa de Lugo, que lle fixo quedar prendado da "finísima ironía", unha retranca "que non atopara en ningún sitio e difícil de entender para un inglés".

No seu país, "o sarcasmo é fácil, enseguida daste conta do que che queren contar", pero enfrontarse á retranca resulta "máis complicado, porque é máis intelixente, cústache saber o que che queren dicir, ou se che queren dicir algo", comenta Rutherford nun perfecto galego cun lixeirísimo deixe inglés.

En Galicia descubriu "o gusto de falar por falar" e que conversar é "un xogo". "Os ingleses somos máis pragmáticos", incluso no emprego da linguaxe, aclara.

Décadas envorcado na divulgación da cultura galega, Rutherford admite, con todo, que en Galicia non está suficientemente valorada a súa propia cultura, e móstrase como un firme defensor do idioma galego, "a expresión da identidade dun pobo que non pode perderse, temos que facer todo o que podamos" para evitalo.

Polo bilingüismo
Ás voces que claman contra o bilingüismo na escola, John Ruterford replícalles que estudar dous idiomas, o galego e o español, enriquece, e que non é incompatible con aprender inglés. "Nós os galegos", di Rutherford, "podemos ser perfectamente trilingües, eu falo os tres idiomas, e non é difícil".

Rutherford acepta a honra como representante dos estudos galegos no Reino Unido e pide á RAG que lle encarguen algún traballo e así "me permítan realizar algunha contribución activa ao labor desta importante institución", no que se pensa envorcar xa que está xubilado como profesor, aínda que segue á fronte do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Oxford.
John Rutherford, académico honorario da Real Academia Galega
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 06-10-2008 13:34
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0