boas e xenerosas


Unha escolma de artigos, entrevistas, estudos, novas, opinións, reportaxes... boas e xenerosas



GALEGO DE SEU(Web)


Colazo
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A memoria do mar
Álbum de fotos do Museo do Mar de Vigo
Comentarios (1) - Categoría: historia - Publicado o 05-01-2009 20:04
# Ligazón permanente a este artigo
Poesía para ver, poesía para ler
de Igor Lugrís no Flickr
Comentarios (1) - Categoría: literatura galega - Publicado o 05-01-2009 20:02
# Ligazón permanente a este artigo
Galinux: Un Sistema Operativo Libre en Galego
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 16-12-2008 23:56
# Ligazón permanente a este artigo
Verán do 89
Comentarios (2) - Categoría: nacionalismo galego - Publicado o 10-12-2008 18:10
# Ligazón permanente a este artigo
A importancia das rogas no rural, recuperadas polos nenos
Oficios tradicionais

O colectivo Estiño adica o seu derradeiro calendario as agrupacións de persoas para para realizar traballos colectivos

Se vostede non coñece o significado de roga, unha verba de uso en algunhas zonas de Galicia, pero descoñecida noutras e quere poñerse o día, o calendario do colectivo Estiño axudaralle a saber do que estamos a falar. As rogas eran xuntanzas de persoas para facer un traballo en conxunto. Había rogas para a sega, para a malla, a matanza, para amañar os camiños, para ensilar, para esfollar o millo e para case todas as labores. Os veciños axudábanse entre si e o pago polos traballos era con traballo. Pero non todo era arrimar o ombreiro. O remate das tarefas xuntábanse de troula para cantar, bailar e para mocear.

Os cativos de 14 centros educativos da provincia son quen aportan os debuxos para a edición número trinta do calendario. Participaron nesta derradeira edición alumnos das escolas rurais Eloísa Ribadulla e Xoán de Requeixo, de Chantada; de Bretoña, Cervantes, Paradela, Poboa do Brollón, Chao do Pousadoiro, IES de Meira, colexios de Mosteiro e de Lousada, IES Leiras Pulpeiro e da Ponte, todos IES de Lugo, ademais dos de Allariz, en Ourense e de Viana, na mesma provincia.

Proxecto solidario

O calendario, que se vende na Cova da Terra, nas librerías Trama e Souto, na CIG e nos propios centros participantes, edito desde fai 30 anos o colectivo pedagóxico Estiño. Costa 1,5 euros. Cos cartos recadados, ademais de costear os 3.000 exemplares que pretenden distribuír, tamén pagarán o próximo número da revista Miuzallas. Nesta publicación, que é monográfica, inclúen os textos dos alumnos que participaron na elaboración do calendario, xa que non só se trata de presentar os debuxos, senón que supón un traballo de investigación. A revista sairá na vindeira primavera.

Os rapaces que participan no proxecto teñen como fonte principal para as súas indagacións as persoas maiores, que son as que se acordan de como funcionaban as rogas cando eran novas. Cada centro traballa sobre o tema e entre todos os debuxos selecciónanse os que aparecen no calendario e os textos que se incorporan a revista.

Unha parte das vendas nos centros pequenos adicaranas a actividades complementarias. O resto da recadación destinarano a financiar proxectos educativos en Nicaragua, a través da ong Axunica. Esta organización, ademais de colaborar na posta en marcha de centros de preescolar e comedores escolares tamén concede becas para estudantes do medio rural nicaragüense para que cursen estudios en Granada. Nestes intres teñen concedidas axudas a 14 rapaces.

Clientela fixa

O colectivo Estiño non ten dificultades para comercializar o seu calendario. Contan con un amplo número de clientes fixos que non faltan a súa cita.

Os temas aos que recorren ano tras ano son suxerencia dos alumnos que participan no proxecto. O de as rogas levaba en carteira xa un tempo. Os membros do colectivo pedagóxico animáronse a rescatalo debido a que constataron que esta palabra era descoñecida en moitos ametos e desa maneira mataron dous pombos dunha soa tirada. Tamén supón un repaso polas tarefas que se levan a cabo no campo e que necesitan da participación colectiva.

Aínda que os centros que participan no proxecto sofren cambios, algúns dos pais dos cativos que colaboraron nos últimos números tamén o fixeron eles cando acudían a escola.
A importancia das rogas no rural, recuperadas polos nenos
Comentarios (1) - Categoría: historia - Publicado o 10-12-2008 18:06
# Ligazón permanente a este artigo
A refundación do capitalismo
Marcelino Fernández Mallo

(Nota da Redacción de Vieiros: esta análise foi premiada no certame de artigos de opinión económica organizado en 2008 polo Colexio de Economistas da Coruña)


Pois velaí témo-los líderes mundiais mans á obra para resolve-la gran crise do século XXI. Levan destinados centos de miles de millóns de euros e dólares para mercar activos, dar créditos, inxectar liquidez, formalizar avais e moitas outras ocorrencias xurdidas da febre decisional que lles provocou o estalido da burbulla que eles mesmos porfiaron en crear con encomiable empeño. Decisións tomaron moitas; a última, xa a coñecen: van ?refunda-lo capitalismo?. E como o capitalismo se pode refundar así, cun choquelear dos dedos, pois axiña lle puxeron data á refundación: o 15 de novembro. Será emocionante: o 16 encetaremos unha nova orde mundial!

As primeiras leccións de capitalismo atópanse na Biblia. Si, nos Evanxeos. Lembrarán aquela parábola na que un ?señor?, antes dunha viaxe, reparte denarios entre tres dos seus ?servos? (na Biblia hai ?señores? e ?servos?); ó cabo dos anos, regresa o señor disposto a recada-lo froito dos préstamos concedidos, con diferente resultado en función do investimento realizado polos servos. Ou aqueloutra historia (a Biblia está chea de contos estupendos) na que Xosé interpreta o soño do Faraón no que sete vacas fracas aparecen tras sete vacas gordas; eu apostaría a que as primeiras sete, máis ca gordas, estaban hipertrofiadas.

Con este tipo de parábolas fomos tirando, mulleres e homes, ata que apareceu Adam Smith é ditou as regras clásicas do capitalismo incluso antes do capitalismo existir, o cal non deixa de te-lo seu mérito (o capitalismo existe dende que Carlos Marx escribiu ?O capital?). Adam Smith publicou aquilo de ?A riqueza das nacións? douscentos anos antes de que Michael Porter escribise o primeiro dos seus ?best-sellers?, ?A competitividade das nacións?. Douscentos anos para trocar unha palabriña de nada, para aprendermos algo que, en fin, tampouco semella tan complicado: para sermos ricos, habemos ser competitivos.

Sendo sincero, esquecín a maioría dos paradigmas ditados polo segundo Adán máis popular da Historia; a maioría agás, naturalmente, o da súa misteriosa ?man invisible? capaz de devolve-los elementos descolocados ó seu sitio. Supoño que isto da man invisible sería unha reminiscencia das lecturas bíblicas de Mr. Smith e o home se estaría referindo a unha sorte de ?deus económico?. E entón penso en Bush, pertencente ós ?new born christians?, e decátome de que este cristián renacido é quen convoca a xuntanza para a refundación do capitalismo e sinto un calafrío percorréndome o corpo que non desaparece ata consulta-las enquisas sobre as vindeiras eleccións ianquis.

Crises e refundacións

A ?man invisible? de Adam Smith propiciou a Revolución Industrial, incluíndo as miserentas condicións de traballo dos obreiros denunciada por Marx, pero fallou con estrépito en 1929. Disque o deus económico repartiu crédito a calquera que pasara por Wall Street para a compra de accións baixo a hipótese de que os títulos ?nunca baixarían de valor?. E claro!, baixaron, vaia se baixaron; algúns dende un vixésimo piso ata o chan en voo descendente perpendicular. E houbo uns anos de fame, frío e desesperación no que se chamou a Gran Depresión ata que Roosevelt artellou aquilo do ?New Deal?. No terreo económico, John Maynard Keynes promulgou unha sorte de novo paradigma económico baseado nas políticas fiscais segundo o cal as intervencións dos Estados permitirían mitigar, e mesmo evitar, os perniciosos ciclos que tanto sufrimento causaban nas etapas de devalo (e volvemos ó das vacas gordas e fracas da Biblia).

O keynesianismo campou ás súas anchas na praxe económica (con dúas guerras e un Bretton Woods polo medio) ata que a crise petroleira do 73 levou por diante as teorías a partir de entón chamadas intervencionistas. E así foi que o liberalismo se volve impoñer como dogma predominante e se recupera o obxectivo da minimización do Estado e a predilección das políticas monetarias para o control dos ciclos. O monetarismo, ¿un novo capitalismo? Seica.

Novas crises, pero de distinta intensidade, xurdiron nos 80 e nos 90, o cal tampouco non debe sorprender porque xa Kondratieff, presunto lector da Biblia, prognosticou a intermitencia dos tempos de abalo e devalo en distintos graos e frecuencias. E a medida que cada crise se deixaba atrás, reforzábase o dominio das teses económicas liberais baixo un novo formato: o neoliberalismo. En realidade, o referente teórico do neoliberalismo é difuso. Eu identifícoo coa relaxación da regulación financeira e cunha máxima que lle escoitei hai anos a un destes gurus totémicos que nos chegan de EE.UU. flanqueados polo seu exército de marketing, segundo o cal ?os directivos deben buscar duplica-lo tamaño das súas empresas cada tres anos?. Eis a raizame do problema.

E estamos no século XXI e a construción segue medrando sen tino nin sentido, e os créditos se reparten ás cegas porque hai que seguir duplicando o tamaño das empresas (neste casos, dos Bancos) cada tres anos, e empezan a abrolla-los primeiros síntomas de desaceleración ante o que os ?cristiáns renacidos? deciden invadir Irak nunha demostración máis de como as gasta o vello capitalismo que agora hai que refundar. E chegan os plans ?Paulson? e os plans ?Brown?...

Eu, se lles digo a verdade, prefiro o ?Plan Bowles?; ah!, que non o coñecen? Pois o ?Plan Bowles? foi proposto por Manuel Vázquez Montalbán na súa novela (adoito cualificada de ?experimental?) ?Yo maté a Kennedy? no cal determinaba, por exemplo, o continxente sueco de produción de garfos de aceiro inoxidable así como o monopolio para a fabricación de saleiros de mesa en toda a zona capitalista.
Falando seriamente... Non paga a pena profundar nas orixes do gran desastre do 2008 porque coido que a estas alturas, quen máis quen menos ten unha idea do ocorrido. Non a temos tanto sobre o que aínda está por ocorrer. De entrada, eis a data do 15 de novembro para ?refunda-lo capitalismo?. E claro!, antes de poñerse a tarefa tan singular, coido eu que haberían de definirse os obxectivos dese suposto novo capitalismo, sobre o cal Lula e Berlusconi, por citarmos dous asistentes confirmados, terán posicións pouco coincidentes.

Un novo capitalismo é posible?

A nove orde mundial, se algún día se quere empezar a construír, debería ter un gran e solemne obxectivo: a diminución das aberrantes diferenzas de renda e riqueza entre a especie humana. E non só porque esas diferenzas representen unha inmoralidade insoportable, senón porque tamén forman parte do gran problema económico. Pero para que tal obxectivo tivese algunha posibilidade de éxito nun prazo razoable, haberiamos inventar un imposto mundial para as grandes fortunas. Non é inédito, xa se intentou, con pouco éxito, a escala nacional en, por exemplo, o Reino Unido. O pouco éxito debeuse, naturalmente, a asimetría da medida, que provocou a fuxida de capitais cara a outros sistemas fiscais máis benignos cos adiñeirados.
Unha supertaxa para os máis ricos do mundo (persoas e empresas) non tería por que ser unha quimera. Con esas contías, constituiríase un gran Fondo a administrar, por exemplo, pola ONU, para o seu investimento en plans agrarios, industriais e educativos nos países máis pobres do planeta. O Fondo, ben administrado, mesmo daría resultados financeiros positivos a medio ou longo prazo, por suposto colectivos, pero igualmente individuais para os contribuíntes ó propio fondo na mesma proporción das súas achegas. É posible.

Agora, estamos dispostos (como ?xénero humano?) a renunciarmos á hexemonía e dominio absoluto dos ricos sobre os pobres? A ?refundación do capitalismo? requiriría a revisión completa do funcionamento actual do sistema. Estamos dispostos?
Estamos dispostos a redefini-la globalización (ollo a Rolda de Doha) para situar como primeiro obxectivo o abastecemento xusto nos países menos desenvolvidos?

Estamos dispostos a redefini-lo concepto de beneficio pasando do actual de ?rendemento individual a curto prazo? a un novo de ?resultado colectivo a longo prazo?

Estamos dispostos a revisa-la posición de dominio das grandes multinacionais en determinados sectores e as súas prácticas no mundo global?

Estamos dispostos a restrinxi-lo comercio cos países que non asuman condicións éticas de traballo e ambientalmente sostibles de produción?

Estamos dispostos a limita-las taxas de crecemento da actividade das institucións públicas e das empresas privadas a relacións equilibradas entre recursos propios e endebedamento?

Estamos dispostos a pecha-las axencias internacionais de rating (un dos factores instrumentais principais desta crise) e substituílas pola acción dos bancos centrais e do FMI para o risco-país?

Estamos dispostos a redefini-la función das compañías auditoras e a relación de estas cos seus clientes, así como a crear programas permanentes de auditoría de produtos e mercados financeiros (non só das empresas que comercializan os produtos e actúan nos mercados)?

Estamos dispostos a cancela-los paraísos fiscais e demais instrumentos de evasión de impostos ó alcance das grandes fortunas?

Estamos dispostos a eliminar calquera posibilidade de especulación sobre bens de primeira necesidade coma alimentos ou enerxía?

Estamos dispostos a limita-la actividade dos hedge-funds a operacións de cobertura de risco e estabilización dos prezos de aprovisionamento tal como era nun principio?

Estamos dispostos a someter a escrutinio público os salarios dos directivos de empresa por enriba duns importes moralmente aceptables?

Estamos dispostos a asumir un radical programa mundial de aforro enerxético?

Estamos dispostos a limitar ou elimina-la concesión de crédito e axudas ás empresas ou institucións que non cumpran os obxectivos de beneficio colectivo e sostibilidade medioambiental?

Creo que, cando teñamos respondido estas e outras cuestións similares, estaremos en condicións de pensar na esperanza dunha nova orde mundial. Namentres, seguiremos de convidados desta penosa ?lumeirada de vaidades? que non se apaga nin sequera en época de crise mundial.
A refundación do capitalismo
Comentarios (1) - Categoría: economía - Publicado o 08-12-2008 13:00
# Ligazón permanente a este artigo
Juan Carlos Moreno Cabrera:
A ENTREVISTA JUAN CARLOS MORENO CABRERA, CATEDRÁTICO DE LINGÜÍSTICA

O autor do nacionalismo lingüístico opón argumentos aos dos asinantes do Manifesto pola lingua común.

--¿Os asinantes do Manifesto pola lingua común fallan?
--Non. Son coherentes cunha ideoloxía nacionalista: o nacionalismo lingüístico español. Pero non din nada novo...

--¿Que quere dicir?
--O manifesto ten uns fundamentos similares aos expostos pola Real Academia Española nun escrito que elevou ao presidente das Cortes en 1978. Pedía que, no artigo segundo da Constitución, o que fala das linguas españolas, constase que o castelán é a lingua española por antonomasia.

--A petición non foi aceptada.
--¡Pero se actúa coma se o fose! As demais linguas españolas están nun segundo plano. Considéranse menos útiles, rexionais, minoritarias. Agora iso repítese no manifesto, que empeza dicindo que existen linguas españolas, pero que hai unha que está por enriba, que é a lingua da comunicación, a democracia, a ciencia. Na nova versión ata se lle dá un enfoque economicista, asóciase a un "investimento en capital cultural".

--O castelán gaña en falantes.
--Cando unha lingua se expande débese a cuestións políticas, non a razóns lingüísticas. Non é máis apta nin máis rica nin mellor. ¿E como se enmascara isto? Dicindo que a lingua española ten unha serie de valores intrínsecos superiores ás demais. O manifesto insiste niso.

--Detrás están Vargas Llosa, Pombo, Savater... ¡Iker Casillas!
--Non se dan conta de que o seu é unha ideoloxía ferozmente nacionalista. O gran problema desta ideoloxía nacionalista é que non é concibida como nacionalista. Concíbese como ideoloxía cívica. Non ten valores étnicos, nin identitarios e, por iso, se asocia o español con "liberdade" e "democracia", cousa que desposúe automaticamente ás outras linguas deses valores. A manipulación é terrible, pero o peor é que a xente non é consciente desa manipulación. O nacionalismo español é o máis radical e excluínte.

--Eles din que os dereitos pertencen aos cidadáns, non aos territorios.
--Son os mesmos que ven natural que o español sexa oficial en todo o territorio. Na ideoloxía nacionalista española o castelán é o español. E aos que falamos español parécenos moi ben, pero o apoio que lle dá o Goberno non ten como obxectivo apoiar aos españois senón facer de menos ás outras linguas.

--Vostede, madrileño sen mácula, admite ter prexuízos.
--Tívenos, pero un maior coñecemento da realidade lingüística axudoume a eliminalos. Dóeme que os meus colegas, que saben o mesmo que eu, non loiten nesa dirección. A ciencia non é unha disciplina inmune ás relacións de poder.

--Dea un argumento inapelable.
--A lingua correcta, a da RAE, a do dicionario e a gramática, non é unha lingua real. A xente pensa que a lingua coloquial non é máis que unha realización imprecisa dese modelo. E non é así. É o modelo o que se basea na lingua falada.

--Prosiga.
--Dise que o español ten 450 millóns de falantes. ¿Dominan todos a lingua estándar culta? Non. Ten moitísimas variedades.

--De acordo.
--Non se pode dicir que o catalán ou o vasco son un conxunto de falas, porque o español tamén o é. Ocorre que, de todas as variedades, seleccionouse o que se chama un dialecto, o castelán, e asocioullo coa construción dun Estado supranacional, central e forte. Xa que logo, o español é unha especie de idea de carácter político que se estableceu baseándose no dialecto castelán.

--¿Cando empezou todo?
--No século XIII, o castelán empezou a usarse na corte de Afonso X para cuestións administrativas. Conforme se uniron os reinos e Castela adquiriu poder, o dialecto castelán, que non tiña valor literario, impúxose como modelo, asociado ao poder central.

--Demasiado tempo pasou. ¿Ve algunha solución?
--España é un Estado multinacional e é evidente que hai un dereito de autodeterminación que é absolutamente necesario respectar. A situación mellorará cando os pobos vasco, catalán e galego decidan como queren ser. O que non é de recibo é que o Parlamento catalán estea secuestrado polo español. Cada vez que toma unha decisión, o Parlamento español invéntase artigos de inconstitucionalidade.

--¿Algún antepasado catalán?
--Non. Só quero defender a miña lingua, que non lla asocie a imposición nin a imperialismo algún.

--Sinale un erro dos cataláns ao expor o seu defensa da lingua.
--Reprócholles que non sexan máis intransixentes no seu uso. Deberían falalo en Madrid. No Congreso. Nas entrevistas.



"O castelán non está perseguido; esa é unha polémica ficticia"(Público)


Entrevista co autor de 'El nacionalismo lingüístico'(A Nosa Terra)
Juan Carlos Moreno Cabrera:
Comentarios (0) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 02-12-2008 13:10
# Ligazón permanente a este artigo
A Xustiza e a Policía únense á normalización da lingua
Nun seminario celebrado en Aciveiro

Redacción . O Mosteiro de Aciveiro, na Terra de Montes, deulles abeiro onte aos membros da Irmandade Xurídica Galega, aos da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia e aos mandos dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado co fin de estudar o proceso de incorporación do galego no funcionamento dos órganos xurisdicionais e das forzas da policía.

Aciveiro acolleu onte un seminario de traballo no que a Irmandade Xurídica Galega, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia e mandos dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado deliberaron verbo da incorporación do emprego da lingua galega no eido xudicial e policial.

Malia os avances que se rexistraron nos últimos anos no que atinxe ao uso do galego nos respectivos ámbitos de traballo, os asistentes ao seminario consideran que cómpre seguir avanzando nesta liña. Así, analizaron unha serie de medidas de cara á mellora da situación.

Capacitación do persoal

Ademais de incidir no carácter cooficial da lingua, os asistentes lembraron que cómpre avanzar na capacitación lingüística do persoal dos organismos representados e na formación sobre dereitos lingüísticos. Nesta liña, para incrementar a calidade do servizo prestado en galego, o seminario considerou decisiva a capacidade formativa da Academia Galega de Seguridade Pública e dos gabinetes de comunicación dos organismos.

Como conclusión final os participantes, entre os que asistiron o Fiscal Superior de Galiza, Carlos Varela, os responsábeis da 15 zona da Garda Civil, da Xefatura Superior de Policía de Galiza e da Unidade adscrita do C.N. Policía á Xunta, instaron as administracións públicas a artellar ferramentas necesarias para a correcta promoción, difusión e uso do galego.

Liñas que se debateron

1º.- A principal finalidade das Administracións Públicas é garantir o efectivo cumprimento do ordenamento xurídico. A Constitución, o Estatuto de Autonomía e outras disposicións normativas establecen a cooficialidade da lingua galega.

2º.- Cómpre seguir avanzando na capacitación lingüística do persoal dos organismos representados, tanto desde un eido xeralista como no eido específico da linguaxe xurídica-administrativa e na formación sobre dereitos lingüísticos. Logo, co gallo de incrementar a calidade do servizo prestado en galego, a achega formativa da Academia Galega de Seguridade Pública debe ser decisiva.

3º.- Na mesma dirección, os asistentes á xuntanza considerarían necesario actuacións tendentes a que as aplicacións centralizadas dos referidos organismos, conten con versión en galego que posibiliten a produción de material escrito nesta lingua.

4º.- Consideramos que os distintos servizos de atención ao público das administracións xudicial e policial teñen unha especial importancia na definitiva normalización da lingua galega, motivo polo que se deberían artellar as medidas organizativas precisas para garantir en todo momento a presenza nos mesmos de persoal dabondo capacitado, sendo dito aspecto especialmente valorado nos plans de calidade ou avaliación dos servizos.

5º.- Considérase tamén o papel relevante que teñen, pola súa relación directa coa prensa, os gabinetes de comunicación das institucións xudiciais e de seguridade polo que consideramos de especial relevancia promover o emprego do galego nas intervencións públicas e comunicados de prensa con motivo das actividades e servizos que desenvolven, sen prexuízo de que tamén se fagan en castelán. Neste eido, considérase imprescindible a implicación e colaboración dos medios de comunicación social.

6º.- Vista a boa disposición dos asistentes no impulso da lingua propia de Galiza, os xuíces e maxistrados presentes na xuntanza propoñen levar a término unha serie de experiencias piloto en distintos órganos xudiciais galegos nas que as relacións mutuas entre xulgados e policía se desenvolvan tamén en galego.
A Xustiza e a Policía únense á normalización da lingua
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 01-12-2008 13:34
# Ligazón permanente a este artigo
A Pena Trevinca ten un dos bosques de teixos mellor conservados de Europa
O teixadal de Casaio

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG
Comentarios (1) - Categoría: paisaxe - Publicado o 27-11-2008 13:23
# Ligazón permanente a este artigo
O idioma galego, un plus engadido
LUIS MANUEL GARCÍA MAÑÁ
(Xefe superior da Policía Nacional en Galicia)

TIVERON que pasar varios séculos para que, sobre a terra que pisamos, se construíra unha lingua propia, lingua que non nos prestou ninguén, transformándose no idioma dos nosos devanceiros, os mesmos que con frecuencia foran cualificados como criaturas atrasadas por só falar galego. Daquela o noso idioma era rexeitado polo centralismo e pola Administración.

Dende hai uns anos, Galicia ofrece deseñadores de moda, sobranceiros empresarios, deportistas olímpicos, investigadores e científicos senlleiros, creadores, artistas, escritores, cine, gastronomía, turismo e un sen fin de produtos, todos con denominación de orixe galega. As institucións decatáronse de que o idioma galego ten un valor singular, un plus engadido, xa que nos aproxima ao cidadán que se sinte mais confiado con quen fala coma o pobo.

Tamén as forzas e corpos de seguridade van espertando da longa noite que escurece a expresión natural de Galicia. Xa non constitúe un demérito o seu uso, como aconteceu no pasado. Pola contra, máis do oitenta por cento dos policías comprenden e falan o galego, aínda que non pasa o mesmo coa escrita, na que imos avanzando lentamente e queda dabondo por facer.

Mais está agromando un tempo novo se temos en conta que o mesmo DNI electrónico xa se expide cos enunciados bilingües. As comisarías fornécense con tradutores informáticos de castelán a galego mercé á Secretaría Xeral de Política Lingüística e son cada día máis os funcionarios que utilizan a escrita nos seus informes, peritaxes e demais documentos policiais.

Queda moito camiño por andar. Temos vimbios e comezamos a elaborar o cesto no que dar acougo ao legado da fala que recibimos dos que nos precederon; principiamos a sentir a autoestima da nosa cultura sentimental a través do uso da lingua, a mellor ferramenta das que dispomos para atinxir a confianza dos cidadáns xunto ao traballo cotián.

O Corpo Nacional de Policía, desde a Xefatura Superior de Galicia, compromete a súa vocación de servizo á cidadanía respectando a normativa constitucional do bilingüismo, mais tamén aposta pola realidade dunha Galicia que conta cunha lingua de seu como o elemento máis afoutado da propia identidade.

Porén non esquecemos o que os cidadáns agardan fundamentalmente de nós. Hoxe estamos a cumprir os obxectivos que nos foron sinalados polo Ministerio de Interior no que atinxe ao control das infraccións penais, á recapitalización de recursos humanos e á recuperación e creación de novas infraestruturas policiais. Sabemos que Galicia non ten cancelas contra a delincuencia que nos chega de fóra e que a nosa terra non é unha illa afastada do mundo. Malia ao devandito, as forzas de seguridade non lle imos pór doado o traballo aos inimigos dos cidadáns, e loitaremos, canto sexa preciso, para que ninguén poida pensar que o exercicio do delito ten aquí terra estercada e que o clima lles vai sentar ben. Diso nada.
O idioma galego, un plus engadido
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 27-11-2008 00:39
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [4] [5] [6] 7 [8] [9] [10] ... [23]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0