boas e xenerosas


Unha escolma de artigos, entrevistas, estudos, novas, opinións, reportaxes... boas e xenerosas



GALEGO DE SEU(Web)


Colazo
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Máis futuro para o galego
HENRIQUE MONTEAGUDO 07/05/2010

O pasado mes de abril veu a lume un avance dos datos sobre coñecemento e uso do idioma recollidos polo Instituto Galego de Estatística en 2008. Nas presentes notas, ofreceremos unha primeira lectura deles, aínda provisoria, coa que agardamos contribuír á súa interpretación. É inevitable comparar os devanditos resultados de 2008 cos que o mesmo IGE ofreceu en 2003. Pasando por riba de moitos matices (en particular, o feito de que a poboación inmigrante se incrementou aproximadamente un 2,5%, ata supor o 12% da poboación residente en Galicia), cómpre chamar a atención sobre tres aspectos relevantes 1) o descenso do galego como lingua habitual, 2) o incremento dos bilingües iniciais, 3) o aumento da presenza do galego no sistema educativo. Revisaremos estes tres puntos, antes de concluír cunhas observacións xerais.

- O descenso do galego como lingua habitual. O galego pasa de ser a lingua falada no día a día polo 61% da poboación (2003) ao 56% (2008), o que significa unha perda porcentual de un punto por ano (aínda que hai que ter en conta que a metade desa caída é atribuíble ao aumento da poboación inmigrante). A primeira vista, esta tendencia colócanos nun horizonte de pouco máis de seis décadas de vida real para o idioma do país. Queda pouco tempo para reverter unha deriva que nos leva directamente á desaparición do galego a finais do século XXI. Neste senso é interesante notar que, a pesar de todo, a franxa en que se rexistra unha menor caída do galego é na correspondente á mocidade: no grupo entre 15 e 29 anos pásase do 45% en 2003 ao 43% en 2008, e esta perda de dous puntos porcentuais pode atribuírse ao incremento da poboación inmigrante. Unha raiola de esperanza e unha pista para o porvir: a mocidade debe ser un obxectivo prioritario da política lingüística, e para iso o ensino é ferramenta fundamental, aínda que non única: as actividades de lecer e as novas tecnoloxías deben acompañar.

Por parte, abraia o rechamante incremento de persoas que se declaran bilingües habituais: en 2003 constituían pouco máis dun terzo do total da poboación, a partes practicamente iguais os bilingües con predominio do galego (18%) e do castelán (19%), mentres que en 2008 representan a metade do total, sumando o 27% dos bilingües con predominio do galego e o 23% do castelán. Pero, como se deduce das devanditas cifras, o bilingüismo increméntase bastante máis entre as persoas galegofalantes ca entre as castelánfalantes. Ademais, o monolingüismo en castelán mantense nunha porcentaxe por volta do 20%. Isto quere dicir que o bilingüismo en Galicia camiña maioritariamente do galego cara ao castelán, isto é, constitúe unha etapa transitoria no camiño da desgaleguización.

- O incremento do bilingüismo inicial. De regra, un aprende a falar nunha soa lingua, pero cando está en contacto desde cativo con dous idiomas no seu ambiente social máis próximo (comezando pola propia familia), é posible aprender a falar de xeito máis ou menos simultáneo nos dous. Un dos aspectos máis rechamantes da comparanza entre os datos de 2003 e 2008 é o incremento das persoas que se declaran bilingües iniciais, desde o 16% (2003) ao 23% da poboación xeral, un incremento que é especialmente significativo entre os máis novos: na faixa entre 5 e 14 anos de idade, chégase a un terzo de bilingües iniciais sobre o total.

O abalar do bilingüismo inicial vén compensar en certa maneira o devalar do galego. Se sumamos as porcentaxes correspondentes ao galego como lingua inicial única coas de bilingüismo inicial, pasamos do 68% 2003 ao 70% en 2008 de falantes iniciais do idioma do país, e na franxa de idade máis nova, pasamos do 53% en 2003 ao 59% en 2008. Este dato pode ser esperanzador, sempre que os bilingües iniciais manteñan o uso do galego e non acaben tendo como lingua habitual só ou preferentemente o castelán. Neste aspecto, outra volta as políticas lingüísticas, particularmente no ensino, revélanse como un factor de crucial importancia. Precisamos, pois, medidas de fomento do bilingüismo de recuperación, orientado a facilitar e estimular que os castelanfalantes incorporen progresivamente o galego ás súas prácticas lingüísticas.

- O incremento de uso do galego como lingua vehicular no ensino. A porcentaxe de persoas que declaran ter o groso ou a maior parte da súa docencia en galego pasa de menos do 39% en 2003 ao 61% en 2008, un incremento moi notable. Se atendemos ao grupo de idade máis relevante, dos 5 aos 16 anos, as cifras son máis elocuentes, pois pasouse do 49% ao 71% da poboación que recibe a docencia maioritariamente en galego. Doutra banda, esta última porcentaxe sitúa en termos moi concretos o alcance do grave retroceso que suporía a aprobación do proxecto de decreto que a Xunta está tramitando, pois obrigaría a máis de dous terzos dos centros educativos a reducir substancialmente o uso do galego. Por que e en nome de que? Para satisfacer as reivindicacións de sectores minoritarios empeñados en vivir no noso país ignorando o galego, vaise obrigar a recuar á inmensa maioría dos centros, que foron avanzado sen conflitos visibles e con grande esforzo de toda a comunidade educativa, comezando polo profesorado e seguindo polo alumnado.

- O bilingüismo equitativo e a recuperación do galego. Un dos aspectos máis rechamantes da comparanza entre as dúas enquisas é o corremento da poboación cara ás opcións bilingües, no caso da lingua habitual e no da lingua inicial. Esa tendencia é merecente dunha análise demorada, pero a nosa primeira impresión é que ao menos en parte pode responder a factores actitudinais, que deberon incrementar o seu peso na medida que a cuestión da lingua gañou visibilidade pública e se viu sobrecargada de tensión política. Non semella inverosímil pensar que a partir de 2007 comezou a calar na cidadanía a percepción de que se estaba xestando un grave conflito lingüístico, e en consecuencia, a xente tendeu a preferir opcións de resposta máis conciliadoras, que subliñan a cohesión da sociedade galega arredor do bilingüismo. Os resultados de 2008 poden expresar unha reacción social non tanto contra a política lingüística do goberno PSdG/BNG, canto ao clima de crispación alimentado polo Partido Popular, por movementos como Galicia Bilingüe e por importantes medios de comunicación social.

Dito o dito, os colectivos defensores do galego, en especial do ámbito do nacionalismo, teñen que tomar nota: a batalla decisiva para gañar hoxe o asenso da maioría xógase no campo do bilingüismo. Temos que gañar a complicidade da poboación castelanfalante que maiormente sente simpatía polo galego. Ou conseguimos popularizar a noción dun bilingüismo recuperador, orientado á restitución do galego; ou senón deixaremos o campo libre para os impulsores do bilingüismo de substitución, orientado á súa supresión. En conclusión, o que nos indican os datos que acabamos de resumir é que o idioma galego precisa máis ca nunca políticas de protección e impulso, orientadas cara a conseguir un bilingüismo equitativo, e non políticas de deslixitimación e retroceso, en nome dun bilingüismo impostado ou dun tramposo equilibrio. Só así evitaremos que a mediados do século XXI, os nosos fillos e fillas se vexan ante a ominosa perspectiva da decadencia irreversible e da desaparición do idioma galego, o que suporía unha perda desastrosa para o país. Velaí a gravísima responsabilidade histórica que afrontan Núñez Feijoo e o PP.
Máis futuro para o galego. El País
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 07-05-2010 18:12
# Ligazón permanente a este artigo
Galegando!


Os alumnos do instituto Pintor Colmeiro de Silleda reivindican o uso da lingua galega dun xeito particular e novidoso. Probabelmente este sexa o primeiro lipdub feito nun instituto da Galiza. Galegando! Chuza!
Comentarios (0) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 04-05-2010 16:37
# Ligazón permanente a este artigo
A Axencia Espacial Europea designa á Universidade de Vigo nodo europeo da rede mundial de satélites non comerciais
Foi elixida entre dezaoito candidaturas procedentes de toda Europa

A Universidade de Vigo é o nodo europeo da rede mundial de satélites non comerciais
Grupo de investigadores que participaron en Vigo na reunión do proxecto





A ETSE de Telecomunicación acolleu unha reunión para ultimar os detalles da posta en marcha do proxecto

D. Besadío |Vigo
A Universidade de Vigo foi designada pola Axencia Espacial Europea, ESA, nodo de operacións en Europa de GENSO, a nova rede mundial de satélites non comerciais ?científicos, de investigación e educativos- e, en bandas libres. A proposta, elixida entre dezaoito candidaturas procedentes de toda Europa ?sitúa á Universidade de Vigo como referente mundial dentro dos sistemas de pequenos satélites?, subliña o profesor Fernando Aguado, investigador principal do proxecto Xatcobeo, punto de partida de todo este proceso.
Como nodo europeo da rede, a ETSE de Telecomunicación acolleu un seminario de traballo no que participaron 25 investigadores de Europa e América para acordar os requisitos que debe cumprir o software que se empregará de forma libre para construír esa rede mundial de seguimento de satélites e que deberá estar preparado en maio ou xuño deste mesmo ano. Trátase de ultimar os detalles para pór en marcha toda unha constelación de pequenos satélites distribuída por todo o mundo que permitirá recadar á comunidade científica diversos tipos de información.

Xatcobeo, ?a pedra que iniciou o camiño?
O proxecto, liderado pola Axencia Espacial Europea, conta coa participación da NASA, o Departamento de Defensa do goberno americano e a axencia xaponesa JAXA, así como arredor de 200 universidades de todo o mundo, e actualmente está liderado pola investigadora Helen Page, da Oficina de Educación da ESA.
Page, que participou tamén en Vigo neste encontro de traballo, destacou os motivos polo que foi seleccionada a proposta viguesa, ?valoramos moi positivamente o carácter multidisciplinar da Universidade e a súa aposta polo mundo da tecnoloxía?, ao que engadiu que tamén foi fundamental, ao tratarse dun proxecto mundial, ?todas as conexións que os investigadores desta Universidade teñen actualmente tanto en Europa, como América, Asia e mesmo África?, ao que engadiu ?a importancia da experiencia previa co proxecto Xatcobeo, que seguiu estándares internacionais?.
En referencia a este último aspecto, o picosatélite Xatcobeo, Aguado sinalou que se tratou?da primeira pedra que permitiu ir facendo o camiño e grazas a el, e co apoio institucional tanto da Universidade como do Ministerio de Ciencia e Innovación, permitiu crear unha infraestrutura de investigadores que actualmente están traballando e sendo recoñecidos a nivel mundial pola calidade do seu traballo?.

No proxecto participan máis de 60 investigadores de Vigo e Ourense
En total a Universidade de Vigo ten implicados neste proxecto máis de trinta docentes e outros tantos estudantes de doutoramento e de proxectos fin de carreira de oito grupos de investigación dos campus de Vigo e Ourense. Á ETSE de Telecomunicación hai que sumar a forte implicación das escolas de Informática e as dúas de Industriais, así como as facultades de Química e Ciencias. ?Na actualidade todos os nosos proxectos son moi pluridisciplinares?, subliña Aguado neste sentido.
A idea coa que xurde esta rede é que calquera satélite, independentemente da súa posición xeográfica, poña a disposición da comunidade científica de todo o mundo a información que recolla. Aguado explícao cun exemplo ?trátase de que cando o Xatcobeo da Universidade de Vigo pase por China poidamos obter información desde unha estación chinesa como si estiveramos na nosa propia Universidade e, á súa vez, que un hipotético satélite chino ou americano poidan obter os datos que precisen non só cando pasan por encima de China ou de América, senón en calquera parte do mundo, por exemplo, en España?.

Primeira vez que a rede de seguimento de satélites ven a España
Aguado destaca a importancia de que a reunión se celebrara en Vigo, pois todas as reunións da ESA que teñen que ver con ciencia e tecnoloxía fanse en Holanda e, ?por suposto, é a primeira vez que a rede de seguimento de satélites ven a España. Son contadas as ocasións nas que a Axencia Espacial Europea propón realizar unha reunión de traballo nun país como España, de aí a importancia que ten para nós este encontro?, destacou.
Segundo a directora do proxecto, na actualidade a investigación sobre este tipo de satélites está aínda nunha fase inicial, ?pero estase madurando e unha vez que esta tecnoloxía estea o suficientemente consolidada desenvolveranse moitas misións en múltiples campos, dende a astronomía ata a meteoroloxía espacial?, subliñou ao tempo que remarcou a importancia que terá a implantación e posta en funcionamento da rede Genso. ? Será unha peza fundamental xa que permitirá recibir moita máis información deste tipo de satélites, xa que o seu prezo é moito menor ca o dos satélites convencionais?, apuntou.
http://duvi.uvigo.es
Comentarios (1) - Categoría: somos unha potencia - Publicado o 03-02-2010 15:42
# Ligazón permanente a este artigo
Queremos Galego 21X manifestación
Comentarios (0) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 29-01-2010 19:22
# Ligazón permanente a este artigo
O colonialismo insidioso
Xavier Queipo

Non sei se existe unha definición canónica de colonialismo insidioso. Se cadra non lles gusta a verba, ?colonialismo?, que reservan, para situacións de conquista a lume e ferro seguidas dunha imposición pola forza de usos e costumes. Se cadra prefiren ?asimilación?, ?dominación? ou mesmo ?adhesión? ou ? invasión?.

Entendo por colonialismo insidioso aquel no que o colonizado (o asimilado, o invadido, o adherido, o dominado) se vai convencendo progresivamente da bondade natural do colonizador, que impón a súa cultura (a súa lingua, as súas leis, a súa relixión, etc) polo ben do malpocado do colonizado, para que este saia do seu atraso secular e se incorpore ao mundo contemporáneo, asumindo os valores éticos e morais do colonizador. É insidioso, pois vai avanzando devagar (no noso caso leva gañando terreo dende que perdemos a independencia como comunidade separada, van alá máis de cinco séculos), non presenta grandes fitos históricos, senón que vai gañando as vontades dos colonizados devagar (ás veces ese ritmo increméntase ou descende, como en todos os procesos crónicos).

Evitar o dano feito é difícil, pois hai algúns ?outeiros? perdidos para sempre no avance das tropas inimigas pola complicidade dos traidores, máis imponse a ?resistencia activa?, comezando pola lingua, pola negativa a que calquera funcionario (da Sanidade, da Educación ou do Concello) intente que mudemos o noso rexistro lingüístico. Ser conscientes da riqueza do noso xeito de ver o mundo (a nosa lingua, espello do noso xeito de pensar) e actuar en consecuencia, sen submisións.
A Nosa Terra
Comentarios (1) - Categoría: nacionalismo galego - Publicado o 26-01-2010 10:51
# Ligazón permanente a este artigo
O Carrabouxo. Xosé Lois
O Carrabouxo. La Región
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 18-01-2010 13:15
# Ligazón permanente a este artigo
Eva amarela
Eva Wojkiewicz

Si, vouno contar. Son moi discreta coa lencería, pero quero que se saiba que hoxe levo suxeitador de cor amarela. Disque todo empezou cando unhas rapazas de Detroit sementaron un xogo na rede social Facebook: cada unha escribiu publicamente o nome dunha cor mentres de forma privada animaban a outras mulleres a seguir o fío indicando a cor do suxeitador, a cor e nada máis. A cadea oculta de mensaxes ía adornada de concienciación sobre o cancro de mama, pero ademais ofrecía latexando un divertido código secreto para desconcertar aos homes. En poucos días, abatendo idiomas e fronteiras, brotaron na rede milleiros de nomes femininos vistosamente tinguidos. Os rapaces tolearon con preguntas e teorías estrafalarias do enigma. Aínda houbo algúns intentos de empatía, como meus pobriños que presumindo de estar no allo publicaron ?ultravioleta? ou "gris metalizado".

Agora non estou faltando ao segredo comprometido porque xa foi desvelado dabondo nos foros da internet. A moita xente non lle pareceu ben o xogo. Os pragmáticos que nunca ven a utilidade do inútil din que non serve para concienciar e outros simplemente teñen a teima de criticar todo o que fan os demais.

Eu xoguei e sentinme ben compartindo algo con mulleres de todo o mundo coas que teño pouco en común. O mellor foi cando entre as miñas amigas coincidimos nalgunhas cores inequivocamente galegas, en feminino. Iso achegounos unha complicidade inesperada e de súpeto foi espallando con orgullo a cor branca, a vermella, a rosada, a laranxa, a castaña escura... Sei dunha muller sen Facebook que abriu unha conta para publicar simplemente: "Morada con pingas amarelas". Despois algúns homes encantadores abriron a gama a todo tipo de palabras galegas, así hoxe podemos xogar todos e todas. Quen non entende ese alento de gozo que nos chega ao ler carballeira, fervenza ou agarimo é porque non sabe que cada lingua é un xeito distinto de ver a vida.

Ti máis eu temos moito en común, sexas home ou muller, de Galicia ou de calquera recuncho do universo, penses como penses. Estás a ler galego, así que ti es dos meus.
Eva amarela
Comentarios (4) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 18-01-2010 13:07
# Ligazón permanente a este artigo
A viñeta por Gonzalo Vilas
GZnación
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 13-01-2010 19:22
# Ligazón permanente a este artigo
A moral de Tartufo
Teresa Táboas

Cheos de presas e complexos, sen deixar tan sequer que rematara o ano 2009, no medio desas longas noites de fináis de decembro, presentou o Goberno do PP o borrador do novo decreto do galego, congruente co seu pensar: a hexemonía dunha lingua, o castelán, fronte ao galego, pola necesidade ideolóxica de facer coincidir o seu concepto de Nación co Estado, é que hipocritamente xustifican introducindo no debate o inglés, baixo o conto do trilinguismo, e como non, derivando responsabilidades na elección. Converténdose ademáis, en especialistas en pecharlle o paso a quen con xesto decisivo defende a dignidade doutro modelo. De súpeto, unha apatía conservadora comeza a asolagar o noso país, e no lugar de heroes, de sabios, ou revolucionarios o que se reclama son discretos administradores, e a falla de ideas disfrázase dun exceso de palabras baleiras, e todo se converte en mentira. Míntese en todo, e de xeito irresponsable na escolla dunha forma linguística que tentan disfrazar coma un proceso ?libre? cara o individuo falante, cando o que se agocha baixo eses discursos e materia ideolóxica organizada. E se a lingua é, un feito social en permanente transformación histórica, donde se sedimenta e se reproduce a experiencia dun pobo, e a súa visión do mundo, por que non queren que o mundo moderno se reflicta no galego coma un espello que converta a nosa lingua na grande conductora de ideas? Voltan de novo esas creencias estereotipadas que tanto dano fixeron ao noso país, afirmando cunha lingua é ?mellor? ou ?peor ?, coa forte carga de discriminación social que leva implícita, e que fixo que unha xeración coma a miña foramos educamos polos nosos país nunha lingua que non era a súa. Pero esta estratexia comezárona xa dende a oposición, convertendo a lingua en arma e non en vehículo, e para iso contaron co apoio incondicional de certos grupos que exerceron unha grande presión. Lembro agora o informe do ano 2008 do Club Financeiro de Vigo, alertando dos males que a política lingüística do bipartito iba traer da man, e que afectaría negativamente á economía xa que lle restaba competitividade! Que cativeza de miras! Por que non alertaron dos perigos que traia da man un mercado desregulado que sen embargo tanto defendían? Por que non alertaron de que no ano 2007 os 60% dos préstamos ían adicados a facer medrar a economía dun xeito artificial, endebedando aos galegos e galegas coa compra da súa vivenda? Por que non alertaron con igual vehemencia da burbulla inmobiliaria? De aí que ante tal ataque, só quede responder a este Goberno e aos que os alentaron e alentan no combate contra o galego, cos datos de eses organismos non democráticos, convertidos por algúns no novo Oráculo de Delfos, estoume a referir ao Fondo Monetario Internacional, que no seu informe de competitividade global 2009-2010, no que se estudaron 133 economías, resultou que o país máis competitivo do mundo é Suiza., donde as linguas xeran unda décima parte do PIB, é dicir, que o grande patrimonio suizo é precisamente ser un gran conglomerado de diferentes identidades lingüísticas. Por certo, dita competitividade está valorada en 46 mil millóns de francos, segundo a análise feita pola Universidade de Xenebra. Gábase a Confederación Helvética dunha realidade histórica rica en idiomas e culturas, cunha paz lingüística asentada no respeto escrupuloso dos territorios lingüísticos, e no status de igualdade das linguas. Simplemente porque eles si son conscientes da riqueza que teñen, todo o contrario do que sucede no estado español donde se están a exercer continúas agresións contra a existencia doutras linguas distintas ao castelán. A última, a levada a cabo polo Goberno galego do Partido Popular, de aí o título do artigo, porque como no ?Tartufo? de Moliere, o fío condutor en toda esta estratexia contra o galego foi, a hipocrisía. A eterna moral do Tartufo que tan ben recolle José Ingenieros, o pensador italo-arxentino de finais do século XIX na súa obra ?O home mediocre?: ?A hipocrisía é o arte de amordazar a dignidade. Os hipócritas esquivan a responsabilidade nas súas accións. Conspiran e agreden na sombra?.
A moral de Tartufo. Xornal de Galicia
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 13-01-2010 19:20
# Ligazón permanente a este artigo
SSGG: Jornada pola oficialidade das selecçons desportivas nacionais



?A do Sábado foi umha jornada muito importante na reivindicaçom das selecçons nacionais para o desporto galego, sobre tudo em termos qualitativos pois a comunidade nacional galega demostrou a madureza suficiente para autorrepresetar-se. Por outra banda mais dum milheiro de seareiros enchiam as escassas imediaçons do terreo de jogo de Santa Isabel, cifra de sobra significativa para quem sente a paixom polo proprío e acode ao partido da selecçom galega com a dignidade afastada dos ultimos quatro anos de futebol-entrudo patrocinado pola élites galegas e a religiom do espanholismo assente na Galiza?. Tirado de galizalivre.org.
SSGG: Jornada pola oficialidade das selecçons desportivas nacionais
Comentarios (1) - Categoría: deporte galego - Publicado o 29-12-2009 01:48
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0