boas e xenerosas


Unha escolma de artigos, entrevistas, estudos, novas, opinións, reportaxes... boas e xenerosas



GALEGO DE SEU(Web)


Colazo
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O ?Lobo? que cazou a Reboiras
O infiltrado Mikel Lejarza, coñecido como El Lobo, puxo en bandexa o asasinato do militante da UPG Moncho Reboiras hai 35 anos. Agora recibe unha medalla oficial

RODRI SUÁREZ 15/08/2010 - 20:00 h.

Ambas frases saíron do máximo referente institucional presente en cada acto de recoñecemento. Un falou dunha ?reafirmación das conviccións profundas asentadas na democracia?. O outro dixo: ?Oxalá puidesen estar aquí hoxe todas as televisións?. No primeiro estivo presente a prensa e importantes políticos. O segundo realizouse en secreto e só foi coñecido varios meses despois grazas a un periodista de investigación. O homenaxeado do primeiro está morto. O segundo segue vivo.

Xosé Ramón Reboiras foi un militante nacionalista que morreu abatido a tiros pola policía franquista en 1975. O seu recoñecemento oficial como vítima da ditadura xustificaba o primeiro acto e as palabras pronunciadas polo delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro. Foi hai un ano. E cinco meses despois, Mikel Lejarza ?coñecido como El Lobo? recibía a Cruz do Mérito Militar con distintivo branco. El foi o espía infiltrado na ETA Político-Militar dos últimos anos do franquismo cuxa información acabou derivando na redada que lle custou a vida a Reboiras. Alguén podería dicir que se repara a vítima e se condecora o verdugo. Sería unha visión. Tamén caben outras.

Múltiples factores provocaron a operación contra a Unión do Pobo Galego (UPG) na que mataron o activista contra a ditadura de Franco, agonizante pero moi agresiva. Porén, o principal seica foi a delación de Lejarza, nome cuxa autenticidade incluso é posta en dúbida por algunhas fontes. Segundo conta o xornalista galego Xavier Navaza no seu estupendo libro Disparos, editado por Xerais en 1991, ?a curta tempada que Lobo viviu en Galicia foi abonda para que, en agosto de 1975, morrese Reboiras e caesen presos unha boa chea de membros e simpatizantes da UPG?. Segundo apunta Navaza, ?Lobo chegou ao país como emisario de ETA-pm para comprobar en directo as posibilidades de colaboración coa UPG. Foi acollido con certo receo por algúns upegallos, que se estrañaron do seu xorne fanfarrón e, en ocasións, arriscado, sen motivos que xustificasen a súa permanente valentía. Non lles gustaba nada a súa maneira de se presentar, tampouco que repetise constantemente para quen o quixese escoitar que nunca deixaba de levar o ferro (a pistola) a man, por se acaso, dicía?. Fontes do nacionalismo daquela época lembran a lixeireza coa que actuaban algúns dos emisarios vascos. ?Tiñamos un piso franco no que se aloxaban eles. Nós tomabamos todas as precaucións do mundo, pero cando chegamos a buscalos non estaban. Alarmados, saímos na súa procura. Estaban de mariscada nunha taberna alí ao lado?.

Nunha época con bastantes diferenzas respecto á actual, a principal a falta de democracia e a terrible represión política, a ETA do tempo do ditadura quería estender a súa influencia a todo o Estado e sondar a posible colaboración con outras organizacións políticas que incluso puidesen pasar á actividade armada cunha táctica máis ou menos común. Iso provocou os seus contactos coa UPG, que tamén tiveron lugar en Madrid ou na Bretaña. O seu único e desgraciado froito foi a morte de Reboiras, ademais de moitos detidos e varios exiliados en Portugal.

Esa foi a colaboración do que chamaban Gorka dentro da cúpula etarra pero que cando se poñía en contacto coa policía franquista presentábase como El Lobo. Con ese mesmo nome estreouse unha película de acción protagonizada por Eduardo Noriega. De feito, en determinados foros mediáticos estatais existe certa fascinación por esta figura, na que el mesmo colabora. Hai dúas semanas, unha canle da TDT repuxo unha reportaxe na que o propio Lejarza acompañaba a dous xornalistas polas rúas dos seus anos de falsa militancia en ETA. Incluso ten participado en chats organizados por un periódico madrileño de corte conservador. Son actividades un tanto raras para alguén que tivo que recorrer á cirurxía para escapar da condena a morte que contra el ditaron os que foran os seus compañeiros. Ou máis ben os poucos que quedaron libres ou vivos, posto que o seu traballo facilitou, pasando el mesmo un grave risco persoal, a detención da cúpula etarra. Corría 1975. Franco aínda vivía. Pouco despois e entre enormes protestas no Estado e no exterior, asinaba as súas últimas penas de morte, algunha das cales acababa coa vida doutro galego, Xosé Humberto Baena.

Foi condecorado Lejarza a principios deste ano polo Ministerio de Defensa. A noticia ofreceuna en exclusiva o prestixioso periodista de investigación Fernando Rueda e logo foi recollida por outros medios. Celebrouse de forma clandestina, coas lóxicas medidas de seguridade e entre os méritos que se lle recoñecían estaban outras actividades de espionaxe xa realizadas en democracia. Pero a súa etapa dourada foi durante o franquismo. E está chea de dúbidas. Algúns, como o actual líder de Aralar, Patxi Zabaleta, afirman que foron as torturas e as presións as que o levaron a cambiarse de bando. Outros din que sempre foi un simpatizante da extrema dereita, malia que se movía en ambientes esquerdistas con dominio do éuscaro.

El ?ou polo menos o que se deixou ver de forma mediática, sempre sen dar a cara? non dá pistas. Pero está orgulloso do seu sanguento traballo, cuxa exaltación duns anos a esta parte foi fundamental para que a condena á ETA actual tamén incluíse a da ETA do franquismo, no seu momento avalada dun ou outro xeito pola maioría do antifranquismo e da esquerda. Pero máis alá das opinións, das circunstancias de cada momento e das intencións políticas da actualidade, o certo é que, en Galicia, Moncho Reboiras foi asasinado, tal e como o corrobora a distinción oficial do Goberno. O militante caído da UPG é unha vítima dunha tiranía. Nese contexto, como se poden interpretar as palabras do Lobo nas que di ter ?conciencia tranquila?? ?Estas son as cousas que lle fan sentir feliz a un e pensar que tanto esforzo serviu para algo?, afirma sen rastro de autocrítica o suposto Lejarza nun deses chats aos que acudiu. Referirase ao tiroteo polas costas a Reboiras?



DISPAROS

Foi na rúa da Terra de Ferrol, un 12 de agosto de 1975. A policía foi a por el e intentou fuxir. ?Ao botar a correr se fixeron uns disparos ao aire como advertencia?, dixo a versión oficial do réxime. Mentira, posto que a camisa do militante da UPG amosa os tres tiros mortais que recibiu. Desangrouse dentro do portal, coa porta pechada. Dende fóra, a policía disparou máis de cen veces. Co drama quedaba, segundo o lema dos seus partidarios, ?unha semente de vitoria?. Moncho Reboiras foi ?un exemplo de compromiso por un soño branco, azul e vermello?, sinala o seu irmán Manuel. El Lobo seguiu ouveando. En 1990, segundo publicaron o desaparecido diario abertzale Egin e o madrileño El País, foi detido en Irún acusado de extorsionar o dentista Pedro Ortiz facéndose pasar por etarra. Xa visitara o quirófano e tiña outra cara. Cara abondo. Logo, dous policías pagaron cinco millóns de pesetas (30.000 euros) para que o afectado retirase a demanda. Agora, Lejarza recibe unha medalla. Reboiras, un diploma oficial e flores na súa tumba.
Xornal de Galicia
Comentarios (1) - Categoría: historia - Publicado o 18-08-2010 11:19
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 grac#blgtk08#ias
Comentario por ici (07-09-2013 10:05)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0