boas e xenerosas


Unha escolma de artigos, entrevistas, estudos, novas, opinións, reportaxes... boas e xenerosas



GALEGO DE SEU(Web)


Colazo
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Séchu Sende: ''Eu traballo día a día para que Galiza sexa soberana''
Entrevista

12/08/2010 - Olalla Tuñas

Debuxos de animais, o poder duns versos retranqueiros e directos, a denuncia verde e vermella e moita rebeldía é a materia prima de Animais, o último libro de Séchu Sende (Padrón, 1972). Utiliza unha voz calma e serena para falar do positivo das mudanzas e da maxia das palabras escritas quer con 'nh', quer con 'ñ'.

Nesta Galicia de ventre aberto fálame do reintegracionismo e da fauna do país. 'Un poema pode ser coma o ouveo dun lobo', escribe nun dos seus versos. O seu libro leva inscrito o berro do animal polos homes e máis polos seus.

Pregunta: Animais pode considerarse un álbum ilustrado que, valla a redundancia, está cheo de imaxes non só debuxadas. Eu quedo coa do toxo en flor xunta o guindastre. Vostede cal escolle?

Resposta: Eu identifícome con todos os animais que saen no libro. Éme moi difícil escoller un porque me dá a impresión de que cada un de nós podería ser un deses animais en situacións diferentes. O lobo subindo as escaleiras, o esquío ao lado do guindastre ou na lavandeira ao lado de Reganosa en Ferrol son como diferentes fotos da nosa propia vida. Somos animais.

P: A que se debe que desta volta decidira debuxar?

R: Basicamente porque sempre fun desas persoas que sacaba o rotulador nas aulas cando estudaba ou que na sobremesa se poñía a pintar sobre o mantel. Mais, hai tres anos, agasalloume a miña compañeira cun xogo de acuarelas e púxenme a pintar co pincel e máis co rotulador. Entón foi unha especie de terapia anti-estrés para poder expresarme doutra maneira a través das imaxes. Curiosamente foron saíndo ducias de animais cos que me identificaba. É unha cousa que eu tamén facía de pequeno e supoño que é como andar en bicicleta, que nunca se esquece.

P: No seu libro pódese establecer unha división entre animais da cidade e do monte, non é?

R: É complicado decidir quen ten maior grao de animalidade, un político que asina un papel, un construtor que destrúe unha contorna natural ou os propios animais que viven no noso medio ambiente. O titulo é ambiguo. A min o que me interesaba é que a xente que colla este libro na man se identifique cos animais que saen nel nesas diferentes situacións e máis que os vexa como protagonistas da historia do noso país. Son seres que están por aí agochados e que ás veces vemos esmagados na estrada, mais que decote saltan por diante do noso coche en forma de corzo con moitísima vitalidade. Basicamente, son vítimas da nosa propia forma de comportarnos coma humanos.

P: A súa obra é unha coordinación de diferentes vértices da sociedade: a lingua, a ecoloxía, os soños... Di que non podemos crer nos que afirman que as palabras non poden mudar o mundo. Vostede cre que é posible cambialo así?

R: Eu penso que si, que as palabras mudan o mundo e a literatura tamén. De feito, se creo que algo pode virar o mundo son as verbas, as ideas e as emocións que levamos dentro . O grao de transformación ou a capacidade de mudanza por metro cadrado dun vocablo é difícil de calcular. Mais o que está claro é que a literatura, o cine, as palabras que nós falamos durante unha comida ou unha reunión de colegas é precisamente o que cambia o mundo pouco a pouco e este libro é unha aportación máis.

Eu vexo esta obra como parte dun movemento social como pode ser unha camisola, unha chapa, ou un concerto onde se xunta a xente, onde a xente se relaciona, onde a xente fala e se emociona ao redor a un momento de comunicación. É unha peza máis dese crebacabezas e ten como vontade cambiar as cousas humildemente mais a intencion do libro é que cambie a emocions da xente, que aporte algunha nova idea. simplemente o tacto de ter o libro na man xa esta a cambiar algo.

P: Nun dos versos de Animais: 'Talvez se cumpra umha parte proporcional dos nossos sonhos/ se os sonhamos juntos' dá a entender que a única maneira de mudar as cousas é xuntármonos. Cal é o teu método para a 'produción social de soños'?

R: O reto máis grande á hora de escribir é implicar á xente no propio libro, que a xente se faga protagonista, que se sinta parte do que ten entre as mans, neste caso, un libro. Teño claro que os cambios socias se dan mediante procesos comunicativos nos que a xente xera discursos e se comporta de maneira social, nos que a comunidade comparte e é xenerosa. Esa produción social de futuro é obviamnete unha forma de cambiar a realidade.

Os soños non deixan de ser parte da realidade. A min hai algo que me interesa moito, que é o traballo da xente a nivel cotián. Como no día a día a xente vai traballando, non só activistas, senón xente que na súa vida diaria vai facendo pequenas cousas que fan que muden as súas inmediacións e o mundo. O país ou a sociedade cambian en rede a través de cousas pequenas e tendo a crenza de que cada un de nós pode facelo. Ás veces fáltanos esa confianza porque o sistema non fai máis que inxectaros pesimismo, desconfianza, soidade e fronte a iso temos que emerxer cada un e cada unha de nós formando parte dun colectivo.

P: Precisamente por iso do pesimismo e a soidade que inxecta o sistema lle quería preguntar. Nun dos poemas fala de que cae como unha tartaruga, esa caída é accidental ou inducida?

R: Din que a militancia ou a participación social ten diferentes fases. É como estar namorado, que pode ser un ciclo de tres anos ou catro. Eu na vida como activista social. tamén tiven ese tipo de fatigas, como pode ter calquera persoa e ese poema pois representa un episodio, é un poema... pódese dicir que intimista. Tamén non deixamos de ser fráxiles, débiles e vulnerables. Nun libro optimista tiña que haber espazo para o cansazo.

P: Eu acho que é un poema optimista, volves erguerte. Esa foto da que falas no poema, na que aparece o sinal de 'Perigo, tartarugas', tiráchela no Curdistán, non é?

R: Esa foto foi en Turquía, antes de chegar ao Curdistán, na Capadocia. É unha foto na que aparezo cun sinal na que hai unha tartaruga dentro dun triángulo de precaución. Despois de velo pasei tres dias conducindo o coche máis pendente das cunetas que da propia estrada até que vin unha tartaruga de terra e comprobei que era certo, que alí hai tartarugas como aquí corzos ou vacas a cruzar a estrada. Foi curioso, como estar a vivir un soño. Alomenos, foi máis facil de esquivala que un xabaril.

P: Que significou para vostede que Made in Galiza se publicara no Curdistán?

R: Sentín que como galego podía aportar moito ás comunidades e pobos que están moi lonxe. Foi toda unha sorpresa ver que había xente que a máis de 5000 quilómetros se identifica coa situación a nosa lingua porque eles viven unha posición semellante. A pesar de que polo meu choio, son profe de lingua, coñezo moitas realidades linguísticas de todo o mundo, ter este contacto directo co Curdistán foi moi emocionante. Vou ir, de feito, en novembro a Turquía. Van traducir o libro ao turco e fan a presentación na Feira do Libro a Estambul.

P: Escribe no seu libro '...independência está seqüestrada numha oraçom subordinada advebial/ de tempo'. Que propón para liberala?

R: Propoño compartir accións sociais, construír entre moita xente un proceso de comunicación, moita rebeldía, moito humor, empregar moito máis a retranca que a saudade e falar con persoas diferentes a nós e non sempre coa mesma xente. Moitas cousas.

P: O importante é que o ves como un fin posible cando escribes ao remate do libro a data na que se imprimeu: '.... anos antes da declaraçom de Galiza como república independente'.

R: Ese é o buraco para que cada lector e lectora cubra. Algúns poñerán alí 20 anos, outros porán alí 500 anos. Eu o certo é que non o cubrín. Teño que sentar un día e pensalo. Mais é algo que está aí, polo que eu especialmente traballo hoxe, no día a día, porque Galiza teña autogoberno, sexa soberana, sabendo que para que iso se cumpra ten que haber un proceso socio-creativo de comunicación e de transformación social que se ten que ir facendo dia a día.
Galiciaé
Comentarios (1) - Categoría: persoeiros - Publicado o 18-08-2010 11:17
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 grac#blgtk08#ias
Comentario por ici (07-09-2013 10:06)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0