boas e xenerosas


Unha escolma de artigos, entrevistas, estudos, novas, opinións, reportaxes... boas e xenerosas



GALEGO DE SEU(Web)


Colazo
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Proteccionismo cultural
X.L. MÉNDEZ FERRÍN Está a se difundir a especie de que a literatura en lingua galega está sobreprotexida pola Xunta. Nada máis incerto. Se vostede quer unha proba do que digo, bótelle unha ollada a calquera escaparate de libraría. Vexa cantos libros en galego figuran nel.

Unha e outra vez dise, ou insinúase, que os escritores en lingua galega recibimos subvencións. A min gustaríame saber quen as recibe e quen as outorga. Na Feira do Libro da Habana, os escritores galegos participantes non cobraron polas súas intervencións. Un libriño meu que pola Haba circulou, en castelán, en ocasión do acontecemento non foi editado pola Xunta senón polos meus camaradas comunistas do Instituto do Libro Cubano. Naturalmente non cobramos un peso nin os meus espléndidos traductores (e o xeneroso introductor) nin eu, que foron a leonesa Eloísa Otero e o Manuel Outeiriño, ben ligado ao Espolón de Ourense. Por moito que me rompo a cabeza non atopo de onde pode sair o mito urbano da subvención privilexiada aos escritores en lingua galega. Os escritores en lingua castelá si que están ben subvencionados e mimados e protexidos polos poderes públicos. Teñen o premio Cervantes, que ningún gobernó autonómico galego intentou emular para os autores nacionais ou sexa galego galegófonos. Teñen os premios nacionais de literatura (un grande e outros menores por xénero) aos que ás veces, por méritos propios, acceden titánicamente algún galegos. Pro os premios nacionais de cultura instituídos pola anterior Xunta están retribuidos con menos diñeiro (nós somos menos literatura incluso para o BNG-PSOE) e para a literatura existe un só, e non un premio nacional por xénero.

Naturalmente, eu xa lle demostrei a Ánxela Bugallo (vai ser moi relembrada, presinto) o meu agradecemento por ser o primeiro en recibir tan alto galardón; alto desde miña gratitude, mais insuficiente para satisfacer a dignidade da literatura e dos literatos e literatas galegos. Miscelánea: durante toda a era Fraga Iribarne quixeron porlle un esparadrapo na boca a Trabe de Ouro negándolle a miseria dos anuncios institucionais; os escritores españois cobran anticipados ao lle entregar os orixinais ás editoras: os galegos cobran o dez por canto, cando o cobran, sobre as vendas; no diario máis subvencionado de Galicia o tratamento que se lle outorga á literatura en galego é discriminatorio e inferiorizante. Esta é a verdade. E eu non me estou queixando porque escollín, coma no conto italiano da carapuchiña vermella, o camino dos alfinetes que pican nos pés. Aos escritores en lingua galega danos moita vergoña falar de diñeiro, e estamos moi afeitos a non gañalo, de Pondal a Novoneyra e a os máis novos e brillantes. Somos, en xeral, escritores cooperantes e case sempre gratuítos, o que saben moi ben as asociacións culturais que chaman por nós para este o aquel acto tamén desinteresadamente organizado por voluntarios. O sistema da literatura galega vense sostendo fundamentalmente nunha alianza férrea e silenciosa soldada entre unha masa de lectores magníficos e tamén militantes e dun escritores que saben que son parte dunha resistencia secular. Os editores e algúns libreiros e bibliotecarios heroicos completan o cadro da resistencia.

X.M. Pereiro acaba de nos facer acordantes, neste mesmo xornal, de que os constribuíntes galegos aportan unha masa de diñeiro á literatura en lingua castelá inmensamente superior á porción dos seus impostos que terminan revertindo na literatura galega. Boten contas.

"Escritores gallegos para qué?" - dixo un día un simpático de Alejandrino Barreiro, un dos primeiros conselleiros de cultura da autonomía de Galicia. "Pra que vostede estea aí sentado" -respondeulle Avilés de Taramancos. A verdade é que a Xunta de Galicia está aí porque antes soñaron os escritores en lingua galega algo parecido.
Proteccionismo cultural
Comentarios (1) - Categoría: literatura galega - Publicado o 04-05-2009 19:14
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 grac#blgtk08#ias
Comentario por ici (06-09-2013 10:51)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0