boas e xenerosas


Unha escolma de artigos, entrevistas, estudos, novas, opinións, reportaxes... boas e xenerosas



GALEGO DE SEU(Web)


Colazo
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Manifesto: Porque somos así, eu confío
Na Galiza non progresamos porque somos desconfiados. Non nos merecen crédito nin as boas obras dos máis nin os nosos propios logros. Algún interese obscuro deben albergar as boas condutas ?pensamos? porque non podemos concibir unha alma limpa; porque asumimos que o noso destino foi frustrado e xa nada podemos facer por restablecelo; porque a inxustiza é tan grande e nós tan pequenos. Porque somos pouca cousa e a dignidade non cabe en nós.

Como somos desconfiados non nos asociamos. Deste modo acontece que nos acordos a palabra dada vale moi pouco. O promotor rouba, o construtor engana e quen pode concibe unha argucia para non pagar os impostos que outros pagan, ou procura unha recomendación para atinxir un posto de traballo con vantaxes das que outros carecen. O engano é lícito, a astucia ilegal un mérito. Para nós só significa tomarmos un atallo.

Todo isto débese fundamentalmente a un trauma social. O sufrimento producido polo rexeitamento secular do noso ser sociocultural que, con último epicentro na Guerra civil española e a súa Posguerra, ten conducido moitos galegos a unha enfermidade da alma. Esa que leva o individuo a pensar por sistema que os bens alleos son inxustamente adquiridos; esa que o leva a desconfiar do seu propio éxito. Porque a inxustiza foi quen gañou todas as batallas, e tal poder fascina, como na síndrome de Estocolmo.

A recente ditadura militar tivo moi relevantes consecuencias. Os máis lúcidos, aqueles máis preparados para catalizar proxectos de mellora social só desfrutaron de tres alternativas: morrer, fuxir ou calar. Aínda que cando se iniciou a guerra eles non o soubesen, de facto aconteceu así. E deste modo a lucidez desapareceu da sociedade ficando o poder rexentado polas mentes menos sensíbeis. A xustiza foi, no día a día dos nosos pais e avós, impartida por desalmados.

O final histórico da ditadura a mediados de 70 non supuxo a detección de dinámicas incívicas fortemente arraigadas. A perpetuación até o ano 2005 dos políticos franquistas no goberno deu a entender ao pobo que a inxustiza social é nestas terras unha lei inmutábel, e que no seu mar é preciso navegar apañando os botíns que xurdan espontaneamente. Sen importarnos a quen pertencía un hipotético tesouro avistado, por fin entre o inxusto un premio. E como cans temorosos de que nos quiten a comida aproveitamos se podemos os méritos de outro. É a lei da escaseza, unha actitude de supervivencia.

Por iso neste tempo temos unha encomenda básica: mudar esa dinámica viciada que non nos permite progresar. Porque como desconfiamos de nós non temos palabra; porque non a tendo nós o veciño non pode tela; porque non pode existir unha alma limpa neste país sen xustiza en que os pais tiveron que matar para que os seus salvasen a vida.

Porque somos desconfiados non temos palabra; porque non temos palabra non nos asociamos; porque non nos asociamos non progresamos. Porque o Estado nos matou e non acreditamos no Pacto. Porque o medo nos enturba e xa non distinguimos de que particular madeira fomos feitos.

Porque somos así, MANIFESTO:

1. Que non reclamo nin pido nada: asumo a dignidade do meu pobo asumindo a miña propia.
2. Que o progreso social xorde da asociación, e que a desconfianza é a súa inimiga. Controlado o medo a democracia non ten que ser chamada.
3. Que para que a asociación teña lugar é preciso manter a palabra dada.
4. Que a dignidade social crece coa dignidade dos individuos, e que a ambas só se chega xerando confianza.

Alfredo Ferreiro
Tati Mancebo
Ramiro Torres
Levita
Manifesto: Porque somos así, eu confío
Comentarios (1) - Categoría: autoodio/autoestima - Publicado o 08-04-2009 19:55
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 grac#blgtk08#ias
Comentario por ici (06-09-2013 10:38)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0