boas e xenerosas


Unha escolma de artigos, entrevistas, estudos, novas, opinións, reportaxes... boas e xenerosas



GALEGO DE SEU(Web)


Colazo
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

?A crise económica na que estamos vai ser moi dura, moi longa e duradeira ?
Xosé Luis Outes licenciouse en Ciencias Económicas na Universidade de Mainz (Maguncia, Alemaña). Realizou tarefas docentes e investigadoras durante 6 anos nunha das cátedras de Teoría Económica da Universidade de Aachen (Aquisgrán, Alemaña) onde obtivo en 1976 o Título Doutor en Ciencias Económicas. É autor de numerosos artigos e traballos de investigación en revistas de economía e presentou comunicacións en congresos nacionais e internacionais. A súa actividade investigadora dirixiuse recentemente ao estudo das crises económicas, ao desenvolvemento do capitalismo contemporáneo e á crise da teoría económica. Foi profesor desde 1977 de Teoría Económica (Macroeconomía) no antigo Colexio Universitario de Vigo (CUVI) e actualmente exerce como catedrático e imparte clases de Comercio Internacional na Facultade de Dereito Económico e Macroeconomía na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo.

Oscar Lomba / Foto: A.F.E.

-Cal cre que será o alcance da actual crise financeira?. Que repercusións terá nun futuro próximo no Estado Español e en Galicia?

A actual crise financeira ten unhas repercusións que xa hoxe poden ser catalogadas como históricas. En primeiro lugar polo alcance que está a ter e, en segundo lugar, polas dimensións que se supón poderá alcanzar e de feito xa está alcanzando; e non só sobre o propio sistema financeiro, sector financeiro que, tal e como eu o entendo, actúa coma un sector de servizo á economía real, á economía que xera riqueza. A crise do sistema financeiro non só vai a ser a crise do propio sistema en si mesmo, senón que ademais vaise a alongar tamén, de feito xa está a concretarse nalgúns lugares, ao que nós chamamos economía real. A chamada quebra do sistema financeiro que xa nos acompaña dende xullo do ano 2007, que se agudiza no mes de setembro pasado e que lembra en moitísimos aspectos á crise do ano 1929, é unha crise que vai ao fondo dunha maneira de facer política económica, que parte dunha filosofía ancorada no pasado, falo da política neo-liberal; é unha política extremadamente dura que fai augas por todos os lados. Polo tanto, non só estamos a vivir a quebra do sistema financeiro, senón que tamén dunha maneira de pensar; trátase do fracaso do pensamento que permitiu que se desenvolvese o capitalismo sen fronteiras. É o fracaso absoluto dos fundamentos neo-liberais en estado puro segundo os cales o mercado o resolve todo; para que isto ocorra o mellor é que o mercado faga o que lle pete, que os axentes que interveñen no mercado fagan o que queiran sen barreiras.
Esta crise pasará á historia como unha das grandes crises do capitalismo. En calquera caso, está crise vai para moito tempo e penso que non empezou aínda a concretarse na súa verdadeira dimensión. No caso concreto de España , aínda que xa neste segundo semestre do ano vemos as súas consecuencias, durante os anos 2009 e 2010 vai ser tremendamente forte; a crise vai ser longa (con posibles taxas de desemprego do 15, 16, 17 % se non é peor). E no caso concreto de Galicia, cunha economía con menores recursos, con menor capacidade de empaque, como economía sempre supeditada ao desenvolvemento económico das rexións máis desenvolvidas de España, está claro que sufrirá as consecuencias graves da crise. En Galicia xa estamos a sufrilas, hai por exemplo un dato moi relevante na provincia de Pontevedra, falo da caída dun 22% das importacións durante o primeiro semestre deste ano; trátase dun indicio tremendamente esclarecedor do que se nos ven enriba.

Estamos mergullándonos nunha crise parecida á dos anos 80 cunhas taxas de paro e de inflación moi altas ... que factores diferenciais tería esta crise fronte ás crises recentes?

Non hai unha crise, eu coido que hai varias crises e o goberno actual de España non actuou co rigor e coa serenidade que se debe ter nestes casos. O grave desta situación actual é que coinciden ao unísono diversas crises económicas: por unha banda a crise financeira, propiciada por unha explosión de burbullas de todo tipo en diversos países ao mesmo tempo, e por outra unha escasísima resposta dos elementos reguladores como é a Reserva Federal dos EE.UU. ou o Banco Central Europeo que se concreta coas coñecidas "hipotecas lixo". Coa actual crise financeira deben valorarse as non actuacións, a actuación negativa dos axentes principais da política monetaria en áreas importantes.
Logo tamén está o que nós entendemos como a crise da economía real. Da crise financeira xorden aspectos que van a afectar a todas as economías. Pero logo cada economía ten a súa vida propia, cada economía ten as súas propias estructuras que a fan máis débil ou máis forte en función das súas propias capacidades. E digo isto porque no caso de España xa se prevía que se estaban a xestar as condicións para que esa fase tan longa de crecemento económico e de ciclo longo, que se inicia no ano 1994, dende o ano 2006 xa apuntaba que tocaba á súa fin e que se iniciaba unha fase non só de recesión senón de aguda recesión porque en determinados mercados, por exemplo no inmobiliario, na construcción, a propia evolución da demanda interna estaba dicindo que isto así non podía seguir máis. Os mercados non funcionaron como a Escola Neo-liberal española cre, que o mercado o resolve todo. A burbulla do mercado inmobiliario era algo que se sabía que contribuiría dunha maneira brutal á finalización desa fase de crecemento económico. Esta etapa tivo os seus máis e os seus menos. Creou postos de traballo pero en moitos casos precarios, con moito traballo temporal. Non todo é auga de rosas. E hai unha terceira crise que é a do mercado de divisas, do mercado de cambios. Eu escribín hai un ano que non remataría o 2008 sen que os principais países (USA, Alemaña, Inglaterra, Francia, China, Xapón) se reunisen para discutir ou repensar que é o que deberiamos facer cos tipos de cambio. Non podemos seguir así con estes altibaixos, con estas oscilacións brutais dos tipos de cambio.

Cales son, ao seu xuízo, os problemas de fondo que presenta o actual modelo económico? Que repercusións podería xerar a crise actual na economía real e na situación das familias?


Ás veces esquecémonos de cal debe ser o papel dos axentes económicos. En toda crise económica o que se constata, crise neste caso definida como recesión, é que se está iniciando a gran velocidade porque os datos mes a mes estanse practicamente modificando e os prognósticos xa non se fan cada seis meses senón cada catro semanas. No caso xenérico que falamos da crise financeira e o sector real hai un dato que moitas veces se esquece ou se descoñece. Os medios de comunicación non o tratan. É o enorme poder que adquiriu nos últimos anos o sector financeiro como parte integrante do capitalismo mundial. Se tomamos o caso de USA o exemplo é abondo elocuente. Dende 1980 ata 2006 os beneficios destas empresas financeiras nos USA medraron dunha maneira tan desmesurada que a economía real (a da Microsoft, da General Motors, ...) sofren as consecuencias dun verdadeiro desembarco do que é a economía financeira. Se tomamos o ano 1980 como referencia e consideramos os beneficios empresariais como un todo e ao mesmo tempo diferenciamos o beneficio empresarial da economía real e os beneficios das empresas financeiras, nese ano os das financeiras representaban o 10% do total dos beneficios. En 2006 xa era o 40%. Este é un dato moi importante porque en España obsérvase unha evolución semellante. Os beneficios das empresas financeiras medraron dunha maneira esaxerada, esquecéndose o propio sistema que é un sector de servizos que debe ocupar o lugar que lle corresponde. É un sector servizos que asiste con crédito ao sector real, que é o que realmente xera riqueza, para que poda medrar dun xeito estable. Ocorreu xusto o contrario. O sector real foi asaltado polo sistema financeiro. Só hai que ver o resultado dos beneficios das empresas financeiras, dos grandes bancos, e non só en USA. Houbo beneficios tamén en España no Banco de Santander ou o BBVA. Incrementos de máis do 30% cando unha empresa do metal, do sector naval xa lle gustaría ter eses incrementos dun 40 - 50 % dun ano para o outro. É o nunca visto. O sistema financeiro non pode seguir con esta traxectoria. Os axentes reguladores non cumpriron coa súa función. Os mercados non resolven todos os problemas. Pasou co mercado inmobiliario. Non se podía construír 1 millón de vivendas ao ano cando só se vendían 300.000. Construíase máis vivenda que en Francia, Alemaña e Inglaterra xuntas cando temos a metade da poboación alemá. Esta información non a procesou o mercado. Estaban orgullosos do que estaba pasando, medrábamos máis que ninguén cando nós levábamos dicindo dende hai cinco anos que se estaba medrando mal e que evidentemente destes ventos virían as treboadas... Era unha morte anunciada. A crise económica na que estamos vai ser moi dura, moi longa, duradeira, cunha moi forte subida das taxas de desemprego. Nos últimos meses quen non lembra dicir ao Ministro de Economía que España está mellor preparada...? Primeiro negar a evidencia que era algo que era obvio, que o proceso de crise se estaba a xerar e que todos os indicadores dicían que a crise estaba a amosar os seus dentes. Pero cando xa tiña os dentes fóra querían negar a evidencia de que estaba aí. Máis tarde mesmo chegouse a dicir, coido que cunha enorme irresponsabilidade, despois direi porqué, que España estaba moito mellor preparada que outras economías da UE para afrontar unha crise se é que chega. Eu quero dicir con toda rotundidade que isto é absolutamente falso. A economía española está moito peor situada, e os datos que manexamos do INE que calquera persoa ben informada e que calquera profesional da economía coñece, aparentemente todos menos o Ministro, coñecemos cal é a situación da produtividade da economía española. Eu sinceramente hai cousas que me custan traballo dixerir. Digo isto porque é unha enorme irresponsabilidade porque durante meses estivéronse dando mensaxes e eu creo que isto é o peor que se pode facer. Lanzáronse mensaxes que contradicían a propia realidade. A propia realidade estaba desmentindo o que os responsables da política económica estaban afirmando e isto é moi grave porque chega un momento en que se contan tantas non-verdades ou non se quere tratar a realidade coa seriedade axeitada que o día que se queira tratar e o día que si se acheguen cun tratamento moito máis rigoroso aos problemas económicos posiblemente os axentes económicos non os crean. Volveranlle as costas porque a credibilidade é moi baixa. Creo que é unha das cousas peores que se pode facer.

O goberno galego aduce que a nosa economía posúe características diferenciais que fan que os problemas sexan menores. Que opina?

Hai que ser un pouco máis comedido no que se di. En certa medida é certo pero é só en certa medida por unha sinxela razón. Se nós non dispoñemos do aparato económico dunha economía altamente desenvolvida tampouco vamos a sufrir as consecuencias tan graves que poden sufrir outros. As economías máis débiles, e a economía galega é unha economía que está a piques de saír de ser obxectivo 1, non é altamente desenvolvida pero se fóramos unha economía altamente desenvolvida posiblemente veriámonos afectados pola crise por un lado dunha maneira non tan aguda como outras porque as economías fortes dispoñen sempre de discursos que as débiles non teñen pero por outro lado tamén as economías fortes cando hai unha crise económica como a que está a chegar tamén sofren nas súas propias carnes porque eles están moito máis expostos á competencia internacional.

Que medidas habería que tomar para reconducir a situación?

Nós últimos anos como que se demonizou o gasto público. Tanto que mesmo responsables dalgúns partidos que se auto-denominan de esquerdas estaban tremendamente orgullosos de ter un superávit nas contas públicas. Cando todo o mundo sabe que realmente ese superávit era pan para hoxe e fame para mañá como estamos vendo. É un superávit que nuns meses desapareceu. Digo isto porque o propio plan de estabilidade e crecemento que non permite a ningunha economía dentro da área euro superar un déficit público por riba do 3%, cando os alemáns tiñan un 4,3% de déficit montouse un pequeno envurullo pero os alemáns o superaron. Se chega a ser a economía española... nin se lle houbese ocorrido chegar a ese 4,3%. Pero é que aquí estamos mesmo orgullosos de ter superávit. Digo isto porque haberá que reconsiderar o papel do gasto público como elemento anticíclico. Non se pode deixar ao mercado a resolución desta crise. A iso que algúns chaman, eu non sei con que criterio, "mecanismos automáticos". O papel do gasto público como elemento clave da política económica porque así non se pode seguir, non poden seguir dicindo que o mercado o soluciona todo. Xa o dixo Milton Friedman que el resolvía o problema do emprego en 24 horas. Como? Eliminando todo apoio social. Se as persoas que están en paro, dicía, reciben un subsidio de emprego está claro que non se resolvía. O que non ten subsidio de desemprego está obrigado a traballar polo salario que o que o contrata lle ofreza e que diga que non queda fóra. Evidentemente todo se reequilibra á baixa. Se o que queremos é iso, resolver o problema incrementando niveis de pobreza e de miseria entón si, pero eu coido que ese non é o camiño.
En segundo lugar neste país, polo enorme retraso que temos en gasto social é totalmente inadmisible que se diga que o gasto público non é un instrumento importante. Pero claro, gastar significa tamén que ten que haber ingreso por parte do sector público e todos sabemos que nos últimos anos en España, e sería o terceiro elemento, non se pode seguir cunha presión fiscal como a que temos onde aparentemente vía impostos indirectos son as rendas máis baixas as que están máis acosadas pola presión fiscal. A presión fiscal en España hoxe é 15 puntos máis baixa que a que hai nalgúns países do norte de Europa como Dinamarca ou Suecia. É totalmente inadmisible isto. A Seguridade Social, a asistencia sanitaria, os niveis educativos (o gasto é unha cousa e os niveis educativos outra)... hai que gastar pero gastar ben.
?A crise económica na que estamos vai ser moi dura, moi longa e duradeira ?
Comentarios (0) - Categoría: economía - Publicado o 16-11-2008 21:19
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0