boas e xenerosas


Unha escolma de artigos, entrevistas, estudos, novas, opinións, reportaxes... boas e xenerosas



GALEGO DE SEU(Web)


Colazo
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Autores galegos que escriben en galego fóra do país falan na Coruña
"A-fóra(s)": o idioma na distancia

Raida Rodríguez teatraliza os seus versos con Eva Méndez do Roxo e Carles-Lluís Pallarés na Sargadelos

V. OLIVEIRA . SANTIAGO


O galego é o punto de partida da súa escrita. "Eu vivo Galicia a través da miña lingua", apunta a poeta Raida Rodríguez, ourensá asentada en Barcelona, que onte inaugurou o ciclo "A-fóra(s)" celebrado na galería Sargadelos da Coruña, e que, por primeira vez, reúne a representantes da literatura galega contemporánea que viven fóra de Galicia. Acompañárona a tamén galega Eva Méndez do Roxo e o catalán Carles- Lluís Pallarés que fixeron unha "teatralización dinámica e interactiva" dos poemas que Raida Rodríguez aínda non publicou e que onte recitou por primeira vez en Galicia.

Gañadora do primeiro premio no XIX Certame Rosalía de Castro en 2005 que organiza a Asociación Cultural Galega de Cornellá, que leva o nome da poeta galega, Raida Rodríguez leu os seus versos "dramatizados" baixo a premisa de "Poesías sen poemas. Ningún lugar nos é común, ningunha posibilidade nos é allea". "A poesía dáche liberdade á hora de escribir: podes romper cos esquemas, coa sintaxe, e con ela podes facer reflexión", opina.

Dende que vive en Barcelona, os temas sobre os que escribe "son os mesmos, pero dende outra perspectiva", asegura a autora que ten colgados algúns dos seus versos no blog puntodefuga.blogaliza.org. A elección do galego como lingua literaria é algo "normal, é o meu idioma. Eu vivo Galicia a través da miña lingua. Intento situarme no meu contexto pero cunha voz un pouco innovadora", explica.

Segundo conta, "non existe moita interacción" entre os escritores galegos e cataláns. Normalmente, hai unha especie de "guettos", unha "barreira" que impide "que saias do círculo dos galegos", sinala. "Se publicas en galego, o normal é que edites en Galicia, aínda que Eva Méndez do Roxo tivese que publicar o seu primeiro libro en Portugal", apunta.



Das polémicas coa lingua "chégame moi pouca cousa"

Mesmo as polémicas que nos últimos tempos bombardearon a lingua, dende colectivos como Galicia Bilingüe ou o máis recente "Manifesto por unha Lingua Común" se ven de forma diferente dende Cataluña. "Chega moi pouca cousa. O papel dos medios de comunicación fai que sexa moi parcial, ou que só se oia unha das versións. De Galicia Bilingüe chegoume que non ten demasiado soporte social xa que non presenta unha situación real. En Cataluña pasa o mesmo co mesmo tipo de xente, pero parece que ultimamente se están radicalizando as posturas", conta.

Raida Rodríguez ten xa un proxecto para editar os seus versos. "Gustaríame probar con Estaleiro Editora porque teñen un xeito de traballar co que me identifico", asegura. "Non é fácil editar poesía e menos se non tes un nome", apunta. A súa forma de entender a poesía, "dende a liberdade" conecta tamén co seu gusto pola "experimentación coa lingua en función das diferentes necesidades expresivas".

Pola súa parte, a poeta Eva Méndez do Roxo, que acompañou a Raida Rodríguez no seu recital, tamén conta cun blog, doroxo.blogspot.com no que ten colgados os seus versos. Filla de emigrantes galegos en Barcelona, a escritora medrou entre a urbe catalá e unha pequena aldea dos Ancares lugueses chamada Tabillón. Unha editorial portuguesa, Incomunidade, acáballe de publicar un poemario escrito en galego, As sete idades. Ademais, Do Roxo emprega tres idiomas: o castelán para os relatos, o catalán, para os ensaios, e o galego, para escribir poemas.

PROGRAMA

Martín Veiga, Samuel Solleiro e Xavier Queipo tamén participan


O ciclo "A-fóra(s)" celebrarase os martes de xullo e agosto ás oito da tarde na galería Sargadelos da Coruña, dirixida por Claudio Pato dende marzo deste ano, en substitución de Yolanda Castaño.

O vindeiro 29 de xullo, tocaralle a quenda ao escritor noiés Martín Veiga que abordará o tema de "Poesía e periferia".

Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela, o poeta, profesor, tradutor e crítico literario narrará a súa propia experiencia "partindo de certas consideracións sobre Galicia como país periférico e máis da adopción interior pola miña banda dun universo outro".

Pola súa parte, Samuel Solleiro (Tui, 1982) abordará o 6 de agosto, baixo o título de "No mundo hai moitos anos", a relación da globalización co fenómeno da emigración galega. Entre outras dúbidas formularase "cal podería ser o papel das outras periferias na nosa escrita futura".

Pechará o ciclo o 12 de agosto o escritor compostelán Xavier Queipo quen, baixo o lema "Na procura de coordenadas", falará da "condición de animais terrestres, o noso lugar no espazo ou a nosa percepción do mundo".
Autores galegos que escriben en galego fóra do país falan na Coruña
Comentarios (1) - Categoría: literatura galega - Publicado o 23-07-2008 03:11
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 grac#blgtk08#ias
Comentario por canard bobballs en peluche (05-09-2013 11:06)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0