boas e xenerosas


Unha escolma de artigos, entrevistas, estudos, novas, opinións, reportaxes... boas e xenerosas



GALEGO DE SEU(Web)


Colazo
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Gonzalo de Vigo, o primeiro Robinsón
Naufragou no Pacífico no XVI

Eduardo Rolland . Dous séculos antes que o protagonista de Defoe, un galego foi o primeiro náufrago que sobreviviu no Pacífico. Gonzalo de Vigo foi descuberto por unha expedición de Elcano, que morrera dúas semanas antes.



5 de setembro de 1526: A nao Victoria achégase á illa de Guam, no arquipélago das Marianas, no corazón da Micronesia, na banda asiática do Océano Pacífico. A tripulación está desfeita pola sede e o escorbuto. Hai dúas semanas que morreu o seu capitán, Juan Sebastián Elcano. Están no punto máis afastado do globo que endexamais imaxinaran, nunha viaxe de exploración ordenada polo emperador Carlos V, só tres décadas despois de que Colón chegase a América.

A nao aproxímase á costa e, das augas de cor esmeralda, xorde un mar de canoas, cheas de aborixes espidos e ameazadores, dispostos á abordaxe. O escribán do buque, Andrés de Urdaneta, narra no seu diario a tensión do momento: Prefiren morrer a mans dos salvaxes que prolongar a súa agonía na nao Victoria.

De súpeto, nunha das canoas, xa arrimada ao barco, érguese un home melenudo, de aspecto terríbel. E fala: ?Bos días, señores, en boa hora vos vexo?. E segue a saudar: ?Bos días capitán, mestre e toda a súa boa compaña?. Os exploradores españois quedan abraiados: ?Eu son galego, vigués máis concretamente, e o meu nome é Gonzalo de Vigo?. A escena, vamos subliñalo, acontece no ano 1526, hai case cinco séculos.

Que facía un galego entre os aborixes da Micronesia nos albores da idade Moderna? Quen era este primeiro Robinson da historia europea? Para facer as presentacións, temos que volver dous anos atrás.

O 24 de xullo de 1525, no porto da Coruña vívese un grande balbordo. Sete naves, cunha tripulación de 450 homes, fanse á mar co obxectivo de alcanzar as illas Molucas, ricas en especias, e que tamén disputaba Portugal. A ruta farase polo de a pouco descuberto Estreito de Magallães, do que se teñen noticias desde 1521. Vai nesta nova escuadra Juan Sebastián Elcano, sobrevivente daquela primeira aventura.

A ruta depara nun desastre, aínda que se fixeron grandes descubertas xeográficas. A metade das embarcacións xa non chegaron nin ao Pacífico, e só a nao ?Victoria? alcanzaría as Molucas, despois da morte de Elcano e do almirante Loaísa.

É precisamente o buque insignia o que atopará na illa de Guam ao primeiro ?Robinson? da historia, un galego de Vigo.

O escribán Urdaneta narra as penalidades que obrigaron á Nao a baixar a terra nas illas Marianas: ?Era tanta a sede que tiñamos, que os máis de nós non nos podiamos menear, que afogabamos; e nisto recordei eu que quizais me remediaría cos meus propios ouriños e así o fixen; logo que bebín sete ou oito grolos deles, sentinme coma se tivese comido e bebido?.

Toda a nao ?Victoria? era morte, un día tras doutro. O 6 de agosto falecería Juan Sebastián Elcano. E a estampa que retrata Urdaneta é dramática: ?Toda a xente morreu de medrarlle as enxivas de tal xeito que non podían comer nada e tiñan unhas dores terríbeis; eu vin sacarlle a un home un dedo de carne das enxivas e, ao día seguinte, telas tan crecidas coma se non lle tivesen sacado nada?.

É así como se arriscan a baixar a terra en Guam, malia a tentativa de abordaxe dos aborixes, entre os que, de súpeto, ergueuse o galego. Así o narra Urdaneta: ?De entre aqueles indios, ergueuse un que comezou a saudar á moda de España; viña case espido, co cabelo chegándolle ás nádegas. Todos marabilláronse e dicíndolle que subise a bordo, non se atrevía el se non lle daban Seguro Real?.

A fórmula de ?Seguro Real? tiña que dala o capitán do barco e garantía a calquera que tería perdón para todo crime do pasado en caso de subir a unha embarcación militar. Aínda que pensaron que algo tiña que ocultar aquel home, déronlle o salvoconduto de inmediato, tal era a sorpresa xeral.
?En boa hora chegades, señor capitán, mestre e a compañía?, dixo o presunto aborixe ao chegar: ?Señores: Eu son un dos da Armada do capitán Magallaes; son galego, chámome Gonzalo de Vigo e coñezo moi ben a lingua destas illas?.

Urdaneta conta logo a historia do náufrago: ?Gonzalo de Vigo é natural de Vigo, que é en Galicia, foi de grumete con Magallaes, e é fillo de Rodrigo Álvarez e de Isabel Martínez?.

Un desertor

O vigués narrou que era fuxitivo da anterior expedición, na que decidiu desertar xunto con dous portugueses, ao ver canta xente estaba a morrer na nave ?Trinidad?, na que viaxaban. Así quedaron en Guam. ?Estando naquela illa ?prosegue o escribán? mataron os indios aos seus dous compañeiros, por certas tolerías que cometeron?. Gonzalo de Vigo quedou a vivir cos nativos e aprendeu a súa lingua e costumes.

O galego narroulle aos expedicionarios a vida nas illas: ?A illa é de regular altura, cumio raso e despoboado, porque os naturais viven canda o mar. Os indios son malos, e andan todos espidos, sen ter cousa algunha sobre si. Son ben dispostos, de cabelos longos e barba cumprida. Veneran aos seus mortos, de xeito que cando enterran a un home principal e ven que xa se consumiu, sacan os osos e os adoran. En cada vila hai un rei, e fan a guerra os uns aos outros. Non teñen instrumentos de ferro

As súas armas son tirafondas e paus. Comen froita, arroz, os moitos peixes que pescan e aceite de coco?.

As historias de Gonzalo de Vigo sonlle de grande utilidade aos expedicionarios. O náufrago media cos nativos para que intercambien froita e auga cos españois. En troques, reciben abelorios de cristal, que tamén cambian por algunhas pezas de ouro.

Pouco agradecidos coa hospitalidade de Guam, os españois marchan días despois. Antes, rouban os paxaros que os nativos tiñan en gaiolas, coma mascotas, e pápanos todos. ?Os da nao ?di Urdaneta? tomaron moitos pombos, que os tiñan os indios en gaiolas, e eles non os comían?. Para rematar a faena, colleron os últimos doce aborixes que estaban a comerciar a bordo antes de levar áncoras e secuestráronos ?para que lle desen á bomba [de achique], que no barco estaba a entrar moita auga?. Urdaneta aclara, finalmente, que ?o galego veu connosco, pola súa propia vontade?.

O galego fai de intérprete

Gonzalo de Vigo converteríase logo nun heroe cando chegaron ás Molucas. Alí comezou unha guerra cun pequeno destacamento portugués que defendía as illas. Cada bando aliouse con diferentes poboados e reis locais nunha guerra que durou case que un ano.

Urdaneta narra como o galego exerceu sempre como intérprete, e mesmo nunha ocasión chegou a ser tomado como refén por unha tribo. Cando estaban a piques de matalo cos seus machetes, ?Gonzalo pegoulles dous empurróns e saíu correndo, conseguindo chegar á chalupa, onde os seus compañeiros o esperaban. Os indios, temendo as nosas armas, deixaron a persecución?.

Tras unha longa guerra, que durou un ano, os portugueses rendéronse e as Molucas quedaron baixo dominio español, cunha pequena dotación. Non sabemos se Gonzalo de Vigo quedou alí ou volveu a Europa coa nao Victoria. Urdaneta non volve nomealo e a súa vida non deixou máis pegadas.

Pero se fixo a viaxe de volta tivo poucas oportunidades de sobrevivir. Só 24 homes chegaron vivos á metrópole. Ao desembarcar, o rei Carlos V agradécelles o esforzo pero comunícalles que as Molucas teñen sido cedidas a Portugal, tras un arranxo económico. A loita foi para nada.

Os británicos, moi afeccionados ás historias de robinsóns, teñen a Gonzalo de Vigo como un personaxe moi aprezado. De feito, entra nunha categoría para a que o inglés ten unha palabra propia, intraducíbel: Castaway, que aquí se emprega polo xenérico ?náufrago?. Este galego está considerado por eles como o primeiro ?robinson? europeo no océano Pacífico.
Gonzalo de Vigo, o primeiro Robinsón
Comentarios (1) - Categoría: historia - Publicado o 22-07-2008 03:10
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 grac#blgtk08#ias
Comentario por mouton bobballs en peluche (05-09-2013 11:06)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0