boas e xenerosas


Unha escolma de artigos, entrevistas, estudos, novas, opinións, reportaxes... boas e xenerosas



GALEGO DE SEU(Web)


Colazo
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Paisaxe da lingua
Farruco Graña
11:45 19/05/2008

Prezado Antón:

Recollido ao carón do lume dunha vella lareira, e meditando sobre a desfeita urbanística sufrida polo país, decateime da súa relación co tratamento da lingua: a degradación da paisaxe e o desleixo no deseño das nosas vilas e cidades foron a par co descoido e abandono da nosa fala.


Alí onde había pedra puxemos cemento á vista. Onde as alturas respectaban a harmonía inzamos bloques de formigón feitos á présa e sen criterio. Se había unha ría con abundantes recursos naturais e paisaxísticos cubrímola de malos fumes e noxentos olores que van e veñen ao antollo dos ventos.

Tamén alí onde falabamos de coitelos puxemos ?cuchillos? e dabamos os ?buenos días?; e onde ofreciamos unha cadeira para sentaren os convidados pasamos a empregar ?sillas? para ?sentarse?. E non foramos por elas ao sobrado, senón que ?habíamos traído unas do piso?. Pouco a pouco, igual que o cemento gris e descontextualizado foi facéndose co contorno urbano e paisaxístico tamén un feixe de palabras, xiros lingüísticos e entoación alleas fóronse apropiando da nosa lingua. O uso abusivo do pronome enclítico antes do verbo ven ser algo así como o ladrillo á vista. Que haxa políticos, xentes da cultura, do mundo da empresa, en fin, persoas de relevancia social que estraguen a paisaxe da nosa sintaxe, da nosa fonética, do noso riquísimo vocabulario, non ten perdón. Oxalá a súa preocupación pola estética urbana derive tamén en preocupación polo uso coidado da nosa lingua.

Sabes ben, amigo Antón, que non sinto ningún receo, máis ben simpatía, cara á xente que comeza a falar en galego; aínda que se lle note a falta de soltura. Non hai que ser especialista para pórse a falar o noso idioma. Non é iso! Eu mesmo, lembra os nosos anos de instituto, sumeime ao carro do galego sendo un mociño. Ao principio, dábame reparo, algo de vergoña. O dos pronomes resultábame complicado; para o do vocabulario aproveitei o esforzo en Lingua Galega. A maneira de dicir as cousas foi cuestión de tempo, oído, atención e intención. Desde aquela sempre escoitei á miña avoa doutro xeito... ata que nos deixou. Pero, sabes?, fervíame o sangue cada vez que un veciño se metía comigo dicíndome aquilo de que "na Coruña, así, non te van escoitar!". (Que sabería el da Coruña, paspán do carallo!)

Doeume moito, a principios dos noventa, ver como un mozo de Corme foi eliminado nunhas probas selectivas para un posto de xornalista na TVG porque "tiña moito acento" e, para os examinadores, o periodismo era algo moi serio. Mesmo lle recomendaron presentarse ao castin de Mareas Vivas, que probabelmente alí tería éxito. Por suposto, todo iso cun adobío de pronomes mal colocados, reflexivos inexistentes, algún que outro tempo composto e, iso si, unha voz grave moi aséptica e de imposíbel identificación fonética.

Agora que tes responsabilidades políticas, amigo Antón, quero animarte a ti e a todos os teus compañeiros a que poñades tanto empeño no coidado da nosa paisaxe e das nosas vilas como no da nosa lingua. Tan importante é o patrimonio material como o inmaterial. E a mellor maneira de emprender ese labor é comezardes vós mesmos dando exemplo. Esforzádevos día a día na dignificación do seu uso. Que se note que vos doe. Hai moita ilusión posta no recambio vivido polo país. Non o defraudedes.
Despídese cunha aperta o teu amigo que o será sempre e que sempre che agradecerá o térelo animado a falar en galego.
Paisaxe da lingua
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 20-05-2008 00:03
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 grac#blgtk08#ias
Comentario por phoque bobballs en peluche (05-09-2013 10:57)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0