boas e xenerosas


Unha escolma de artigos, entrevistas, estudos, novas, opinións, reportaxes... boas e xenerosas



GALEGO DE SEU(Web)


Colazo
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Bibiano Fernández Osorio-Tafall
Osorio- Tafall
Salcedo 1902 - Cidade de México 1990
Municipalista e autonomista do máximo nivel durante a República española e alto funcionario das Nacións Unidas para o Terceiro Mundo

Ámbitos de ocupación:
Investigación / Científico
Político - Institucional

Destacado biólogo e profesor de Ciencias Naturais, político de longo percorrido e de fidelidade republicana inquebrantable, trala guerra civil exiliouse en México e desempeñou altos cargos de asesor e diplomático en organismos internacionais de tan alta responsabilidade como a FAO ou a ONU. Restablecida a democracia en España, como presidente que fora do Comité Central de Autonomía de Galicia en 1936, foille ofrecida a posibilidade de dirixir a implantación da autonomía galega, pero considerou que por estar tantos anos afastado de Galicia, pouca xente recordaba a súa pasada personalidade política, e que tal responsabilidade lle correspondía aos galegos que loitaran no interior contra a ditadura.

Bibiano Fernández Osorio -que máis tarde faría composto o seu segundo apelido engadíndolle Tafall, o segundo de seu pai, sobriño dos musicólogos da catedral de Santiago, Rafael e Santiago Tafall Abad- naceu en Salcedo (Pontevedra ) en 1902, sendo neto por vía paterna de Bibiano Fernández, editor e director do xornal monteirista de Santiago, La Gaceta de Galicia. Valéndose dun decreto do Ministerio de Instrución Pública que lle permitía ingresar antes de tempo aos alumnos ben preparados, rematou o bacharelato con brillantes notas aos 15 anos. Iniciou en Santiago os estudos de Farmacia, pero moi logo trasladouse a estudar Ciencias Naturais na Universidade de Madrid, onde se doutorou en 1925. Malia ter que sufrir o golpe de Estado de Primo de Rivera, en Madrid viviu na Residencia de Estudantes, que o puxo en contacto cos principios da Institución Libre de Enseñanza e da Junta para Ampliación de Estudos, que en 1932 o becou para ampliar estudos en Alemaña, onde estudou as máis renovadoras técnicas de selección e hibridación de sementes no Kartoffen Institute de Berlín.

Antes da bolsa, en 1927 establecérase de novo en Pontevedra, agora como catedrático de Agricultura no Instituto Xeral e Técnico de Pontevedra, do que tamén foi director, e desde 1930 a 1936 estivo vinculado á Misión Biolóxica de Galicia, institución da que desde 1934 foi secretario e na que, en colaboración con Cruz Gallástegui, estudou as enfermidades viróticas que afectan ao cultivo das patacas. Ademais da fitopatoloxía, Tafall tamén se ocupou da bioloxía mariña a través da Estación de Bioloxía Mariña de Marín, centro promovido polo naturista e arqueólogo Ramón Sobrino Buhigas, no que realizou diversas investigacións sobre fitoplancto, participou nas súas actividades e dirixiu algunhas excursións científicas que os alumnos facían polas costas portuguesas.

Coa chegada da República en 1931, Osorio-Tafall, home de confianza de Casares Quiroga e militante da ORGA e da súa sucedánea FRG, como lle expresaba Gallástegui en carta a López Suárez, ?debátese entre a política e a bioloxía. Temo que se decidirá pola política. ¡Síntoo polas patacas!?. Cumpriuse a premonición de don Cruz e Tafall inicia unha imparable carreira política: foi primeiro alcalde de Pontevedra na República, presidiu a Deputación e deputado nas Cortes Constituíntes de 1931 e da Fronte Popular en 1936. Como alcalde de Pontevedra participou na Asemblea de Municipios de toda Galicia que aprobou o Proxecto de Estatuto e presidiu o subseguinte Comité Central de Autonomía de Galicia encargado de organizar o plebiscito do Estatuto de xuño de 1936. Ao mesmo tempo, no goberno formado por Manuel Azaña en febreiro dese mesmo ano foi nomeado subsecretario de Traballo e Previsión Social. Ao ser elixido Azaña presidente da República e formar goberno Casares Quiroga foi designado subsecretario de Gobernación, cargo que continuou co goberno de José Giral.

Xa en plena guerra civil, ao ser substituído Giral por Largo Caballero,
Tafall abandonou os seus cargos oficiais polo que retomou a docencia como catedrático de Ciencias Naturais no Instituto Lope de Vega de Madrid e encargouse da dirección de Política, o diario de Izquierda Republicana, ata que en marzo de 1938 foi designado por Juan Negrín Comisario Xeral do Exército Popular. Ao finalizar a guerra Tafall refuxiouse en Francia, pero non se desentendeu das súas responsabilidades republicanas, senón que asumiu o cargo de secretario xeral do Servizo de Evacuación dos Refuxiados Españois (SERE), que se encargaba de organizar os traslado dos internados en campos de concentración a México, Chile e outros países.

Abandonou París cinco días antes da invasión xermánica e iniciou o camiño do exilio. Chegou a México, a súa segunda patria, en 1941. Foi nomeado profesor da Universidade Autónoma e do Instituto Politécnico Nacional e reanudou a actividade investigadora desde o Laboratorio de Hidrobioloxía e na Escola Nacional de Ciencias Biolóxicas de México, sendo aínda hoxe moi valorados, científica e socialmente, moitos dos seus estudos e propostas, como a de defensa do mar patrimonial de México.

En 1948, a etapa científica de Tafall en México deu paso a outra máis universalista ao entrar a formar parte do persoal civil da Organización de Nacións Unidas. A primeira actividade que lle tocou acometer foi económica como director rexional da Organización da Agricultura e Alimentación para o sector occidental de América latina, con residencia en Santiago de Chile. En 1956 representou o Programa de Asistencia Técnica da ONU, tamén en Chile. En 1959 foi trasladado co mesmo posto a Indonesia e en 1961 á República Árabe de Exipto. Xa con funcións máis diplomáticas ca técnicas, entre 1964 e 1967 estivo á fronte da operación da ONU no Congo con motivo da súa independencia e, nesta última data, foi designado Representante Especial do Secretario Xeral da ONU en Chipre. Como ideólogo do Terceiro Mundo, de todas estas actividades foi quedando testemuña escrita en numerosos traballos científicos ou informes oficiais dirixidos aos organismos para os que traballaba. En xuño de 1974 xubilouse voluntariamente con rango de subsecretario xeral como funcionario de Nacións Unidas e regresa a México para seguir vinculado a este alto organismo. Así, en 1976 Kurt Waldheim inauguraba en México o Centro de Estudos Económicos e Sociais do Terceiro Mundo e nomeou a Tafall director, así como membro do consello directivo da United Nations Training and Research Institute, UNITAR, proxecto entre o Centro e as Nacións Unidas.

En 1977, durante a transición democrática en España, o xefe do goberno, Adolfo Suárez, aconsellado por Jaime de Piniés, representante español nas Nacións Unidas, propúxolle a Tafall que, como no caso de Taradellas en Cataluña, presidise o tránsito da ditadura á democracia en Galicia. Despois de agradecerlle a invitación a súa contestación, segundo testemuño do seu propio fillo, foi esta: ?Cuando era muy joven y aún no estaba preparado fui llamado a importantes cargos de gobierno. Ahora con mi experiencia estaría preparado para asumir grandes responsabilidades. Pero después de cuarenta años fuera de mi patria no estoy legitimado para aceptarlos?. Sen embargo, outras testemuñas, como a de Díaz Pardo, amigo co que se carteou moitos anos, aseguran que de ser reclamado polas forzas políticas galegas, tería aceptado.

Despois de tantos anos de percorrer tantos mundos e de expresarse con competencia lingüística en inglés, francés, alemán, italiano e portugués e con coñecementos, aínda que non tan solventes, de ruso, indonesio, árabe e grego, nos últimos anos da súa vida Tafall viaxou a Galicia en catro ocasións e sempre se expresou en galego. En 1986 acudiu a Santiago de Compostela para intervir no 50 aniversario do Estatuto de Autonomía, en 1988 para recibir a Medalla de Ouro da Academia Galega das Ciencias, onde pronunciou a conferencia ?A preservación do ambiente humano? En 1989 estivo en dúas ocasións, unha en xuño para recibir la Medalla Castelao, e outra en outubro na que nun acto presidido polo presidente da Xunta, F. González Laxe, foi rehabilitalo como catedrático do Instituto de Pontevedra e pronunciou a lección inaugural do curso que versou sobre a obra dos españois en América Latina.

Por razóns de saúde, en 1990 non puido ser investido doutor Honoris Causa pola Universidade de Santiago. Ese mesmo ano o Padroado do Pedrón de Ouro concedeulle o Pedrón de Honra e representouno seu fillo, que no discurso de aceptación do premio dixo: ?Moi especialmente me encargou meu pai que lles manifestase que, xa que non puido ser galego na súa terra, da que o botaron fóra cando somente tiña 33 anos, tomou a decisión de ser galego en todas as partes do mundo onde traballase, dende Canadá até Patagonia e dende México até Indonesia?. Bibiano Fernández Osorio-Tafall, o funcionario de orixe española de maior rango das Nacións Unidas faleceu en agosto de 1990 en Cidade de México. Poucos días despois as súas cinzas foron inhumadas xunto ás dos seus pais no cemiterio pontevedrés de San Mauro.

Créditos da fotografía: Fondo Osorio Tafall do Museo de Pontevedra.

Autor/a da biobibliografía: Xosé Ramón Fandiño Veiga

Obra de Osorio- Tafall

?Algunos datos sobre Zoología económica del Mar de Cortés?, en Revista Mexicana de Historia Natural, decembro de 1943.

?El Mar de Cortés y la productividad fitoplanctónica de sus aguas?, en Anales de la Escuela Nacional de Biológicas, decembro de 1943.

?Observaciones sobre la fauna acuática de las cuevas de la región de Valles, San Luis de Potosí (México)? en Revista de la Sociedad Mexicana de Historia Natural, xuño de 1943.

?La expedición del M.N. Gracioso por aguas del extremo noroeste mexicano?, en Anales de la Escuela Nacional de Ciencias Biológicas, decembro de 1944.

?El destino marítimo de México?, en Revista de Economía, 1947.

?La isla de Cedros, Baja California?, en Boletín de la Sociedad Mexicana de Geografía y Estadística, 1948.

?Recursos marinos de México? en Política, xullo de 1949.
Osorio- Tafall
Comentarios (1) - Categoría: historia - Publicado o 10-04-2008 18:35
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 grac#blgtk08#ias
Comentario por lapin bobballs en peluche (05-09-2013 10:56)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0