boas e xenerosas


Unha escolma de artigos, entrevistas, estudos, novas, opinións, reportaxes... boas e xenerosas



GALEGO DE SEU(Web)


Colazo
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A lingua atopada
Autores nados fóra do país decidiron adoptar o galego como idioma de traballo
D. SALGADO / Ó. IGLESIAS 01/02/2008

O dicionario apón o termo alófono ás "persoas que escriben nunha lingua diferente da súa". Entre Alfonso X O Sabio, que empregou o galego para elaborar as Cantigas de Santa María, e Erín Moure, a poeta canadense que se goreceu de George W. Bush na lingua da Galiza, os escritores que adoptaron o idioma de Castelao para trazar a súa obra exceden o nivel da anécdota. E malia a que o caso máis célebre, os Seis poemas galegos (1935) de Federico García Lorca, aínda é obxecto de debate entre estudiosos, o arxentino Eduardo Bosco, morto en 1942, a alemá Úrsula Heinze, as estadounidenses Anne Marie Morris e Katheleen March ou o inglés John Rutherford constitúen exemplos de autores inscritos por elección na literatura galega.

Erín Moure: "Quería fuxir do inglés de Bush"

O seu apelido pode levar a conclusións erradas. A canadense Erín Moure perdeu os vencellos coa terra do seu bisavó no ano da Primavera dos Pobos, 1848. "O meu bisavó marchou de Galiza en 1848", explica, "pero a familia do meu pai xa perdeu todo o contacto con cousas galegas". Nunha encrucillada de raíces -"ucraína, polaca, irlandesa e francesa"-, en Calgary, naceu Moure.

"Entrei en contacto con Galiza en 1994, cando viñen acompañada de meu pai para buscar a aldea do seu avó, preto de Crecente". Pero o traxecto que afasta a súa primeira viaxe ao país da publicación de Teatriños ou aturuxos calados (2007) na editorial Galaxia parou nunha estación chave no congreso de estudos poscoloniais da Universidade de Vigo en 1998. "Naquel encontro tamén houbo recitais de poesía", lembra, "e aproveitei para mercar varios libros de poemas de autores galegos".

O traballo poético de Erín Moure asóciase, decote, coa denominada language poetry norteamericana. O carácter multilingüe da escritora canadense contribúe a que nos seus libros se estabeleza unha reflexión constante arredor dos consensos lingüísticos e contra a transparencia da linguaxe. "Entre 2001 e 2002 pasei unhas semanas en Botos e Merza [nos concellos de Lalín e Vila de Cruces, respectivamente] e, nesa época, comecei a escribir en galego, nese tempo non quería escribir en inglés". Moure reaccionaba "contra o idioma de George W. Bush e contra os discursos parvos mentireiros sobre o terrorismmo".

Daqueles días de furia, nos que se comezaba a perfilar a invasión de Iraq, naceu Teatriños... "Os poemas en galego de Botos / Merza foron o xérmolo do libro", relata, "aos que engadín outro feixe de textos posteriores escritos en inglés". A escritora e tradutora viguesa María Reimóndez verteu eses textos ao galego e o volume foi presentado en Santiago de Compostela a finais do pasado novembro. Unha edición previa distribúese en Canadá, Little Theaters.

"Aprendín galego para non sentirme estraña en Galicia", argumentaba Moure hai uns meses, e contaba a súa experiencia cos idiomas na cidade onde reside, Montreal: "Vivo nun lugar onde o francés é o idioma nacional, mais o francés é o segundo; iso sen ter en conta que vivo nun barrio portugués". Erín Moure puxo na rúa canadense, tamén en 2007, o poemario titulado en galego O Cadoiro. Traduciu ao inglés Charenton, de Chus Pato e prepara a versión de Hordas de escritura, tamén de Pato e que está a piques de saír en galego, así como poemas de María do Cebreiro

Justo González Beramendi "Viñen a Galiza por César Portela"

O unanimemente recoñecido como libro fundamental sobre a historia do nacionalismo galego, De provincia a nación. Historia do galeguismo político, publicado por Edicións Xerais en 2007, apareceu da man dun historiador nado en Madrid e que non arribou na Galiza até os 33 anos. Justo González Beramendi recolle, nas 1.200 páxinas de De provincia..., máis de tres décadas de investigación sobre as etapas históricas da reivindicación nacional galega. "Realmente, a miña dedicación a estudar o nacionalismo resultou froito do azar", confesa. "Cando rematei a miña segunda carreira, Historia [Beramendi completara antes Enxeñería Industrial] e tiña que escoller tema para a tese de licenciatura, Xosé Ramón Barreiro propúxome Vicente Risco, e aí comezou todo". Titulouse Vicente Risco no nacionalismo galego, saíu en libro contra 1981, e supuxo o seu primeiro escrito en galego.

Pero antes, Justo Beramendi se xuntara coa colonia galega de Barcelona. "Eu escapaba da policía política de Madrid e marchei para Cataluña", rememora, "e coñecín a xente como Xavier Costa Clavell ou Basilio Losada". Beramendi militaba daquela na "extrema esquerda". Ese foi o primeiro vencello con Galiza dun profesor que remataría, uns anos logo, entre os cadros políticos sobranceiros do Partido Socialista Galego de Xosé Manuel Beiras.

A emigración de Justo Beramendi a Galiza tivo, finalmente, razóns "profesionais". O Colexio de Arquitectos de Galicia en Santiago de Compostela, na etapa final da ditadura un fervedoiro de oposición ao franquismo, ofreceulle unha saída laboral. "A través do arquitecto César Portela pedíronme que me fixese cargo da xerencia da comisión de cultura do colexio e aceptei". Nese ambiente, Beramendi comezou a frecuentar a órbita do PSG, no que se integrou apenas un tempo despois de setembro de 1974, cando se instalara no país. Portela, Daniel Pino e, finalmente Xosé Manuel Beiras, provocaron o achegamento do autor de De provincia... ao nacionalismo galego. "Aos seis meses xa tatexaba unha palabras en galego", afirma.

Dende entón, Justo González Beramendi escribiu miles de páxinas en galego. "Sigo a escribir en castelán, por suposto, pero, efectivamente, levo moito escrito en galego". Beramendi non só afondou como poucos historiadores no tránsito que fixo evoluír o provincialismo até o actual nacionalismo, senón que se implicou na fundación da revista trimestral de pensamento crítico A Trabe de Ouro, en 1990 so a dirección de Xosé Luís Méndez Ferrín, e na de Tempos Novos, o magacín mensual que encabeza o xornalista Luís Álvarez Pousa. Edicións críticas de clásicos do nacionalismo ou páxinas teóricas sobre historiografía na Galiza fan parte do seu labor.

Marilar Aleixandre "Estreeime cun libro de ciencias"

No palmarés de Marilar Aleixandre figuran os principais premios do campo literario galego. En todos os xéneros: o Xerais de Novela, o Esquío e o Caixanova de poesía ou o da Crítica de Galicia. Porén, Aleixandre naceu en Madrid, de pai andaluz e nai valenciana, e non trasladou a Galiza até que, no curso 1973-1974, aprobou a oposición de instituto. "Coñecía Vigo e tiña amigos aquí, así que me decidín axiña pola cidade".

Apenas chegada ao noroeste peninsular, Aleixandre comezou a aprender o idioma. "Asistía a clases de galego con Franciso Carballo [crego nacionalista e historiador] na agrupación que logo mudou en Asociación de Veciños do Calvario", indica. A escritora, bióloga de carreira e daquela profesora de ciencias naturais, recoñece que a súa "inmersión lingüística" foi facilitada pola familia López Facal. "É a miña familia política, galeguista, na que todos falan galego e un bo galego, ademais". Ao ano e medio, as clases de Aleixandre eran en galego.

Mais a carreira literaria de Marilar Aleixandre tardou en despegar. O seu primeiro libro, A formiga coxa, apareceu en 1988. "Pero é que me estreei en galego nun libro de texto que autoeditamos un grupo de profesores en 1981", relata, "e que conformou o primeiro material en galego sobre ciencias".

"Na universidade, en Madrid, xa lera Longa noite de pedra e algún outro libro en galego, e eu cheguei co chip de aprender galego posto; en cada lugar hai que aprender a lingua de alí". Marilar Aleixandre revisa arestora unha novela que publicará Galaxia, de título provisional O ovo da avispa. e xunta relatos n'O coitelo en novembro.

Carlos Álvarez-Ossorio: "Alguns feitos son inexplicables fóra"

Cámara Negra, constituída en Sevilla hai 12 anos, é compañía teatral galega desde 2004. Ese ano chegou a Santiago, "por amor", Carlos Álvarez-Ossorio, que xa tivo tempo de contrastar "algúns feitos da cultura galega que semellan inexplicables desde fóra".

O director, autor e actor sevillano, que investigou no sitio os métodos para economizar escena de Odin Teatret ou da Berliner Ensemble, chegou a tempo para vivir as sensacións da xente do teatro tras o cambio político. Ás diferenzas entre Galiza e Andalucía, canto á política de cesión de espazos, puido afacerse a colleito. "Tiña o contacto da xente da Sala Yago

[xestionada antes do peche por Teatro do Noroeste], que me recibiu cos brazos abertos". A finais de 2005 estreou A casa do pai, en coprodución coa compañía dirixida por Eduardo Alonso e Noescafé Teatro, logo premiada co galardón da Asociación de Directores de Escena de España e co Max ao mellor autor en galego. Este mes levan ao Teatro Ensalle de Vigo En la soledad de los campos de algodón, unha das últimas reflexións de Koltès sobre violencia e desexo.

Mais a reviravolta de Cámara Negra no ano que comeza ha chegar coa estrea, 12 e 13 de marzo no Principal compostelán, de Brand, un texto da época transcendental de Ibsen. "Nunca se representou en castelán e nós ímola facer en galego", conta o director e tradutor da obra. "Penso que tiña que ser así", explica, "hai un certo universo simbólico que xungue o nórdico e o galego que lembra por exemplo as Comedias bárbaras de Valle-Inclán, desde os coros de esmolantes aos personaxes animalizados". Afeito a montar fóra, Álvarez-Ossorio foi acollido en Compostela sen susceptibilidades. "No rural pásoo peor, pero os meus amigos galegofalantes esfórzanse, e eu ás veces tamén intento falar en galego". Os primeiros avances a través da cultura do país exprésaos con humildade. "Vou aos poucos", di. Interésanlle Cunqueiro, "quizais máis como poeta", e dos vivos a carpintería teatral de Xulio Lago ou o sentido do humor e o tratamento dos clásicos de Manuel Lourenzo, para quen imparte clases de monólogo en Casa Hamlet. Non valora, en xeral, o rumbo do teatro galego, aínda que apreza nalgunhas obras "un certo medo á tesoira".

James Salter: "En Vigo sentíame inspirado por todo"

"Si, desgraciadamente tamén son James Salter", ironiza o escocés, que só comparte esa identidade co célebre escritor norteamericano. "O meu é menos realista é máis metafórico na mestura entre soños e realidade", di, "o modernismo e o que veu despois non me interesan demasiado, prefiro ler as novelas policíacas de Wilkie Collins e, en xeral, calquera grande novela do XIX".

Salter aínda non sabe se manterá a alofonía, pero si ten claro que o seu debú, os oito relatos que conforman A idade da auga (Xerais), tiña que ser en galego, "unha lingua máis literaria có castelán no sentido musical". Licenciado en Lingua e Literatura Inglesas, decidiu a tempo que non quería tripar o camiño académico do pai. Tras un malentendido laboral en Barcelona, coñeceu a Península e acabou en Porto. "Aí foi cando descubrín Galiza, e en 1991 fiquei en Vigo dando clase en academias de inglés. Alí coñecín á xente que traballaba arredor do galego". En Vigo estivo oito anos. "Sempre escribín en Escocia, pero alí non estaba moi inspirado... En Vigo sentíame inspirado por todo, incluso por demais. Quizais a de Vigo sexa unha mestura única: o mar, a cercanía con Portugal, a tradición pesqueira e a emigración, todo a carón do Vigo máis moderno".

Fisterra urbana, o relato matriz do libro, é un "estado emocional". "O que conto vivino", afirma. "Nalgúns momentos estrema coa loucura, pero é que a literatura non é un xogo, a súa base debe ser a experiencia vivida". O autor escocés pensou para o seu San Fernando (trasunto de Vigo) unha historia "como de amor cortés" sen fortalezas. Pasado e presente recréanse a través de construtores, fillas de construtores, arquitectos ou buceadores profesionais. Non se guía por autores, sinala, "senón por libros puntuais". "Interésame Manuel Rivas, sobre todo os primeiros libros, como me interesa A confissão de Lúcio [a novela de Sá-Carneiro]. Lina pensando que estaba escrita en galego".

Radicado en Madrid desde 1998, a súa casa en Vila Nova da Cerveira aínda o mantén preto de Galiza.

Craig Patterson: "A grande vantaxe é o pluralismo"

Entrou a estudar Hispánicas en Birmingham en 1992, baixo a tutela de David McKenzie, daquela titular do Centro de Estudos Galegos. En 1995 chegou a Santiago e decatouse de que o caso galego sería un bo punto de partida para unha carreira académica.

"Hai moito por escribir sobre identidade galega", lembra Craig Patterson, actualmente responsable do Departamento de Filoloxía Española e Galega en Cardiff (Gales). A tese sobre Otero que defendera en 2002, A identidade cultural galega nas obras de Ramón Otero Pedrayo, dirixida por Rutherford, saíu en inglés en 2006 (Mellen Books). Mentres agarda por unha versión galega traballa na tradución inglesa de Sempre en Galiza.

Patterson analizou en artigos como Da lámpada severa á escuridade mollada. O diálogo diferencialista entre Nós e o 98 (Anuario de Estudos Literarios, 2004), a través de Arredor de si, o diálogo trazado polo ourensán con marcas do 98 como Camino de perfección (Baroja) e La voluntad (Martínez Ruiz). A Spengler lérono os pais fundadores aquí e alén do Padornelo. "Todos beberon nas mesmas fontes, pero era previsible que aos galegos lles molestasen as decisións centrípetas por decreto", resume. O inglés reinterpretou a defensa da "cultura asoballada", pola parte galega, para explicar a falta de curiosidade mutua e a invisibilidade global da Xeración Nós no debate fundacional sobre a idea de España. "Unamuno desenvolvíase nun sistema sólido", sintetiza. Sobre a "complexa" identidade galega actual, fala dunha certa "caixa de Pandora, con fontes tan positivas coma o emigrante en Castelao, e algunhas parvadas étnicas que hai que dimensionar na súa época". "Galiza ten que reflexionar con frialdade sobre o seu legado para ir pulindo unha nova identidade, desde longo inclusiva. Ese pluralismo é a grande vantaxe en termos de construción identitaria".

Para remarcar a importancia da autoestima cita un recente artigo de Mark Abley en The Guardian. O analista fala da importancia de sentirse parte dunha cultura poderosa para evitar desquencias: "O exemplo clásico é o abraiante renacer do hebreo hai un século no que logo sería Israel. Actualmente vascos e cataláns, galeses e maoríes poñen en práctica unha fe similar".
A lingua atopada
Comentarios (2) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 10-02-2008 20:31
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
2 Comentario(s)
1 Algúns tiñan que aprender dos estranxei#blgtk08#ros...
Moi interesante o artigo!
Comentario por aNuskinha (10-02-2008 22:30)
2 grac#blgtk08#ias
Comentario por dragon manga toybox en peluche (05-09-2013 10:34)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0