boas e xenerosas


Unha escolma de artigos, entrevistas, estudos, novas, opinións, reportaxes... boas e xenerosas



GALEGO DE SEU(Web)


Colazo
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Justo Beramendi: ?Murguía era o único que conceptualmente viu en Galicia unha nación?
28.01.2008
POR MANUEL VIDAL VILLAVERDE

Justo Beramendi González (Madrid, 1941) é catedrático de Historia Contemporánea da USC, da que foi vicerreitor (1990-1994). Cofundador do Museo do Pobo Galego e actual presidente da Xunta Reitora. Participou da creación das revistas Negaciones (Madrid, 1977), A Trabe de Ouro (Santiago, 1990) e Tempos Novos (Santiago 1997). Especializado na historia das ideoloxías e dos nacionalismos publicou numeros libros e artigos de investigación, entre os que cabe salientar Nacionalismos y regionalismos en la España de la Restauración (1983) e Vicente Risco no nacionalismo galego (1981). Recentemente publicou cecais a súa grande obra: De Provincia a Nación. Historia do galeguismo político, un exhaustivo volume de máis 1200 páxinas, obra na que traballou durante vinte e cinco anos.


Beramendi, teño diante de min o libro de máis de 1000 páxinas, por suposto da túa autoría; como non! Estou a falar De Provincia a Nación. Historia do galeguismo político. É realmente impresionante. Aínda non ando perdido nestas páxinas. Pasei da metade xa, e non é ningunha heroicidade. Ben, aínda que ti aclaras na introdución que non é máis que un poxigo ou pórtico, deixas moitas searas abertas para outros historiadores que queiran mergullarse no teu traballo?

Ningunha investigación histórica é definitiva, por moi ben feita que estea. Porén, na miña cómpre distinguirmos dous tipos de aspectos. Os do primeiro tipo son obxecto dun tratamento en profundidade e bastante exhaustivo, polo que no futuro os resultados poderán cambiar algún detalle pero non o fundamental. Estes aspectos son: a análise das ideoloxías galeguistas e nacionalistas dende o principio ata 1960 aproximadamente, a caracterización das bases sociais do provincialismo, o rexionalismo e o nacionalismo entre 1840 e 1936, a natureza e acción das súas organizacións e a relación destas coas restantes forzas políticas e coa sociedade galega no mesmo período. Os do segundo tipo, que si son susceptibles de ampliación e mellora no futuro, son basicamente dous: as biografías dos principais líderes e ideólogos (posto que estes no libro son contemplados en función da súa participación no movemento e non en si mesmos) e sobre todo o estudo do nacionalismo que xorde nos anos sesenta do século XX e chega a hoxe, do que se ofrece só unha primeira achega.



Outrosi: Como definirías ti, logo disto, a historia de Galicia, ou Galiza. Quero dicir que non entras, a propósito deste teu libro, en precedentes máis antigos, cal é o caso doutros historiadores, condicionados ou non pola súa militancia política (ideolóxica). Algunhas destas "premisas" inflúe na túa visión, na túa análise?

Aquí hai cando menos tres cuestións mesturadas. Primeira: a definición da historia de Galicia, definición que, tal como está formulada, só pode ser de índole metafísica, ou mellor, metahistórica. Na escritura da historia "de Galicia" caben dúas posturas de partida: imaxinar que "Galicia" é dende o principio dos tempos humanos unha sorte de "persoa" colectiva que no decurso do tempo vai desenvolvendo a súa personalidade predeterminada, igual que un embrión pasa a feto, o feto a neno, o neno a xove, e o xove a adulto; ou ben entender que "Galicia" é un territorio ben delimitado dentro do cal se suceden diferentes poboacións e tipos de sociedade (economía, política e cultura incluídas) que son as que hai que describir e explicar tanto na súa dinámica interna como nas súas relacións coas sociedades do contorno. Eu, naturalmente, estou pola segunda opción como todos os historiadores profesionais dos nosos días. A segunda cuestión, vinculada coa anterior pero diferente, é a dos posibles precedentes do galeguismo ou do nacionalismo en épocas anteriores ós seculos XIX e XX. Aquí é preciso distinguir entre a conciencia de ser etnicamente diferentes e un posible patriotismo conexo que son fenómenos moi antigos na historia da Humanidade, por un lado, e o nacionalismo polo outro. Este último implica necesariamente considerar a propia nación un suxeito lexítimo de soberanía. E tal idea e tal reivindicación nacen coas revolucións liberais a partir de finais do século XVIII, polo que é imposible que existan antes. A terceira cuestión é a das influencias ideolóxicas sobre os historiadores. Estas sempre existen. Pero a diferenza entre un historiador propiamente dito e un propagandista disfrazado de historiador está en que o primeiro sitúa conscientemente os obxectivos da descrición fiel do acontecido e a explicación racional e concordante cos feitos por riba das súas filias e fobias, mentres que o segundo non só fai o contrario senón que considera que facelo é unha virtude e unha obriga.



Ideoloxicamente falando, para nos entender, eu creo, xenerosamente preguntando, que a dereita e mesmo a esquerda deturpada falsean a historia, establecendo o apócrifo como verdade irresoluta, cando a Historia é en verdade outra cousa ben distinta do que lemos duns e máis dos outros. Cal é pois, Justo, a túa opinión?

No que atinxe aos que escriben historia, xa está contestado. Verbo dos que usan e abusan da historia con fins extrahistoriográficos (políticos, publicistas, etc), a deturpación maior ou menor das visións do pasado é un vicio xeral, pois tanto na dereita como na esquerda o que interesa é a procura do poder. Se a "verdade" histórica serve a ese fin, será respectada. Se non, será ignorada ou reinventada.



As bases ou alicerces menos utópicos do nacionalismo xa están en Rosalía antes que en Murguía? Ou polo contrario xa Añón, ou Curros, ou Vicetto, ou mesmo Manuel Antonio, Valle, e outras contrariedades, albiscan un fenómeno máis alá do romantismo provincialista ou "regionalista" prototipo Brañas?

Perdoa pero coido que esta pregunta é demasiado confusa. Non se pode mesturar a precursores provincialistas como Añón, Vicetto ou Rosalía con rexionalistas como Curros e Brañas e con nacionalistas como Manuel Antonio. Respondendo ó que creo é o cerne da pregunta, direi que antes do 1916-1918 o único que afirma conceptualmente que Galicia é unha nación é Manuel Murguía. Todos os demais seguen asumindo que Galicia forma parte da nación española, se ben desexan unha España descentralizada na que Galicia teña unha maior ou menor cota de autogoberno.



Os xermolos de moitas ideoloxías nacen antes de ser recoñecidos como tales?

Sempre. Unha ideoloxía nunca aparece feita e dereita da noite á mañá. A súa xestación é un proceso máis ou menos longo no que ademais herda algúns compoñentes doutras ideoloxías previas.



Pódese ser marxista-leninista, internacionalista sen deixar de reivindicar o independentismo?

Por suposto. Non hai que confundir o internacionalismo co cosmopolitismo. En todo caso, o dereito das nacións á autodeterminación (e mesmo á separación) foi incorporado antes da Grande Guerra polo propio Lenin ó programa do Partido Bolxevique, aplicado polo goberno soviético nos primeiros momentos da revolución (aínda que non despois) e exportado logo ó programa da III Internacional.



Para que serviu o nacionalismo /galeguismo unicamente cultural que reivindicaba a liña de Vicente Risco ou esoutro quebracabezas do piñeirismo?

Dende 1981 veño refutando, polo que se ve inutilmente, a falacia de que a liña de Risco é a dun "nacionalismo cultural". Risco, con todos os seus defectos e "traizóns" posteriores, foi o teórico maior do nacente nacionalismo galego nos anos vinte e como tal reivindicaba para Galicia unha "autonomía integral" que en realidade era unha Galicia confederada coas outras nacións ibéricas. Ademais a expresión "nacionalismo cultural" é intrinsecamente contraditoria. Todo nacionalismo, por riba das diferenzas tácticas ou de método de acción, é necesariamente político, pois ou se reivindica o dereito de autodeterminación (que non ten por que equivaler á separación) para a nación propia ou non hai nacionalismo. Poderá haber "galeguismo cultural" pero non nacionalismo. E ninguén pode negar, cos datos reais na man, que Risco foi un nacionalista galego, e moi radical no seu nacionalismo, ata 1936. Outra cousa é Piñeiro e o piñeirismo, que deixoude ser nacionalista contra 1950 para apuntarse a un labor de "galeguización" de todas as futuras forzas políticas democráticas da Galicia posFranco. ¿Serviu para algo esta estratexia? Coido que tivo unha consecuencia negativa e outras positiva. A consecuencia negativa maior foi impedir a reactivación do Partido Galeguista no tardofranquismo que, de producirse, cambiaría de abondo a natureza da transición en Galicia e o mapa político galego posterior. A positiva foi contribuír a que persoas e grupos de referente nacional español, mesmo algúns ex franquistas como Antonio Rosón, reivindicacións históricas do nacionalismo galego, nomeadamente a autonomía e a cooficialidade do galego.



Que é o mais importante para ti de Galicia?

A súa existencia mesma.



Sénteste e pensas como galego?

Nin eu nin ninguén sente e pensa "como galego" en todas as cuestións e circunstancias da súa vida. Para que tal cousa acontecese tería quer ser realidade o mito da "alma nacional", pero non o é. Nas túas relacións sexuais e afectivas, sintes e pensas como persoa cunhas determinadas inclinacións e un carácter individual, no que tanto dá que sexas galego como chinés. No seo da familia, es fillo, pai, irmán, etc, non galego. Se contemplas a situación da xente na África subsahariana, sentes e pensas como membro da Humanidade. Agora ben, hai cousas en que si tes que posicionarte como galego, ou non: na realidade, nos problemas e nas expectativas dos habitantes de Galicia e moi en especial nas súas relacións con outras comunidade e co Estado. Neses aspecto si sinto e penso como galego.



O clima pode condicionar a actitude do individuo?

Depende do individuo e depende do clima. Pero se preguntas se existe unha especie de determinismo climático sobre os pobos, rotundamente non.



Cal é a definición que farías a propósito do tempo?

Agás para os físicos, o tempo é unha desas percepcións fundamentais que cres saber o que é até que che pidan que o definas.



Existen de verdade os poetas ou a poesía?

Tan de verdade como existen os días e as noites.



Cal é o seu sentir co idioma?

Que cada quen ten dereito a usar pública e privadamente a súa lingua nai en toda circunstancia. E que cantos máis idiomas coñezamos, mellor.



Levas moito tempo agardando a Godot?

A estas alturas da vida o que realmente agardas é que se demore moito o único Godot posible.
Justo Beramendi: ?Murguía era o único que conceptualmente viu en Galicia unha nación?
Comentarios (1) - Categoría: nacionalismo galego - Publicado o 31-01-2008 22:13
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 grac#blgtk08#ias
Comentario por monstre coussin ours en peluche (05-09-2013 10:21)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0