boas e xenerosas


Unha escolma de artigos, entrevistas, estudos, novas, opinións, reportaxes... boas e xenerosas



GALEGO DE SEU(Web)


Colazo
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O día que se berrou 'A nosa terra é nosa'
30 ANOS DAS MANIFESTACIÓNS AUTONOMISTAS

O proceso que levou na Transición á construción da nosa autonomía estivo cheo de frustracións. Pero houbo dous días, os 4 de nadal de 1977 e de 1979, nos que centos de milleiros de galegos saíron á rúa
Marcos S. Pérez - 13:15 05/12/2007

O 4 de nadal de 1977 as rúas galegas espertaron contendo o alento. Convócaranse para ese día manifestacións en todo o país, reivindicando a concesión a Galiza dun réxime de autonomía, de preautonomía, semellante ao que xa conqueriran Cataluña ou Euskadi. Aí estaba o exemplo dos cataláns, que o 11 de setembro reuniran a millón e medio de persoas nas rúas de Barcelona; o goberno de UCD non tivera máis remedio que acelerar o seu proceso autonómico. En Galiza as cousas eran distintas: UCD recibira ao redor do sesenta por cento dos votos nas eleccións xerais de xuño e as forzas nacionalistas obtiveran uns resultados mínimos. Algúns dos deputados centristas, como Meilán Gil ou Rivas Fontán, tamén pugnaban por un réxime preautonómico (que dirixirían eles, claro), pero esa presión chocaba coa falta de atención que o goberno español emprestaba a Galiza.

As manifestacións comezaron a convocarse en outubro, con lemas como Pra que non sigan decidindo por nós. Pra que a nosa terra escomence a ser nosa. Por unha autonomía que poda solucionar realmente os nosos problemas e o apoio de catorce forzas políticas, dende UCD até a extrema esquerda, e a de varias forzas nacionalistas, coma o POG de Camilo Nogueira ou o PSG que fora liderado por Xosé Manuel Beiras nas eleccións. Pero non foi a única mobilización daquela fin de semana. As Comisións Labregas, situadas no entorno da UPG, reuniron a milleiros de tractores e máis de cen mil labregos os días 3 e 4 nunha das meirandes tractoradas da historia, paralizando as vilas e estradas da zona rural do país.

Medio millón de persoas nas rúas
A participación prevista (calculábanse ao redor de cen mil persoas en todo o país) foron superadas con claridade: máis de 300 mil persoas en Vigo, unhas cen mil na Coruña, milleiros nas demais cidades. En total preto de medio millón de galegos saíron ás rúas. A reacción da prensa galega foi unánime. Por exemplo, La Voz titulaba a cinco columnas "O domingo, Galiza pediu na rúa a súa autonomía" e o Faro de Vigo dedicáballe unha ducia de páxinas encabezadas polo titular "Testemuño unánime de Galiza pola autonomía".

Tamén entre os intelectuais e líderes políticos, como Paz Andrade, quen sinalaba que "Isto ten que influír nas negociacións co goberno", así coma as de Víctor Moro: "Clara vontade autonomista do pobo", Carlos Barros: "Salto histórico na conciencia nacional de Galicia" ou Blanco Amor: "Os líderes están de máis cando a moitedume se convirte en protagonista". Para Ceferino Díaz, o masivo éxito das manifestacións "respondía a algo que estaba no ambiente, pero non había tanta ansia de autonomía; o que pasou foi que UCD era a forza maioritaria e estaba entre as forzas convocantes. A sorte foi que iso transmitiu que unha maioría dos galegos demandaba a autonomía". Mentres, Camilo Nogueira salienta que "naquel momento estábase enxergando a Constitución de 1978 e as manifestacións do 4 de nadal foron determinantes para que se recoñecese a Galiza como nacionalidade histórica, á par de Catalunya e Euskadi".

Outro 4 de nadal, en 1979
Dous anos despois, o 4 de Nadal de 1979, os galegos volveron saír á rúa reclamando o autogoberno. Foi en protesta polo chamado Estatuto da aldraxe. As direccións madrileñas de UCD e PSOE, encabezadas por Abril Martorell e Alfonso Guerra, decidiron recurtar as competencias previstas no Estatuto aprobado en Compostela en xuño coa unanimidade dos deputados galegos (en realidade, o Estatuto que chegou a Madrid era xa unha versión recurtada do chamado Estatuto dos 16, apoiado mesmo por algúns partidos nacionalistas, como POG ou PG, e de extrema esquerda, coma o PTG).

O obxectivo de UCD e PSOE era construír un Estado das Autonomías de dúas velocidades, no que Galiza (onde UCD era maioritaria) e Andalucía (onde mandaba o PSOE) exercerían de tope, de límite máximo para as restantes autonomías. O caso galego era paradigmático: ao igual que Cataluña e Euskadi aprobara o seu Estatuto antes da guerra, e ao igual que as dúas nacións estaba recoñecida pola Disposición Transitoria Segunda da Constitución como nacionalidade histórica. Así e todo sería a primeira das rexións.

A presión xornalística e cidadá permitiulles aos deputados galegos do PSOE a defender a súa posición contraria aos recurtes, e finalmente o Estatuto proposto foi aprobado unicamente cos votos favorables de UCD e o rexeitamento de PSOE e PCE. O texto foi considerado unha aldraxe, unha palabra que se fixo moi popular naquela semana. Ao día seguinte da súa aprobación (que tivo lugar ás oito da mañá) ao redor de 50 mil persoas saíron ás rúas galegas de xeito case espontáneo, no que se denominou (así o titulou La Voz de Galicia a cinco columnas) "xornada en defensa da dignidade nacional de Galicia", unha xornada de loita na que tamén a prensa galega (nomeadamente El Ideal Gallego) fixo unha defensa da autonomía galega, respondendo sobre todo a certos artigos publicados na prensa madrileña, encabezada por El País. Conta Ceferino Díaz que "viñamos de Madrid, desfeitos fisica e animicamente, e ao chegar aquí atopámonos cunha manifestación espontánea que nos alegrou moito".

Dez días despois, o 4 de Nadal, xusto dous anos despois das grandes mobilizacións de 1977, de novo a sociedade galega mobilizouse en defensa do seu autogoberno, xuntándose entre cen e dúascentas mil persoas en contra da aldraxe. Foi outro 4 de nadal. Alí estaban PSOE, PCE, POG, PSG, MCG e PG, mais non UCD nin as forzas nacional-populares. A este respecto, Camilo Nogueira (dirixente do POG en 1979) salienta que "os que defendiamos este camiño non defendiamos unha autonomía máis débil, senón que tiñamos outra visión estratéxica" e conclúe "outra xente tivo que ir recompoñendo a súa visión nos anos seguintes". Pola súa banda, Ceferino Díaz di que o que botou de menos foi que as manifestacións non continuasen ao longo de 1980, pois "só cando a UCD tivo unha organización galega e uns interlocutores válidos, non dependentes de Madrid, puidose desbloquear o Estatuto". Con todo, Díaz sentencia: "Conseguiu chegarse aos Pactos do Hostal por algo, por mobilizacións coma as do 4 de nadal".
O día que se berrou 'A nosa terra é nosa'
Comentarios (1) - Categoría: historia - Publicado o 05-12-2007 17:30
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 grac#blgtk08#ias
Comentario por calmar vicieux en peluche (05-09-2013 10:16)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0