boas e xenerosas


Unha escolma de artigos, entrevistas, estudos, novas, opinións, reportaxes... boas e xenerosas



GALEGO DE SEU(Web)


Colazo
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A Igrexa galega tamén empregaba o galego antes dos Reis Católicos
Cal Pardo desvela unha parte fundamental da historia galega

A Diocese de Mondoñedo-Ferrol saca á luz o Tumbo Pechado da Catedral

Enrique Cal Pardo, un dos grandes medievalistas de Galicia e deán da catedral mindoniense, acaba de sacar á luz unha parte fundamental da historia do país. O coengo e historiador, autor de obras monumentais como o seu Episcopoloxía Mindoniense, vén de publicar, nun volume impreso pola Deputación de Lugo, a documentación -na súa maior parte correspondente aos séculos XIV e XV- conservada no Tumbo Pechado da Catedral de Mondoñedo. Unha colección de documentos excepcional a todos os efectos, xa que permite comprender, a través de fontes ata agora inéditas, a realidade da Igrexa galega no solpor do Medievo.

Non é este que agora se edita, tras un labor de transcrición que durou longos anos, aquel Tumbo de la Dignidad Episcopal de Mondoñedo que frecuentemente mencionaron tanto Villaamil y Savedra como o Padre Flórez; o primeiro, nas súas Memorias Históricas de la Santa Iglesia de Mondoñedo , publicadas en 1763, e o segundo na súa España Sagrada , que viu a luz en 1789. Non, non o é... E o propio Cal Pardo así o advirte no texto introdutorio do volume recén saído, ao tempo que recorda que, por desgraza, aqueloutro tumbo segue nun paradoiro totalmente descoñecido. Este é un tumbo -termo co que tradicionalente se denominan os vellos libros de pergamiño nos que as grandes institucións, maiormente eclesiásticas, copiaban e custodiaban os seus privilexios- ben distinto: o da propia basílica. A denominación de Tumbo Pechado obedece ao feito de que o volume, que o cabido catedralicio gardou século tras século como o tesouro que era e que é, estaba dotado dun cerre do que aínda se conservan vestixios sobre as súas cubertas. A maior parte dos documentos que contén o libro están escritos en lingua galega, se ben hai nel tamén transcricións de textos latinos, e no caso dos documentos máis recentes se observa a crecente presenza do castelán na linguaxe administrativa.

Características técnicas

O Tumbo Pechado da Catedral consta de 250 folios de pergamiño, de 34,5 centímetros de alto por 24,5 de ancho. Nalgunhas épocas foi coñecido tamén como o Libro de las Tablas Rojas , ben fose pola cor das súas capas ou pola rechamante luminosidade das súas letras capitulares, da mesma tonalidade vermella. Entre os documentos que contén hai desde desde textos relativos á Coroa ata escritos da mitra e constitucións sinodais. Pero a parte fundamental fai alusión a testamentos, doazóns e privilexios, que en último termo son os que, como impagables fontes para o coñecemento da intrahistoria, permiten achegarse máis en profundidade ao funcionamento da igrexa mindoniense cando a Idade Media tocaba ao seu fin.

E permite o Tumbo Pechado, ademais, documentar con exactitude os nomes e dignidades dos compoñentes dos que integraron o cabido catedralicio en moi diferentes momentos, e saber, ademais, cómo trascorrían os días daqueles fidalgos da Igrexa arredor da catedral dunha das máis antigas dioceses europeas.
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 03-12-2007 21:50
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 grac#blgtk08#ias
Comentario por coussin monstre taureau en peluche (05-09-2013 10:18)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0