boas e xenerosas


Unha escolma de artigos, entrevistas, estudos, novas, opinións, reportaxes... boas e xenerosas



GALEGO DE SEU(Web)


Colazo
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Carta á aldea
Xoán Vázquez Sanlés
Mércores, 28 de marzo do 2007

Camiñar polas corredoiras que van gabeando as aldeas incrustadas na faldra da montaña, subirse a un dos mil outeiros que a acompañan, onde para soñar só abonde con abri-los ollos e mirar de fronte a esa inmensidade que se esvaece na infindade do horizonte. Envorca-la alma sopre a parroquia, e deixar que esta decida cando regresala ó outeiro e a corredoira, comungar ca xente e coa historia; non a dos libros feitos por outros que estercaban ás escolas, a que quedou labrada nas pedras polos ferros das rodas, a mesma do asubiar dos eixes; a nosa. Quen nunca tal experiencia tiver, non sabe o que é unha aldea. E, a risco de incorrer na insolencia, quen no saiba o que unha aldea, pouco sabe da nosa terra.

Difícil é, nos días que corren, manter como referente da mesma esencia á parroquia, que no seu significado máis puro e máis noso significa aldea. Xuño é a miña. Foi ?é -, a aldea, garda fonte e adega das esperanzas máis perennes, as máis recorrentes, as máis enxebres, para tantas e tantas xeracións. Para algúns de nós, lugar predilecto para agachar un poema, un lamento, e aínda ?con perdón - unha oración.

Na aldea, de seu, todo xurde e nace na normalidade natural do espontáneo, ó artesán abrigo das antergas sabedorías que configuran unha vida moito máis grande cós anacos de cada día, cós preceptos de cada lei..., cós artigos de cada autonomía. É alí onde a palabra país significa o de aquí, o do lugar..., o da terra; onde o mundo somos nós.

É na aldea onde as voces se oen e distinguen, unha por unha, e os ruídos pacientemente aceptan os seus turnos na constante das harmonías. Amáinanse as voces dos veciños para darlle augue ás dos grilos, mesturan estes o seu canto co marmullo dos ríos, o asubío do vento coa chamada de retirada que o corvo grita alá arriba, séntense escachar as piñas que ceiban ós piñóns aspirantes de semente, vixiados polo inquedo ollar do esquío que lle auguran outros destinos, namentres a lagarteira segue na súa parsimonia, e a noitebra, paseniñamente, no axexar da fuxida da derradeira luz do día, agardando o seu momento de sumarse á sinfonía. Pero é na primavera cando a aldea máis se pronuncia e máis se afirma. Aínda non chegaron os turistas de verán; aínda os taberneiros saúdan e falan coa espontánea fachendosa gallardía de toda a vida; aínda no pasar de cada coche se adiviña compañía. Aínda son todos os que están. É aí, na primavera, onde tódalas comparanzas andan fuxidas, cando a alma da aldea amosa a súa indiferencia a tódalas outras maneiras de entende-la vida. Ese lugar no mundo, na conciencia e no espírito, para min chamase O Zapatal, na parroquia de Santa Mariña de Xuño, nas inmanentes ladeiras do Barbanza.

É na primavera cando as lembranzas agroman e florecen, adubadas por novas e frescas perspectivas. Nesa primavera que aquí, en Nova Jersey, a diferencia da Galicia barbanzá abrazada por dúas rías, acostuma chegar un pouco tarde; non sendo súa a culpa de tal tardía. Á terra cústalle desprenderse das últimas neves, mesmo, non se pode falar de derradeiras ata xa chegado o abril. Pero a primavera, o que vir, ven, aí están os narcisos. Vinlle as súas cabeciñas verdes furando na neve, agardando polo preciso momento de transformarse en megáfonos amarelos para anunciala con alegría. Sempre atopei fiables a estes senlleiros mensaxeiros desafiantes dos xélidos febreiros. Aí, en Xuño, xa floreceron as cerdeiras, ameixeiras e claudieiras, os pexegueiros vanlle detrás, e á carreira súmanselle as pereiras e as maceiras de Santa Mariña, repinaldos e tabardillas. Xa o centeo se prepara para espigar. Córrelle présa. É a primeira das colleitas do ano, única da primavera. Apañase a finais de maio (nos primeiros de xuño os máis tardíos), ceibando as terras para as milleiras do restrebo e así sacarlle dúas colleitas. As patacas, de cedo, nos lugares menos proclives a se anegar polas derradeiras chuvias invernais, xa amosan seu verdear, e nos outros máis húmidos lugares, axiña as han sementar. Xa desovaron as troitas nas nutridas augas transparentes do enxebre río Sieira. Abre a veda. Os troiteiros preparan as canas, vimbias as dos que máis saben. A miña, que foi das máis informadas, esquecida de tanto esperar, resignouse e ha descansar. Non hai mellor lugar para soñar ca unha cana río arriba, enxergando as ladeiras de xestas recen floridas, onde en efluvios de mil cores as flores se fan poesía, escoitar o marmullo das fontes na plenitude da súa sinfonía, ó abrigo das carballeiras, onde a rula e mailo merlo acochan os seus niños e a creación debulla as dúbidas na milagre das xermoliños que medran afanosos para abrigar ós pío píos. Todo é fresco todo é flor todo é novo e todo é vida na primavera barbanzá, ata as algas mariñeiras espertan da marusía para sumarse ó florear. Todo, agás a melancolía. Pero á melancolía, sobria e madura nai das emocións máis validas, séntelle ben ir de vello.

Xa ves como nunca fuches esquecida. E pensar, querida parroquia, aldea miña, que aínda hai quen se atreve a dicirme que a min, aí, xa non me queda nada a que ir. Que pouco saben de min; mais, sen iso ser sorpresa, e mesmo culpa miña, si me asombra o pouco que saben de ti.


Xoán Vázquez Sanlés escrebe dende Newark, USA
Carta á aldea
Comentarios (1) - Categoría: autoodio/autoestima - Publicado o 08-11-2007 11:31
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 grac#blgtk08#ias
Comentario por koala podling en peluche (05-09-2013 09:57)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0