boas e xenerosas


Unha escolma de artigos, entrevistas, estudos, novas, opinións, reportaxes... boas e xenerosas



GALEGO DE SEU(Web)


Colazo
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Intervención de Carod-Rovira na presentación de 'Guía de Viños' no Centro Galego
[21/01/2007 21:16] Hai uns días presentábase no Centro Galego de Barcelona a Guía de viños, augardentes e bodegas de Galicia 2006-2007. Entre os persoeiros que interviñenon no acto estaban Eduardo Pardo Pereira, presidente de Sumillers Gallaecia, Luis Paadin e Xosé F. Lorenzo, coordinadores da Guía, José María Campos, xornalista, e o Vicepresident da Generalitat, Josep-Lluís Carod-Rovira. O político catalán mostrou na súa entrañábel intervención tanto os seus coñecementos de lingua galega, como xa fixera noutras ocasións, como o gusto polo viño e o augardente da terra. Podedes ler aquí o texto íntegro da intervención, cedida amabelmente por Carod-Rovira.


O feito de ter nas mans esta Guía de viños, augardentes e bodegas de Galicia 2006-2007 é a demostración tanxible da preocupación por parte dos membros das denominacións de orixe e dos expertos galegos en dar a coñecer o froito de moitas, moitísimas horas de duro traballo. Un traballo que comeza ulindo a terra, o vento, o sol, a chuvia e remata co tempo, nunha copa de viño. Unha copa de viño que ó saboreala nos conta todo o seu pasado, toda a súa historia, un caldo que nos invita a saborealo presente e a saborear o futuro.

Hoxe, en todo o mundo, fálase do concepto do valor engadido que representa a Denominación de Orixe dun produto. A orixe do viño é a orixe das xentes que o crearon e por tanto, teñen a mesma historia. Refírome á personalidade do viño. O viño fano as persoas y envellece con elas. Os caldos galegos teñen ineludiblemente a personalidade e o selo do pobo galego. Dende as Rías Baixas, pasando pola Ribeira Sacra e acabando en Ribeiro, o viño é galego, o viño fala galego. Esa é a diferenza que comporta o selo da denominación de orixe. A denominación de orixe das xentes ten moito que ver coa tradición, cos costumes, e coa cultura propia que se aplica no momento de entender o mundo dende un ángulo distinto, dende o diferente. Non é o mesmo degustar un Bordeos que un tinto de Valdeorras; o aroma a grosella, ou a mora do viño de Valdeorras é precisamente a diferenza, o valor engadido da súa denominación de orixe.

Cando a maior parte dos consumidores teñen que elixir qué viño escoller, debido á falta de información, nunha alta porcentaxe de casos, vanse ó seguro e escollen un Rioxa ou un viño francés, unhas D.O. sen ningunha dúbida de demostrado prestixio. Non todo o mundo coñece que existen viños tanto ou máis excelentes, como son os viños galegos, ou os cataláns. Caldos que comezan a sorprender nos circuítos internacionais do sector.

Temos que transmitir ós consumidores todos os valores que se teñen invertido en cada botella de viño. Soamente así conseguiremos plenamente que o ciclo que comeza nunha cepa e acaba no padal dos máis esixentes sexa un traballo ben feito. E precisamente o traballo é unha calidade sobradamente coñecida do pobo galego.

É agora o momento de destacalos puntos de encontro que temos para mellorar a nosa competividade e por suposto o incremento das exportacións dos nosos produtos.

Os galegos e os cataláns tivemos os mesmos mestres: foron os romanos quen nos ensinaron a facer viño, é lóxico pois que agora sigamos intercambiando experiencias entre os nosos pobos. Falo de impulsar convenios comerciais, convenios en investigación. A Facultade de Enoloxía de Tarragona (da Universidade Rovira i Virgili) foi a primeira do estado en impartir estudos especializados en enoloxía. Esta facultade actualmente ten acordos de intercambio con universidades de Bordeos ou A Rioxa. Por que non telos con Ourense? Temos ferramentas de traballo para compartir proxectos, como por exemplo os protocolos de cooperación en materia lingüística firmados este pasado ano.

Axudémonos a medrar. Xuntos podemos conseguir cambiar a tendencia na elección do consumidor. Os nosos viños deben ser referencia obrigada cando se fale de calidade.

A Guía de viños, augardentes e bodegas de Galicia 2006-2007, que hoxe presentamos, é sen dúbida un gran paso neste senso porque é un xesto de afirmación de calidade galega e de autoestima. Pero despois desta guía temos que dar outros pasos e seguir avanzando ata lograr que esa cultura popular do viño adopte as nosas D.O. como marcas fiables e de prestixio.

Se poñemos enriba da mesa tódalas ferramentas que hoxe temos dispoñibles, escoller, gozar, compartir e recomendar un viño galego, un viño catalán, será dentro de moi pouco, algo natural.

Finalmente, permítanme falar dun xeito mais persoal. Eu teño unha confesión para facer hoxe, entre vostedes. Na miña casa, despois de xantar, despois da cea, sempre teño un bo augardente. E con meus mellores amigos, a mellor compañía e un bo augardente. Galego, naturalmente.
Intervención de Carod-Rovira na presentación de 'Guía de Viños' no Centro Galego
Comentarios (1) - Categoría: somos unha potencia - Publicado o 07-11-2007 22:01
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 grac#blgtk08#ias
Comentario por papillon podling en peluche (05-09-2013 10:01)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0